O CIFP A Xunqueira conmemora o Día internacional contra a violencia de xénero.
Como ven sendo habitual dende que A Xunqueira transformouse nun centro integrado de FP e coa nova incorporación da familia profesional “Servizos Socioculturais e á Comunidade”, o mércores, 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia contra as mulleres, o CIFP A Xunqueira non quiso deixar pasar desapercibida esta xornada.
E para conmemorar este día organizou dúas actividades encamiñadas á sensibilización e á concienciación contra a violencia de xénero e de educación na igualdade, tolerancia e convivencia.
Ás 10:30h, no Salón de actos, tivo lugar unha charla dirixida ao alumnado co título “A violencia de xénero dende unha perspectiva criminolóxica” a cargo de dúas relatoras e dun relator:
- Ana del Valle Couto. Licenciada en Dereito e Criminoloxía.
- María Penado Abilleira. Doutora en Psicoloxía Legal e Forense.
- Francisco Javier Quiroga Paredes. Xefe do Grupo de Delitos contra as Persoas e do Equipo Muller- Menor EMUME
A primeira parte da charla estivo centrada na conceptualización, orixe e modalidades da violencia de xénero, xunto coas causas e consecuencias da mesma. A continuación enfocouse a violencia de xénero entre a poboación adolescente, destacando indicadores que permitan a súa identificación. No remate da sesión, abordouse a actuación da Garda Civil no tratamento e investigación dos delitos por violencia de xénero.
A charla contou cunha ampla participación de alumnado e profesorado dos Ciclos Formativos de Servizos Socioculturais e á Comunidade e de Madeira, moble e cortiza.
A partires das 12:00 h, profesorado e alumnado dos Ciclos de Servizos Socioculturais e á Comunidade (CM de Atención a Persoas en Situación de Dependencia, CS de Educación Infantil e o novo CS de Integración Social) sairon do Centro e realizaron unha marcha a pé ata á Praza da Peregrina onde a través dun baile e de cartaces con lemas traballados previamente nas aulas, rexeitaron a violencia machista.

Alumnado do CS Educación Infantil na Praza da Peregrina