QUEN SOMOS?
Un grupo de profesionais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, de diferentes niveis de ensino pensamos na conveniencia de crear un blog con materiais e recursos que nos axuden a traballar co noso alumnado o tema da educación para a igualdade de homes e mulleres.
Somos profesoras e profesores de educación infantil, primaria, secundaria e formación profesional e contamos coa colaboración dun inspector de educación da Consellería en Pontevedra.
Todas as persoas que formamos este grupo vimos desde hai anos tentando mellorar no noso entorno a convivencia dentro da comunidade educativa, impulsando a educación en valores e, nomeadamente, a educación para a igualdade de homes e mulleres.

QUE PRETENDEMOS?
Este espazo nace para contar os cambios que moitas e moitos estamos a aportar a un mundo en transformación, para detectar desigualdades e loitar contra elas co mellor dos medios que temos os e as ensinantes, a educación; e tendo en conta unha premisa clave: unha sociedade desenvolvida non pode funcionar se non permite idénticas oportunidades á metade da poboación.
Para que homes e mulleres teñamos os mesmos dereitos e as mesmas oportunidades é preciso educar para a igualdade de xeito temperán, desde o comezo da aprendizaxe na educación infantil, así como tamén é preciso involucrar ás nais e aos pais para que colaboren e reforcen esta aprendizaxe non discriminatoria nin sexista desde os primeiros momentos da educación das súas fillas e dos seus fillos.
Conscientes de que a preocupación por estes temas e o compromiso con esta práctica educativa non é a mesma en todos os centros de ensino, pretendemos achegar algunhas suxestións e algúns recursos que poidan ser levados á aula. Organizaremos estes materiais por etapas educativas: infantil, primaria e secundaria.
Finalmente, dicir que nos move o desexo de mellorar a convivencia nos nosos centros educativos porque avanzando na igualdade de homes e mulleres, estaremos a fomentar unhas relacións de paz e sen discriminacións.