Corresponsabilidade no CIFP A Xunqueira

Estándar

Para conmemorar o Día Intenacional da Muller, o  mércores 20 de marzo de 2013, o alumnado do CIFP A Xunqueira participou nos “Obradoiros de Corresponsabilidade” organizados pola Orientadora do centro, Cristina Iglesias Camiña, en coordinación co Dpto de Calidade e coa aprobación do Director, Rafael Núñez Portela.
O CIFP A Xunqueira é un Centro Integrado de Formación Profesional que comezou a súa andaina o curso pasado coas tres familias profesionais de sempre, Electrónica, Madeira e Mantemento de Vehículos e coa incorporación dunha nova familia profesional, Servizos Socioculturais e á Comunidade.
A través destes “Obradoiros de Corresponsabilidade” preténdese  potenciar o reparto igualitario de tarefas entre homes e mulleres, romper cos estereotipos de xénero, promover unha elección académica profesional non sexista e levar a cabo unha xornada de  convivencia do alumnado destas diferentes familias profesionais do centro.
Ao longo da xornada,  os rapaces realizaron tarefas tipificadas tradicionalmente como “femininas” que se aprenden nos ciclos de Educación Infantil e Atención a Persoas en Situación de Dependencia (cambio de cueiros, coser un botón, tomar a tensión, movilizar un enfermo, xogos e psicomotricidade,…)
Por  outra banda as alumnas destes ciclos aprenderon tarefas “masculinas”;  cambiar  neumáticos, comprobar os niveis de aceite, auga, anticonxelante,… nos ciclos de Automoción; serrar, taladrar, lixar, facer un marco, restaurar,… nos ciclos de Madeira e soldadura de placas, cableado, enchufes, antenas, desmontar ordenadores,…
Esta experiencia iniciouse o curso pasado co intercambio de visitas aos distintos talleres, entre as alumnas do 1º curso do Ciclo de Educación Infantil e os alumnos dos outros ciclos.
Asemade para traballar os temas de Igualdade entre homes e mulleres o centro organizou actividades para previr a violencia de xénero, como visionado de películas, charla sobre sexualidade impartida por Purificación Leal, da Asociación Galega de Sexoloxía, campaña do lazo branco e concienciación nas aulas polo profesorado implicado.
Grazas a participación e colaboración de alumnado e profesorado e o apoio da Dirección puideron levarse a cabo con éxito estes “Obradoiros de Corresponsabilidade” que nos animan a seguir traballando a prol da igualdade.

Os comentarios están pechados.