A recuperación feminista de Rosalía

Estándar

Con motivo da celebración do Día de Rosalía de Castro o 23 de febreiro, Lola Varela publica este artigo no xornal Diario de Pontevedra para reivindicar esta faciana de Rosalía bastante descoñecida e porén moi senlleira na súa obra como se comenta no texto.

Acompañamos o texto cunha fermosa imaxe da nosa emblemática escritora, o recordo de dous libros importantes para achegarse a ela, xunto a unha campaña solicitando dedicarlle unha praza en Compostela.

Neste día celebrouse un interesante e variado acto na Deputación de Pontevedra onde actuou o grupo belga de cantareiras galegas Ialma. Velaí ao final unha imaxe desa actuación.

DÍA DE ROSALÍA. A recuperación feminista de Rosalía de Castro.

                                                                                         Lola Varela

Escribía nestas mesmas páxinas hai un ano que Rosalía non é tan só unha metáfora desa Galicia sentimental, submisa e maternal coa que foi identificada durante moito tempo dentro e fora do país, unha representación cultivada polo seu propio marido Manuel Murguía. Pola contra, con Rosalía a imaxe de Galicia irradia modernidade, debido á súa personalidade atractiva e poliédrica, como muller comprometida co seu entorno social, “rupturista” e precoz para o seu tempo, e pioneira do feminismo en Galicia e do feminismo literario na Península Ibérica. E é esta faciana de Rosalía a que hoxe quixera salientar, porque quizá foi a máis escurecida, á mantenta, para non deturpar ese imaxinario tan potente que dela se creou como nai, como muller agarimosa, sensible e submisa; a nai por antonomasia, símbolo dunha Galicia que tamén se pretendía dócil e sentimental. Daquela, próxima a data do 8 de Marzo, día para reivindicar a igualdade de dereitos e oportunidades de homes e mulleres, penso que é moi acaído lembrar a súa contribución ao desenvolvemento das ideas liberadoras que defende o feminismo.

Para achegarnos, dun xeito breve e sinxelo, á Rosalía feminista paréceme axeitado citar algunhas das fontes ás que podemos acudir, como a coidada publicación que o 8 de Marzo de 2019 editou a Casa de Rosalía baixo o título de Escritos feministas, na que a través dunha moi boa selección de vinte dous textos de grande interese, acompañados de fermosos retratos femininos do fotógrafo de Laxe José Vidal (1900-1988) en perfecta simbiose coas palabras de Rosalía, descubrimos a esa muller transgresora e librepensadora que foi a nosa escritora máis universal.

O traballo de Mª Xosé Agra Romero Señores da terra e fillas do mar: o feminismo de Rosalía de Castro (2018), editado polo Consello da Cultura Galega, danos conta entre outras informacións da importancia que tivo a formación de Rosalía, que non foi escasa naquela altura. Lía francés con facilidade e coñecía importantes correntes filosófico–sociais, políticas e literarias do século XIX; asemade, tiña xeito para o debuxo, tocaba o piano e a guitarra con acerto e gustáballe actuar en obras de teatro, onde foi ovacionada en moitas ocasións.

Cando aínda non tiña vinte anos, en Santiago de Compostela o “Liceo de la Juventud” acollía unha xeración de mozos e mozas, que daban os seus primeiros pasos na literatura, na arte e nas ideas políticas, ao abeiro do Rexurdimento da lingua e da cultura galega. E velaí estaba Rosalía, como unha moza decidida, comprometida co país, con ansias de saber máis e de rachar cos moldes tradicionais establecidos para as mulleres. E como xa apuntara o Padre Feijoo, Mª Xosé Agra incide, así mesmo, no valor da literatura como un dos poucos espazos de expresión e invención para as mulleres naquel tempo; como unha novela ou un poema permitía dar a coñecer o pensamento da nosa autora, algo que con moitas dificultades podería ser formulado abertamente.

É preciso lembrar a Pilar García Negro e o moito que leva escrito sobre o feminismo rosaliniano, pero imos simplemente dar conta de “Rosalía de Castro: una feminista en la sombra” (2006), publicado en Arenal. Revista de Historia de las Mujeres Universidade de Granada. Neste brillante artigo, a modo de resume, cita as principais obras e sinala fragmentos que ela considera representativos da afouta actitude de Rosalía como defensora da condición das mulleres.

Así  Lieders (1858), considerado un dos primeiros manifestos feministas, é un auténtico poema en prosa que semella ser o verdadeiro documento de identidade da autora; nel, senta as bases dunha transgresión inicial da que va a derivar toda a súa obra posterior: “Solo cantos de independencia y libertad han balbucido mis labios, aunque alrededor hubiese sentido, desde la cuna ya, el ruído de las cadenas que debían aprisionarme para siempre, porque el patrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud”.

En La hija del mar (1859) queda clara a defensa do que hoxe denominaríamos familia monoparental, así como do amor igualitario, onde a muller poda tomar a iniciativa. No seu prólogo, logo de citar a pensadores e escritoras que defenderon a capacidade intelectual das mulleres ao longo dos tempos, remata dicindo: “Porque todavía no les es permitido a las mujeres escribir lo que sienten y lo que saben”.

Rosalía desentraña e destrúe o mito do heroe romántico, enchido de paixón amorosa pola que está disposto a chegar ao suicidio, na súa novela Flavio (1861). Nun momento determinado, Mara, a coprotagonista que non está disposta a sucumbir a esa paixón que, ademais, non comparte, exclama: “¡Decid que queréis vernos esclavas y no compañeras vuestras!”.

En 1863 chega a súa primeira obra en galego, Cantares gallegos, na que unha meniña gaiteira é a guía e cantora de todo o poemario, que non se censura cando ten que denunciar a situación das galegas e dos galegos. Esta meniña ponlle ao final o ramo a estes poemas, cun canto de esperanza pola Galicia que comeza a renacer: “Arriba todas, rapaciñas do lugar!, que o sol i a aurora xa vos vén a dispertar. Arriba!”.

A peza central para coñecer a súa posición verbo do papel como escritora e que revela a hostilidade social e a soidade que isto provocaba, é o tratado en Las literatas. Carta a Eduarda (1865). A autora coméntalle a unha amiga que ten intención de escribir: “Pero sobre todo, amiga mía, tú no sabes lo que es ser escritora. Serlo como Jorge Sand vale algo; pero de otro modo, ¡qué continuo tormento!; por la calle te señalan constantemente, y no para bien, y en todas partes murmuran de ti”.

Na considerada mellor novela de Rosalía El caballero de las botas azules (1867), realiza una verdadeira e moi completa disección dos personaxes femininos da sociedade madrileña, desde as aristócratas até as mulleres dun barrio pobre e marxinal. Nela, a xove Mariquita, cando a súa tía lle di: “Este ha de ser tu marido”, responde: “¡Mi marido! ¿Para que quiero yo marido?”, rebelándose deste xeito a submisión da muller diante do matrimonio imposto na sociedade patriarcal decimonónica.

Rematamos este breve percorrido por algunhas das producións feministas da nosa autora coa súa obra cimeira, na que se atopan todas as “Rosalías”, Follas Novas (1880), a grande epopea colectiva das mulleres das clases traballadoras, das viúvas dos vivos e das viúvas dos mortos. Velaí algúns exemplos: a dureza que debe aturar a muller aldraxada na ollada dos demais, en Ladraban contra min que camiñaba; a miseria, as penurias e a soidade que “un caldo de gloria” pode arrombar, facendo que a muller se alimente, quente o seu corpo mollado e, tamén, sexa feliz nese intre, en Miña casiña, meu lar; o desengano dunha muller abandonada con falsas promesas de regreso, en Vivir para ver….

Unha nova e atenta lectura das obras de Rosalía lonxe do estereotipo melindroso, debería ser hoxe inaprazable para as galegas e os galegos.

                                                              (Publicado no Diario de Pontevedra 23/02/2022)

Os comentarios están pechados.