23 de setembro. Día internacional contra a trata de persoas para explotación sexual

Estándar

Esta data está aí para lembrar que debemos falar co noso alumnado e nas familias deste tema que afecta a tantas mulleres, que o ben raptadas, enganadas ou por extrema necesidade rematan sendo obxectos nas mans de proxenetas desalmados e puteros machistas, que coa súa brutalidade no trato rematan facendo que estas mulleres sexan dependentes do alcohol ou de calquera outra sustancia que as anula como pesoas, pero que o precisan para soportar a miseria na que están metidas.

Propoñemos ver e comentar este vídeo difundido por Instagram con declaracións de víctimas hoxe recuperadas grazas á asociación de axuda a mulleres en prostitución APRAM https://www.instagram.com/tv/CUKqFilLN7Z/?utm_medium=share_sheet

Tamén podemos ler este artigo sobre a valente campaña de Médicos del mundo contra a prostitución que publicou o xornal Diario 16, ao que acompaña un pequeno vídeo de menos dun minuto, con moita forza e crudeza. ¿Puta yo?

E tamén recordarvos que existen dous breves documentais feitos por mulleres sobre a explotación doutras mulleres como son Benvidas ao club de Carmen PG Granxeiro (2018), sobre o macro proceso xudicial do caso Carioca en Lugo que comezou no ano 2008 e aínda non rematou, pero do que non se agardan apenas condeas por estar involucrados desde coñecidos políticos, importantes empresarios ata oficiais das forzas de seguridade. Tedes acceso ao vídeo premendo no título.

O outro é Biografía del cadáver de una mujer (2020), mellor documental nos Premios Goya da pasada edición, de Mabel Lozano, que relata o asasinato dunha muller que se atreveu a denunciar ao seu proxeneta e explotador. Tedes máis información premendo no título.

Os comentarios están pechados.