Colección de libros “Defensoras de dereitos”

Estándar

Defender os dereitos humanos como proxecto vital e político nunha das rexións máis perigosas do mundo para levalo a cabo. Este é o nexo en común das cinco  protagonistas da colección de libros ‘Defensoras de dereitos’.

As súas protagonistas son Haydée Castillo (Nicaragua), Verónica Salazar (O Salvador),  Miriam Suazo (Honduras), Estela Ángeles Mondragón (México) e María Cuc Choc (Guatemala). Cinco activistas que forman parte das máis de 2.000 mulleres defensoras organizadas en Mesoamérica, a rexión  comprendida entre México e Costa Rica, arredor da Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos (IM-Defensoras). 

A autora dos cinco títulos é a xornalista e escritora Lara Dopazo Ruibal e as ilustracións son obra de Marta Conde e RotmInas.

A colección foi impulsada pola Coordinadora Galega de ONGD e a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social en colaboración con IM-Defensoras e contou co apoio da Deputación de Pontevedra no marco do proxecto ‘Defensoras de dereitos’. Os libros están dirixidos ao público xuvenil e ten un formato adaptado para que, desde os centros educativos e os espazos de educación non regrada como os centros socioculturais ou biblioteca, se reflexione e traballe colectivamente o seu contido. 

Premendo aquí “Defensoras de dereitos” pódese acceder á páxina da Coordinadora Galega de ONG para o desenvolvemento, onde atoparedes vídeos explicativos destas publicacións e tamén poderedes descargar estes libros en galego ou castelán.

Os comentarios están pechados.