Restituir a memoria das mulleres condenadas por bruxería

Estándar

O Parlament de Catalunya ven de aprobar unha resolución, promovida pola deputada de ERC Jenn Díaz, para reparar a memoria e o recoñecemento de todas aquelas mulleres condenadas (e moitas delas torturadas) por bruxería durante os séculos XVI e XVII, debido á caza de bruxas existente.

A resolución sinala que as mulleres que foron “procesadas, torturadas e executadas” por suposta bruxería eran “migrantes, pobres, curandeiras, con saberes sobre a sexualidade e a reprodución, xitanas, viúvas e consideradas conflitivas”.

Propoñen como reparación revisar os nomes das rúas dos concellos e incluir os de mulleres condenadas por bruxería como un xeito de reparar a memoria histórica sobre elas e ademais contribuir a feminizar os lugares públicos.

Este feminicidio cometido con miles de mulleres ben podería ter unha proposta semellante en Galicia, onde temos unha senlleira representante desta inxustiza e deste tratamento como é María Soliña, unha muller canguesa que, con 70 anos, foi acusada de ser bruxa e despoxada de todos os seus bens por parte dos poderes eclesiásticos no século XVII.

No mes de maio do pasado ano 2021 tivo lugar en Cangas a estrea dunha ópera dedicada precisamente a María Soliña. Baseada no texto A defensa da vila. María Soliña (2017) do dramaturgo Xose Manuel Pazos, antigo alcalde de Cangas, o compositor Nacho Mañá escribe esta ópera María soliña. Ópera nun acto.

O libreto desta ópera leva un interesantísimo limiar escrito pola doutora en Filosofía e feminista, Chis Oliveira, titulado O medo á muller sen medo, publicado no noso blog o 19/04/2021, onde reflexiona sobre a rebeldía e a forza daquelas mulleres acusadas de bruxas por ser sabias e querer ser libres nun mundo onde o poder estaba nas mans dos homes e o control da sociedade baixo a Inquisición; pero tráenos tamén ao noso presente para lembrarnos que a “caza de bruxas” continúa cando as mulleres resultan molestas ou se opoñen aos poderes establecidos.

Os comentarios están pechados.