Comando Igualdade, unha iniciativa necesaria

Estándar

Dedicado á coeducadora, feminista e profesora de Filosofía, Chis Oliveira publicouse estes pasados días en NÓS Diario un novo artigo de Lola Varela onde se da a coñecer unha iniciativa moi necesaria para a mocidade, que nace en Vigo pero que debería espallarse por todo o territorio. Precisamos dun Comando Igualdade en cada instituto.

                                          COMANDO IGUALDADE

                                                                                                 Lola Varela

Nos últimos tempos asistimos, tristemente, a un aumento de máis dun 20% de delitos sexuais entre a mocidade e tamén arrepía que 7 de cada 10 adolescentes consuman pornografía de xeito habitual. O verdadeiro antídoto para reverter esta situación sería incluír nos currículos educativos unha Educación Sexual igualitaria, sen estereotipos, inclusiva, non moralista e de calidade, así como avanzar na creación de verdadeiros centros coeducativos. Eis unha alternativa que arestora non se albisca agás en casos illados, alentados con moito esforzo e voluntarismo por parte do profesorado, maiormente, mais tamén con exemplos de participación entusiasta da rapazada tal que a experiencia do Comando Igualdade.

O Comando Igualdade é un fato de mozas e mozos, alumnado de ESO e Bacharelato do IES Alexandre Bóveda de Vigo e tamén alumnado de estudos superiores, xa que rematada a súa etapa no Instituto continúan vinculados ao colectivo. O discurso, a sólida formación e o compromiso coa igualdade de mulleres e homes da profesora de Filosofía dese centro, Chis Oliveira, fixérona merecedora dun Premio Irene, concedido polo Ministerio de Educación en 2009 á súa traxectoria ao impartir un valente e innovador programa de Educación Sexual ao seu alumnado durante 25 anos. Conceptos como sexo, xénero, feminismo, patriarcado, diversidade sexual ou micromachismos viñan sendo tratados con normalidade na formación que Chis impartía nas súas aulas. O salto chegou co Proxecto Bata, unha moi sonada intervención integral e multidisciplinar realizada no referido IES, para visualizar a importancia dos coidados e para intentar que o cotiá, privado ou doméstico, maioritariamente feminino, mudase en algo público e colectivo. Todo este traballo foi recoñecido cun novo Premio Irene en 2010 e aquí comezou a andaina do Comando Igualdade. Conscientes do poder revolucionario da mocidade, procuran a través dunha deconstrución persoal contribuír a unha transformación social necesaria e urxente, capaz de superar o machismo, repensar a sexualidade e construír unhas relacións máis libres nunha sociedade máis xusta.

O Comando centra a súa actividade en dúas liñas: a formación e a acción. Unha formación entre iguais onde as persoas adultas (profesorado ou persoal experto) só teñen un papel coordinador e onde existe o compromiso de se instruír e investigar persoalmente, para despois compartilo nas reunións e debates en grupo. Estas xuntanzas realízanse fora do horario lectivo, nun ambiente de empatía, escoita mutua, rexeitamento das xerarquías e moito respecto entre elas e eles, creando deste xeito un espazo seguro, aberto e diverso. Para intervir e actuar, comezaron levando o debate a outras aulas do seu centro, pero axiña foi demandada a súa presenza noutros institutos de toda Galiza (Caldas de Reis, Bueu, Beade, Santiago, entre outros), o cal permitiu deixar a semente de novos Comandos Igualdade. Ademais, tamén colaboraron con asociacións e colectivos diversos como As Bandidas, @klandestinas, Faraxa ou Nós Mesmas; en programas pola igualdade ou contra a violencia de xénero dos concellos de Vigo e Santiago e, mesmo, o Comando foi invitado polo Proxecto Skolae (2019), ambiciosa proposta coeducativa do goberno de Navarra, para se dar a coñecer e incentivar a creación de grupos semellantes nesa comunidade.

Coa bagaxe de case 10 anos de existencia e diante do dano que está a facer esta pandemia no rol das mulleres no seo das familias, na reiteración dos estereotipos e no aumento da violencia de xénero, o Comando Igualdade está a piques de editar un libro onde relata a súa orixe, funcionamento e formación, recollendo as demandas de total actualidade de amplos sectores da poboación, para que a modo de guía axude a formar novos Comandos Igualdade por acá e por acolá. Escrito por Chis Oliveira e Priscila Tamara Retamozo, ex-alumna de Chis e hoxe outra das coordinadoras do Comando, preséntase como un diálogo interxeracional entre ambas que permite o autocoñecemento e a creación dun pensamento crítico.

O Comando Igualdade, un referente ineludible da revolta feminista que comezou nas aulas.

Pódese acceder á versión orixinal do artigo aquí mesmo Comando Igualdade

Os comentarios están pechados.