Tag Archives: Educación sexual

Menstruación. Bibliografía recomendada

Estándar

Aquí vos damos conta de sete publicacións diversas unhas en forma de comic, outras como diario, outras informativas…pero todas moi interesantes e atractivas para abordar o tema da regla ou menstruación das nenas con naturalidade.

Podedes premer enriba da imaxe para ver mellor a información de cada libro.

“No te engañes” Campaña contra a explotación sexual e a trata de mulleres

Estándar

Un bo traballo da xornalista e directora de cine, Mabel Lozano, realizado para a Comunidade Autónoma de La Rioja, no que pretende chamar a atención da mocidade e facer unha campaña de sensibilización diante do consumo de prostitución inconsciente, presionado polo entorno ou a pornografía.

Trátase dun pequeno vídeo de 1´35 m moi directo e o texto está baseado nas declaracións de mulleres en contexto de prostitución atendidas por Médicos del mundo e APRAMP.

A dominación polo sexo. O corpo das mulleres como botín de guerra

Estándar

Falando de Educación para a Igualdade de Homes e Mulleres non podemos esquecer unha das desigualdades máis inxustas e crueles, a exercida contra as mulleres polos exércitos coloniais nas súas conquistas.

O corpo das mulleres foi a ferramenta, en moitas ocasións, para crear terror, someter e humillar ao pobo colonizado. Eis un exemplo, o acontecido nas primeiras décadas do S XX no norte de África, na época do Protectorado Español.

Un tema pouco coñecido, mais do que é preciso falar e saber.

Lola Varela publicou dos artigos sobre este asunto en NÓS Diario no mes de setembro e no de outubro que reproducimos a continuación.

DOMINACIÓN POLO SEXO: COLONIALISMO E VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

                                                                                             Lola Varela

Logo de vivir seis anos en Marrocos e volver de cando en vez, sinto que o coñecemento e o apego ao país medra, e con eles a necesidade de afondar nalgúns temas pouco coñecidos por estes pagos. Eis, o caso da cruel violencia exercida contra as mulleres “moras” por parte dos militares españois, en especial pola “Policía Indígena”, durante o período das Guerras do Rif (1911-1927): unha práctica estarrecedora, que tamén foi empregada por todos os exércitos coloniais europeos sen excepción, no resto do continente africano.

Das atrocidades e vexacións sufridas polas mulleres indíxenas, temos algunhas referencias no libro Escritos Africanos (Melilla, 2019) de Dionísio Pereira; outras, están incluídas no Expediente Picasso (1922) redactado tras os sucesos de Annual polo xeneral Juan Picasso, no que se recoñece o malestar de certas cabilas tras os actos realizados por algúns oficiais. Este informe, recolle varios testemuños sobre abusos cometidos tanto por mandos españois como por axentes rifeños da “Policía Indígena”, contra as mulleres das cabilas rurais. Entre estes testemuños, cabe salientar o de dous frades pertencentes á Misión Franciscana de Nador que denunciaron como causa do desacougo das comunidades en cuestión, quer o maltrato recibido pola poboación indíxena, quer os abusos que padecían as mulleres,

Naquela altura, o socialista Indalecio Prieto, correspondente en Melilla do xornal bilbaíno El Liberal, acusará con nome e apelidos un destes oficiais por ter violado no territorio do Kert medio centenar de mulleres musulmás. E nas súas controvertidas Memorias, o propio líder rifeño Abd el Krim considera responsables indirectos a estes militares das terribles vinganzas levadas a cabo contra os soldados españois tras a rendición de Monte Arruit. En palabras de Abd el Krim: “Aquelas represalias sen piedade foron consecuencia dos horrores aos que someteron á poboación que, sen embargo, dicían que viñan protexer e civilizar”. O escritor catalán Josep María Prous i Vila, que visitou como soldado aquel lugar meses despois, recolleu algunha versión na que se atribuía a tortura e castración de soldados hispanos a mulleres indíxenas daquela contorna que, previamente, padeceran abusos e violacións. Algúns anos antes dos episodios de Annual e Monte Arruit, outro escritor, Luis Antón del Olmet, describira nas páxinas da súa inclemente novela Un sol bárbaro, muere (Madrid, 1911) a extrema violencia de xénero por parte dos soldados españois. E xa na actualidade, na literatura española contemporánea atopamos tan só referencias illadas ás repetidas violacións de mulleres rifeñas polas tropas hispanas, caso da obra de Lorenzo Silva Carta Blanca (Madrid, 2005).

A intervención colonial francesa tampouco foi allea á dominación sexual, sufrida por moitas mulleres marroquinas, tunesinas e sobre todo alxerianas, xa que alí a violación foi empregada a eito como unha terrorífica acción militar de represalia. Daquela, mentres omitía os atropelos das súas propias tropas, a prensa francesa informou de abusos e casos de corrupción cometidos polo exército expedicionario hispano durante o Protectorado; unhas informacións que foron consideradas calumnias pola Restauración borbónica española: tal aconteceu cun artigo do xornalista franco-marroquino Rober-Raynaud, publicado a comezos de setembro de 1921 no xornal parisino Le Matin, no que describía a desbocada intervención, violacións incluídas, das tropas hispanas nas cabilas do entorno de Alhucemas.

En todo caso, o corpo da muller musulmá colonizada no Maghreb tamén foi arma de guerra para o aparato militar francés, tal e como demostrou o libro Sexe, Race et Colonies. La domination des corps du XVe siècle à nos jours (Paris, 2018). O intenso debate que xeraron estas páxinas chegou a Marrocos e, como consecuencia, uns meses despois o nº 96 da revista de historia Zamane incluía o dossier L´autre visage de la colonisation. La domination par le sexe. A violación, mais tamén a prostitución organizada ao servizo dos exércitos coloniais, foron armas empregadas para o sometemento da poboación, pero diso falaremos outro día.

Podedes acceder directamente ao xornal premendo no título do artigo Dominación polo sexo. Colonialismo e violencia contra as mulleres

DOMINACIÓN POLO SEXO. COLONIALISMO E PROSTITUCIÓN

                                                                                             Lola Varela

Dicía o novelista Arturo Barea: “Durante os primeiros 25 anos deste século Marrocos non foi máis que un campo de batalla, un bordel e unha taberna inmensos.” Entre 1912 e 1927, principais anos da expansión colonial española no Rif, calcúlase que pasaron polos diferentes asentamentos militares uns 300.000 soldados. Segundo a escritora e profesora francesa Natalie Benelli, podemos falar dun mínimo de 10.000 mulleres prostituídas (1 muller por cada 30 soldados), ademais das que exercían de xeito clandestino fora dos lugares habilitados para tal fin. Tampouco podemos esquecer a pederastia moi estendida e fomentada a través de fotos e tarxetas postais que mostraban nenas e nenos practicamente nus e en actitudes moi erotizadas, Por cen pesetas podíase pasar unha noite con moritas ou hebreas de 12 e 13 anos.

Da importancia que tivo a prostitución no Protectorado español en Marrocos (1912-1956) fala precisamente a tese doutoral de Mª Begoña Etxenagusia, realizada en 2018 baixo a dirección do profesor Eloy Martín Corrales e publicada por Edicións Bellaterra en 2020, que xunto cos traballos de Josep Lluís Mateo Dieste, Julián Casanova ou Manuela Marín son das poucas fontes que temos para coñecer un tema tabú da nosa historia contemporánea. Podemos contar tamén con obras literarias de autores de ambos lados do estreito como Tomás Borrás, autor da novela La pared de tela de araña ou El pan desnudo do escritor rifeño Mohamed Chukri. Sen esquecer a Mohamed Mrabet que, da man de Paul Bowles, publicou El amor por un puñado de pelos, e tamén repasar a obra fotográfica de Nicolás Müller, que viviu 9 anos en Marrocos.

A prostitución no norte de África era bastante limitada e pouco visible até a colonia. Exercíase de xeito popular no interior dos hamman, dos fondouks, e de noite e para as elites existía desde a Idade Media unha prostitución encuberta coas concubinas-escravas, as escravas-domésticas ou as artistas-cortesás.

Considerada como un “mal menor” durante o Protectorado, foi institucionalizada e regulamentada para controlar a falta de hixiene, o contaxio de venéreas (a sífilis era a terceira enfermidade do país), impedir a homosexualidade e a masturbación, que tiñan moi mala sona, mais tamén para evitar as relacións amorosas coas indíxenas, a sedución de mulleres “honestas” e o nacemento de crianzas mestizas, que podían “dexenerar a raza”. Chegaron a funcionar, como mínimo, 12 prostíbulos en Tetuán, 16 en Larache, 13 en Alcazarquivir, 9 en Arcila, 6 en Chauen como en Villa Sanjurjo (actual Alhucemas) e 3 en Villa Nador, onde había máis prostitución nas rúas que nos prostíbulos.

Desde 1918 funcionaron Dispensarios antivenéreos nas grandes cidades para controlar ás mulleres indíxenas, españolas ou europeas. O home era a vítima a protexer, pois segundo o director do Dispensario de Chauen “a continencia absoluta era impensable nun home normalmente constituído”.

Debemos engadir, asemade, que foi un negocio cumprido para proxenetas, oficiais encargados da supervisión e, mesmo, para as arcas do Estado. As mulleres dedicadas á prostitución debían estar rexistradas, ter unha cartilla, pola que pagaban 5 pts., e pasar revisións médicas bisemanais, nas que eran anotadas como “sana”, “contaminada” ou coa “menstruación”, pois daquela tiñan prohibido exercer baixo multa. Multas que chegaban ata 200 pts. por non pasar revisión, ser clandestinas ou montar escándalo público. As donas das casas de lenocinio debían pagar o seu imposto segundo fora considerado o seu local de 1ª, 2ª ou 3ª categoría. Estes pagos, en teoría, repartíanse en tres partes: para a “Junta de Servicios Municipales” local, para os médicos que facían as revisións e para axudar aquelas mulleres que, retiradas por enfermidade nos “Sifilicomios”, tiñan que pagar mantenza e roupa da cama. Porén, na práctica estes pagos e as multas que lles eran impostas constantemente, ían engrosar os petos de certos mandos militares ou de autoridades locais.

Recompensar aos soldados e humillar ao adversario segregado, foron os principais obxectivos dunha política colonizadora que empregou o divertimento sexual como botín de guerra. 

Podedes acceder directamente ao xornal premendo no título do artigo Dominación polo sexo. Colonialismo e prostitución

“El lunes nos querrán”Premio Nadal 2021

Estándar

El lunes nos querrán é a última novela de Najat el Hachmi que como as anteriores (El último patriarca, Madre de leche y miel ou La hija extranjera) ten moito de autobiográfica. Esta escritora catalana de orixe rifeño fainos reflexionar con esta novela, en forma de carta da protagonista á súa mellor amiga, ambas marroquíes vivindo na periferia de Barcelona, temas como a integración, o multiculturalismo, a xenofobia, o patriarcado ou a identidade. O comentario de Lola Varela sobre esta obra publicado en NÓS Diario o día 10 de xuño. Moi recomendable a súa lectura.

                            NAJAT EL HACHMI: ENTRE DOUS MUNDOS

                                                                                      Lola Varela

A escritora catalá de orixe rifeña, Najat El Hachmi, ven de gañar o Premio Nadal 2021 coa novela El lunes nos querrán. Nesta obra a autora narra en forma de carta, dirixida á súa mellor amiga, a historia de dúas xoves de familias musulmás que residen nun “barrio periférico da periferia” de Barcelona e son moi distintas: una, moi tradicional, que exerce unha presión brutal sobre a súa filla; outra, máis aberta. O contraste entre ambas amigas marca o ton da novela, onde se enfrontan, no doméstico, ao machismo e á cerrazón, ás veces asfixiante, da relixión e, na rúa, coa precariedade laboral e os estereotipos. A amizade será a única agarradoira para a súa supervivencia na iniciación á vida adulta, para abordar dende a sexualidade ata o mundo laboral; dende a procura da identidade propia até a loita pola liberdade e a igualdade das mulleres cos homes nunha sociedade patriarcal. E é, nestas coordenadas, onde moitas mulleres, inmigrantes ou non, sentímonos identificadas coas protagonistas do relato. A teima destas mozas vai ser a mesma de tantas outras, pero máis que a xeito de alegación política, Najat El Hachmi implícanos nos seus destinos a través das emocións e da busca individual da felicidade.

O título El lunes nos querrán responde ao desexo de ser aceptadas, de ser queridas no mundo que habitan, pero pouco a pouco irán constatando que malia seguir a ditadura do coidado do corpo e das modas, iso non sucede e irán co tempo e ás topadas chegando á conclusión de que na vida compre aspirar a que nos queiran como somos. O luns é ese futuro no que elas poderán encaixar en todos os ideais, condicionantes e ditados, ser as mulleres que “deben ser”. O luns representa ese momento que non acaba de chegar, e que a narradora persegue sen saber moi ben como.

Nesa tesitura móvense as dúas rapazas de ficción, incómodas e desorientadas por ser “de dous mundos”, expresión que Najat El Hachmi rexeita. “Ponme nerviosa a palabra multiculturalismo porque oculta, non se queren ver as friccións, o choque de valores  das distintas culturas; a idealización da realidade é sempre unha negación do conflito, pero toda conquista da liberdade fai inevitable o conflito”. En realidade as persoas inmigrantes están sometidas a un dobre desarraigo: o da sociedade na que viven, coas súas normas que fan moi difícil a convivencia, e o das súas familias e a súa orixe ao querer afastarse da relixión ou de certas tradicións. Esta situación provoca o que o antropólogo Jordi Moreras considera “identidades á intemperie”, consecuencia da anulación do papel instrumental das instancias clásicas encargadas da sociabilidade das persoas xunto coa inxustiza xeneralizada e a humillación concreta. Son identidades desprotexidas e sometidas ao azar das inclemencias. Segundo Moreras, habería que atender ás condicións que toda sociedade debería garantir para que os seus membros poidan elaborar e reelaborar as súas identidades ao longo da vida dun xeito coherente, comezando por recompoñer os modelos institucionais en crise no canto de parchear o problema da mocidade inmigrante mediante unha “vitimización xustificada” ou, polo contrario, mediante ese “calvinismo neoliberal” que converte aos individuos en responsables e debedores dos seus comportamentos sociais.

As protagonistas de El lunes nos querrán pelexan con afouteza pola súa realización persoal, loitando contra os condicionantes que as oprimen desde todas as frontes: o xénero, a orixe xeográfica, a relixión, a clase social… A novela describe perfectamente a “interseccionalidade” das súas vidas e, fuxindo de simplificacións culturais ou sociais, amósanos a importancia de que as mulleres traballen para ser as donas das súas vidas malia as circunstancias máis hostís. Para ser libres, as dúas amigas resístense a levar unha existencia que para a súa xente é a correcta, pero atópanse coa culpabilidade, a falta de pertenza, a  xenofobia, os prexuízos contra as e os inmigrantes, o machismo, a violencia, a discriminación de xénero e outros moitos obstáculos comúns a todas as mulleres, pero acrecentados nelas.

Podedes ler este artigo directamente aquí Najat el Hachmi: Entre dous mundos

Comando Igualdade, unha iniciativa necesaria

Estándar

Dedicado á coeducadora, feminista e profesora de Filosofía, Chis Oliveira publicouse estes pasados días en NÓS Diario un novo artigo de Lola Varela onde se da a coñecer unha iniciativa moi necesaria para a mocidade, que nace en Vigo pero que debería espallarse por todo o territorio. Precisamos dun Comando Igualdade en cada instituto.

                                          COMANDO IGUALDADE

                                                                                                 Lola Varela

Nos últimos tempos asistimos, tristemente, a un aumento de máis dun 20% de delitos sexuais entre a mocidade e tamén arrepía que 7 de cada 10 adolescentes consuman pornografía de xeito habitual. O verdadeiro antídoto para reverter esta situación sería incluír nos currículos educativos unha Educación Sexual igualitaria, sen estereotipos, inclusiva, non moralista e de calidade, así como avanzar na creación de verdadeiros centros coeducativos. Eis unha alternativa que arestora non se albisca agás en casos illados, alentados con moito esforzo e voluntarismo por parte do profesorado, maiormente, mais tamén con exemplos de participación entusiasta da rapazada tal que a experiencia do Comando Igualdade.

O Comando Igualdade é un fato de mozas e mozos, alumnado de ESO e Bacharelato do IES Alexandre Bóveda de Vigo e tamén alumnado de estudos superiores, xa que rematada a súa etapa no Instituto continúan vinculados ao colectivo. O discurso, a sólida formación e o compromiso coa igualdade de mulleres e homes da profesora de Filosofía dese centro, Chis Oliveira, fixérona merecedora dun Premio Irene, concedido polo Ministerio de Educación en 2009 á súa traxectoria ao impartir un valente e innovador programa de Educación Sexual ao seu alumnado durante 25 anos. Conceptos como sexo, xénero, feminismo, patriarcado, diversidade sexual ou micromachismos viñan sendo tratados con normalidade na formación que Chis impartía nas súas aulas. O salto chegou co Proxecto Bata, unha moi sonada intervención integral e multidisciplinar realizada no referido IES, para visualizar a importancia dos coidados e para intentar que o cotiá, privado ou doméstico, maioritariamente feminino, mudase en algo público e colectivo. Todo este traballo foi recoñecido cun novo Premio Irene en 2010 e aquí comezou a andaina do Comando Igualdade. Conscientes do poder revolucionario da mocidade, procuran a través dunha deconstrución persoal contribuír a unha transformación social necesaria e urxente, capaz de superar o machismo, repensar a sexualidade e construír unhas relacións máis libres nunha sociedade máis xusta.

O Comando centra a súa actividade en dúas liñas: a formación e a acción. Unha formación entre iguais onde as persoas adultas (profesorado ou persoal experto) só teñen un papel coordinador e onde existe o compromiso de se instruír e investigar persoalmente, para despois compartilo nas reunións e debates en grupo. Estas xuntanzas realízanse fora do horario lectivo, nun ambiente de empatía, escoita mutua, rexeitamento das xerarquías e moito respecto entre elas e eles, creando deste xeito un espazo seguro, aberto e diverso. Para intervir e actuar, comezaron levando o debate a outras aulas do seu centro, pero axiña foi demandada a súa presenza noutros institutos de toda Galiza (Caldas de Reis, Bueu, Beade, Santiago, entre outros), o cal permitiu deixar a semente de novos Comandos Igualdade. Ademais, tamén colaboraron con asociacións e colectivos diversos como As Bandidas, @klandestinas, Faraxa ou Nós Mesmas; en programas pola igualdade ou contra a violencia de xénero dos concellos de Vigo e Santiago e, mesmo, o Comando foi invitado polo Proxecto Skolae (2019), ambiciosa proposta coeducativa do goberno de Navarra, para se dar a coñecer e incentivar a creación de grupos semellantes nesa comunidade.

Coa bagaxe de case 10 anos de existencia e diante do dano que está a facer esta pandemia no rol das mulleres no seo das familias, na reiteración dos estereotipos e no aumento da violencia de xénero, o Comando Igualdade está a piques de editar un libro onde relata a súa orixe, funcionamento e formación, recollendo as demandas de total actualidade de amplos sectores da poboación, para que a modo de guía axude a formar novos Comandos Igualdade por acá e por acolá. Escrito por Chis Oliveira e Priscila Tamara Retamozo, ex-alumna de Chis e hoxe outra das coordinadoras do Comando, preséntase como un diálogo interxeracional entre ambas que permite o autocoñecemento e a creación dun pensamento crítico.

O Comando Igualdade, un referente ineludible da revolta feminista que comezou nas aulas.

Pódese acceder á versión orixinal do artigo aquí mesmo Comando Igualdade

Día do libro: Lecturas alternativas. Educación sexual e Diversidade

Estándar

Achegamos dúas propostas de boas e necesarias lecturas para as nosas fillas e fillos e o noso alumnado:

48 libros para hacer Educación Sexual con los peques desde la familia. Unha moi completa guía editada pola Cruz Roja de Oviedo que contén:

36 lecturas de ficción relacionadas coa Educación afectivo-sexual que tratan temas tan diversos como reproducción, imaxe corporal, autoestima, menstruación, masturbación, placer, igualdade,
diversidade, roles e expresión de xénero, identidade sexual, transexualidade, orientación sexual,
familias, bo trato, prevención de violencia, prevención de abusos sexuais, saúde, VIH e máis.

12 son materiais divulgativos, guías de educación sexual dirixidas a familias, editadas cun
propósito educativo e divulgativo.

Podedes descargar esta publicación aquí

Alternativas literarias para trabajar en las aulas. Unha oferta moi ampla de lecturas LGTBI, editada por Docentes lgtbi+ para todas as etapas Educación Infantil, Primaria e Secundaria que abordan a diversidade sexual e os diferentes xeitos de ser e de relacionarnos.

Podedes descargar esta publicación aquí

O sexismo na publicidade

Estándar

Cantas mulleres se sinten identificadas coa imaxe que se da delas na publicidade? Neste vídeo de apenas 2 m, realizado polo Observatorio Andaluz de la Publicidad no Sexista, dentro do proxecto Caminando hacia una publicidad en positivo, faise unha breve enumeración dos temas tratados nos anuncios: limpeza doméstica, alimentación, saúde e beleza… e sempre como telón de fondo a preocupación polo corpo, a imaxe de muller obxecto ou da “superwoman”.

Aquí podedes acceder a este vídeo Sexismo e Publicidade

SEX_WebSerie. Un xeito de facer Educación Sexual

Estándar

En SOGASEX (Sociedade Galega de Sexoloxía) atópase unha webserie de, polo de agora, 6 vídeos sobre educación sexual para adolescentes. (Podedes ter máis información premendo no nome da Sociedade).

S.E.X. está producida pola produtora creativa “Illa Bufarda” en colaboración e co asesoramento da asociación ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia) especializada na atención integral en saúde emocional e mental comunitaria de nenas e nenos, adolescentes e as súas familias.

Está avalada por SOGASEX e apoiada pola Fundación PAIDEIA.

A webserie foi realizada entre outubro do 2019 e marzo do 2020.

Recibiu o Premio “Luisa Villalata 2019”, outorgado pola Deputación a Coruña.

Interpretados por Noelia Liñares Mayo, Ángel Calo e Iria Freire.

Para visualizar os vídeos preme nesta ligazón: Sex_WebSerie.

Cibersexo e violencia de xénero

Estándar

Hoxe é moi necesario falar co noso alumnado e nas nosas casas coas fillas e fillos desta nova forma de relación que é o Cibersexo, así como coñecer prácticas como Sexting, Sextorsión ou Sexpreading. Onde comeza a violencia e o que pode ser delito é do que tratan os dous vídeos que están a continuación, realizados grazas as axudas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Centro de información á muller CIM de Andújar (Jaén)

Neste enlace podes acceder ao vídeo https://www.youtube.com/watch?v=FTJrsghGlkQ&t=47s

Grupo de Desenvolvemento Rural GDR Salnés-Ulla-Umia

Neste enlace podes acceder ao vídeo https://www.youtube.com/watch?v=vkQA9fxGMDY

Para completar esta información pode ser moi útil e clarificadora a Escaleira cíclica da violencia de xénero elaborada pola profesora e experta en coeducación Carmen Ruíz Repullo.

Tus hijos ven porno. ¿Qué vas a hacer?

Estándar

José Luis García, educador sexual: “Prohibir el porno es un error. Lo que tenemos que hacer es capacitar a los adolescentes para que sean críticos”

Tus hijos ven porno. ¿Qué vas a hacer? Neste libro, o primeiro dunha serie de catro, o seu autor, Jose Luís García, psicólogo clínico e sexólogo, analiza o papel das familias e do profesorado para contrarrestar os modelos de sexualidade que lle chega á mocidade coa pornografía.

Os datos da fiscalía do estado confirman un aumento do 40% de delitos sexuais de menores contra menores.

En Twitter hai porno, directamente, e en Instagram e Facebook se queres, de forma indirecta tamén podes atopalo. Ademais, están plataformas como Only Fans ou semellantes onde moitas adolescentes practican prostitución encuberta.

Estamos diante dunha xeración de “nenas e nenos pornográficos” que precisan urxentemente dunha Educación sexual rigurosa, científica, igualitaria e non moralizante.

Para coñecer mellor as opinións e algúns dos datos aportados neste libro, podedes ler neste enlace unha boa e completa entrevista co autor do libro. https://www.eldiario.es/nidos/jose-luis-garcia-psicologo-educador-sexual-rasgos-adiccion-porno-son-necesitas-consumirlo-frecuencia-buscar-videos-violentos_128_7196658.html