As mulleres do rural de aquí e de alá

Estándar

Coñecer mellor a vida das mulleres das montañas rifeñas lévanos a establecer certas relacións de semellanza entre as comunidades rurais. En lugares onde a emigración foi un medio para sobrevivir e onde os homes pola pesca ou traballos estacionais estiveron, ou aínda están, ausentes moi a miúdo dos seus fogares as mulleres son as grandes “resistentes” e as “transmisoras” da súa cultura, así como as “dobremente vítimas” en tempos de guerra ou de violencia desatada por gobernos autoritarios. Con estas reflexións escribe unha nova colaboración Lola Varela no xornal NÓS Diario.

AS MONTAÑAS DO RIF EN FEMININO

Lola Varela

Chegan ata nós como un ecoar decote repetido os testemuños de mulleres das montañas do Rif e semella, en moitos casos, que escoitemos a mulleres do rural galego.

Nesta nova estadía en terras rifeñas descubrimos o libro de Fatiha Saidi, Échos de la mémoire sur les montagnes du Rif (Casablanca 2020), no que, a través da palabra de varias mulleres entrevistadas pola autora no verán de 2008, achegámonos a anacos relevantes da súa vida e da súa historia. Estas mulleres dobremente silenciadas, polo feito de ser mulleres e por vivir na montaraz contorna de Alhucemas, collen pulo e rachan coa caricatura de submisas, recluídas, casadas á forza e cheas de crianzas, para amosarnos outra faciana de mulleres activas, rebeldes, verdadeiras mestras nas súas actividades e sen resignarse a un papel subalterno, malia moitas ser iletradas.

Fatiha soubo superar dúas grandes dificultades que presentaba este traballo: que falasen mulleres maiores (entre 69 e 82 anos) das súas vivencias, evitando, prudentemente, a presenza de homes que as podían intimidar, e abordar temas sensibles (guerras do Rif, anos da fame, sublevación de 1958-59), así como asuntos máis íntimos (casamentos, partos, esterilidade e contracepción, dependencia dos homes, vida familiar). E nesta mestura radica a importancia destes testemuños, pois son asuntos delicados de tratar pola dor que causaron uns e polo persoais que son outros.

Do mesmo xeito que poderíamos escoitar nas aldeas galegas, as protagonistas deste libro recoñecen o importante avance que supuxo o acceso ao ensino e á sanidade, diminuíndo así a dependencia económica de moitas delas e reducindo de vez a mortalidade de nais e bebés nos partos; tamén a chegada da auga corrente e da electricidade aos fogares implicou un cambio significativo. Mais, ao tempo, lamentan a perda progresiva da comunidade, a soidade ou o cambio do modelo de familia, de extensa a nuclear, pois se ben noutrora había problemas de convivencia, en ocasións, foron as familias amplas as que permitiron resistir nos “adouares” os malos momentos dos anos da fame, agravados pola perda de homes nas guerras coloniais ou na emigración cara Arxelia ou ás grandes urbes como Tánger ou Tetuán.

Antigamente nas montañas do Rif, a vida en lugares pequenos, illados e con carencias importantes só era posible grazas ao traballo comunitario e solidario, a “twiza”, que se realizaba por sorteo, aínda que existía unha “discriminación positiva” nos casos de maior necesidade (mulleres sen home, sen fillos mozos ou con persoas dependentes). A complicidade entre mulleres foi outro elemento salientable na supervivencia; así, diante da falta de médicos e medicinas, intercambiaban e transmitían entre elas os seus remedios contra a esterilidade, contraceptivos e de axuda nos partos.

As mulleres foron as grandes resistentes do cotiá; cunha crianza ás costas e outra no ventre, traballaban arreo dentro e fora da casa, demostrando unha forza de carácter que endexamais foi recoñecida como algo especial, tan sequera por elas mesmas. Mais tamén participaron na resistencia, no sentido clásico do termo, nas guerras coloniais contra os exércitos español e francés durante as primeiras décadas do S XX. Assia Benadada recolle no seu artigo Les femmes dans le mouvement nationaliste marocain (1999), o bulir de diversas mulleres arroutadas tal que a irmá do resistente Hidna que en 1927 dou morte ao oficial español que anos antes asasinara ao seu irmán, ou Aïcha, a nena de 10 anos que tivo unha participación destacada no episodio de Annual en 1921. Así mesmo, Mohamed Kably en Histoire du Maroc. Réactualisation et synthèse (2012) fala de mulleres con coraxe que estimulaban aos combatentes cos seus “youyous”, coidaban dos feridos, levaban munición e alimentos e, mesmo, participaban en ciadas contra o invasor.

Da barbarie sufrida polas mulleres cando os soldados das FAR (Forces Armées Royales) invadiron o Rif para esnaquizar a revolta popular de 1958/59, xurde “l´aar”ou vergoña, que aínda hoxe nos impide coñecer toda a verdade dos abusos soportados.

De novo o corpo da muller como espazo de dominación.

Se queredes ler o texto directamente do xornal, podes premer aquí As montañas do Rif en femenino

Os comentarios están pechados.