“O libro da saúde das mulleres” cumpre 50 anos

Estándar

No albor dos anos 70 este libro e as súas autoras eran vangarda. Falar da liberación da muller significaba poñer enriba da mesa temas complexos e delicados, pero urxentes e necesarios, como a saúde sexual, a menstruación, a maternidade, a menopausa, o aborto, a violencia de xénero e a orientación sexual, entre outros. En Boston hai 50 anos unhas mulleres pioneiras reclamaron unha perspectiva feminina na medicina. Este é o tema que Lola Varela aborda no seu novo artigo publicado no xornal NÓS Diario o 06/01/2022.

As autoras do libro en 1971

As autoras do libro en 2021

HAI 50 ANOS EN BOSTON

Lola Varela

Neste ano 2021 que ven de rematar, cumpriuse o 50 aniversario da publicación dun libro emblemático para o movemento feminista e para a saúde das mulleres “Our Bodies, Ourselves” (OBOS), “Os nosos corpos, as nosas vidas”.

En 1969, na segunda onda do feminismo, o Movemento de Liberación das Mulleres (WLM) organiza o seminario “As mulleres e os seus corpos” no Emmanuel College de Boston. A sala está a rebordar de mulleres que acoden alí para saber máis dos seus corpos, da súa sexualidade, da súa saúde e das súas relacións. Xorden, daquela, numerosos debates entre as bostonianas para reclamar á ciencia médica unha visión de xénero que dea resposta a moitos dos seus interrogantes e preocupacións.

Un ano despois, un fato de doce mulleres de idade comprendida entre 23 a 39 anos, crean a organización feminista Colectivo do Libro da Saúde das Mulleres de Boston, e son quen de editar “As mulleres e os seus corpos”, unha publicación de case 200 páxinas grampadas a man por elas, que venden a 75 centavos. Este libro, que recolle as conclusións dos debates realizados, así como experiencias persoais, posibilitou o autocoñecemento a moitas mulleres e ademais deu unha perspectiva feminista á medicina. O interese que provocou foi tan considerable, que unha nova edición corrixida e ampliada veu a luz en 1971, co título “Os nosos corpos, as nosas vidas” que comezaba dicindo: “Tendo o control dos nosos corpos, teremos o control da nosa vida”. Venderon clandestinamente 250.000 exemplares e, desta volta, tan só a 30 centavos.

Semellante éxito fixo que o Colectivo acordara coa editorial Simon & Schuster sucesivas edicións do libro, cun desconto do 70% para clínicas de mulleres sen ánimo de lucro. No albor dos anos 70 este libro e as súas autoras eran vangarda. Falar da liberación da muller significaba poñer enriba da mesa temas complexos e delicados, pero urxentes e necesarios, como a saúde sexual, a menstruación, a maternidade, a menopausa, o aborto, a violencia de xénero e a orientación sexual, entre outros.

Desde o ano 1974 véñense facendo traducións e adaptacións a diferentes contextos e países, a última en 2011. Van millóns de libros vendidos e pódese atopar en 33 idiomas, mesmo no alfabeto Braille. As primeiras traducións fixéronse para a comunidade hispana de EEUU, por iso no Estado español circulaba desde os anos 80 unha versión chicana, pero non apareceu a tradución española ata 1982 e na editorial Icaria. Desde o ano 2000 o libro recibiu múltiples premios e mencións; así, a revista Time situouno entre os mellores libros de non ficción e a Biblioteca do Congreso estadounidense considerouno un dos 88 libros que máis influíron na sociedade norteamericana.

No 2018 tivo lugar unha mudanza relevante na xestión das publicacións, da web e no blog deste Colectivo de mulleres que, desbordadas polo traballo e a extensión do proxecto, confiaron a organización e a coordinación a persoas voluntarias. Ao tempo, xurdiu en colaboración co Centro para a saúde e dereitos da muller da Universidade de Suffolk en Boston, de grande prestixio internacional, a idea de converter Our Bodies, Ourselves (OBOS) Today nunha plataforma online con presenza nas redes sociais a partir da primavera de 2022, co obxectivo de aportar información actualizada e inclusiva sobre saúde e sexualidade.

O libro foi, de certo, un dos alicerces da segunda onda do feminismo, mais tamén exerce unha influencia actual. As edicións seguen a percorrer o mundo alentando novas publicacións, nas que o Colectivo do Libro da Saúde das Mulleres de Boston colabora, como en “Envellecer xuntas” (1993) ou “Corpos trans, seres trans” (2014). Arestora, o Colectivo continúa a se reunir, a debater e a pensar no feminismo e no lugar das mulleres na sociedade, denunciando na súa web feitos que revelan a falta, a día de hoxe, dunha visión de xénero na medicina: eis, menos do 20% dos ensaios clínicos de VIH fanse con mulleres, cando na actualidade máis da metade das persoas enfermas son mulleres, ou que ao ano no mundo hai 5 millóns de mulleres hospitalizadas como consecuencia de abortos ilegais, das cales morren 47.000. Isto, 50 anos despois.

Podedes acceder ao artigo directamente en NÓS Diario Hai 50 anos en boston

Os comentarios están pechados.