María soliña, a canguesa acusada de bruxería e torturada pola Inquisición

Estándar

O próximo 8 de maio estréase no Auditorio de Cangas a primeira ópera-folk galega que narra a historia de María Soliña, unha muller canguesa que, con 70 anos, foi acusada de ser bruxa e despoxada de todos os seus bens por parte dos poderes eclesiásticos no século XVII.

Baseada no texto A defensa da vila. María Soliña (2017) do dramaturgo Xose Manuel Pazos, antigo alcalde de Cangas recén finado, o compositor Nacho Mañá escribe esta ópera María soliña. Ópera nun acto.

O libreto desta ópera leva un interesantísimo limiar escrito pola doutora en Filosofía e feminista, Chis Oliveira, titulado O medo á muller sen medo, onde reflexiona sobre a rebeldía e a forza daquelas mulleres acusadas de bruxas por ser sabias e querer ser libres nun mundo onde o poder estaba nas mans dos homes e o control da sociedade baixo a Inquisición; pero tráenos tamén ao noso presente para lembrarnos que a “caza de bruxas” continúa cando as mulleres resultan molestas ou se opoñen aos poderes.

Aquí tedes reproducido este texto

Falar de María Soliña é falar de bruxas. María foi vítima dunha conspiración organizada pola Inquisición e os nobres para apropiarse dos seus bens e dos seus dereitos. O móbil foi arrebatarlle a súa riqueza, pero precisábase unha xustificación e topárona na bruxería. Baseáronse nos seus paseos nocturnos pola praia, onde o seu home e o seu irmán morreran loitando contra os turcos. O mar levara os corpos e María rezaba no areal para que o mar devolvese os cadáveres e poder darlles sepultura. Aproveitáronse da superstición creada pola propia igrexa católica de que as saídas nocturnas das mulleres só podían estar motivadas polas relacións co diaño para danzar e ter actos sexuais con el.

María, con setenta anos, foi capturada e torturada en Santiago, xunto a outras oito mulleres. Non a queimaron, pero foi condenada a levar por seis meses o “sambenito”, o hábito de penitente que a marcaba como bruxa proscrita. E xa non sabemos máis dela, pero mantívose na memoria colectiva, converténdose no símbolo do sufrimento do pobo de Cangas, aínda que cunha imaxe deformada como bruxa ou tola.

No imaxinario colectivo creado polo patriarcado, as bruxas son mulleres sen esposo, cheas de maldade, feas e vellas. Os seus poderes máxicos proceden do diaño e son para facer o mal. Aínda hoxe na linguaxe común chamarlle bruxa a unha muller é un insulto cargado de desprezo porque é sinónimo de arteira e amargada.

Basta remexer un pouco na historia para decatármonos de que a máis intensa persecución e queima de bruxas en Europa non foi na Idade Media, senón que tivo lugar nos séculos XVI e XVII. Nese tempo multiplicáronse os procesos, as condenas e as fogueiras. Implantouse unha política de control social que empregaba o terror, alentando a delación das sospeitosas por parte da veciñanza que constituía unha rede de espionaxe. A violencia institucionalizada contra as mulleres tiña un carácter exemplarizante: “Matar algunhas para asustar a todas.”

Houbo centos de miles de mulleres torturadas e queimadas vivas nas prazas públicas. Foi o maior feminicidio na historia da humanidade. Sorprendentemente, con moi pouco interese para os historiadores. Tanta violencia non foi unicamente individual, foi sistémica e estrutural.

Silvia Federici afirma que ten que ver co paso do feudalismo ao modelo capitalista mercantil. Empregaron a violencia para adestralas en soportar a presión sobre os seus corpos e para que fixeran o traballo de balde sen protestar. As vítimas foron mulleres soas, que tiñan coñecemento da medicina tradicional, solteiras ou viúvas, mulleres sabias que non estaban ao servizo de ningún home. Estas mulleres non resultaban útiles ao novo sistema que se albiscaba, e, por riba, daban mal exemplo e resultaban subversivas para a nova orde social. A ignorancia presidía a vida cotiá; e daquela, a maxia, a bruxería e todo o sobrenatural, que non controlaba a relixión, era considerado unha ameaza para o poder.

O sistema capitalista, precisaba ir domesticando aos homes para que se sometesen ao traballo nas fábricas e paralelamente deberíase someter ás mulleres para que os obedecesen e fixesen todo o traballo nas casas. As transgresoras foron vítimas de “cacerías de bruxas”. A mensaxe inculcaba nos homes o medo ao poder das mulleres, afondando na división entre os sexos.

Hoxe dende o feminismo sabemos que as bruxas foron mulleres con “poderes” froito da súa intelixencia e coñecementos. Mulleres non domesticadas, sabias e independentes, parteiras, curandeiras e, nalgúns casos, visionarias ou  xamanas. Mulleres valentes que transmitían os seus saberes de xeración en xeración

Non so neses afastados tempos, tamén agora temos diante unha caza de bruxas neste mundo globalizado. É un fenómeno moi pouco coñecido; na India, Brasil, Bolivia e en moitos países de África como no Congo, Zambia, Nixeria, Quenia, Gana…hai mulleres que chaman bruxas. Retéñenas e mátanas por seren as que teñen o poder no mundo agrario, porque estorban cando hai interese polos territorios para apropiarse dos recursos.

A persecución tamén a vemos hoxe nas redes sociais, onde moitas mulleres son atacadas por ter un pensamento propio en contra da orde establecida; a caza de bruxas “moderna” está nas rúas cada noite para castigar as que se atreven a transitar soas. Está nos postos de traballo, onde segue habendo acoso e precariedade. Seguimos vivindo nun mundo desigual, un mundo inxusto e as que alzan a voz quedan marcadas.

Os tempos están cambiando e o feminismo medra con máis forza que nunca. Hoxe son moitas as mulleres que teñen confianza en si mesmas, que son quen de saír adiante soas, facendo o que queren a pesar de ir contra corrente. Lembramos con respecto e agarimo a todas as mulleres valentes, as bruxas de onte, de hoxe e de sempre. 

Porque a bruxa é unha icona feminista, un símbolo da liberación. Sempre estivo ligada ao subversivo que non se prega ás normas convencionais. Bruxas podemos ser todas, porque nosoutras somos as netas daquelas que queimaron e das que non puideron queimar“.

Nestes enlaces podedes ter máis información desta obra e do seu contexto.

https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/vida-maria-solina-nunha-opera-folck/20210415160823119591.html

https://www.publico.es/culturas/opera-maria-solina-torturada-inquisicion-brujeria.html