Galicianas científicas

Estándar

Un proxecto do Club de Ciencia do IES Laxeiro de Lalín, creado no curso 2018-2019 con Marina Pardal Varela como Coordinadora para promocionar iniciativas STEM ( Ciencias, Tecnoloxías, Enxeñerías e Matemáticas).

O pasado curso 2019-2020 foi tamén un curso moi activo no Club de Ciencia, pois con motivo de celebrar o 150 aniversario da Táboa periódica, elaboraron baixo a coordinación da profesora de Física e Química Marta Elena Aguirre Fernández unha interesantísima Táboa periódica en 3D co alumnado de 2º ESO, exposta o 4 de novembro para celebrar o Día da Ciencia en Galego.

Podedes acceder ao Club de Ciencia neste enlace https://padlet.com/melenaaguirref/8qllh8fus2qu1z76

Esta mesma actividade da Táboa periódica levou a outra proposta relacionada coas Mulleres e a Ciencia, que estaba enmarcada dentro do programa “Proxecta” da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Baixo o nome de “Donas de si” o alumnado pescudou acerca de mulleres debruzadas na investigación científica e atoparon unha morea delas, pero o máis salientable e que se centraron en mulleres galegas. Atoparon 40 mulleres que mereceron un recoñecemento polo seus traballos e que non deben ser esquecidas. Son as Galicianas científicas.

Podedes acceder ás Galicianas científicas neste enlace https://padlet.com/melenaaguirref/oixi9w6zeydb5r49

É un orgullo poder difundir traballos coma este realizados por profesorado e alumnado dun centro público galego.

O noso agradecemento ás profesoras Concepción Villar Moure, coordinadora actual do Club de Ciencia e a Gracia Sanctorum, profesora de Galego e das materias de Igualdade, e membro tamén do Club de Ciencia.

Os comentarios están pechados.