Author Archives: luisaf2255

11 de Febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Estándar

Os estados membros da ONU propuxeron que o 11F fora declarado o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia en recoñecemento ao papel clave que desempeñan as mulleres na comunidade científica e na tecnoloxía.

A Asemblea Xeneral aprobou esta resolución o 22 de decembro do 2015. 

A 8ª Asemblea deste Día terá lugar do 8 ao 10 de febreiro de 2023 na Sede das Nacións Unidas, en Nova Iorke.

Pódese participar en diálogos e debates con mulleres expertas, mozas e profesionais para situar a ciencia, a tecnoloxía e a innovación no centro dos programas de desenvolvemento sostible, rexistrándose nesta ligazón, Día Internacional.

Este ano 2023 céntrase no papel das mulleres, as nenas e a ciencia en relación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), co lema “Innovar. Demostrar. Elevar. Avanzar. Soster (IDEAS)”

Ademais, por primeira vez incluirá un obradoiro de ciencia para nenas cegas, en Braille, “Facer a ciencia accesible“.

Outros días internacionais vencellados ás nenas son o Día Internacional das Nenas nas TIC (22 de abril) e o Día Internacional da Nena  (11 de outubro).

En España existe a iniciativa 11deFebrero, unha iniciativa cidadá cuxo obxectivo é promover a organización de actividades para conmemorar o 11 de febreiro, promocionándoas e difundídoas na súa páxina web.

Na web Día Internacional, no blog Espacio Violeta e neste mesmo blogue pódense atopar máis ideas para conmemorar este día co alumnado.

Calendarios de Mulleres 2023

Estándar

 

Cada ano varios calendarios están adicados á visibilización de mulleres importantes e pouco coñecidas, esquecidas e/ou mesmo borradas da historia.

Este ano 2023 atopamos coma sempre o calendario “Tempo de mulleres, mulleres no tempo” esta vez sobre mulleres Artistas Visuais, do Sindicato de traballadoras e traballadores do ensino galego STEG; o do “Museo Massó“, arredor das mulleres do mar e o traballo na terra; o de “Past Women“, sobre as mulleres no pasado; o calendario que destaca a 12 artistas, poetas, dramaturgas, … da xeneración do 27, as chamadas “As sen chapeu“, de “Tutti Confetti”; e outros máis.

Pódense ver e descargar no blogue “Mulleres na Historia e Historia de Mulleres“, na seguinte ligazón mulleresehistoria.

“Oceánicas, pioneiras da oceanografía”

Estándar

O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) publica  o libro Oceánicas: pioneras de la oceanografía, en acceso aberto, unha edición ilustrada e dirixida ao público xuvenil que inclúe 20 biografías de científicas mariñas de todos os tempos: dende a primeira muller que deu a volta ao mundo durante a época das grandes exploracións, ata investigadoras que a día de hoxe lideran a loita pola conservación dos océanos.

As súas historias fálannos do desenvolvemento das ciencias mariñas os últimos séculos, pero tamén das dificultades ás que se enfrentaron as mulleres —na oceanografía, na ciencia e na vida— e da loita pola igualdade de moitas xeneracións.

A nova publicación de Editorial CSIC, de descarga gratuita, enmarcase no proxecto Oceánicas, unha iniciativa do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) cuxo obxectivo é poñer en valor o papel da muller nas ciencias mariñas, recuperar historias de pioneiras esquecidas e xerar vocacións científicas en nenas e nenos a través de referentes femininos. 

Pódese ampliar información premendo en CSIC, coñecer o proxecto aquí e descargar o libro nesta ligazón Oceánicas.

No ano 2020, o Instituto Español de Oceanografía realizou un almanaque adicando cada mes a unha muller experta en Oceanografía. O calendario pode descargarse premendo nesta ligazón Calendario.

 

Homenaxe a Anuncia Casado

Estándar

O pasado 21 de agosto a asociación “Os Torgueiros” organizou unha homenaxe a Anunciación Casado Atanes, máis coñecida polo alcume de “A Pasionaria” de Viana, sendo o 86 aniversario da súa morte, e a outras vítimas do fascismo na Terra das Frieiras.

Na última parte dos actos, as persoas asistentes desprazáronse á Casa da Viúva, na Gudiña, lugar onde os historiadores e investigadores Dionísio Pereira, David Simón e Lola Varela, presentados polo recoñecido etnógrafo gudiñés José Rodríguez Cruz, participaron nunha palestra moi interesante sobre a resistencia no 36, os represaliados e represaliadas, e a violencia exercida sobre as mulleres naquel agosto de 1936 e en adiante.

Anuncia Casado foi a responsable do Partido Comunista de España na comarca de Viana. Na Segunda República fixo propaganda entre os traballadores do ferrocarril da liña A Gudiña e Vilar de Barrio. Conta a súa historia Lola Varela en “Nós Diario”; pode lerse o artigo completo na seguinte ligazón Anuncia

Para máis información premer na entrada Anuncia Casado do blogue “Mulleres na Historia e Historias de mulleres“.

O legado das mulleres

Estándar

Fai algún tempo e con moito esforzo, un grupo de profesoras e profesores comezou o proxecto europeo Erasmus+ Women’s Legacy: Our Cultural Heritage for Equity. O pasado 6 de maio veñen de ser presentados os productos intelectuais do proxecto, no Palau de les Arts Reina Sofía, de Valencia. Este proxecto, coordinado pola Generalitat Valenciana con socias de Lituania, Italia, Escocia e algunhas socias españolas como Ana López Navajas (Coordinadora xeral), ten como propósito contribuir de maneira decisiva á inclusión das mulleres protagonistas da historia e da cultura, e o seu legado, nos contidos educativos.

Para ilo desenvolveron instrumentos de intervención didáctica que facilitan a inclusión de referentes femininos e das súas contribucións nos contidos educativos europeos. 

Os recursos, que se atopan en línea, en aberto e accesibles, son un banco de recursos ligado a cada sistema educativo con actividades e obras, sempre enmarcadas nunha materia e un curso e en relación cos contidos normativos para facilitar o seu uso na aula. Este banco de recursos será transferible a calquer outro sistema educativo europeo ou mundial grazas ao deseño da súa plataforma informática. En concreto:

  • Un catálogo de obras literarias de autoría feminina.

  • Un catálogo de obras artísticas e audiovisuais de autoría feminina.

  • Un catálogo de obras musicais de autoría feminina.

  • Unha formación para o ámbito STEM, que se impartirá a profesorado de educación secundaria e universitario en todos os países participantes.

É importante difundilo e utilízalo, polo que animan a coñecelo e usalo. E se é posible, colaborar. Xa está posto en marcha, agora toca completalo.

Para máis información e para ver o programa completo, pódese consultar a páxina web do proyecto: Women’s Legacy: Our Cultural Heritage for Equity.

As premiadas do “Cervantes”

Estándar

Tal día coma hoxe de fai 47 anos, para conmemorar o nacemento do escritor Miguel de Cervantes, é dicir, o 23 de abril de 1975, foi instituido o Premio Nacional de Literatura que vaise concedendo anualmente polo Ministerio de Cultura de España. Ao longo destes case 50 anos, só acadaron este galardón, o Premio Cervantes, 6 mulleres fronte a 41 homes.

A 1ª foi a filósofa e escritora española María Zambrano no 1988; a 2ª a escritora cubana e tamén avogada Dulce María Loinaz no 1992; a 3ª a catalana Ana María Matute no 2010; a 4ª a xornalista e activisara mexicana Elena Poniatowska no 2013; a 5ª a poeta uruguaia Ida Vitale no 2018.

A 6ª é a tamén escritora uruguaia Cristina Peri Rossi no 2021, que recibiu este ano o premio na Universidade de Alcalá de Henares.

Pódese ampliar información nesta ligazón Día do libro 2022.

Lembrando a Antía Cal

Estándar

Recentemente, o mércores 30 de marzo de 2022, ven de falecer en Vigo, con case 99 anos, a mestra e pedagoga galega Antía Cal.

O “Observatorio da Mariña pola Igualdade” e o Concello de Muras publicaron en 2015 a Unidade Didáctica “Antía Cal, educando iguais”  e un Díptico, sobre a pioneira da revolución pedagóxica en Galicia, Antía Cal.

A  UD está orientada para alumnado dos últimos cursos de Secundaria Obrigatoria así como ao de Bacharelato. Entre os obxectivos que busca destacan os de valorar e respectar a diferenza de sexos e a igualdade de oportunidades rexeitando os estereotipos de xénero, valorar a cultura e a historia propia e das demais persoas, así como o patrimonio cultural e histórico.

Salientar tamén que levou a cabo a introdución en Galicia de formas modernas de ensino, especialmente a través da Escola Rosalía de Castro, que fundou na cidade olívica en 1961. O colexio foi pioneiro na introdución do galego no ensino, e tamén do inglés, ademais de ser laico e mixto en plena ditadura.

Pódense descargar nas ligazóns, a UD e o Díptico explicativo sobre a vida e obra da “Tita do Mesón“.

Asemade no blogue “Mulleres na Historia e Historia de Mulleres” pódese atopar máis información premendo nesta seguinte ligazón Antía Cal.

 

Dez cómics feministas

Estándar

TBO en clase” web didáctica adicada ao cómic histórico, ven de publicar un artigo Esta imaxe ten o atributo alt baleiro; o se nome de arquivo é marie-curie.jpegCómics feministas – Diez cómics imprescindibles sobre mujeres“, no que quere recomendar unha serie de lecturas que consideran indispensables para comprender a loita feminista. Novelas gráficas debuxadas por homes ou mulleres, pero onde as verdadeiras protagonistas das historias son as propias mulleres. Polo que falan de cómics feministas no seu sentido máis amplo.

As dez protagonistas son:

  1. Sisí, emperatriz rebelde: obra de Giorgia Marras, La biografía de Sisí logra captar boa parte da esencia independente da emperatriz Sisí.
  2. Credo: obra de Peter Bagge, e a biografía de Rosa Wilder Lane, unha muller que desafiou todas as normas da súa época.
  3. Rani: última obra de Jean van Hamme, Rani. Trátase dunha historia de aventuras, persecución e conspiracións.
  4. Estamos todas bien: de Ana Penyas, Estamos todas bien é unha obra autobiográfica baseada na vida das súas dúas avoas.
  5. El fruto prohibido: Liv Strömquist escribiu El Fruto Prohibido que da a sensación de estar lendo un documental sobre todo o que rodea ao órgano sexual feminino.
  6. El cantar de Aglaé: creado por Anna Simon, El Cantar de Aglaé é uhna fábula feminista en base a un personaxe que escapa de toda virtude. Continúa en La emperatriz Cixtitis.
  7. Rosa Lux 19: obra didáctica e divulgativa de Vanesa Ripio sobre Rosa Luxemburgo que pode ser considerada como libro de texto teórico.
  8. Persépolis: obra de Marjane Satrapi, Persépolis é un alegato contra a estupidez humana, veña de onde veña.
  9. La virgen roja: obra de Loouise Michel, La Virgen Roja é unha novela gráfica ambientada na Comuna de París de 1871.
  10. Marie Curie:  a obra de Alice Milani, Marie Curie é unha mirada cara a incomprensión dunha sociedade que ignoraba os logros das mulleres.

Outros cómics feministas son:

  • María Pita: a célebre muller que se armou de valor e enfrentouse, sen coñecementos militares, ás tropas inglesas que trataban de ocupar A Coruña. 
  • Lluvia: unha historia que mezcla ecoloxismo e loita polo medio ambiente, Lluvia do matrimonio Talbot, tamén visibiliza unha relación homosexual entre dúas mulleres.
  • Temporada de rosas: Bárbara, unha chica adolescente forte, decidida e empoderada, que non dubida en enfrentarse aos roles impostos pola sociedade. Temporada de rosas é un cómic de Chloé Wary.
  • Clara Campoamor: editado por Cascaborra, Clara Campoamor fai un percorrido biográfico pola autora, abordando as súas distintas experiencias vitais.
  • Concepción Arenal: unha novela gráfica debuxada pola súa propia tataraneta Teresa Novoa, Concepción Arenal pretende acabar con esa imaxe de muller severa que acompaña ao seu retrato.
  • Zilia Quebrantahuesos: de Laura Rubio,  Zilia Quebrantahuesos é unha saga ambientada no Aragón medieval, no que aparecen dragóns, fadas, duendes,…
  • Eileen Gray: a biografía da arquitecta Eileen Gray descríbese a súa personalidade, as súas relacións personais e a creación da súa obra máis emblemática, a casa E-1027.
  • Love me please. Janis Joplin: a cantante norteamericana Janis Joplin coa súa gran voz logrou encandilar ao pobo estadounidense, pero terminou coa súa vida á idade de 27 anos. 

Pódese ler o artigo completo en TBO en clase

Visibilizando ás mulleres todos os días do ano

Estándar

Próximo a comezar o 2022 varios calendarios adican as súas páxinas á visibilizar mulleres esquecidas ou borradas da memoria, tanto de España como do munfo enteiro.

Un exemplo é o almanaque de Tutti Confeti en torno á mestras españolas:

Mestras, mulleres que saben e ensinan.

Outra mostra é o do IES ViIla de Firgas, en As Palmas de Gran Canaria, realizado polo alumnado da materia de Historia da Arte de 2º de bacharelato. A temática do calendario é A Muller na arte e cada mes amosa unha artista feminina. A todas elas, que non sempre ocuparon o lugar que merecen na arte, adican este pequeno homenaxe.

Mulleres na arte

Sen esquecer o calendario da STEG (Conferederación Intersindical Galega) que dende 2008 saca á luz mulleres de distintos ámbitos, nesta ocasión ás mulleres cineastas que de unha ou otra maneira adicaron a súa vida ao cine, tanto na interpretación como na dirección, na producción ou como guionistas ou compositoras ou sonidistas.

Mulleres no Cine

Tamén queremos compartir o calendario elaborado pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda coa AS-PG Asociación Socio-Pedagóxica Galega no que fan a lembranza de mulleres nadas hai 100 anos. Doce historias diversas, desde a de María Casares (a galega que foi a grande dama do teatro francés) até a da nosa queridísima Luz Pozo (poeta e moito máis), pasando pola de Mariví Villaverde e a memoria do exilio…

Aquí podedes visualizar e descargar este novo calendario 2022

“COMANDO IGUALDADE”, 10 anos nas aulas

Estándar

Chis Oliveira, catedrática de Filosofía e experta en Educación Afectivo-Sexual, a mestra, e Priscila Retamozo, polítologa e cun mestrado en xénero, a alumna, veñen de publicar

Comando igualdade. A mocidade facendo a revolución feminista nas aulas!

O libro foi editado por Catro Ventos e conta a historia do “Comando Igualdade” que naceu en Vigo, nun Instituto de Coia, o IES Alexandre Bóveda, de máns da profesora Chis Oliveira hai uns 10 anos.

Todo comezou co “Proxecto Bata”, semente do futuro grupo de alumnado que deu froito ao activismo feminista levado ás aulas deste instituto e espallándose a outros institutos de Galicia co paso do tempo ata hoxe en día.

Chis abréulles os ollos, e elas e eles puxeron as gafas violetas da igualdade pero xa non quixeron quitalas nunca máis e implantaron a cor do feminismo moi dentro, no profundo do seu ser.

No libro, asemade, pódense atopar moitas referencias, de total actualidade, con enlaces QR para afondar nos temas que se tratan e para ver ao comando en plena acción.

Aquí tedes en palabras das autoras ao xornal Atlántico a importancia desta publicación La revolución feminista comienza por las aulas.

A presentación do libro estase a realizar en varios lugares de Galiza,con motivo do 25 N. Así xa estiveron no Concello de Vigo, na Libraría Lila de Lillith en Santiago, na Libraría Paz de Pontevedra, no IES Laxeiro de Lalín, en Culturgal… E podemos atopar referencias na páxina web da Consellería de Educación da Xunta de Galiza e no artigo que Lola Varela publicou no mes de maio en NÓS Diario, cando o libro estaba aínda na imprenta, “Comando Igualdade”.

Como conclusión, salientar a necesidade de que exista un Comando Igualdade non só en todos os centros de ensino, senón tamén en calquera recuncho da sociedade.

No Concello de Vigo
En Lila de Lillith
Na Libraría Paz