Podemos usar contos para traballar e reflexionar co alumnado sobre isto.
Category Archives: Educación primaria
Sen estereotipos
Con respecto, sen estereotipos
As matronas e o coidado das mulleres
“Pode sorprender, mais o oficio de matrona é ben descoñecido. As matronas poden desenvolver moitas tarefas máis alá do seguimento do embarazo, axuda no parto e na crianza. Entre outras, impartir cursos para fortalecer o solo pelviano e previr a incontinencia urinaria; abordar a menopausa e dar charlas de educación afectivo-sexual con perspectiva de xénero; informar respecto do control da natalidade…” Estas son algunhas das moitas funcións a desempeñar por estas especialistas, aínda non valoradas nin coñecidas dabondo.
Este é o asunto que nesta ocasión aborda Lola Varela no xornal NÓS Diario do día 2 de febreiro
Podedes descargar aquí este artigo
11 de Febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia
Os estados membros da ONU propuxeron que o 11F fora declarado o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia en recoñecemento ao papel clave que desempeñan as mulleres na comunidade científica e na tecnoloxía.
A Asemblea Xeneral aprobou esta resolución o 22 de decembro do 2015.
A 8ª Asemblea deste Día terá lugar do 8 ao 10 de febreiro de 2023 na Sede das Nacións Unidas, en Nova Iorke.
Pódese participar en diálogos e debates con mulleres expertas, mozas e profesionais para situar a ciencia, a tecnoloxía e a innovación no centro dos programas de desenvolvemento sostible, rexistrándose nesta ligazón, Día Internacional.
Este ano 2023 céntrase no papel das mulleres, as nenas e a ciencia en relación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), co lema “Innovar. Demostrar. Elevar. Avanzar. Soster (IDEAS)”
Ademais, por primeira vez incluirá un obradoiro de ciencia para nenas cegas, en Braille, “Facer a ciencia accesible“.
Outros días internacionais vencellados ás nenas son o Día Internacional das Nenas nas TIC (22 de abril) e o Día Internacional da Nena (11 de outubro).
En España existe a iniciativa 11deFebrero, unha iniciativa cidadá cuxo obxectivo é promover a organización de actividades para conmemorar o 11 de febreiro, promocionándoas e difundídoas na súa páxina web.
Na web Día Internacional, no blog Espacio Violeta e neste mesmo blogue pódense atopar máis ideas para conmemorar este día co alumnado.
A eco-arquitectura da man dunha muller
Nestes tempos complexos e difíciles de abordar, como consecuencia do cambio climático, da escaseza de fontes de enerxía e da preocupación polo medioambiente, as chamadas construcións bioclimáticas deberían ser o camiño a seguir. Recuperar o saber ancestral e adaptalo para o futuro. Salima Naji é un exemplo disto. No pasado mes de xaneiro, Lola Varela publicou este artigo no xornal NÓS Diario para visibilizar a mulleres valiosas.

Salima Naji: a eco-arquitectura e o saber ancestral
Lola Varela
Podemos inspirarnos no pasado para crear as vivendas que respondan ás necesidades do noso futuro?. Esta é a teima na que a arquitecta e antropóloga marroquina (con formación tamén en Belas Artes) Salima Naji está debruzada desde hai máis de 20 anos. Formada en Francia, regresou ao seu país natal onde se sinte moito máis útil para dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio propio que, como consecuencia da subordinación sufrida no período colonial (1912-1956), quedou asimilado a algo primitivo e menosprezado. Desa época, ven o antagonismo entre “beldi” (tradicional) e “asri” (moderno) ou a coñecida oposición medina indíxena/vila europea. Arestora, o traballo de Naji promove no país unha corrente favorable á cultura das construcións bioclimáticas, valorizando e modernizando a arquitectura tradicional.
Co gallo da Conferencia Mundial sobre o Cambio Climático, celebrada en Marrakech no 2016, realizouse o filme Eco-construction dans le sud du Maroc coa colaboración de Salima, que puxo o foco sobre esas construcións colectivas en adobe tan suxerentes como os “Ksar” ou as “Kasbah”, poboacións fortificadas, ou os “Agadir”, celeiros colectivos, todas elas acaídas para afrontar os efectos causados polo cambio climático. Porque no futuro, ademais de asegurar o benestar da veciñanza, as construcións deberán ter en conta o impacto ambiental no tocante aos recursos empregados, o custo enerxético, a emisión de gases con efecto invernadoiro, a duración das obras, os residuos xerados e a posibilidade de reutilización.
Este desafío global, resulta aínda máis urxente nas áreas de climas áridos e altas temperaturas, como xa apuntou o arquitecto exipcio Hassan Fathi (1900-1989), chamado o arquitecto das persoas pobres. Sen dúbida un dos pais da arquitectura sostible e vernácula, recuperou antigas técnicas de construción realizadas con materiais da zona para poñelas ao servizo dunha arquitectura moderna. Fathi, decatouse das propiedades do adobe, as arxilas e as areassecadas ao sol e mesturadas con palla, como material construtivo asequible e barato. A mestura destes materiais proporcionaba, ademais, un excelente illante térmico que resultaba moi eficaz no deserto para se protexer dos grandes contrastes de temperatura entre o día e a noite.
Neste marco atopase o traballo que Salima Naji realiza en Marrocos coa colaboración de institucións nacionais e locais e co apoio financeiro de organismos internacionais, para difundir esta nova cultura das construcións bioclimáticas a través do rescate de tecnoloxías do pasado e saberes que aínda persisten nas comunidades locais.
Particular interese ten a aplicación destes principios innovadores en obras de interese social como: centros de saúde, casas de maternidade, bibliotecas, escolas, locais culturais…, para ofrecer á poboación espazos públicos de maior calidade e máis saudables ao substituír o aire acondicionado por elementos como os captadores, reguladores ou saídas de aire tendo en conta os ventos dominantes e as correntes, as celosías para suavizar a luz ou a colocación de fontes de auga nas paredes ou no chan que refrescan o ambiente.
Todas as obras realizadas por Salima Marrocos adiante, teñen os seguintes elementos en común: fan uso de materiais locais que precisan dos coñecementos dos artesáns e o uso do cemento está reducido ao mínimo; rescatan formas arquitectónicas tradicionais que permiten crear espazos saudables e agradables, onde diminúe moito o consumo enerxético; as obras realízanse coa participación de traballadores locais que aportan os seus saberes coa perspectiva de crear cadeas produtivas de construción ecolóxica e formar una nova xeración de artesáns que contribúa a fixar poboación.
Recoñecida por prestixiosos premios relacionados coa arquitectura sostible, podemos achegarnos ao traballo de Salima Naji a través das súas publicacións: Art e architectures berbères du Maroc, Greniers collectifs de l´Atlas ou Architectures du bien commun: Pour une éthique de la préservation, entre outras. E ademais no seu sitio web https://salimanaji.com con abundante información e fermosísimas fotografías.
Podedes ler este artigo na versión orixinal do xornal premendo no título Salima Naji: a eco-arquitectura e o saber ancestral
E para saber máis desta valiosa muller, visitade o blog Mulleres na historia e Historias de mulleres no artigo Eco-arquitecta e antropóloga marroquí
Ellas hicieron Historia

Un material moi atractivo e interesante para achegar a nenas e nenos o nome e unha imaxe de mulleres vencelladas ao mundo da ciencia e da innovación, entre elas: Hypatia, Sophie Germain, Ada Byron, Hedy Lamarr e Margarita Salas.
Son fichas para colorear editadas por Unidad de Igualdad de la Secretaría General Técnica del Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
Podedes descargar aquí esta publicación Ellas hicieron Historia
Maruja Mallo, unha galega das “Sinsombrero”

Maruja Mallo, artista da Xeración do 27 e das “Sinsombrero”, foi nomeada no pasado mes de decembro, por unanimidade, cos votos de todos os partidos políticos do concello, Filla Adoptiva de Madrid a título póstumo. O seu nome pasa a engrosar unha lista cunha vintena de membros na que só figura unha muller, e non por méritos propios: a filla do ditador Francisco Franco.
Maruja Mallo é unha figura clave da primeira metade do S XX español: non só pola súa relevancia artística, formando parte dos grupos renovadores da arte e da Xeración do 27, senon tamén por participar nos movementos de emancipación feminina e conquistar logros reservados, na súa maioría, ao territorio masculino.
As “Sinsombrero” foron mulleres da mesma Xeración do 27 cun gran compromiso co seu tempo e coa realidade política e social . Como os seus coetáneos varóns, Luis Cernuda, García Lorca, Jorge Guillén, Vicente Aleixandre, Alberti, Buñuel ou Dalí participaron de forma activa na vida cultural e nos acontecementos que caracterizaron o S XX español aínda que a elas non se lles otorgou a categoría de suxeito político, nin o lugar que lles corresponde na historia por dereito propio.
Este ano “Tutti confetti” dedica o calendario do ano 2023 a estas mulleres, as “Sinsombrero”: Concha Méndez, Ernestina de Champourcín, Josefina de la Torre, Marga Gil Röesset, Margarita Manso, Mª Teresa León, María Zambrano, Maruja Mallo, Rosa chacel, Luisa Carnés e Ángeles Santo. Todas elas escritoras, pintoras, escultoras, filósofas, actrices… de gran valía ás que temos que facerlle xustiza e recuperalas para o noso saber colectivo.
Premendo aquí podedes acceder a este calendario e a outros tamén de interese para visibilizar mulleres valiosas Calendarios 2023
Remata o calendario das “Sinsombrero” cunha imaxe moi interesante para reflexionar sobre a importancia que en determinados tempos, culturas ou relixións se deu, e aínda se da, a cubrir a cabeza das mulleres.

Para saber máis da importancia destas mulleres, o Ministerio de Educación y Formación Profesional a través do Portal de recursos educativos Leer.es achéganos información de gran calidade nos seguintes apartados: Proyecto educativo, Vida y obra, Materiales audiovisuales, Espacios web e Aplicación interactiva. Salientar os tres documentais interesantísimos de RTVE: Sin ellas la historia no está completa, Ocultas e impecables e El exilio.
Premendo aquí podedes acceder a estes recursos Las Sinsombrero
Calendarios de Mulleres 2023

Cada ano varios calendarios están adicados á visibilización de mulleres importantes e pouco coñecidas, esquecidas e/ou mesmo borradas da historia.
Este ano 2023 atopamos coma sempre o calendario “Tempo de mulleres, mulleres no tempo” esta vez sobre mulleres Artistas Visuais, do Sindicato de traballadoras e traballadores do ensino galego STEG; o do “Museo Massó“, arredor das mulleres do mar e o traballo na terra; o de “Past Women“, sobre as mulleres no pasado; o calendario que destaca a 12 artistas, poetas, dramaturgas, … da xeneración do 27, as chamadas “As sen chapeu“, de “Tutti Confetti”; e outros máis.
Pódense ver e descargar no blogue “Mulleres na Historia e Historia de Mulleres“, na seguinte ligazón mulleresehistoria.

Coeducación e convivencia no currículo LOMLOE
“O obxectivo deste artigo é analizar sucintamente a coeducación e o tratamento da igualdade nos currículos derivados da LOMLOE e expoñer os aspectos clave para traballar de forma coeducativa con este currículo na aula. Atopamos que é un currículo competencial e que recolle entre os seus elementos fundamentais a convivencia e a coeducación”, con estas palabras intoducen o seu artigo a Orientadora do CEIP Villaverde-Mourente (Pontevedra) Azucena Arias e o Inspector de Educación Jose Mª Alén, publicado estes días no Nº 84 de eduga revista galega do ensino.

Relación entre obxectivos de área, criterios de avaliación e contidos que presenta o currículo galego da LOMLOE

Contextualización dos contidos na avaliación no currículo LOMLOE

Roles do profesorado e do alumnado para aplicar metodoloxías LOMLOE
Estamos diante dun texto rigoroso que vai acompañado de elementos gráficos que colaboran a súa comprensión, asi como de dous anexos onde se citan a modo de exemplo obxectivos de área relacionados coa convivencia e a coeducación en Educación Infantil e Primaria e na etapa de ESO.
Parabéns a Azucena Arias e a Jose Mª Alén, persoas vencelladas á coeducación desde hai moitos anos e imprescindibles neste blog.
Podedes acceder a este artigo premendo aquí Coeducación e convivencia no currículo LOMLOE
Dous proxectos que pretenden visibilizar as achegas das mulleres
- “HISTORIA DAS MULLERES” DO CONCELLO DE PONTEVEDRA
Un proxecto do Concello está a contribuír ao coñecemento e difusión da historia das mulleres do concello de Pontevedra.
Pódese acceder ás biografías neste enlace.
Formando parte dese proxecto hai un mapa un no que se recolle a pegada presente na cidade de mulleres que aparecen en esculturas ou paneis informativos ou que dan nome a parques, rúas, murais,… O mapa complétase con 20 textos breves que recollen parte da historia de once mulleres ademais de dar información sobre murais, roteiros e acontecementos de represión.

2) “365 DÍAS- 365 MULLERES” DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
A Deputación de Pontevedra para visibilizar a pegada que deixaron as mulleres ao longo da historia, as súas achegas no avance da sociedade actual, puxo en marcha este proxecto.
Tenta facer visibles as súas achegas, importantes para o desenvolvemento cultural, científico, literario, económico, musical,… Hai unha proposta para cada día do ano: pioneiras do feminismo, escritoras, investigadoras, xornalistas, filósofas, cineastas, deportistas,…
Hai unha edición de calendario do período 2021-2022 e outra do 2022-2023. Ambas poden consultarse neste enlace.
