Category Archives: Novas

Feminismo marroquino: fé de vida

Estándar

Novamente en “Nós Diario” aparece publicado un artigo de Lola Varela onde descubre novas referentes femininas do mundo árabe, froito da súa estadía de seis anos en Marrocos.

Nesta ocasión o título é:

Feminismo marroquino: fé de vida 

“Desde a mítica Al-Kahina, raíña e guerreira bereber que combateu a expansión arabo- islámica polo Maghreb no s. VII, ata Zohra Koubia, presidenta arestora de “Forum de Femmes au Rif”, principal organización de mulleres no norte de África, existe unha longa traxectoria de mulleres activistas pola democracia, contra as guerras coloniais e a prol dos seus dereitos.

Raíñas como Subh e Zaynab al-Nafzawiyya son lembradas na historia do Maghreb pola súa valentía e intelixencia; houbo grandes poetas na Corte de Granada tal que Nazhum bint al-Quila´i e Hafsa ar-Rakuniyya e tamén embaixadoras diante de reinos europeos como Oum el-Ez Ettaba ou Dawiya, correndo o s. XVIII. Caso especial, que aínda arrepía lembrar, é o da poeta e cantante Kharboucha, que animou as loitas dos Oulad Zayb (tribo da zona de Safi) contra a tiranía do Makhzen, o poder central, a fins do s. XIX. Detida e torturada ata a morte, os seus cantos non coñeceron fronteiras e a súa vida inspirou artistas marroquinos, que levaron o seu combate á literatura, o cine e ao teatro.

Ás veces, os poemas eran verdadeiras arengas contra o colonialismo francés ou español, caso da poeta e cantante analfabeta Taougrat Oult Aïssa, verdadeira líder popular dunha aldea do Medio Atlas que, nas súas creacións, chama as mulleres a combater a carón dos homes contra o exército invasor. Algo semellante acontece con Miririda N´aït Atiq, nacida en Tassaout (sur de Marrocos) no abrente do s. XX: poeta, cantante e feminista iletrada, que ergue a súa voz contra as estruturas patriarcais. Os seus poemas, publicados en Francia no ano 1959, así como o seu devalar vital (exerceu a prostitución para non ter que casar) son actos subversivos que rexeitan todo tipo de poder e de autoridade.

Unha das pioneiras do movemento feminista moderno foi Malika al-Fassi, única muller que asinou o Manifesto da Independencia entregado ás autoridades francesas en 1944, no medio de 66 sinaturas masculinas. A súa posición como membro destacado na dirección do partido nacionalista L´Istiqlal, permitiulle loitar pola educación das mulleres en Marrocos e polo dereito ao voto feminino, conseguido no ano 1963.

Outra dona debruzada en conseguir o acceso ao ensino secundario e superior das súas compatriotas foi Touria Chaoui, primeira muller piloto no Maghreb, asasinada en 1956 con tan só 19 anos polo seu compromiso coa independencia do país e coa liberación das mulleres. Nunca foi clarexada a súa morte e podemos considerala unha das grandes esquecidas da Historia.

A chegada dos anos 70 e a morte da militante de esquerda e feminista Saïda Menebhi tras unha folga de fame no cárcere de Casablanca, temido centro de tortura, puxo de manifesto a loita das mulleres e a súa presenza na esfera política.

A partir deste intre vai agromar con máis forza o feminismo en Marrocos e as mulleres comezarán a esixir a paridade cos homes en todas as estruturas e polo tanto a ocupar postos de responsabilidade; este é o caso de Khadija Rhamiri que, formando parte da dirección da UMT (Union Marocaine du Travail) acadou a feminización do sindicato, incluíndo reivindicacións específicas da muller traballadora. Tamén de Hakima Chaoui, membro do Secretariado nacional da OMCT (Organisation Mondiale Contre La Torture) e poeta, ameazada e agredida en varias ocasións por membros de partidos islamistas polos seus textos en defensa dos dereitos das mulleres. Ao cabo, Khadija Ryadi, enxeñeira e funcionaria no Ministerio de Finanzas, foi a primeira muller en presidir a AMDH (Association Marocaine des Droits Humaines) e recibiu o Premio dos Dereitos Humanos da ONU no ano 2013.

E rematamos esta breve ollada ás combativas mulleres de Marrocos coa figura citada ao comezo: Zohra Koubia, fundadora (1998) do “Forum de Femmes” e membro da dirección da AMDH. Militante de esquerda moi activa en ambos os colectivos, defende que a confrontación contra o patriarcado leva de seu a loita contra os réximes autoritarios e que co avance do feminismo e a democratización da sociedade, poderá mudar a situación política do Reino alaouita. Para elas, todo o noso apoio.”

Tamén se pode ler neste enlace:

Feminismo marroquino

 

 

Artigo sobre “O dereito á educación no artigo 27 da Constitución Española: A educación diferenciada por sexos”

Estándar

Achégovos un artigo recentemente publicado na revista Supervisión21 de USIE onde se aborda dende un punto de vista educativo e xurídico este tipo de educación. (Leer máis…)

A DIVERSIDADE NAS NOSAS AULAS

Estándar
O pasado día 6 de marzo publicaba Lola Varela un novo artigo en Nós Diario e nesta ocasión o tema escollido é a diversidade afectivo-sexual e de xénero coa que convivimos nas nosas aulas e a importancia de saber abordala para que a escola sexa de certo inclusiva.
Podedes atopar o artigo no seguinte enlace ou lelo a continuación:

A diversidade nas nosas aulas

No outono de 2016, un diario de tiraxe estatal publicaba un artigo titulado O profesorado abre as portas do armario: “É unha responsabilidade co alumnado LGTBI”. Nel, dúas profesoras e un profesor contaban como deran a coñecer a súa homosexualidade no centro de ensino onde traballaban e, máis que nada, fixérono polo alumnado: “É moi duro medrar sen referentes, ser un ou unha adolescente LGTBI e non ter nada co que identificarte”, “os centros de ensino non están libres de machismo e homofobia e iso leva a ter medo ás reaccións das familias, do alumnado, aos insultos, ao acoso e aos prexuízos”. Ao fío do artigo, un ex-alumno meu publicaba en facebook o seguinte comentario: “Hai 20 anos cando eu estudaba no instituto tiven un par de profesores que xa traballaban sobre a identidade e a orientación sexual desde dous campos tan distintos como a filosofía e a lingua e literatura, sen pertencer ao colectivo LGTB. Facíano de dúas formas diferentes, pero de xeito tan normal que o que suscitaban era o debate…traballaban polo empoderamento de cada quen para descubrir, crear e presentar a súa identidade e orientación sexual, respectando a allea…”. E remataba dicindo: “Grazas pola vosa implicación como cidadás”. Daquela, comprendín a importancia das nosas actitudes nas aulas.

Hai pouco, asistín a unha xornada de formación organizada polo Concello de Pontevedra dentro do programa “Pinto e Maragota” sobre A diversidade sexual e de xénero nas aulas. Materia pendente?. Certamente, aínda é unha materia pendente e así ficou demostrado na enquisa LGTBIQA+ realizada nos centros de Secundaria en Pontevedra. O 20% do alumnado sitúase no colectivo LGTBIQA+, un 24% deste grupo recoñece ter sufrido algún tipo de agresión e o 20% sentirse excluído, nalgún intre, no eido educativo. Cando aínda un 60% do alumnado con diversidade sexual o de xénero ten medo a “saír do armario” e o 14% considera que o instituto non é lugar seguro, debemos preguntarnos que papel está a xogar o profesorado? Como é posible que case un 10% do alumnado considere que a transexualidade e a homosexualidade son enfermidades con remedio?.

Responderon á enquisa por volta de 900 persoas, das cales só 35 son profesores/as. É que non teñen interese pola diversidade? Non se consideran con formación para abordar estes temas? Non valoran a importancia de poder axudar ao desenvolvemento da identidade e a formación integral do seu alumnado? Nesa xornada, a pediatra Inés del

Río comezou e rematou a súa intervención convidándonos a “re-debuxar o xénero”; só deste xeito poderemos facer un mundo libre de exclusións. E para iso, primeiro compre ter sensibilidade dabondo para ver a dor na faciana do alumnado e logo, iso si, contar con recursos e apoio da Dirección do centro e da Administración.

Trátase de levar á práctica o que xa temos; velaí a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e non discriminación LGTBI en Galicia, que no seu Título II, Capítulo V fala de medidas no ámbito da educación, e nos artigos 22 ao 26 recomenda a inclusión da realidade LGTBI nos plans de estudos, a realización de actividades para a prevención de comportamentos discriminatorios nos centros, a formación do persoal docente, a divulgación desa realidade entre as ANPA e actuacións para combater o acoso e facer visibles as diversidades. Tamén contamos cun Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero (2016), onde se dan orientacións de como actuar nun centro desde a Dirección e o Dpto. de Orientación.

E para continuar formándonos podemos botar man dalgúns recursos que compartir co alumnado, quer o visionado de materiais moi didácticos como Dibujando el género, en castelá, catalán e inglés, quer de películas que recollen episodios reais como a estadounidense Boys don´t cry, ou alentar lecturas como os diferentes ensaios de Lucas Platero e, para xente máis nova, as novelas 22 segundos, ou Fóra do normal.

A diversidade é unha realidade tanxible na escola e deberíamos considerala un valor positivo; só así a escola será de certo inclusiva.

04/03/2020

Lola Varela

COEDUCACIÓN E PLANS DE IGUALDADE

Estándar

O día 28 de febreiro o alumnado do Ciclo Superior de Promoción de Igualdade de Xénero do CIFP A Xunqueira de Pontevedra asistíu a unha charla da profesora recentemente xubilada e experta en coeducación Lola Varela, invitada pola profesora dese centro Luisa Fernanda Aris.

IMG-20200306-WA0032
Con esta intervención pretendíase transmitir ás futuras promotoras e aos futuros promotores de Igualdade a importancia da coeducación ou educación en igualdade desde o comezo das etapas educativas e como para facer efectiva esta aprendizaxe é preciso botar man de ferramentas como dotarse dun bo Plan de Igualdade no centro de ensino.

IMG-20200306-WA0039
A elaboración deste Plan de Igualdade trae aparellado un fondo análise do centro e do seu funcionamento, co obxectivo de mudar actitudes e comportamentos machistas así como de evitar estereotipos de xénero e discriminacións.

Para ter a información completa desta intervención podedes ver o power point que resume o tratado ese día, no seguinte enlace:

COEDUCACIÓN E IGUALDADE

 

Das que non se fala

Estándar

Novamente, o 1 de febreiro, o Diario Nos publica un artigo de Lola Varela. Pódese atopar entrando neste enlace Das que non se fala, ou lélo a continuación.

Das que non se fala

Entre as razóns que poden levar a unha muller a vender o seu corpo están, entre outras, a miseria extrema, a loita pola existencia na emigración ou a supervivencia fronte á represión política… Hoxe traemos pequenos anacos desas vidas acotío silenciadas e tentaremos partillar tristezas, inxustizas e moita dor.

Daquela emigrado en Cuba, Roberto Blanco Torres cóntanos nun duro artigo publicado no xornal pontevedrés El Progreso en xuño de 1916 e titulado La mujer española en Cuba, como vivían moitas desas mozas, galegas por certo, acabada de chegar da aldea á illa. Desamparadas, enganadas e menosprezadas, ían coa idea de traballar de criadas de servir ou coidar crianzas, pero remataban de vez nas mans de homes desalmados que as prostituían ou no leito dos seus señores e señoritos; logo, unha vez “deshonradas” xa eran carne de bordel. Segundo Blanco Torres, non había rúa na Habana que non tivera un “lupanar clandestino” e resultaba tan indigna esta situación (fala, mesmo, de pederastia), que o escritor clama para que España coide daquelas rapazas mediante as distintas institucións de beneficencia ou da colonia hispana radicada na illa. Que aquilo arrepiaba era un segredo a voces que ninguén quería recoñecer; porén, nese mesmo ano, a escritora asturiana residente en Cuba Eva Canel publicou na revista Asturias un texto co título La protección a la mujer. Hechos, no palabras, no que propuña se lle ofertaran a estas mulleres posibilidades de formación e de aprender un oficio (mecanografía, corte e confección…) que as liberara de exercer a prostitución como único recurso para sobrevivir.

A represión política sobre elas e as súas familias foi outra causa que levou a se prostituír a non poucas mulleres tras o verán do 36; velaí o caso de Aurelia, irmá do alcalde de Mugardos asasinado no inicio do golpe militar, o militante do PCE Juan Prieto Balsa. Outro irmán, Arturo, dirixente do Sindicato de Industria Pesquera (CNT) de Vigo, tamén fora fusilado en 1938, logo de estar preso en San Simón. Seica coa morte deste último a nai enfermou; outra irmá, María, emigrara a Cuba e alí tratouna Neira Vilas. A familia desfíxose e a única nova que temos de Aurelia é unha requisitoria do Juzgado de Partido de Tetuán publicada no Boletín Oficial de Ceuta o 25 de abril de 1940, no que se busca a Aurelia Prieto Balsa, veciña de Ceuta e de profesión “meretriz”. Segundo a descarnada prosa oficial, Aurelia tiña 24 anos, pálida faciana, cabelo louro e ollos cor de mel.

Noutras ocasións o compromiso social e político posibilitou o cambio de vida e a volta á dignidade de ser muller. Tal aconteceu con Basilisa Álvarez “A Corales”, carrexadora de peixe, pescantina e logo empacadora no Muro coruñés, onde desenvolveu un gran traballo na sociedade de oficio La Razón, integrada na CNT. Procedente do Rosal chegou á Coruña con 15 anos e foi “muller do trato” até case os 30; a partir de aquí o seu labor societario non cesa. Basilisa ocupará cargos de relevo no sindicato; despois, na guerra, a súa humilde vivenda das Atochas serviu de agocho para fuxidos, actuando na clandestinidade até a súa detención e condena a 20 anos de cadea en 1938. No cárcere sabemos que foi exemplo de afouteza e solidariedade coas demais presas; logo, perdemos a pista desta muller destemida e xenerosa.

A fame negra, a miseria vergoñenta (a nai, rameira de aldea) e a salvaxe violación sufrida aos 10 anos, que a deixou estéril, levou a Agustina (despois Carolina), filla de Carmen Otero “A Gurumela” a marchar mociña de Valga. Aproveitando o seu ollar sedutor e un corpo ben feitiño remontou as penurias da vida, cantando, bailando e traballando no Pombal de Compostela e nos “barrios” de Pontevedra, Lisboa e Barcelona até chegar a Parsi para, alí, se converter na “Belle Otero”, estrela do Folies Bergère. Amante de banqueiros, grandes empresarios, artistas famosos e homes de estado e da realeza de medio mundo, chegou a ser a cabalo dos séculos XIX e XX a muller máis cara do mundo: 10.000$ a noite.

Cómpre falar delas, das que nunca se fala.

Mulleres no rural

Estándar

Novamente podemos ler un artigo de Lola Varela sobre a muller no rural galego publicado o 7 de xaneiro de 2020 no Xornal de Tabeirós-Terra de Montes, e tamén o podemos atopar no seguinte enlace:

Muller no rural

Muller no rural

Lola Varela

Imagem

Segundo a OCDE Galiza está considerada como zona “significativamente rural” (SR), xa que a maioría dos concellos teñen menos de 5.000 hab. Dos nosos 314 municipios, 263 responden a esta clasificación e neles vive algo máis do 30% da poboación. Poboación que arestora non acada os 2.700.000 hab. e da que o 52% somos mulleres. É dicir que estamos a falar da maior parte do noso territorio, o rural, e da maioría da nosa xente, as mulleres. Haberíase que preguntar que acontece entón para que a Administración, quer a do Estado, quer a galega, non invista onde e como debería de ser. Por que asistimos ano tras ano ao peche de explotacións agrogandeiras, á redución da superficie agraria útil e a un empeoramento da vida da poboación do rural, sinaladamente das mulleres?.
Se facemos un apresurado diagnóstico de xénero do que pode significar hoxe a vida no rural galego, atoparíamos: masculinización imperante en case todos os eidos, mercado laboral moi restritivo para as mulleres cun menor acceso a infraestruturas e servizos, persistencia dos roles de xénero a través da reprodución e mantemento do réxime patriarcal, subsidiaridade e xerarquización dos traballos e do papel social das mulleres, desfamiliarización agraria en aumento, precariedade no acceso ás novas tecnoloxías e diminución do transporte público…
Eu que vivo nunha pequena aldea da Terra de Montes con a penas 25 veciños e veciñas, podo dar fe destas e doutras eivas, sen que exista unha planificación axeitada e decidida por parte da Xunta para fixar e manter a poboación no ámbito rural, desenvolvendo as posibilidades que aínda temos e que non son poucas, dende as explotacións agrogandeiras ate unha silvicultura polivalente e respectuosa co medio; dende alternativas de ocio e turismo rural, ate o eido das enerxías renovables….
Faise moi difícil vivir e traballar no rural e máis aínda sendo muller. A falta de oferta formativa e as cativas posibilidades de emprego nun entorno conservador, aumentan o padecemento e alentan o maltrato de xénero: hai un maior número de vítimas que nas cidades (6 de cada 10 mulleres) e son máis silenciadas ao vivir en sitios pequenos onde toda a xente se coñece, a vergoña está moi presente na familia tradicional e o persoal de apoio e axuda nestes casos escasea ou non está debidamente formado. Ademais, a dependencia económica feminina das súas parellas é moi forte (apenas un 30% da afiliación ao Réxime Especial Agrario son mulleres e a maioría recibe unha pensión non contributiva) e as axudas da administración por violencia de xénero son moi cativas: 400 €/mes ao longo dun ano ou ano e medio.
E, dada a carencia de servizos sociocomunitarios no noso rural, se falamos de conciliación da vida familiar e laboral compre insistir en maior medida que no espazo urbano na corresponsabilidade asumida pola parella ou membros da familia, para compartir tarefas domésticas e coidados de crianzas, maiores e dependentes. Do contrario, é a muller quen debe asumir esta dura faena; así, 9 de cada 10 medidas de conciliación son solicitadas por mulleres, o 69% das persoas coidadoras son mulleres e o 75% das mulleres renuncian a súa vida social e familiar fronte un 25% de homes.
A pesar de todo, da falta de tempo, da ausencia de formación, da pouca visibilidade do seu traballo e das actitudes machistas imperantes no rural, cando as mulleres se xuntan e deciden implicarse para plantarlle cara á decadencia das comunidades pola diminución da veciñanza en aldeas e parroquias, a súa iniciativa non pasa desapercibida. Trátase de manter aqueles espazos e momentos de sociabilidade tan necesarios no rural, nos que a muller xoga un papel relevante. Isto foi o que aconteceu na miña parroquia de San Martiño de Figueroa coa festa de Santa Lucía, que celebramos a carón dunha fermosa capela do S XVIII; este ano, unha comisión formada só por mulleres recuperou a festividade a piques de desaparecer, demostrando deste xeito ser boas transmisoras duns valores comunitarios indispensables para manter a esperanza de mil primaveras máis para o noso rural.

  Docente xubilada, experta en coeducación e feminista
(Publicado no Nº 3 de Nós Diario o 04/01/2020)