“COMANDO IGUALDADE”, 10 anos nas aulas

Estándar

Chis Oliveira, catedrática de Filosofía e experta en Educación Afectivo-Sexual, a mestra, e Priscila Retamozo, polítologa e cun mestrado en xénero, a alumna, veñen de publicar

Comando igualdade. A mocidade facendo a revolución feminista nas aulas!

O libro foi editado por Catro Ventos e conta a historia do “Comando Igualdade” que naceu en Vigo, nun Instituto de Coia, o IES Alexandre Bóveda, de máns da profesora Chis Oliveira hai uns 10 anos.

Todo comezou co “Proxecto Bata”, semente do futuro grupo de alumnado que deu froito ao activismo feminista levado ás aulas deste instituto e espallándose a outros institutos de Galicia co paso do tempo ata hoxe en día.

Chis abréulles os ollos, e elas e eles puxeron as gafas violetas da igualdade pero xa non quixeron quitalas nunca máis e implantaron a cor do feminismo moi dentro, no profundo do seu ser.

No libro, asemade, pódense atopar moitas referencias, de total actualidade, con enlaces QR para afondar nos temas que se tratan e para ver ao comando en plena acción.

Aquí tedes en palabras das autoras ao xornal Atlántico a importancia desta publicación La revolución feminista comienza por las aulas.

A presentación do libro estase a realizar en varios lugares de Galiza,con motivo do 25 N. Así xa estiveron no Concello de Vigo, na Libraría Lila de Lillith en Santiago, na Libraría Paz de Pontevedra, no IES Laxeiro de Lalín, en Culturgal… E podemos atopar referencias na páxina web da Consellería de Educación da Xunta de Galiza e no artigo que Lola Varela publicou no mes de maio en NÓS Diario, cando o libro estaba aínda na imprenta, “Comando Igualdade”.

Como conclusión, salientar a necesidade de que exista un Comando Igualdade non só en todos os centros de ensino, senón tamén en calquera recuncho da sociedade.

No Concello de Vigo
En Lila de Lillith
Na Libraría Paz

Os comentarios están pechados.