O alumnado dos ciclos de réxime modular na modalidade presencial do CIFP A Xunqueira participaron nos obradoiros de corresponsabilidade organizados dende o Departamento de Información e Orientación Profesional.
Neste curso 2013-14 o intercambio realizouse entre o alumnado dos catro ciclos formativos ofertados en réxime de persoas adultas: Ciclo Medio de Instalación e amoblamento, Ciclo Medio de Atención a persoas en situación de dependencia, Ciclo Superior de Sistemas de telecomunicación e Informáticos e Ciclo Superior de Automoción.
A través dos obradoiros o alumnado ten ocasión de realizar actividades propias doutros ciclos, dirixidas polos seus compañeiros e compañeiras, de maneira que se favorece un maior coñecemento de cada un dos ciclos ofertados no CIFP e tamén se promove a convivencia.
A finalidade última dos mesmos é a reflexión sobre o reparto igualitario de tarefas entre homes e mulleres e sobre a necesidade de romper cos estereotipos de xénero, ademáis de promover unha elección académica profesional non sexista.
Nesta xornada o alumnado participante tivo ocasión de participar en catro talleres.
Na aula técnica do Ciclo Superior de Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos aprenderon a montar ou reparar un conector de antena para a TV.
No taller sanitario do Ciclo Medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia realizaron actividades de mobilización de persoas dependentes, técnicas básicas de primeiros auxilios e medicións de glucosa e presión arterial.
En Automoción o alumnado do ciclo superior amosou como levar a cabo unha revisión básica do automóbil: fluídos, pneumáticos, faros,…
No taller de Madeira, profesorado e alumnado do Ciclo Medio de Instalación e Amoblamento ensinaron ao alumnado dos demáis ciclos participantes a facer un botelleiro e un lapiceiro ben orixinais.
Nas seguintes imaxes pódese ver unha mostra das actividades realizadas