A incontinencia urinaria nas mulleres. Unha desas enfermidades vergoñentas.

Estándar

“Considérase incontinencia urinaria a calquera perda involuntaria de urina a través da uretra. Esta patoloxía preséntase con maior frecuencia nas mulleres que nos homes, especialmente despois do embarazo, do parto ou da menopausa.
O obxectivo deste estudo é investigar o grao de coñecemento que ten unha mostra de mulleres enquisadas sobre a incontinencia urinaria.
Levouse a cabo unha enquisa anónima dirixida á poboación feminina cuxa idade está comprendida entre os 40 e os 60 anos e procedeuse a análise dos resultados obtidos.
Estes resultados amosan un escaso coñecemento en materia de incontinencia urinaria e, conclúese, que é necesario crear programas de formación para mulleres co fin de previr dita patoloxía e minimizar as súas consecuencias”. Con estas palabras comeza o TFG Traballo de Fin de Grao Incontinencia urinaria femenina, realizado pola enfermeira Marina Tilve Gallego hai agora un ano ao rematar os seus estudos.

Marina Tilve Gallego

É un deses traballos que deixan ben as claras a falta dunha perspectiva de xénero na Medicina, que “aínda non foi incorporada ás facultades e o alumnado remata os estudos sen acreditar nas diferenzas entre sexos na forma de ser, de enfermar ou nos efectos dos fármacos”. E, precisamente, por iso é de salientar este estudo e as súas conclusións, entre elas anotar que o  68,3% das mulleres apuntou que nunca recibira información relacionada con esta patoloxía e que segue a considerarse un tabú para a sociedade, a pesar de ser un problema que afecta de cheo a vida das persoas (unha de cada dúas mulleres) que a padecen, tanto a nivel físico como social e psicolóxico.

Para coñecer outros aspectos desta investigación, premede no título A incontinencia urinaria, artigo publicado no xornal NÓS Diario.

Podedes descargar o traballo completo en PDF “Incontinencia urinaria femenina” 

Os comentarios están pechados.