Reflexións despois doutro 25 N

Estándar

“O pasado 25 de novembro saímos de novo a confrontar a violencia de xénero, mais aínda queda moito para gañar esta guerra”. Hai persoas que declaran que xa acadamos a igualdade entre homes e mulleres. Como di a escritora e feminista Ana de Miguel: “Esa igualdade non existe, o que hai son novas formas de reprodución e aceptación da desigualdade”.

Esta é a nova reflexión que nos achega Lola Varela no seu artigo de hai uns días en NÓS Diario.

REFLEXIÓNS DESPOIS DA BATALLA

                                                                                            Lola Varela

O pasado 25 de novembro saímos de novo a confrontar a Violencia de Xénero, mais aínda queda moito para gañar esta guerra. Como di a filósofa Ana de Miguel no seu libro Neoliberalismo sexual (2015): “Vivimos en sociedades formalmente igualitarias onde a maior parte das persoas declara apoiar o valor da igualdade e nas que non é raro escoitar “xa hai igualdade entre homes e mulleres”. Esa igualdade non existe, o que hai son novas formas de reprodución e aceptación da desigualdade”. Entre as conclusións do informe Barómetro Juventud y Género, do Centro Reina Sofía sobre Adolescencia y Juventud (2021), lemos que un 20% dos mozos negan que a violencia de xénero exista hoxendia e cren que é “un invento ideolóxico”. En 2019, esta porcentaxe era do 12%.

Podería estar ben revisar eses mitos e prexuízos que sobre a Violencia de Xénero foron xurdindo nos últimos anos e que arestora están máis presentes do que sería desexable na sociedade.

Hai quen di que a VX está causada por homes enfermos mentais, alcohólicos, con traumas da infancia ou de procedencia marxinal. Ademais de non ser certo, convertemos a VX en casos individuais, patolóxicos ou excepcionais, perdendo así o referente colectivo e negando a verdadeira causa desa violencia que non é outra que a desigualdade e o menosprezo cara a muller, froito do machismo. Tamén, que só lle ocorre a algunhas mulleres, cando 7 de cada 10 sofren algunha VX ao longo da vida, sendo a principal causa de morte entre as mulleres de 15 a 44 anos, e cando aumentaron un 20% as denuncias por esta lacra desde o pasado ano e, delas, máis do 60% foron por lesións e maltrato. Tamén convertemos en individual o colectivo, cando afirmamos que ela non abandona ao maltratador porque non quere e que é o seu problema, como se fora algo alleo o medo ao fracaso social das mulleres, a quedarse soas, a non ter fillos, a non alcanzar o amor romántico, logo dunha socialización nun entorno patriarcal. Os homes aprenden a empregar a violencia e a dominar ás mulleres desde pequenos a través dos xogos, cancións, filmes…Non poden ser unhas “nenas” e deben saber poñer ás mulleres no seu sitio, co apoio ademais de todo un aparato teórico filosófico que vai desde Aristóteles ata Freud, pasando por Kant, Rousseau, Darwin ou Nietzsche.

Outro dos tópicos, considera que os homes son como nenos grandes e as mulleres son malas e reviradas. Fronte a aquilo de “ela, algo malo faría” e “el era boa persoa”, podemos lembrar ese terrible dito popular “malla na túa muller de cando en vez, aínda que ti non saibas porqué, ela si o sabe”.

Tamén escoitamos que moitas denuncias son falsas, mais o certo é que non chegan nin ao 0,5% segundo o Consejo General del Poder Judicial,ou que tamén as mulleres asasinan a homes (pouco máis de 1%) como se tiveran as mesmas causas a violencia estrutural exercida polos homes, froito da desigualdade, e a das mulleres considerada algo puntual. Poderíamos rematar esta incompleta enumeración co mito de que as leis actuais atacan aos homes e privilexian ás mulleres: de inicio, as leis deben equilibrar desigualdades históricas e defender a existencia da discriminación positiva, que as mesmas mulleres consideramos necesaria só en determinados momentos; ademais, estas mesmas leis non afectan aos homes que non son maltratadores.

A profesora Marian Moreno na Guía para la prevención de la violencia de género en el ámbito educativo. Asturias (2017) achéganos unha boa síntese das consecuencias dos tópicos susoditos: minimizan os efectos da VX (non é tanto, as cifras non son reais ou xa hai igualdade); consideran a VX como algo puntual e individual, non causada polo machismo e polo tanto a sociedade en xeral non se sinte responsable. Daquela, non é preciso analizar, mudar ou deconstruir nada: mantense o estatus de submisión das mulleres e o dominio dos homes, naturalizando deste xeito a violencia e as relacións desiguais.

A loita contra a VX non pretende culpar á metade da humanidade nin vitimizar á outra metade e sería conveniente reflexionar porqué algúns homes rexeitan o feminismo e temen ás mulleres autónomas e donas do seu proxecto de vida.

Podedes ler o artigo na súa versión en prensa aquí Reflexións despois da batalla

Os comentarios están pechados.