Proxecto “A MEMORIA DAS MULLERES”, convocado polo Concello de Pontevedra
“MEMORIAS DE MULLERES NA ESCOLA”
Neste programa participará alumnado de 1º e 2º curso dos grupos dos ciclos CM de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e CS Educación Infantil da familia profesional de “Servizos Socioculturais e á Comunidade” e os das familias de “Electricidade e Electrónica”, “Madeira, Moble e Cortiza” e “Mantemento de Vehículos”, así como os alumnos dos PCPIs de Electrónica, Mantemento de Vehículos e Carpintaría, do Centro Integrado de Formación Profesional “A Xunqueira”.
A modalidade do traballo centrarase nas Artes e oficios de mulleres pontevedresas e en Biografías de mulleres represaliadas no franquismo, se fora posible.
O título do traballo a realizar polo centro é “Memoria das mulleres vencelladas á Formación Profesional no CIFP A Xunqueira”.
Descrición do traballo que se vai realizar:
O traballo consistirá na investigación e recompilación de documentación sobre mulleres pontevedresas e de concellos limítrofes, xa que o alumnado do CIFP procede maioritariamente dos arredores de Pontevedra.
Os campos de traballo están contextualizados tendo en conta as ensinanzas que se imparten no CIFP A Xunqueira.
Os ámbitos de investigación serán os seguintes:
– Mulleres que realizaran oficios nos ámbitos profesionais da Electrónica, Automoción e Carpintaría.
– Mulleres traballadoras do Instituto de Formación Profesional A Xunqueira.
– Mulleres empresarias relacionadas cos sectores profesionais ofertados no centro.
– As primeiras mestras de Educación Infantil.
– Mulleres coidadoras de persoas maiores e dependentes.
A persoa coordinadora da actividade é a Orientadora do CIFP A Xunqueira, Cristina Iglesias Camiña.