Auditoría e xénero

Estándar

As discriminacións cara ás mulleres están presenten en todos os ámbitos. Velaí o seguinte artigo de Lola Varela , publicado en NÓS Diario estes días, sobre as mulleres auditoras, baseado na tese de doutoramento da pontevedresa Susana Escaloni. Mentres non exista unha verdadeira educación para a igualdade seguiremos reivindicando os mesmos dereitos e oportunidades para toda a sociedade.

AUDITORÍA E XÉNERO

                                                                                     Lola Varela

Coñecín hai uns días unha interesante e moi documentada tese de doutoramento, realizada na Escola Internacional de Doutoramento da Universidade de Vigo, titulada Análisis de la actividad auditora con perspectiva de género.A súa autora Susana Escaloni leuna no mes de xuño na Casa das Campás en Pontevedra, obtendo a máxima cualificación.

É unha investigación do sector da auditoría con perspectiva de xénero cun dobre obxectivo, analizar e visibilizar a situación laboral da muller neste ámbito en España, así como analizar a incidencia do sexo na determinación dos honorarios de auditoría e na persistencia dunha situación laboral desigual na que o problema principal céntrase na progresión ou carreira profesional das mulleres auditoras. O estudo realizouse sobre una mostra de 3.217 observacións correspondentes a sociedades non cotizadas españolas durante o período 2008 – 2015.

Unha maior presenza de mulleres auditoras nunha profesión tradicionalmente “masculina”, como é a auditoría, é un indicador do grao de avance en materia de igualdade nos países desenvolvidos, mais, ao tempo, obsérvanse importantes diferenzas no acceso a postos directivos e asociados. Esta desigualdade no sector explícase, entre outras causas, pola dificultade de mudar os estereotipos, a maternidade e as políticas de flexibilidade laboral e de conciliación, cun efecto contrario ao previsto.

En canto ao número de mulleres auditoras, España sitúase por baixo da media

tanto no que atinxe á cantidade de mulleres no sector (34%), como en representación nos postos de dirección (12%). Porén, Hungría, Polonia, Albania ou a República Checa (cunha formación máis igualitaria de homes e mulleres) están por riba cunha porcentaxe entre o 55% e o 70% de mulleres no sector, pero diminúe enormemente na alta dirección cunha media inferior ao 20%.

As socias auditoras perciben un salario significativamente menor que o dos homes, malia o dato de que as socias xeran maiores primas de honorarios.

Os trazos atribuídos ás mulleres non son os máis valorados nunha profesión ordenada por homes para homes. As mulleres que acadan o estatus de socia xeralmente deben adaptarse ás regras masculinas. Ao facelo, as mulleres contribúen ao mantemento dos estereotipos de xénero. E se adoptan comportamentos máis dominantes, tamén son criticadas e valoradas negativamente por afastarse dos comportamentos estereotipados. En consecuencia, as mulleres que rompen os “teitos de cristal” están ben adestradas e posúen habilidades superiores á media dos homes.

En España na actualidade un de cada catro auditores é muller, pero con tendencia ao equilibrio nas promocións máis xoves, xa que o colectivo de auditores presenta un perfil de idade notablemente avanzada e moi masculinizado.

Mais xunto co acceso o incorporación da muller é preciso analizar o grao de avance respecto da carreira profesional e a existencia de dificultades ou obstáculos na progresión, tales como a falta de dispoñibilidade ou dedicación a tempo completo.

Por outra banda, os estudos que analizan as diferenzas por razón de xénero no ámbito financeiro apuntan actitudes valoradas positivamente como que as mulleres realizan inversións máis conservadoras e de menor risco, así como que teñen unha maior aversión ao fraude, que son procesadoras de información máis integrais, polo que é máis probable que as mulleres empreguen datos menos obvios pero relevantes. Tamén se asocia positivamente coa calidade dos ingresos que nas xuntas directivas haxa diversidade de xénero, así como a presenza de mulleres nos postos de alta dirección.

A modo de conclusión, entre outras propostas,  Susana Escaloni insiste no compromiso das familias e das entidades auditoras para avanzar en igualdade. Nas familias  corresponsabilizándose das tarefas do fogar e dos coidados e nas entidades desterrando a cultura do presentismo, primando políticas de flexibilidade baseadas nunha avaliación global de resultados e incentivando a incorporación dos homes a estas políticas, contribuíndo á xeralización das xornadas flexibles, así como a  desfeminización das mesmas. Finalmente, unha implicación clara e decidida dos gobernos que impulsen e incentiven cambios en todos os sectores, promovendo unha educación en igualdade superadora de estereotipos.

Se queredes ver o artigo na versión orixinal en prensa, premede no título Auditoría e xénero.

Os comentarios están pechados.