Tag Archives: Biografías

Pierre Curie, un home feminista

Estándar

Pierre e Marie Curie

Marie Sklodowska Curie, de orixe polaco e nacionalizada francesa, foi unha muller excepcional que, de non ser por Pierre Curie, o físico francés con quen casou, e algúns outros homes que ao longo da súa vida a trataron como unha igual, non chegaría a ser recoñecida no mundo científico como finalmente o foi. Ela xunto co seu home foron os descubridores da radioactividade e mereceron por iso o Premio Nobel de Física no ano 1903 conxuntamente, porque Pierre decidira rexeitar ese galardón se non era compartido con Marie.

Esta actitude igualitaria e feminista de Pierre abríulle a Marie moitos camiños a partir dese momento, aínda que todavía debeu superar moitos atrancos.

Foi a primeira muller en conseguir un Premio Nobel, a primeira persoa en conseguir dous, o de Física en 1903 e o de Química no ano 1911; a primeira licenciada en Física; a primeira catedrática da Universidade de Paris; a primeira Directora de Laboratorio na Sorbona; a primeira muller en entrar na Academia de Medicina; a primeira Premio Nobel en ter unha filla galardonada co mesmo premio; e tamén, a primeira muller en ser sepultada no Panteón de París.

E debemos engadir que fundou o Instituto Curie en París e en Varsovia.

No seguinte enlace (no nome de Marie Curie) tedes máis detalles da vida desta boa parella, contada con moito humor e desenfado, brevemente, pola xornalista Nieves Concostrina no programa Acontece que no es poco da cadena SER.

Marie Curie

As premiadas do “Cervantes”

Estándar

Tal día coma hoxe de fai 47 anos, para conmemorar o nacemento do escritor Miguel de Cervantes, é dicir, o 23 de abril de 1975, foi instituido o Premio Nacional de Literatura que vaise concedendo anualmente polo Ministerio de Cultura de España. Ao longo destes case 50 anos, só acadaron este galardón, o Premio Cervantes, 6 mulleres fronte a 41 homes.

A 1ª foi a filósofa e escritora española María Zambrano no 1988; a 2ª a escritora cubana e tamén avogada Dulce María Loinaz no 1992; a 3ª a catalana Ana María Matute no 2010; a 4ª a xornalista e activisara mexicana Elena Poniatowska no 2013; a 5ª a poeta uruguaia Ida Vitale no 2018.

A 6ª é a tamén escritora uruguaia Cristina Peri Rossi no 2021, que recibiu este ano o premio na Universidade de Alcalá de Henares.

Pódese ampliar información nesta ligazón Día do libro 2022.

Lembrando a Antía Cal

Estándar

Recentemente, o mércores 30 de marzo de 2022, ven de falecer en Vigo, con case 99 anos, a mestra e pedagoga galega Antía Cal.

O “Observatorio da Mariña pola Igualdade” e o Concello de Muras publicaron en 2015 a Unidade Didáctica “Antía Cal, educando iguais”  e un Díptico, sobre a pioneira da revolución pedagóxica en Galicia, Antía Cal.

A  UD está orientada para alumnado dos últimos cursos de Secundaria Obrigatoria así como ao de Bacharelato. Entre os obxectivos que busca destacan os de valorar e respectar a diferenza de sexos e a igualdade de oportunidades rexeitando os estereotipos de xénero, valorar a cultura e a historia propia e das demais persoas, así como o patrimonio cultural e histórico.

Salientar tamén que levou a cabo a introdución en Galicia de formas modernas de ensino, especialmente a través da Escola Rosalía de Castro, que fundou na cidade olívica en 1961. O colexio foi pioneiro na introdución do galego no ensino, e tamén do inglés, ademais de ser laico e mixto en plena ditadura.

Pódense descargar nas ligazóns, a UD e o Díptico explicativo sobre a vida e obra da “Tita do Mesón“.

Asemade no blogue “Mulleres na Historia e Historia de Mulleres” pódese atopar máis información premendo nesta seguinte ligazón Antía Cal.

 

En abril, falamos dos insectos

Estándar

As abellas raíñas, en España, prepáranse no mes de abril para o seu importante cometido. Ademais de comentar sobre elas co alumnado e do seu valor para a sustentabilidade da vida na Terra, podemos visibilizar importantes entomólogas que as investigan.

Este é o caso de Leticia Silvestre.

Leticia Silvestre, enxeñeira agrícola, entomóloga e encargada do Laboratorio de Entomoloxía da Facultade de Ciencias Agrarias e alimentarias da Universidade Astral de Chile, fala da importancia das abellas e de como o servizo maior que ofertan á humanidade é a polinización.

Dende moi antigo a recolleita de mel era unha actividade coñecida. Vémolo documentado, por exemplo, na cova da Araña en Valencia (pintura realizada entre o 9000 a. E. e o 6000 a. E). Representa a unha recolectora de mel.

A importancia das abellas e dos insectos en xeral para a vida é tal que moitas investigacións advirten das graves consecuencias ecolóxicas, sociais e económicas que ten a súa desaparición progresiva.

Ao longo da historia existiron entomólogas notables que podemos dar a coñecer ao noso alumnado:

Sibylla Merian (1647-1717)

Anna Blackburne (1726-1793)

Miriam Rothschild (1908-2005)

Mary Kingsley (1862-1900)

Ida Laura Pfeiffer (1797-1858)

Adele Marion Fielde (1839-1916)

Pode servir de introdución o artigo seguinte.

No mes das flores, unha científica que investiga ao redor delas

Estándar

Un grupo de investigación dirixido por Cristina Ferrándiz, investigadora del IBMCP, axudou a descubrir cal é o mecanismo de formación do estigma, o que abre a porta para comprender mellor o proceso de fertilización das plantas con flores.

Neste vídeo a investigadora fala da súa biografía e do seu traballo. Pode ser de utilidade traballar co alumnado ao redor do seu itinerario formativo e das súas investigacións.

A recuperación feminista de Rosalía

Estándar

Con motivo da celebración do Día de Rosalía de Castro o 23 de febreiro, Lola Varela publica este artigo no xornal Diario de Pontevedra para reivindicar esta faciana de Rosalía bastante descoñecida e porén moi senlleira na súa obra como se comenta no texto.

Acompañamos o texto cunha fermosa imaxe da nosa emblemática escritora, o recordo de dous libros importantes para achegarse a ela, xunto a unha campaña solicitando dedicarlle unha praza en Compostela.

Neste día celebrouse un interesante e variado acto na Deputación de Pontevedra onde actuou o grupo belga de cantareiras galegas Ialma. Velaí ao final unha imaxe desa actuación.

DÍA DE ROSALÍA. A recuperación feminista de Rosalía de Castro.

                                                                                         Lola Varela

Escribía nestas mesmas páxinas hai un ano que Rosalía non é tan só unha metáfora desa Galicia sentimental, submisa e maternal coa que foi identificada durante moito tempo dentro e fora do país, unha representación cultivada polo seu propio marido Manuel Murguía. Pola contra, con Rosalía a imaxe de Galicia irradia modernidade, debido á súa personalidade atractiva e poliédrica, como muller comprometida co seu entorno social, “rupturista” e precoz para o seu tempo, e pioneira do feminismo en Galicia e do feminismo literario na Península Ibérica. E é esta faciana de Rosalía a que hoxe quixera salientar, porque quizá foi a máis escurecida, á mantenta, para non deturpar ese imaxinario tan potente que dela se creou como nai, como muller agarimosa, sensible e submisa; a nai por antonomasia, símbolo dunha Galicia que tamén se pretendía dócil e sentimental. Daquela, próxima a data do 8 de Marzo, día para reivindicar a igualdade de dereitos e oportunidades de homes e mulleres, penso que é moi acaído lembrar a súa contribución ao desenvolvemento das ideas liberadoras que defende o feminismo.

Para achegarnos, dun xeito breve e sinxelo, á Rosalía feminista paréceme axeitado citar algunhas das fontes ás que podemos acudir, como a coidada publicación que o 8 de Marzo de 2019 editou a Casa de Rosalía baixo o título de Escritos feministas, na que a través dunha moi boa selección de vinte dous textos de grande interese, acompañados de fermosos retratos femininos do fotógrafo de Laxe José Vidal (1900-1988) en perfecta simbiose coas palabras de Rosalía, descubrimos a esa muller transgresora e librepensadora que foi a nosa escritora máis universal.

O traballo de Mª Xosé Agra Romero Señores da terra e fillas do mar: o feminismo de Rosalía de Castro (2018), editado polo Consello da Cultura Galega, danos conta entre outras informacións da importancia que tivo a formación de Rosalía, que non foi escasa naquela altura. Lía francés con facilidade e coñecía importantes correntes filosófico–sociais, políticas e literarias do século XIX; asemade, tiña xeito para o debuxo, tocaba o piano e a guitarra con acerto e gustáballe actuar en obras de teatro, onde foi ovacionada en moitas ocasións.

Cando aínda non tiña vinte anos, en Santiago de Compostela o “Liceo de la Juventud” acollía unha xeración de mozos e mozas, que daban os seus primeiros pasos na literatura, na arte e nas ideas políticas, ao abeiro do Rexurdimento da lingua e da cultura galega. E velaí estaba Rosalía, como unha moza decidida, comprometida co país, con ansias de saber máis e de rachar cos moldes tradicionais establecidos para as mulleres. E como xa apuntara o Padre Feijoo, Mª Xosé Agra incide, así mesmo, no valor da literatura como un dos poucos espazos de expresión e invención para as mulleres naquel tempo; como unha novela ou un poema permitía dar a coñecer o pensamento da nosa autora, algo que con moitas dificultades podería ser formulado abertamente.

É preciso lembrar a Pilar García Negro e o moito que leva escrito sobre o feminismo rosaliniano, pero imos simplemente dar conta de “Rosalía de Castro: una feminista en la sombra” (2006), publicado en Arenal. Revista de Historia de las Mujeres Universidade de Granada. Neste brillante artigo, a modo de resume, cita as principais obras e sinala fragmentos que ela considera representativos da afouta actitude de Rosalía como defensora da condición das mulleres.

Así  Lieders (1858), considerado un dos primeiros manifestos feministas, é un auténtico poema en prosa que semella ser o verdadeiro documento de identidade da autora; nel, senta as bases dunha transgresión inicial da que va a derivar toda a súa obra posterior: “Solo cantos de independencia y libertad han balbucido mis labios, aunque alrededor hubiese sentido, desde la cuna ya, el ruído de las cadenas que debían aprisionarme para siempre, porque el patrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud”.

En La hija del mar (1859) queda clara a defensa do que hoxe denominaríamos familia monoparental, así como do amor igualitario, onde a muller poda tomar a iniciativa. No seu prólogo, logo de citar a pensadores e escritoras que defenderon a capacidade intelectual das mulleres ao longo dos tempos, remata dicindo: “Porque todavía no les es permitido a las mujeres escribir lo que sienten y lo que saben”.

Rosalía desentraña e destrúe o mito do heroe romántico, enchido de paixón amorosa pola que está disposto a chegar ao suicidio, na súa novela Flavio (1861). Nun momento determinado, Mara, a coprotagonista que non está disposta a sucumbir a esa paixón que, ademais, non comparte, exclama: “¡Decid que queréis vernos esclavas y no compañeras vuestras!”.

En 1863 chega a súa primeira obra en galego, Cantares gallegos, na que unha meniña gaiteira é a guía e cantora de todo o poemario, que non se censura cando ten que denunciar a situación das galegas e dos galegos. Esta meniña ponlle ao final o ramo a estes poemas, cun canto de esperanza pola Galicia que comeza a renacer: “Arriba todas, rapaciñas do lugar!, que o sol i a aurora xa vos vén a dispertar. Arriba!”.

A peza central para coñecer a súa posición verbo do papel como escritora e que revela a hostilidade social e a soidade que isto provocaba, é o tratado en Las literatas. Carta a Eduarda (1865). A autora coméntalle a unha amiga que ten intención de escribir: “Pero sobre todo, amiga mía, tú no sabes lo que es ser escritora. Serlo como Jorge Sand vale algo; pero de otro modo, ¡qué continuo tormento!; por la calle te señalan constantemente, y no para bien, y en todas partes murmuran de ti”.

Na considerada mellor novela de Rosalía El caballero de las botas azules (1867), realiza una verdadeira e moi completa disección dos personaxes femininos da sociedade madrileña, desde as aristócratas até as mulleres dun barrio pobre e marxinal. Nela, a xove Mariquita, cando a súa tía lle di: “Este ha de ser tu marido”, responde: “¡Mi marido! ¿Para que quiero yo marido?”, rebelándose deste xeito a submisión da muller diante do matrimonio imposto na sociedade patriarcal decimonónica.

Rematamos este breve percorrido por algunhas das producións feministas da nosa autora coa súa obra cimeira, na que se atopan todas as “Rosalías”, Follas Novas (1880), a grande epopea colectiva das mulleres das clases traballadoras, das viúvas dos vivos e das viúvas dos mortos. Velaí algúns exemplos: a dureza que debe aturar a muller aldraxada na ollada dos demais, en Ladraban contra min que camiñaba; a miseria, as penurias e a soidade que “un caldo de gloria” pode arrombar, facendo que a muller se alimente, quente o seu corpo mollado e, tamén, sexa feliz nese intre, en Miña casiña, meu lar; o desengano dunha muller abandonada con falsas promesas de regreso, en Vivir para ver….

Unha nova e atenta lectura das obras de Rosalía lonxe do estereotipo melindroso, debería ser hoxe inaprazable para as galegas e os galegos.

                                                              (Publicado no Diario de Pontevedra 23/02/2022)

Musas ou vítimas?

Estándar

Ao lado ou detrás de grandes escritores ou famosos artistas houbo, en moitas ocasións, grandes mulleres que os alentaron e axudaron nas súas creacións, pero pola contra elas quedaron na sombra ou anuladas por eles. É polo tanto a nosa obriga denunciar estos casos e visibilizar a todas aquelas mulleres que foron silenciadas inxustamente. Isto é o que nos di Lola Varela neste novo artigo seu no xornal NÓS Diario publicado o día 3 de marzo.

                                            MUSAS OU VÍTIMAS?

                                                                                           Lola Varela

As Musas, personaxes da mitoloxía grega que habitaban no Parnaso, eran divindades inspiradoras das artes e cada unha estaba relacionada cunha rama artística. Baixaban á terra para inspirar aos mortais que as invocaban. Eran adoradas e foron de vital importancia para o desenvolvemento artístico da antiga Grecia. De grande relevancia foron tamén algunhas coñecidas (ou non tanto) mulleres no éxito artístico dos homes (compañeiro ou amante; mais tamén, pai ou irmán) que tiñan ao seu carón, pero a penas se lles permitiu desenvolver as propias calidades como artistas e remataron esquecidas, menosprezadas e, ás veces, mortas prematuramente ou ingresadas en centros de reclusión diversos.

Velaí algúns casos. A escritora Zenobia Camprubí casada co poeta Juan Ramón Jiménez, foi unha muller de ampla cultura e a primeira tradutora das obras de Rabindranath Tagore ao castelán. Dedicou a súa vida a atender a Juan Ramón, home con trastornos depresivo-meláncólicos, de comportamentos excéntricos, internado en varias ocasións en centros hospitalarios e incapaz de resolver os problemas da vida cotiá. Ela atendía as necesidades económicas da parella. Estivo á fronte de pequenos negocios que compensaran estas necesidades do matrimonio, amainou o ánimo do seu marido, alentou a súa pluma e preparou unha saída digna de España tras o estoupido da Guerra Civil. Traballaba todos os días con el, pasándolle o escrito a máquina, levando o seu arquivo e as publicacións. Preparou a candidatura do seu marido ao Premio Nobel de Literatura, concedido en 1956, o mesmo ano da súa morte como consecuencia dun cancro.

Jeanne Hébuterne coñeceu a través do seu irmán, o pintor André Hébuterne, aos artistas de Montparnase e comezou a estudar pintura nunha academia, pois tiña moitas habilidades. Alí coincidiu co pintor Modigliani. Dotada dunha fermosura especial, era unha rapaza amable, tímida, tranquila e delicada, que se converteu no tema principal da obra do italiano. Con 18 anos foi vivir ao estudio de Modigliani en Montparnasse e logo a Niza. En 1920 el morre tuberculoso aos 35 anos e, dous días despois, embarazada dunha segunda crianza aos 21 anos, ela suicidouse en Paris tirándose por una ventá. Jeanne morreu silenciada e só unha década despois foi soterrada co seu amante no cemiterio de Père-Lachaise: “Compañeira devota ata o sacrificio extremo”, foi o epitafio. Tiveron que pasar tres décadas para que as súas obras foran coñecidas publicamente e só no ano 2000 se exhibiron nunha exposición en Venecia a carón das pinturas de Modigliani.

A brillante escultora Camille Claudel, foi amante e colaboradora do seu mestre, o escultor Auguste Rodin, co que tivo unha tormentosa relación amorosa. A separación definitiva de Rodin, ficou reflectida na espléndida escultura “A idade madura”, mais tamén carrexou consecuencias moi duras para Camille. Mentres as súas obras atinxían certo éxito e aparecían en revistas de arte, ela, nunha creba emocional, pechouse no seu obradoiro e deixou de realizar exposicións. Máis tarde, as crises nerviosas foron a máis e comezou a destruír as súas obras, vivindo na miseria. A partir de 1913 foi internada en diferentes centros psiquiátricos nos que pasará 30 anos sen apenas recibir visitas, e de onde, malia súa recuperación, endexamais sairía. Hoxe, tan sequera ten una tumba onde poder visitala.

A filla do escritor James Joyce, Lucía, foi unha destacada bailarina profesional que mereceu recibir clases de Isadora Duncan. Para Joyce, Lucía era os seus ollos, había unha relación edípica entre os dous e inspirou a súa última e controvertida obra Finnegans Wake. Tras unha fracasada relación co escritor Samuel Becket, de quen dixo que carecía de sentimentos humanos, Lucía Joyce comezou a ter  problemas mentais; asemade, o pai egocéntrico, a nai abandonada e celosa da súa filla e o diagnóstico de esquizofrenia, sepultarán a Lucía en hospitais a metade da súa vida. Stephen Joyce, neto e herdeiro do escritor irlandés, mandou destruír toda a correspondencia coa súa filla, deixándonos sen o legado de Lucía.

Velaí o elevado prezo de ser Musa.

Se queredes ler o artigo na páxina de NÓS Diario preme no título Musas ou vítimas?