Os estados membros da ONU propuxeron que o 11F fora declarado oDía Internacional da Muller e da Nena na Ciencia en recoñecemento ao papel clave que desempeñan as mulleres na comunidade científica e na tecnoloxía.
A Asemblea Xeneral aprobou esta resolución o 22 de decembro do 2015.
A 8ª Asemblea deste Día terá lugar do 8 ao 10 de febreiro de 2023 na Sede das Nacións Unidas, en Nova Iorke.
Pódese participar en diálogos e debates con mulleres expertas, mozas e profesionais para situar a ciencia, a tecnoloxía e a innovación no centro dos programas de desenvolvemento sostible, rexistrándose nesta ligazón, Día Internacional.
Este ano 2023 céntrase no papel das mulleres, as nenas e a ciencia en relación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), co lema “Innovar. Demostrar. Elevar. Avanzar. Soster (IDEAS)”
Ademais, por primeira vez incluirá un obradoiro de ciencia para nenas cegas, en Braille, “Facer a ciencia accesible“.
En España existe a iniciativa 11deFebrero, unha iniciativa cidadá cuxo obxectivo é promover a organización de actividades para conmemorar o 11 de febreiro, promocionándoas e difundídoas na súa páxina web.
Un material moi atractivo e interesante para achegar a nenas e nenos o nome e unha imaxe de mulleres vencelladas ao mundo da ciencia e da innovación, entre elas: Hypatia, Sophie Germain, Ada Byron, Hedy Lamarr e Margarita Salas.
Son fichas para colorear editadas por Unidad de Igualdad de la Secretaría General Técnica del Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
Podedes descargar aquí esta publicación Ellas hicieron Historia
Maruja Mallo, artista da Xeración do 27 e das “Sinsombrero”, foi nomeada no pasado mes de decembro, por unanimidade, cos votos de todos os partidos políticos do concello, Filla Adoptiva de Madrid a título póstumo. O seu nome pasa a engrosar unha lista cunha vintena de membros na que só figura unha muller, e non por méritos propios: a filla do ditador Francisco Franco.
Maruja Mallo é unha figura clave da primeira metade do S XX español: non só pola súa relevancia artística, formando parte dos grupos renovadores da arte e da Xeración do 27, senon tamén por participar nos movementos de emancipación feminina e conquistar logros reservados, na súa maioría, ao territorio masculino.
As “Sinsombrero” foron mulleres da mesma Xeración do 27 cun gran compromiso co seu tempo e coa realidade política e social . Como os seus coetáneos varóns, Luis Cernuda, García Lorca, Jorge Guillén, Vicente Aleixandre, Alberti, Buñuel ou Dalí participaron de forma activa na vida cultural e nos acontecementos que caracterizaron o S XX español aínda que a elas non se lles otorgou a categoría de suxeito político, nin o lugar que lles corresponde na historia por dereito propio.
Este ano “Tutti confetti” dedica o calendario do ano 2023 a estas mulleres, as “Sinsombrero”: Concha Méndez, Ernestina de Champourcín, Josefina de la Torre, Marga Gil Röesset, Margarita Manso, Mª Teresa León, María Zambrano, Maruja Mallo, Rosa chacel, Luisa Carnés e Ángeles Santo. Todas elas escritoras, pintoras, escultoras, filósofas, actrices… de gran valía ás que temos que facerlle xustiza e recuperalas para o noso saber colectivo.
Premendo aquí podedes acceder a este calendario e a outros tamén de interese para visibilizar mulleres valiosas Calendarios 2023
Remata o calendario das “Sinsombrero” cunha imaxe moi interesante para reflexionar sobre a importancia que en determinados tempos, culturas ou relixións se deu, e aínda se da, a cubrir a cabeza das mulleres.
Para saber máis da importancia destas mulleres, o Ministerio de Educación y Formación Profesional a través do Portal de recursos educativos Leer.es achéganos información de gran calidade nos seguintes apartados: Proyecto educativo, Vida y obra, Materiales audiovisuales, Espacios web e Aplicación interactiva. Salientar os tres documentais interesantísimos de RTVE: Sin ellas la historia no está completa, Ocultas e impecables e El exilio.
Premendo aquí podedes acceder a estes recursos Las Sinsombrero
Nadal, tempo de xoguetes dun xeito especial e maioritario, parémonos a pensar se estamos a mercar sen discriminacións entre nenas e nenos ou, pola contra, deixámonos levar polos estereotipos establecidos.
“Os xoguetes imitan a realidade en miniatura” como nos di a orientadora e pioneira na coeducación en Educación Infantil e Primaria, María Luísa Abad.
Nesta ocasión Lola Varela dedica este novo artigo, publicado estes días en NÓS Diario, a esta muller de longa traxectoria (desde os anos 90), que empregou a coeducación como ferramenta indispensable para unha educación verdadeiramente en igualdade. Coeducar para transformar.
Podedes descargar este innovador Manual para coeducar na escola infantil (2008) de Luísa Abad, que se cita no artigo, ao final do texto, así como este outro material da mesma autora centrado no xogo Anén-Onén: xogando en igualdade na escola infantil (2003), dúas publicacións moi valiosas e difíciles de atopar hoxe en día, a non ser nas bibliotecas de centros de ensino sensibles coa coeducación e a igualdade das nenas e nenos.
Xoguetes e Coeducación
Lola Varela
Unha gran maioría dos anuncios de xoguetes reproducen roles sexistas, que nenos e nenas asumen como imperativos para a súa aceptación social. Segundo o Estudio sobre estereotipos y roles de género en la publicidad de juguetes (Instituto de la Mujer, 2020), o 38,5% dos anuncios amosa ás nenas arquetipos femininos de beleza ou de coidadora e nai/esposa como referencia, alén de sexualizar ás cativas nun 11% deles. Asemade, o 34% dos anuncios relacionados con profesións e dirixidos ás nenas asócianse co sector da perruquería e da estética, mentres que o 50% dos dirixidos aos nenos mostran actividades como piloto, policía ou militar. A mensaxe é moi clara: a diferenciación de xénero, pon de manifesto con total precisión o que se espera delas e deles cando sexan maiores
O xogo é un elemento clave de socialización na infancia, crucial para a configuración da personalidade, os valores, as habilidades e as capacidades. A decisión sobre que xoguetes poñemos a disposición dos nenos e das nenas, é de grande importancia. Xogar é ensaiar a vida, practicar os roles establecidos. “Non basta con ter xoguetes dun e doutro tipo e facilitar o acceso igualitario. Hai que ter en conta que a maioría dos xoguetes foron concibidos cos roles estereotipados. Os xoguetes imitan a realidade en miniatura”, como nos di a profesora e escritora María Luísa Abad na publicación Manual para coeducar na escola infantil (Xerais, 2008), editado pola Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar para as Galescolas, aquel ambicioso proxecto de país.
Para mudar esta situación, os principais fabricantes de xoguetes españois asinaron co Ministerio de Consumo adherirse a un código de autorregulación que pretende desterrar estes estereotipos, evitar asociar os xogos a un ou a outro sexo, impedir sexualizar ás nenas e impulsar unha linguaxe inclusiva e unha imaxe igualitaria. Se algún anuncio incumpre as normas, deberá ser retirado. Este novo código deontolóxico, que substitúe ao de 2015, aplicarase aos membros da Asociación Española de Fabricantes de Juguetes (AEFJ), que aglutina as maiores industrias do Estado. Porén, asociacións de consumidores como FACUA critican que esta cuestión debería ter sido regulada por lei, con sancións para quen non respecte este novo código.
Nin boas intencións, nin propostas voluntaristas, nin novos códigos deontolóxicos; todo pode axudar, certamente, pero a mellor ferramenta para erradicar estereotipos sexistas que só conducen á desigualdade e á discriminación de mulleres e nenas, está na coeducación que debe comezar nas etapas máis temperás. Disto sabe María Luísa Abad, coeducadora pioneira e de longa traxectoria na Educación Infantil e na Primaria no noso país. De feito, a devandita publicación é una edición revisada e ampliada doutra do ano 1996, na que a autora, coa Lei Orgánica 1/1990 Xeral do Sistema Educativo (LOXSE) como base, e aproveitando as novidades positivas da lei en cuestión, analizaba a adquisición da identidade de sexo e xénero na infancia. Tamén enxergaba o sexismo existente na escola -como consecuencia da sociedade na que está inserida- e a necesidade ineludible dunha verdadeira intervención coeducativa na escola mixta, aportando instrumentos de observación e análise da práctica diaria, así como diferentes propostas dirixidas ao profesorado e ás familias.
Dinos a autora: “A coeducación supón una ruptura co currículo implícito ou oculto, que é en realidade o que transmite o sistema de valores dominante, supón un compromiso co alumnado de cara a facilitar experiencias integradoras, de comunicación e respecto cara ás e aos demais, de solidariedade e de tolerancia…Estamos pola coeducación, significando “coeducar” educar de acordo con todos aqueles aspectos positivos que se consideren necesarios para calquera persoa, independentemente do seu sexo biolóxico”.
Benvidas sexan, e non só no Nadal, as guías de xoguetes e contos non sexistas. Deseñemos estratexias motivadoras para que todos os xoguetes sexan útiles e interesantes para ambos sexos. Procuremos nos xogos a colaboración e a participación de nenas e nenos. Velaí algunhas ideas.
Pode que sexa un momento acaído este comezo do novo curso 2022-2023 para analizar a nosa situación e ser quen de mellorala. Con esta intención escribín este texto para o Nº 6 da revista de CLAVICO Claustro virtual de coeducación.
Certamente dispoñemos dalgunhas ferramentas no ámbito educativo para mellorar en coeducación pero mentres non se imparta en todas as etapas educativas unha Educación Sexual rigorosa, científica e non discriminatoria, entre outras medidas, non avanzaremos o suficiente.
Aí tedes a miña contribución e ao final podedes descargar o Nª6 da revista CLAVICO por se queredes ampliar información con outros traballos ben interesantes.
Fai algún tempo e con moito esforzo, un grupo de profesoras e profesores comezou o proxecto europeo Erasmus+ Women’s Legacy: Our Cultural Heritage for Equity. O pasado 6 de maio veñen de ser presentados os productos intelectuais do proxecto, no Palau de les Arts Reina Sofía, de Valencia. Este proxecto, coordinado pola Generalitat Valenciana con socias de Lituania, Italia, Escocia e algunhas socias españolas como Ana López Navajas (Coordinadora xeral), ten como propósito contribuir de maneira decisiva á inclusión das mulleres protagonistas da historia e da cultura, e o seu legado, nos contidos educativos.
Para ilo desenvolveron instrumentos de intervención didáctica que facilitan a inclusión de referentes femininos e das súas contribucións nos contidos educativos europeos.
Os recursos, que se atopan en línea, en aberto e accesibles, son un banco de recursos ligado a cada sistema educativo con actividades e obras, sempre enmarcadas nunha materia e un curso e en relación cos contidos normativos para facilitar o seu uso na aula. Este banco de recursos será transferible a calquer outro sistema educativo europeo ou mundial grazas ao deseño da súa plataforma informática. En concreto:
Un catálogo de obras literarias de autoría feminina.
Un catálogo de obras artísticas e audiovisuais de autoría feminina.
Un catálogo de obras musicais de autoría feminina.
Unha formación para o ámbito STEM, que se impartirá a profesorado de educación secundaria e universitario en todos os países participantes.
É importante difundilo e utilízalo, polo que animan a coñecelo e usalo. E se é posible, colaborar. Xa está posto en marcha, agora toca completalo.
Recentemente, o mércores 30 de marzo de 2022, ven de falecer en Vigo, con case 99 anos, a mestra e pedagoga galega Antía Cal.
O “Observatorio da Mariña pola Igualdade” e o Concello de Muras publicaron en 2015 a Unidade Didáctica “Antía Cal, educando iguais” e un Díptico, sobre a pioneira da revolución pedagóxica en Galicia, Antía Cal.
A UD está orientada para alumnado dos últimos cursos de Secundaria Obrigatoria así como ao de Bacharelato. Entre os obxectivos que busca destacan os de valorar e respectar a diferenza de sexos e a igualdade de oportunidades rexeitando os estereotipos de xénero, valorar a cultura e a historia propia e das demais persoas, así como o patrimonio cultural e histórico.
Salientar tamén que levou a cabo a introdución en Galicia de formas modernas de ensino, especialmente a través da Escola Rosalía de Castro, que fundou na cidade olívica en 1961. O colexio foi pioneiro na introdución do galego no ensino, e tamén do inglés, ademais de ser laico e mixto en plena ditadura.
Pódense descargar nas ligazóns, a UD e o Díptico explicativo sobre a vida e obra da “Tita do Mesón“.
Asemade no blogue “Mulleres na Historia e Historia de Mulleres” pódese atopar máis información premendo nesta seguinte ligazón Antía Cal.
Neste 8 M que deberíamos facer máis reivindicativo que nunca polos moitos atrancos que ao Movemeto Feminista lle están a xurdir desde hai algún tempo (Covid 19, avance da ultradereita na sociedade, enfrontamentos nas feministas…), aí van uns cantos recursos moi ben elaborados ou aportados por compañeiras de todas as etapas educativas para que poidan ser empregados ao longo do curso.
Atoparedes boas e divertidas ideas para o alumnado de Infantil e Primaria, achegadas desde o CEIP Plurilíngüe de Castrillón (Cangas), e e suxestivas imaxes do CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) para remover a “conciencia” e a “consciencia” do alumnado de Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e, tamén, do profesorado.
TODOS OS DÍA SON 8 M.
E ademais este chamativo e impactante vídeo Be a Lady They Said – Girls. Girls. Girls. Magazine do ano 2020 pero de plena vixencia pola súa mensaxe e debate posterior que pode xerar.
E recén publicado estes días pola Asociación Socio Pedagóxica Galega AS-PG e a Central Intersindical Galega CIG temos unha boa ferramenta para aprender a comunicación inclusiva en galego e diferenciada por etapas educativas. Un necesario traballo.
Para acadar un desenvolvemento mundial adecuado a ciencia e a tecnoloxía son moi importantes. A participación das mulleres é imprescindible, convén facer esforzos para promover esa participación e para eliminar os obstáculos que lles impidan desenvolverse nese campo. Lograr a participación plena e en igualdade das mulleres require dun esforzo común. Hai moitas accións que podemos facer dende as aulas:
Visibilizar as achegas das mulleres na ciencia e na tecnoloxía
Rachar cos estereotipos de xénero que obstaculizan su participación en STEM
Contribuír á elección destas áreas como carreiras profesionais
Identificar os factores que disuaden ás mulleres de seguir carreiras STEM e realizar programas encamiñados a eliminalos
Hai moitos recursos para poñer en marcha esas accións. Deixamos aquí algúns e unhas propostas de tarefas:
Elaborar liñas biográficas coas biografías de diversas científicas e agrupalas por ámbitos segundo as súas achegas. Podemos partir de lecturas en hipertextos, vídeos, cómics…
Deseñar e gravar vídeos curtos coas biografía
Facer exposicións
Elaborar un álbum de científicas
Preparar exposicións orais apoiadas en presentacións dixitais
Realizar experiencias diversas baseadas nos descubrimentos de científicas.
A nova campaña do Ministerio de Consumo contra a publicidade sexista dirixida á infancia.
A campaña chega en plena época do Nadal, cando aumentan considerablemente os anuncios de xogos e xoguetes. Por isto, Consumo quere concienciar sobre o risco de reproducir roles e estereotipos sexistas, xa que repercute directamente na autopercepción das e dos menores.
Esta campaña conta cun video no que dous bonecos dan un mitin e convocan ao paro dunha hora para o próximo:
Domingo 12 de decembro, de 11 a 12:
“Porque un juguete que solo puede jugar con el 50 % no es un juguete feliz”.
Os xoguetes sexistas que reproducen os roles e estereotipos de xénero promoven a discriminación, sinalan á nena ou neno que se saen da pauta establecida, xeran presións nas crianzas e impiden o xogo libre, tal e como confirma o estudo publicado polo Instituto de las mujeres no 2020.