Os estados membros da ONU propuxeron que o 11F fora declarado oDía Internacional da Muller e da Nena na Ciencia en recoñecemento ao papel clave que desempeñan as mulleres na comunidade científica e na tecnoloxía.
A Asemblea Xeneral aprobou esta resolución o 22 de decembro do 2015.
A 8ª Asemblea deste Día terá lugar do 8 ao 10 de febreiro de 2023 na Sede das Nacións Unidas, en Nova Iorke.
Pódese participar en diálogos e debates con mulleres expertas, mozas e profesionais para situar a ciencia, a tecnoloxía e a innovación no centro dos programas de desenvolvemento sostible, rexistrándose nesta ligazón, Día Internacional.
Este ano 2023 céntrase no papel das mulleres, as nenas e a ciencia en relación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), co lema “Innovar. Demostrar. Elevar. Avanzar. Soster (IDEAS)”
Ademais, por primeira vez incluirá un obradoiro de ciencia para nenas cegas, en Braille, “Facer a ciencia accesible“.
En España existe a iniciativa 11deFebrero, unha iniciativa cidadá cuxo obxectivo é promover a organización de actividades para conmemorar o 11 de febreiro, promocionándoas e difundídoas na súa páxina web.
Un material moi atractivo e interesante para achegar a nenas e nenos o nome e unha imaxe de mulleres vencelladas ao mundo da ciencia e da innovación, entre elas: Hypatia, Sophie Germain, Ada Byron, Hedy Lamarr e Margarita Salas.
Son fichas para colorear editadas por Unidad de Igualdad de la Secretaría General Técnica del Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
Podedes descargar aquí esta publicación Ellas hicieron Historia
Maruja Mallo, artista da Xeración do 27 e das “Sinsombrero”, foi nomeada no pasado mes de decembro, por unanimidade, cos votos de todos os partidos políticos do concello, Filla Adoptiva de Madrid a título póstumo. O seu nome pasa a engrosar unha lista cunha vintena de membros na que só figura unha muller, e non por méritos propios: a filla do ditador Francisco Franco.
Maruja Mallo é unha figura clave da primeira metade do S XX español: non só pola súa relevancia artística, formando parte dos grupos renovadores da arte e da Xeración do 27, senon tamén por participar nos movementos de emancipación feminina e conquistar logros reservados, na súa maioría, ao territorio masculino.
As “Sinsombrero” foron mulleres da mesma Xeración do 27 cun gran compromiso co seu tempo e coa realidade política e social . Como os seus coetáneos varóns, Luis Cernuda, García Lorca, Jorge Guillén, Vicente Aleixandre, Alberti, Buñuel ou Dalí participaron de forma activa na vida cultural e nos acontecementos que caracterizaron o S XX español aínda que a elas non se lles otorgou a categoría de suxeito político, nin o lugar que lles corresponde na historia por dereito propio.
Este ano “Tutti confetti” dedica o calendario do ano 2023 a estas mulleres, as “Sinsombrero”: Concha Méndez, Ernestina de Champourcín, Josefina de la Torre, Marga Gil Röesset, Margarita Manso, Mª Teresa León, María Zambrano, Maruja Mallo, Rosa chacel, Luisa Carnés e Ángeles Santo. Todas elas escritoras, pintoras, escultoras, filósofas, actrices… de gran valía ás que temos que facerlle xustiza e recuperalas para o noso saber colectivo.
Premendo aquí podedes acceder a este calendario e a outros tamén de interese para visibilizar mulleres valiosas Calendarios 2023
Remata o calendario das “Sinsombrero” cunha imaxe moi interesante para reflexionar sobre a importancia que en determinados tempos, culturas ou relixións se deu, e aínda se da, a cubrir a cabeza das mulleres.
Para saber máis da importancia destas mulleres, o Ministerio de Educación y Formación Profesional a través do Portal de recursos educativos Leer.es achéganos información de gran calidade nos seguintes apartados: Proyecto educativo, Vida y obra, Materiales audiovisuales, Espacios web e Aplicación interactiva. Salientar os tres documentais interesantísimos de RTVE: Sin ellas la historia no está completa, Ocultas e impecables e El exilio.
Premendo aquí podedes acceder a estes recursos Las Sinsombrero
Cada ano varios calendarios están adicados á visibilización de mulleres importantes e pouco coñecidas, esquecidas e/ou mesmo borradas da historia.
Este ano 2023 atopamos coma sempre o calendario “Tempo de mulleres, mulleres no tempo” esta vez sobre mulleres Artistas Visuais, do Sindicato de traballadoras e traballadores do ensino galego STEG; o do “Museo Massó“, arredor das mulleres do mar e o traballo na terra; o de “Past Women“, sobre as mulleres no pasado; o calendario que destaca a 12 artistas, poetas, dramaturgas, … da xeneración do 27, as chamadas “As sen chapeu“, de “Tutti Confetti”; e outros máis.
Pódense ver e descargar no blogue “Mulleres na Historia e Historia de Mulleres“, na seguinte ligazón mulleresehistoria.
Mentres seguiremos a engrosar o número de vítimas de acoso sexual, de relacións non consentidas, de aprendizaxe na pornografía, de hipersexualización das nenas e adolescentes, de violacións en grupo…En definitiva de relacións non igualitarias, pouco satisfactorias e violentas, na maioría das veces. Lola Varela publicou noDiario de Pontevedrao 28/12/2022 este artigo para reclamar a necesidade urxente desta formación en todas as etapas educativas e nas familias.
Podedes ver o estudo completo do que se fala no texto realizado ao alumnado do IES A Xunqueira I (Pontevedra) no pasado ano 2021, pero presentado en maio deste ano no seguinte enlace do noso blog Estudo actual sobre sexualidade na adolescencia en Galicia
“O obxectivo deste artigo é analizar sucintamente a coeducación e o tratamento da igualdade nos currículos derivados da LOMLOE e expoñer os aspectos clave para traballar de forma coeducativa con este currículo na aula. Atopamos que é un currículo competencial e que recolle entre os seus elementos fundamentais a convivencia e a coeducación”, con estas palabras intoducen o seu artigo a Orientadora do CEIP Villaverde-Mourente (Pontevedra) Azucena Arias e o Inspector de Educación Jose Mª Alén, publicado estes días no Nº 84 de eduga revista galega do ensino.
Relación entre obxectivos de área, criterios de avaliación e contidos que presenta o currículo galego da LOMLOE
Contextualización dos contidos na avaliación no currículo LOMLOE
Roles do profesorado e do alumnado para aplicar metodoloxías LOMLOE
Estamos diante dun texto rigoroso que vai acompañado de elementos gráficos que colaboran a súa comprensión, asi como de dous anexos onde se citan a modo de exemplo obxectivos de área relacionados coa convivencia e a coeducación en Educación Infantil e Primaria e na etapa de ESO.
Parabéns a Azucena Arias e a Jose Mª Alén, persoas vencelladas á coeducación desde hai moitos anos e imprescindibles neste blog.
Nadal, tempo de xoguetes dun xeito especial e maioritario, parémonos a pensar se estamos a mercar sen discriminacións entre nenas e nenos ou, pola contra, deixámonos levar polos estereotipos establecidos.
“Os xoguetes imitan a realidade en miniatura” como nos di a orientadora e pioneira na coeducación en Educación Infantil e Primaria, María Luísa Abad.
Nesta ocasión Lola Varela dedica este novo artigo, publicado estes días en NÓS Diario, a esta muller de longa traxectoria (desde os anos 90), que empregou a coeducación como ferramenta indispensable para unha educación verdadeiramente en igualdade. Coeducar para transformar.
Podedes descargar este innovador Manual para coeducar na escola infantil (2008) de Luísa Abad, que se cita no artigo, ao final do texto, así como este outro material da mesma autora centrado no xogo Anén-Onén: xogando en igualdade na escola infantil (2003), dúas publicacións moi valiosas e difíciles de atopar hoxe en día, a non ser nas bibliotecas de centros de ensino sensibles coa coeducación e a igualdade das nenas e nenos.
Xoguetes e Coeducación
Lola Varela
Unha gran maioría dos anuncios de xoguetes reproducen roles sexistas, que nenos e nenas asumen como imperativos para a súa aceptación social. Segundo o Estudio sobre estereotipos y roles de género en la publicidad de juguetes (Instituto de la Mujer, 2020), o 38,5% dos anuncios amosa ás nenas arquetipos femininos de beleza ou de coidadora e nai/esposa como referencia, alén de sexualizar ás cativas nun 11% deles. Asemade, o 34% dos anuncios relacionados con profesións e dirixidos ás nenas asócianse co sector da perruquería e da estética, mentres que o 50% dos dirixidos aos nenos mostran actividades como piloto, policía ou militar. A mensaxe é moi clara: a diferenciación de xénero, pon de manifesto con total precisión o que se espera delas e deles cando sexan maiores
O xogo é un elemento clave de socialización na infancia, crucial para a configuración da personalidade, os valores, as habilidades e as capacidades. A decisión sobre que xoguetes poñemos a disposición dos nenos e das nenas, é de grande importancia. Xogar é ensaiar a vida, practicar os roles establecidos. “Non basta con ter xoguetes dun e doutro tipo e facilitar o acceso igualitario. Hai que ter en conta que a maioría dos xoguetes foron concibidos cos roles estereotipados. Os xoguetes imitan a realidade en miniatura”, como nos di a profesora e escritora María Luísa Abad na publicación Manual para coeducar na escola infantil (Xerais, 2008), editado pola Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar para as Galescolas, aquel ambicioso proxecto de país.
Para mudar esta situación, os principais fabricantes de xoguetes españois asinaron co Ministerio de Consumo adherirse a un código de autorregulación que pretende desterrar estes estereotipos, evitar asociar os xogos a un ou a outro sexo, impedir sexualizar ás nenas e impulsar unha linguaxe inclusiva e unha imaxe igualitaria. Se algún anuncio incumpre as normas, deberá ser retirado. Este novo código deontolóxico, que substitúe ao de 2015, aplicarase aos membros da Asociación Española de Fabricantes de Juguetes (AEFJ), que aglutina as maiores industrias do Estado. Porén, asociacións de consumidores como FACUA critican que esta cuestión debería ter sido regulada por lei, con sancións para quen non respecte este novo código.
Nin boas intencións, nin propostas voluntaristas, nin novos códigos deontolóxicos; todo pode axudar, certamente, pero a mellor ferramenta para erradicar estereotipos sexistas que só conducen á desigualdade e á discriminación de mulleres e nenas, está na coeducación que debe comezar nas etapas máis temperás. Disto sabe María Luísa Abad, coeducadora pioneira e de longa traxectoria na Educación Infantil e na Primaria no noso país. De feito, a devandita publicación é una edición revisada e ampliada doutra do ano 1996, na que a autora, coa Lei Orgánica 1/1990 Xeral do Sistema Educativo (LOXSE) como base, e aproveitando as novidades positivas da lei en cuestión, analizaba a adquisición da identidade de sexo e xénero na infancia. Tamén enxergaba o sexismo existente na escola -como consecuencia da sociedade na que está inserida- e a necesidade ineludible dunha verdadeira intervención coeducativa na escola mixta, aportando instrumentos de observación e análise da práctica diaria, así como diferentes propostas dirixidas ao profesorado e ás familias.
Dinos a autora: “A coeducación supón una ruptura co currículo implícito ou oculto, que é en realidade o que transmite o sistema de valores dominante, supón un compromiso co alumnado de cara a facilitar experiencias integradoras, de comunicación e respecto cara ás e aos demais, de solidariedade e de tolerancia…Estamos pola coeducación, significando “coeducar” educar de acordo con todos aqueles aspectos positivos que se consideren necesarios para calquera persoa, independentemente do seu sexo biolóxico”.
Benvidas sexan, e non só no Nadal, as guías de xoguetes e contos non sexistas. Deseñemos estratexias motivadoras para que todos os xoguetes sexan útiles e interesantes para ambos sexos. Procuremos nos xogos a colaboración e a participación de nenas e nenos. Velaí algunhas ideas.
Este 25 N Día para erradicar a violencia contra as mulleres deixounos dous textos de dúas bravas e loitadoras mulleres, a xornalista e escritora Montse Fajardo e a profesora, orientadora e tamén escritora Azucena Arias, que en forma de “Manifesto” presentaron o seu alegato en contra da violencia de dúas formas diferentes pero moi complementarias.
A primeira, na sesión do pleno do Concello de Pontevedra e a segunda, na Deputación provincial.
Montse Fajardo pon o foco nos homes como parte fundamental da solución e danos claves para reflexionar sobre as “masculinidades”. Azucena Arias fálanos dunha ferramenta imprescindible para eliminar a violencia contras as mulleres e as nenas como é a “coeducación”. O perfil de cada unha delas queda ben definido a través das súas palabras. Animádevos a ler ambos textos, lectura necesaria e urxente nos tempos que vivimos.
Se queredes descargar ambos manifestos premede aquí Montse Fajardo e Azucena Arias
Un ano máis a profesora do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, Tareixa Casal, agasállanos con atractivos e interesantes materiais para abordar co alumnado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional este doloroso e tráxico asunto da violencia contra as mulleres. Todas e todos somos necesarios para evitar este sufrimento inxusto e ancestral.
(Nesta presentación podes premer en cada un dos números e terás vídeos acaídos sobre este tema para comentar na aula)
Este é o argumento dun pequeno vídeo de algo máis de 2 minutos, realizado en Canada no ano 2017, que chama a nosa atención pola incomunicación que provocamos entre nós co uso excesivo das novas tecnoloxías. Unha vez máis, somos as mulleres as que poñemos enriba da mesa os coidados e, nunca mellor dito, porque xuntando ao redor dunha mesa aos veciños e veciñas dunha vivenda para compartir un xantar, podemos decatarnos do illamento no que vivimos en moitas ocasións.