Entrevista a Mercedes Oliveira

Estándar

No seguinte enlace atópase a entrevista, publicada no apartado de Sociedade en “Sermos Galiza” do 18/08/16, realizada a Mercedes Oliveira co título

“A violencia machista só se pode resolver se a ves”

dupla-entrevista

Así mesmo transcribimos dita entrevista realizada por Olalla Rodil:

Mercedes Oliveira Malvar é catedrática de Filosofía no Instituto Alexandre Bóveda de Vigo. A súa tese doutoral intitulouse “A educación afectivo-sexual na adolescencia. Epistemoloxía e didáctica dunha proposta (1997)” e leva anos a traballar na prevención da violencia machista entre a mocidade e na co- educación. Con motivo dos últimos dados feitos públicos pola Xunta, conversamos con ela.

Mercedes Oliveira.jpg

Antes mesmo de comezar a entrevista, Mercedes Oliveira subliña a falta de “conciencia social” a respeito da violencia machista como “o miolo da cuestión”. “Ese é o principal problema”, acrecenta. Leva anos a traballar con distintos sectores da poboación, principalmente mocidade, na sensibilización, e prevención da violencia contra as mulleres. Unha consecuencia da “cultura do patriarcado” que impón roles, prexuízos e estereotipos a elas mais tamén a eles.

A que se debe esa falta de conciencia social?
O que creo é que está normalizada a desigualdade, a violencia contra as mulleres,
o amor romántico, tanto para elas como para eles, ou mesmo a sexualidade mal entendida. Esa normalización lévanos a non reparar, a velo como algo habitual. Nese contexto, cando unha persoa se detén a falar ou a denunciar [a violencia machista] é tratada como unha pesada ou unha feminazi, mentres que se se tratase de calquera outro movemento sería o contrario.

E a nivel político?

A nivel político aínda que hai iniciativas moi interesantes, acontece o mesmo, pois non existe unha demanda social nen interese real (senón que máis ben molesta) nen dá votos. Cando se creou un Ministerio [de Igualdade] ou unha Secretaría Xeral, vimos que non teñen orzamento nen capacidade para incidir noutras instancias. É como se dixésemos “hai que facer algo” porque aí están as asasinadas e as denuncias, mais realmente non se fai nada. Só queda ben dicir que se fai. Este problema [a violencia machista] que se vive intensamente nas relacións de parella, ten que pasar ao espazo público. Se non, non se vai resolver.

As cifras reflicten un repunte da violencia contra as mulleres entre as xeracións máis novas, a que se debe?
É unha cuestión multifactorial, non hai unha soa causa mais a transmisión da identidade
a homes e mulleres continúa a ser diferentes e non só iso, senón opostas. Como dicía
o filósofo francés Foucault, existe un complot que vai desde a familia, os medios, a escola, a moral, a relixión, as tradicións.. para estabelecer unha ditadura na que se somete os individuos como muller e como home. As nenas teñen que ser riquiñas desde crianzas, gostar a todo o mundo e hoxe de maneira, diría eu, máis heavy porque para gostar teñen que ter un engadido: ser sexys. A hipersexualización das nenas desde cativas é necesaria para estaren no mercado.

Que idea de amor se transmite?
A do amor eterno através do candado como símbolo. O primeiro que hai que facer é desbloquear o amor.

E os homes?

En paralelo, os homes viven ese complot do que falaba Foucault da man da masculinidade hexemónica. Ser fortes, estar sempre dispostos, seguros de si propios e sen medo. É outra tiranía a que viven eles forxando unha carauta coa que reprimen o plano emocional e sentimental, pois se o amosan son débiles. Esa masculinidade ten efectos secundarios até na saúde. A esperanza de vida dos homes é menor tamén por un impacto de xénero, porque a súa masculinidade está vencellada ao risco, son reticentes a ir ao médico, a facer tratamentos e sempre dependen doutra persoa, xeralmente a nai ou a esposa. Coidarse é moi pouco masculino. Temos que entender que o machismo os prexudica tamén a eles. Estamos a vivir dous mundos en paralelo que non se xuntan pois, malia ler, ver e escoitar as mesmas cousas, as mensaxes son diferentes para elas e para eles.

O feminismo está concibido como algo negativo?

Asóciase con algo molesto e isto é consecuencia da cultura patriarcal que se encarga de venderse a si propia e de desprestixiar todo aquilo que a fai abanear. Aínda así son optimista porque cando se traballa coa mocidade percíbense mudanzas brutais. Unha vez pos os lentes lilás non podes deixar de ver a desigualdade.

Non se está a educar en igualdade?

Levo moitos anos a traballar nisto e non se educa nada. Todos os anos fago un programa de educación emocional co meu alumnado que desenvolvo durante todo o curso e durante 30 anos preparei material didáctico para o profesorado, din charlas, e podo dicir que o profesorado non está formado. Isto, xunto coa presión do importante por parte das familias, torna todo moi difícil. Se tivésemos conciencia disto, de que é máis importanteW

para as nosas fillas e alumnas defenderse perante a violencia que as matemáticas, outro galo cantaría.

Que se debería facer?

Todo o que se está a facer
até o de agora é anecdótico, por exemplo, a asignatura de libre configuración que vén
de aprobar a Xunta en materia de xénero, son iniciativas de portada de xornal, pois en todas as titulacións vencelladas ao ensino, por exemplo, Maxisterio, Pedagoxía, non hai ningunha materia de igualdade.

Debería ser unha cuestión que estiver presente en todos os graos de formación, porque se non formamos o persoal en igualdade, é imposíbel. E que acontece
no xornalismo, na sanidade ou no sistema xudicial? Exactamente o mesmo. Fixen un traballo durante o goberno bipartito chamado “Estás pola solución?” composto por recursos didácticos para a abordaxe da violencia de xénero no ámbito sanitario. A violencia machista só se pode resolver se a ves e, para vela, hai que estar entrenado. No marco desde traballo, soubemos que 1 de cada 3 mulleres que agardan nunha consulta de Atención Primaria son maltratadas, mais non porque estean alí como tal, senón que presentan un cadro de síntomas derivado da situación de maltrato. Estrés, dor, contracturas, nervios… se o persoal sanitario non o ve, esas mulleres seguirán a ser maltratadas e debemos ter en conta que todas as mulleres, de todas as idades, pasan pola consulta.

Dados

Primeiro trimestre

A Secretaría Xeral de Igualdade deu conta das estatísticas relativas á violencia machista no primeiro trimestre do ano. No informe elaborado pola Xunta de Galiza recóllense as cifras de denuncias presentadas no noso país durante os tres primeiros meses de 2016, de acordo coa información publicada polo Consello Xeral do Poder Xudicial. Neste senso, rexistráronse 1.355 denuncias, o que supón 60 máis que no mesmo período do ano anterior. Por Audiencias Provinciais foron A Coruña (546) e Pontevedra (530) onde máis denuncias se presentaron fronte a Ourense (144) e Lugo (135).

Desde o goberno galego atribúen esta diferenza á cifra de poboación, maior no eixo Atlántico, porén, cómpre lembrar que a faixa interior do país fica deserta en moitos puntos de servizos como os Centros de Información para Mulleres (CIM). Así non existe ningún destes organismos nas comarcas da Fonsagrada, Ancares e Meira. Aliás, na comarca de Quiroga só hai un para un territorio que abrangue tres concellos (Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil) e 581 quilómetros cadrados. Tamén se incrementaron o número

de ordes de protección e de afastamento concretamente 81 máis que no ano anterior alcanzando as 420. No noso país, rexistrouse, de acordo coas cifras oficiais recoñecidas pola administración, un asasinato machista en 2016 o de Ana Gómez no mes de febreiro en Becerreá. Porén, mantense aberta a investigación a respeito do asasinato de Tatiana Vázquez en Lugo e o de Rosa R.R en Porto do Son.

AS CIFRAS DE 2016

28ASASINADAS. Das 28 mulleres asasinadas no Estado español por violencia machista en 2016, case a metade (12) presentaran denuncia

112 DENUNCIAS Á SEMANA. No primeiro trimestre de 2016 presentáronse na Galiza 1.355 denuncias por violencia machista, o que supón 451 ao mes e 112 á semana.

O MITO DAS DENUNCIAS FALSAS. Apenas o 0,4% das denuncias presentadas son, segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial, falsas.

MENOR PORCENTAXE DE CONDENAS. No primeiro trimestre de 2016 dos procesos xudiciais iniciados foron sobreseídos 960, a maior parte deles (820) “por non resultar xustificada a perpetración do delito”. Isto supón o 60,7% de taxa de sobreseímento (provisional), o que sitúa Galiza como o primeiro territorio do Estado español onde máis casos se fechan e o terceiro nos que menor é a porcentaxe de sentenzas condenatorias ( 7,8%)

Os comentarios están pechados.