Das que non se fala

Estándar

Novamente, o 1 de febreiro, o Diario Nos publica un artigo de Lola Varela. Pódese atopar entrando neste enlace Das que non se fala, ou lélo a continuación.

Das que non se fala

Entre as razóns que poden levar a unha muller a vender o seu corpo están, entre outras, a miseria extrema, a loita pola existencia na emigración ou a supervivencia fronte á represión política… Hoxe traemos pequenos anacos desas vidas acotío silenciadas e tentaremos partillar tristezas, inxustizas e moita dor.

Daquela emigrado en Cuba, Roberto Blanco Torres cóntanos nun duro artigo publicado no xornal pontevedrés El Progreso en xuño de 1916 e titulado La mujer española en Cuba, como vivían moitas desas mozas, galegas por certo, acabada de chegar da aldea á illa. Desamparadas, enganadas e menosprezadas, ían coa idea de traballar de criadas de servir ou coidar crianzas, pero remataban de vez nas mans de homes desalmados que as prostituían ou no leito dos seus señores e señoritos; logo, unha vez “deshonradas” xa eran carne de bordel. Segundo Blanco Torres, non había rúa na Habana que non tivera un “lupanar clandestino” e resultaba tan indigna esta situación (fala, mesmo, de pederastia), que o escritor clama para que España coide daquelas rapazas mediante as distintas institucións de beneficencia ou da colonia hispana radicada na illa. Que aquilo arrepiaba era un segredo a voces que ninguén quería recoñecer; porén, nese mesmo ano, a escritora asturiana residente en Cuba Eva Canel publicou na revista Asturias un texto co título La protección a la mujer. Hechos, no palabras, no que propuña se lle ofertaran a estas mulleres posibilidades de formación e de aprender un oficio (mecanografía, corte e confección…) que as liberara de exercer a prostitución como único recurso para sobrevivir.

A represión política sobre elas e as súas familias foi outra causa que levou a se prostituír a non poucas mulleres tras o verán do 36; velaí o caso de Aurelia, irmá do alcalde de Mugardos asasinado no inicio do golpe militar, o militante do PCE Juan Prieto Balsa. Outro irmán, Arturo, dirixente do Sindicato de Industria Pesquera (CNT) de Vigo, tamén fora fusilado en 1938, logo de estar preso en San Simón. Seica coa morte deste último a nai enfermou; outra irmá, María, emigrara a Cuba e alí tratouna Neira Vilas. A familia desfíxose e a única nova que temos de Aurelia é unha requisitoria do Juzgado de Partido de Tetuán publicada no Boletín Oficial de Ceuta o 25 de abril de 1940, no que se busca a Aurelia Prieto Balsa, veciña de Ceuta e de profesión “meretriz”. Segundo a descarnada prosa oficial, Aurelia tiña 24 anos, pálida faciana, cabelo louro e ollos cor de mel.

Noutras ocasións o compromiso social e político posibilitou o cambio de vida e a volta á dignidade de ser muller. Tal aconteceu con Basilisa Álvarez “A Corales”, carrexadora de peixe, pescantina e logo empacadora no Muro coruñés, onde desenvolveu un gran traballo na sociedade de oficio La Razón, integrada na CNT. Procedente do Rosal chegou á Coruña con 15 anos e foi “muller do trato” até case os 30; a partir de aquí o seu labor societario non cesa. Basilisa ocupará cargos de relevo no sindicato; despois, na guerra, a súa humilde vivenda das Atochas serviu de agocho para fuxidos, actuando na clandestinidade até a súa detención e condena a 20 anos de cadea en 1938. No cárcere sabemos que foi exemplo de afouteza e solidariedade coas demais presas; logo, perdemos a pista desta muller destemida e xenerosa.

A fame negra, a miseria vergoñenta (a nai, rameira de aldea) e a salvaxe violación sufrida aos 10 anos, que a deixou estéril, levou a Agustina (despois Carolina), filla de Carmen Otero “A Gurumela” a marchar mociña de Valga. Aproveitando o seu ollar sedutor e un corpo ben feitiño remontou as penurias da vida, cantando, bailando e traballando no Pombal de Compostela e nos “barrios” de Pontevedra, Lisboa e Barcelona até chegar a Parsi para, alí, se converter na “Belle Otero”, estrela do Folies Bergère. Amante de banqueiros, grandes empresarios, artistas famosos e homes de estado e da realeza de medio mundo, chegou a ser a cabalo dos séculos XIX e XX a muller máis cara do mundo: 10.000$ a noite.

Cómpre falar delas, das que nunca se fala.

Os comentarios están pechados.