“El lunes nos querrán”Premio Nadal 2021

Estándar

El lunes nos querrán é a última novela de Najat el Hachmi que como as anteriores (El último patriarca, Madre de leche y miel ou La hija extranjera) ten moito de autobiográfica. Esta escritora catalana de orixe rifeño fainos reflexionar con esta novela, en forma de carta da protagonista á súa mellor amiga, ambas marroquíes vivindo na periferia de Barcelona, temas como a integración, o multiculturalismo, a xenofobia, o patriarcado ou a identidade. O comentario de Lola Varela sobre esta obra publicado en NÓS Diario o día 10 de xuño. Moi recomendable a súa lectura.

                            NAJAT EL HACHMI: ENTRE DOUS MUNDOS

                                                                                      Lola Varela

A escritora catalá de orixe rifeña, Najat El Hachmi, ven de gañar o Premio Nadal 2021 coa novela El lunes nos querrán. Nesta obra a autora narra en forma de carta, dirixida á súa mellor amiga, a historia de dúas xoves de familias musulmás que residen nun “barrio periférico da periferia” de Barcelona e son moi distintas: una, moi tradicional, que exerce unha presión brutal sobre a súa filla; outra, máis aberta. O contraste entre ambas amigas marca o ton da novela, onde se enfrontan, no doméstico, ao machismo e á cerrazón, ás veces asfixiante, da relixión e, na rúa, coa precariedade laboral e os estereotipos. A amizade será a única agarradoira para a súa supervivencia na iniciación á vida adulta, para abordar dende a sexualidade ata o mundo laboral; dende a procura da identidade propia até a loita pola liberdade e a igualdade das mulleres cos homes nunha sociedade patriarcal. E é, nestas coordenadas, onde moitas mulleres, inmigrantes ou non, sentímonos identificadas coas protagonistas do relato. A teima destas mozas vai ser a mesma de tantas outras, pero máis que a xeito de alegación política, Najat El Hachmi implícanos nos seus destinos a través das emocións e da busca individual da felicidade.

O título El lunes nos querrán responde ao desexo de ser aceptadas, de ser queridas no mundo que habitan, pero pouco a pouco irán constatando que malia seguir a ditadura do coidado do corpo e das modas, iso non sucede e irán co tempo e ás topadas chegando á conclusión de que na vida compre aspirar a que nos queiran como somos. O luns é ese futuro no que elas poderán encaixar en todos os ideais, condicionantes e ditados, ser as mulleres que “deben ser”. O luns representa ese momento que non acaba de chegar, e que a narradora persegue sen saber moi ben como.

Nesa tesitura móvense as dúas rapazas de ficción, incómodas e desorientadas por ser “de dous mundos”, expresión que Najat El Hachmi rexeita. “Ponme nerviosa a palabra multiculturalismo porque oculta, non se queren ver as friccións, o choque de valores  das distintas culturas; a idealización da realidade é sempre unha negación do conflito, pero toda conquista da liberdade fai inevitable o conflito”. En realidade as persoas inmigrantes están sometidas a un dobre desarraigo: o da sociedade na que viven, coas súas normas que fan moi difícil a convivencia, e o das súas familias e a súa orixe ao querer afastarse da relixión ou de certas tradicións. Esta situación provoca o que o antropólogo Jordi Moreras considera “identidades á intemperie”, consecuencia da anulación do papel instrumental das instancias clásicas encargadas da sociabilidade das persoas xunto coa inxustiza xeneralizada e a humillación concreta. Son identidades desprotexidas e sometidas ao azar das inclemencias. Segundo Moreras, habería que atender ás condicións que toda sociedade debería garantir para que os seus membros poidan elaborar e reelaborar as súas identidades ao longo da vida dun xeito coherente, comezando por recompoñer os modelos institucionais en crise no canto de parchear o problema da mocidade inmigrante mediante unha “vitimización xustificada” ou, polo contrario, mediante ese “calvinismo neoliberal” que converte aos individuos en responsables e debedores dos seus comportamentos sociais.

As protagonistas de El lunes nos querrán pelexan con afouteza pola súa realización persoal, loitando contra os condicionantes que as oprimen desde todas as frontes: o xénero, a orixe xeográfica, a relixión, a clase social… A novela describe perfectamente a “interseccionalidade” das súas vidas e, fuxindo de simplificacións culturais ou sociais, amósanos a importancia de que as mulleres traballen para ser as donas das súas vidas malia as circunstancias máis hostís. Para ser libres, as dúas amigas resístense a levar unha existencia que para a súa xente é a correcta, pero atópanse coa culpabilidade, a falta de pertenza, a  xenofobia, os prexuízos contra as e os inmigrantes, o machismo, a violencia, a discriminación de xénero e outros moitos obstáculos comúns a todas as mulleres, pero acrecentados nelas.

Podedes ler este artigo directamente aquí Najat el Hachmi: Entre dous mundos

Os comentarios están pechados.