A dominación polo sexo. O corpo das mulleres como botín de guerra

Estándar

Falando de Educación para a Igualdade de Homes e Mulleres non podemos esquecer unha das desigualdades máis inxustas e crueles, a exercida contra as mulleres polos exércitos coloniais nas súas conquistas.

O corpo das mulleres foi a ferramenta, en moitas ocasións, para crear terror, someter e humillar ao pobo colonizado. Eis un exemplo, o acontecido nas primeiras décadas do S XX no norte de África, na época do Protectorado Español.

Un tema pouco coñecido, mais do que é preciso falar e saber.

Lola Varela publicou dos artigos sobre este asunto en NÓS Diario no mes de setembro e no de outubro que reproducimos a continuación.

DOMINACIÓN POLO SEXO: COLONIALISMO E VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

                                                                                             Lola Varela

Logo de vivir seis anos en Marrocos e volver de cando en vez, sinto que o coñecemento e o apego ao país medra, e con eles a necesidade de afondar nalgúns temas pouco coñecidos por estes pagos. Eis, o caso da cruel violencia exercida contra as mulleres “moras” por parte dos militares españois, en especial pola “Policía Indígena”, durante o período das Guerras do Rif (1911-1927): unha práctica estarrecedora, que tamén foi empregada por todos os exércitos coloniais europeos sen excepción, no resto do continente africano.

Das atrocidades e vexacións sufridas polas mulleres indíxenas, temos algunhas referencias no libro Escritos Africanos (Melilla, 2019) de Dionísio Pereira; outras, están incluídas no Expediente Picasso (1922) redactado tras os sucesos de Annual polo xeneral Juan Picasso, no que se recoñece o malestar de certas cabilas tras os actos realizados por algúns oficiais. Este informe, recolle varios testemuños sobre abusos cometidos tanto por mandos españois como por axentes rifeños da “Policía Indígena”, contra as mulleres das cabilas rurais. Entre estes testemuños, cabe salientar o de dous frades pertencentes á Misión Franciscana de Nador que denunciaron como causa do desacougo das comunidades en cuestión, quer o maltrato recibido pola poboación indíxena, quer os abusos que padecían as mulleres,

Naquela altura, o socialista Indalecio Prieto, correspondente en Melilla do xornal bilbaíno El Liberal, acusará con nome e apelidos un destes oficiais por ter violado no territorio do Kert medio centenar de mulleres musulmás. E nas súas controvertidas Memorias, o propio líder rifeño Abd el Krim considera responsables indirectos a estes militares das terribles vinganzas levadas a cabo contra os soldados españois tras a rendición de Monte Arruit. En palabras de Abd el Krim: “Aquelas represalias sen piedade foron consecuencia dos horrores aos que someteron á poboación que, sen embargo, dicían que viñan protexer e civilizar”. O escritor catalán Josep María Prous i Vila, que visitou como soldado aquel lugar meses despois, recolleu algunha versión na que se atribuía a tortura e castración de soldados hispanos a mulleres indíxenas daquela contorna que, previamente, padeceran abusos e violacións. Algúns anos antes dos episodios de Annual e Monte Arruit, outro escritor, Luis Antón del Olmet, describira nas páxinas da súa inclemente novela Un sol bárbaro, muere (Madrid, 1911) a extrema violencia de xénero por parte dos soldados españois. E xa na actualidade, na literatura española contemporánea atopamos tan só referencias illadas ás repetidas violacións de mulleres rifeñas polas tropas hispanas, caso da obra de Lorenzo Silva Carta Blanca (Madrid, 2005).

A intervención colonial francesa tampouco foi allea á dominación sexual, sufrida por moitas mulleres marroquinas, tunesinas e sobre todo alxerianas, xa que alí a violación foi empregada a eito como unha terrorífica acción militar de represalia. Daquela, mentres omitía os atropelos das súas propias tropas, a prensa francesa informou de abusos e casos de corrupción cometidos polo exército expedicionario hispano durante o Protectorado; unhas informacións que foron consideradas calumnias pola Restauración borbónica española: tal aconteceu cun artigo do xornalista franco-marroquino Rober-Raynaud, publicado a comezos de setembro de 1921 no xornal parisino Le Matin, no que describía a desbocada intervención, violacións incluídas, das tropas hispanas nas cabilas do entorno de Alhucemas.

En todo caso, o corpo da muller musulmá colonizada no Maghreb tamén foi arma de guerra para o aparato militar francés, tal e como demostrou o libro Sexe, Race et Colonies. La domination des corps du XVe siècle à nos jours (Paris, 2018). O intenso debate que xeraron estas páxinas chegou a Marrocos e, como consecuencia, uns meses despois o nº 96 da revista de historia Zamane incluía o dossier L´autre visage de la colonisation. La domination par le sexe. A violación, mais tamén a prostitución organizada ao servizo dos exércitos coloniais, foron armas empregadas para o sometemento da poboación, pero diso falaremos outro día.

Podedes acceder directamente ao xornal premendo no título do artigo Dominación polo sexo. Colonialismo e violencia contra as mulleres

DOMINACIÓN POLO SEXO. COLONIALISMO E PROSTITUCIÓN

                                                                                             Lola Varela

Dicía o novelista Arturo Barea: “Durante os primeiros 25 anos deste século Marrocos non foi máis que un campo de batalla, un bordel e unha taberna inmensos.” Entre 1912 e 1927, principais anos da expansión colonial española no Rif, calcúlase que pasaron polos diferentes asentamentos militares uns 300.000 soldados. Segundo a escritora e profesora francesa Natalie Benelli, podemos falar dun mínimo de 10.000 mulleres prostituídas (1 muller por cada 30 soldados), ademais das que exercían de xeito clandestino fora dos lugares habilitados para tal fin. Tampouco podemos esquecer a pederastia moi estendida e fomentada a través de fotos e tarxetas postais que mostraban nenas e nenos practicamente nus e en actitudes moi erotizadas, Por cen pesetas podíase pasar unha noite con moritas ou hebreas de 12 e 13 anos.

Da importancia que tivo a prostitución no Protectorado español en Marrocos (1912-1956) fala precisamente a tese doutoral de Mª Begoña Etxenagusia, realizada en 2018 baixo a dirección do profesor Eloy Martín Corrales e publicada por Edicións Bellaterra en 2020, que xunto cos traballos de Josep Lluís Mateo Dieste, Julián Casanova ou Manuela Marín son das poucas fontes que temos para coñecer un tema tabú da nosa historia contemporánea. Podemos contar tamén con obras literarias de autores de ambos lados do estreito como Tomás Borrás, autor da novela La pared de tela de araña ou El pan desnudo do escritor rifeño Mohamed Chukri. Sen esquecer a Mohamed Mrabet que, da man de Paul Bowles, publicou El amor por un puñado de pelos, e tamén repasar a obra fotográfica de Nicolás Müller, que viviu 9 anos en Marrocos.

A prostitución no norte de África era bastante limitada e pouco visible até a colonia. Exercíase de xeito popular no interior dos hamman, dos fondouks, e de noite e para as elites existía desde a Idade Media unha prostitución encuberta coas concubinas-escravas, as escravas-domésticas ou as artistas-cortesás.

Considerada como un “mal menor” durante o Protectorado, foi institucionalizada e regulamentada para controlar a falta de hixiene, o contaxio de venéreas (a sífilis era a terceira enfermidade do país), impedir a homosexualidade e a masturbación, que tiñan moi mala sona, mais tamén para evitar as relacións amorosas coas indíxenas, a sedución de mulleres “honestas” e o nacemento de crianzas mestizas, que podían “dexenerar a raza”. Chegaron a funcionar, como mínimo, 12 prostíbulos en Tetuán, 16 en Larache, 13 en Alcazarquivir, 9 en Arcila, 6 en Chauen como en Villa Sanjurjo (actual Alhucemas) e 3 en Villa Nador, onde había máis prostitución nas rúas que nos prostíbulos.

Desde 1918 funcionaron Dispensarios antivenéreos nas grandes cidades para controlar ás mulleres indíxenas, españolas ou europeas. O home era a vítima a protexer, pois segundo o director do Dispensario de Chauen “a continencia absoluta era impensable nun home normalmente constituído”.

Debemos engadir, asemade, que foi un negocio cumprido para proxenetas, oficiais encargados da supervisión e, mesmo, para as arcas do Estado. As mulleres dedicadas á prostitución debían estar rexistradas, ter unha cartilla, pola que pagaban 5 pts., e pasar revisións médicas bisemanais, nas que eran anotadas como “sana”, “contaminada” ou coa “menstruación”, pois daquela tiñan prohibido exercer baixo multa. Multas que chegaban ata 200 pts. por non pasar revisión, ser clandestinas ou montar escándalo público. As donas das casas de lenocinio debían pagar o seu imposto segundo fora considerado o seu local de 1ª, 2ª ou 3ª categoría. Estes pagos, en teoría, repartíanse en tres partes: para a “Junta de Servicios Municipales” local, para os médicos que facían as revisións e para axudar aquelas mulleres que, retiradas por enfermidade nos “Sifilicomios”, tiñan que pagar mantenza e roupa da cama. Porén, na práctica estes pagos e as multas que lles eran impostas constantemente, ían engrosar os petos de certos mandos militares ou de autoridades locais.

Recompensar aos soldados e humillar ao adversario segregado, foron os principais obxectivos dunha política colonizadora que empregou o divertimento sexual como botín de guerra. 

Podedes acceder directamente ao xornal premendo no título do artigo Dominación polo sexo. Colonialismo e prostitución

Os comentarios están pechados.