Tag Archives: 25 N

25 N: Dous manifestos e un único obxectivo, loitar contra a violencia de xénero.

Estándar

Este 25 N Día para erradicar a violencia contra as mulleres deixounos dous textos de dúas bravas e loitadoras mulleres, a xornalista e escritora Montse Fajardo e a profesora, orientadora e tamén escritora Azucena Arias, que en forma de “Manifesto” presentaron o seu alegato en contra da violencia de dúas formas diferentes pero moi complementarias.

A primeira, na sesión do pleno do Concello de Pontevedra e a segunda, na Deputación provincial.

Montse Fajardo pon o foco nos homes como parte fundamental da solución e danos claves para reflexionar sobre as “masculinidades”. Azucena Arias fálanos dunha ferramenta imprescindible para eliminar a violencia contras as mulleres e as nenas como é a “coeducación”. O perfil de cada unha delas queda ben definido a través das súas palabras. Animádevos a ler ambos textos, lectura necesaria e urxente nos tempos que vivimos.

Se queredes descargar ambos manifestos premede aquí Montse Fajardo e Azucena Arias

25 N- Non sexas cómplice

Estándar

Un ano máis a profesora do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, Tareixa Casal, agasállanos con atractivos e interesantes materiais para abordar co alumnado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional este doloroso e tráxico asunto da violencia contra as mulleres.
Todas e todos somos necesarios para evitar este sufrimento inxusto e ancestral.

(Nesta presentación podes premer en cada un dos números e terás vídeos acaídos sobre este tema para comentar na aula)

Reflexións despois doutro 25 N

Estándar

“O pasado 25 de novembro saímos de novo a confrontar a violencia de xénero, mais aínda queda moito para gañar esta guerra”. Hai persoas que declaran que xa acadamos a igualdade entre homes e mulleres. Como di a escritora e feminista Ana de Miguel: “Esa igualdade non existe, o que hai son novas formas de reprodución e aceptación da desigualdade”.

Esta é a nova reflexión que nos achega Lola Varela no seu artigo de hai uns días en NÓS Diario.

REFLEXIÓNS DESPOIS DA BATALLA

                                                                                            Lola Varela

O pasado 25 de novembro saímos de novo a confrontar a Violencia de Xénero, mais aínda queda moito para gañar esta guerra. Como di a filósofa Ana de Miguel no seu libro Neoliberalismo sexual (2015): “Vivimos en sociedades formalmente igualitarias onde a maior parte das persoas declara apoiar o valor da igualdade e nas que non é raro escoitar “xa hai igualdade entre homes e mulleres”. Esa igualdade non existe, o que hai son novas formas de reprodución e aceptación da desigualdade”. Entre as conclusións do informe Barómetro Juventud y Género, do Centro Reina Sofía sobre Adolescencia y Juventud (2021), lemos que un 20% dos mozos negan que a violencia de xénero exista hoxendia e cren que é “un invento ideolóxico”. En 2019, esta porcentaxe era do 12%.

Podería estar ben revisar eses mitos e prexuízos que sobre a Violencia de Xénero foron xurdindo nos últimos anos e que arestora están máis presentes do que sería desexable na sociedade.

Hai quen di que a VX está causada por homes enfermos mentais, alcohólicos, con traumas da infancia ou de procedencia marxinal. Ademais de non ser certo, convertemos a VX en casos individuais, patolóxicos ou excepcionais, perdendo así o referente colectivo e negando a verdadeira causa desa violencia que non é outra que a desigualdade e o menosprezo cara a muller, froito do machismo. Tamén, que só lle ocorre a algunhas mulleres, cando 7 de cada 10 sofren algunha VX ao longo da vida, sendo a principal causa de morte entre as mulleres de 15 a 44 anos, e cando aumentaron un 20% as denuncias por esta lacra desde o pasado ano e, delas, máis do 60% foron por lesións e maltrato. Tamén convertemos en individual o colectivo, cando afirmamos que ela non abandona ao maltratador porque non quere e que é o seu problema, como se fora algo alleo o medo ao fracaso social das mulleres, a quedarse soas, a non ter fillos, a non alcanzar o amor romántico, logo dunha socialización nun entorno patriarcal. Os homes aprenden a empregar a violencia e a dominar ás mulleres desde pequenos a través dos xogos, cancións, filmes…Non poden ser unhas “nenas” e deben saber poñer ás mulleres no seu sitio, co apoio ademais de todo un aparato teórico filosófico que vai desde Aristóteles ata Freud, pasando por Kant, Rousseau, Darwin ou Nietzsche.

Outro dos tópicos, considera que os homes son como nenos grandes e as mulleres son malas e reviradas. Fronte a aquilo de “ela, algo malo faría” e “el era boa persoa”, podemos lembrar ese terrible dito popular “malla na túa muller de cando en vez, aínda que ti non saibas porqué, ela si o sabe”.

Tamén escoitamos que moitas denuncias son falsas, mais o certo é que non chegan nin ao 0,5% segundo o Consejo General del Poder Judicial,ou que tamén as mulleres asasinan a homes (pouco máis de 1%) como se tiveran as mesmas causas a violencia estrutural exercida polos homes, froito da desigualdade, e a das mulleres considerada algo puntual. Poderíamos rematar esta incompleta enumeración co mito de que as leis actuais atacan aos homes e privilexian ás mulleres: de inicio, as leis deben equilibrar desigualdades históricas e defender a existencia da discriminación positiva, que as mesmas mulleres consideramos necesaria só en determinados momentos; ademais, estas mesmas leis non afectan aos homes que non son maltratadores.

A profesora Marian Moreno na Guía para la prevención de la violencia de género en el ámbito educativo. Asturias (2017) achéganos unha boa síntese das consecuencias dos tópicos susoditos: minimizan os efectos da VX (non é tanto, as cifras non son reais ou xa hai igualdade); consideran a VX como algo puntual e individual, non causada polo machismo e polo tanto a sociedade en xeral non se sinte responsable. Daquela, non é preciso analizar, mudar ou deconstruir nada: mantense o estatus de submisión das mulleres e o dominio dos homes, naturalizando deste xeito a violencia e as relacións desiguais.

A loita contra a VX non pretende culpar á metade da humanidade nin vitimizar á outra metade e sería conveniente reflexionar porqué algúns homes rexeitan o feminismo e temen ás mulleres autónomas e donas do seu proxecto de vida.

Podedes ler o artigo na súa versión en prensa aquí Reflexións despois da batalla

Os sinais dunha relación tóxica

Estándar

Febreiro é o mes da prevención deste tipo de relacións, que adoitan afectar máis a adolescentes e xoves. DayOne, unha organización estadounidense que axuda a persoas que están en situacións de abuso, publicou un video curto no que mostran, brevemente, como unha persona pode terminar cunha parella tóxica.

Ao final do vídeo, podemos ver datos da vida real que son estarrecedores: unha de cada tres mozas di ter sufrido algún tipo de abuso das súas parellas. A pesares de ser un estudo feito en Estados Unidos, isa realidade tamén é moi común no resto do mundo. 

25 N. Actividade xuvenil en formato Visual Thinking

Estándar

Esta é unha actividade sobre tratamento e prevención da violencia de xénero. A actividade está composta de 3 micro vídeos onde se abordan conceptos básicos arredor da violencia de xénero de xeito didáctico a través de gráficos con animación para traballar nas aulas.

É unha proposta elaborada polo Servizo de Igualdade de Xénero da Deputación de A Coruña.

Esta proposta vai acompañada dunha estupenda Guía explicativa para abordar a violencia de xénero a través dun xogo cooperativo, chamado Scape Room, que pretende os seguintes obxectivos:

1.-Discriminar situacións onde se dan situacións de violencia machista e onde non.
2.-Tomar consciencia da violencia machista como unha problemáticasocial, que debe ser abordada por todas e por todos.
3.-Aplicar os recursos existentes no caso de sufrir ou presenciar unha situación deste tipo.

Campaña escocesa contra a violencia de xénero

Estándar

A Policía de Escocia difunde por redes sociales unha campaña titulada #DontBeThatGuy “Non sexas ese tío” para concienciar á poboación masculina sobre a violencia sexual. O obxectivo é mudar as actitudes e os comportamentos cara ás mulleres.

Ademais, invítanlles a confrontar cos amigos que fagan ou digan algo rexeitable.

A Policía pretende con este tipo de campañas concienciar aos homes sobre a súa responsabilidade tanto coa linguaxe como cos feitos, para contribuir a un cambio de cultura que faga frente aos delitos sexuais.

Agora que se achega un novo 25 N para loitar contra a violencia cara ás mulleres, este pode ser un bo material para comentar e difundir nas nosas aulas.

UD: Invisibles

Estándar

O CIM de Pontevedra ven de engadir un novo recurso no seu apartado de educación, a unidade didáctica “Invisibles, relatos de maltrato“, baseada na obra da xornalista Montse Fajardo.

Trátase de “unha obra de textos curtos, de media páxina a páxina e media, cos que se recompoñen sete relatos de violencia machista, historias reais de mulleres reais (Eva, Mariluz, Tina, Ana, Irene, Marga e Begoña), sete experiencias de maltrato físico, psicolóxico, social, económico, sexual… que converxen na exposición de pautas ou patróns de comportamento que se reiteran nos máis dos casos.”

Esta moi completa UD de Invisibles consta de máis de 20 fichas técnicas para realizar co alumnado a partir dos 12 anos de idade.

Podes baixar a UD Invisibles nos seguintes enlaces: http://igualdade.pontevedra.gal/educacion/recursos/

UN TESOURO: A IGUALDADE

Estándar

Outra proposta de actividades para o alumnado de Educación Infantil e Primaria con motivo do 25 N.

Estes días máis que nunca debemos reflexionar co noso alumnado sobre a importancia da Educación para a Igualdade como prevención contra a Violencia de Xénero. Esta pandemia que estamos a vivir puxo de manifesto dun xeito moi notorio as desigualdades de mulleres e homes no seo das familias, no desempeño dos coidados e na existencia dos traballos subsidiarios, entre outras cousas.

Con este xogo e seguindo o camiño do tesouro descubriremos cantidade de ferramentas e axudas moi entretidas e interesantes para poder evitar a violencia cara as mulleres e atopar a Igualdade que é o verdadeiro tesouro.

Para poder participar neste xogo interactivo podedes premer neste enlace: https://view.genial.ly/5fa6f72789da530d018cf21a/horizontal-infographic-timeline-un-tesouro-a-igualdade

25 N CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

Estándar

Unidades didácticas elaboradas pola CIG Ensino e AS-PG para o alumnado de Educación Primaria e Secundaria

“Agardamos que sexan de proveito para tratar de axudar a reverter desde o ensino a situación social que estamos vivindo e que moitas veces se manifesta xa desde idades temperás entre o noso alumnado”.

Obxectivos:

1.-Reflexionar sobre as violencias de xénero.
2.-Promover espazos sen violencias.
3.-Entender as causas e a estrutura que sustenta as violencias de sexo-xénero.
4.-Cuestionar os estereotipos de sexo-xénero.
5.-Prover ferramentas para o desenvolvementos de habilidades e condutas de bo trato.

Podedes descargar estas Unidades Didácticas no seguinte enlace: https://www.cig-ensino.gal/nova/id-25n.html

25 N DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA CARA AS MULLERES

Estándar

“Educar para a igualdade é previr a violencia de xénero”

Actividades para realizar nas aulas co alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria (ESO, Bacharelato e FP), propostas desde o INSTITUTO ASTURIANO DE LA MUJER.

A partir de materiais tan atractivos como os contos de Adela Turín ou do vídeo tan divertido de Carmen Ruíz Repullo para adolescentes La historia de Pepe y Pepa.

Podedes descargar o material nos seguintes enlaces:

Rosa Caramelo https://www.youtube.com/watch?v=qqJx-a09dT8

Arturo y Clementina https://www.youtube.com/watch?v=YjHrjeZds4A

La historia de Pepe y Pepa https://www.youtube.com/watch?v=IpaabDdQNO8&t=30s