Tag Archives: Galiza

Xela Arias e as Letras Galegas

Estándar

Este ano 2021, tan especial, a Real Academia Galega RAG decidíu homenaxear a unha escritora tamén moi especial, Xela Arias, no 17de maio Día das Letras Galegas.

Innovadora, rebelde e inconformista. Activista pola paz, gran defensora da lingua galega, ecoloxista e feminista. Xela Arias foi sen dúbida unha muller comprometida coa sociedade de seu tempo;e como nos di Tareixa Casal, Profesora do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra e autora desta presentación. Aquí tedes un material sinxelo e atracttivo para achegar a figura de Xela Arias ao noso alumnado

Pódese descargar aquí esta presentación.

E se queredes afondar máis no coñecemento da súa vida e da súa obra, vos recomendamos estos vídeos editados pola Real Academia Galega, nos que en 6 capítulos, e baixo o título de A palabra esgazada, se realiza un bo achegamento a Xela Arias. Premendo no título accededes a eles.

Tamén como agasallo do Consello da Cultura Galega para este Día das Letras Galegas vos achegamos unha interesante publicación desta autora ¡Non te amola!, cun estudo ben feito por Ana Iglesias e cunhas atractivas ilustracións de Bea Gregores.

Podedes descargar aquí esta publicación.

Engadimos a esta escolma de materiais sobre Xela Arias estas ilustracións tan vistosas e xuxerentes de imaxes da escritora con algúns dos seus versos, da man agarimosa e moi creativa de Terteres, que agacha o nome doutra boa compañeira, Mónica Fernández.

Podedes descargar estas ilustracións premendo no nome da autora Terteres

Vos propoñemos tamén a lectura deste poema escrito por Nones Araujo en versos acrósticos e dedicado a Xela Arias.

E para rematar anotamos a continuación o enlace para visionar un vídeo homenaxe á poeta Xela Arias no 60 aniversario do seu nacemento en Sarria. Román Raña, Oriana Méndez, Antonio G Teijeiro, Xina Vega, Marta Dacosta, Silvia Penas, Fran Alonso, Lara do Ar, Iolanda Zúñiga e Marcos de la Fuente len poemas de Xela. María Xosé Queizán lembra unhas pinceladas sobre Xela e recita o poema que lle dedicou. As imaxes son de Xulio Gil, do libro de foto-poemas Tigres coma cabalos. Editado polo Ateneo Atlántico de Vigo.

Vídeo Xela Arias

Concluimos coa música de A banda da loba “con M de muller” que dedica unha canción a un dos poemas do último e rompedor libro de Xela Arias Intempériome.

Mulleres herdeiras e transmisoras

Estándar

Neste novo artigo en NÓS Diario, Lola Varela fálanos dunha publicación feita con moito agarimo e chea de encanto, froito deste ano de confinamento na aldea. “Crónicas miúdas de Vilar de Figueiroa en tempos de pandemia”, escrita en man común co seu compañeiro o historiador Dionísio Pereira, está dedicada a dúas mulleres, Gloria e Saludina, veciñas.

Sabendo das mulleres como transmisoras duns valores comunitarios indispensables para manter a esperanza de vida no agro, quixeron atrapar no tempo esta sabedoría colectiva e alumeala para o futuro.

                                            Mulleres herdeiras e transmisoras

                                                                                         Lola Varela

Para Gloria e Saludina

Vai facer un ano que comezou este tempo de pandemia que nos levou a vivir en confinamento dentro dunha pequena comunidade rural, a nosa aldea da Terra de Montes pontevedresa. Xurdiu, entón, unha sorte de relación dialéctica entre o illamento e a comunicación a través das redes sociais, neste caso facebook, entrelazando o particular coa colectividade. Da man de dúas mulleres do noso lugar de diferentes xeracións, unha con nós na aldea e a outra emigrada en Catalunya, realizamos un percorrido emocional pola xeografía, o patrimonio e as vivencias do noso entorno.

Sabendo das mulleres como transmisoras duns valores comunitarios indispensables para manter a esperanza de vida no agro, e tal e como acontece noutras sociedades rurais ben coñecidas por nós como os pequenos “aduares” do Rif, onde as mulleres deixaron para a lembranza en fermosos “izran” o acontecer cotiá, quixemos atrapar no tempo esta sabedoría colectiva e alumeala para o futuro. Deste xeito naceu a publicación Crónicas miúdas de Vilar de Figueiroa en tempos de pandemia que fixemos en man común o meu compañeiro, Dionísio Pereira, máis eu.

En confinamento tras o 14 de marzo pasado, a vida mudou e comezamos a compartir moitas máis horas que antes coa nosa veciñanza, botando unhas falas de porta a porta, traballando nas veigas, paseando polo monte…, de maneira que observando máis, aprendemos moito; e tamén puidemos comprobar como a vida da comunidade melloraba, había máis trato entre a xente e máis interese en coidar o común. Isto non agacha que a nosa comunidade, coma calquera outra, ten os seus trasgos que ás veces colocan pedras no camiño da convivencia e poñen en perigo a continuidade do colectivo…

Pensamos que o futuro das aldeas, está en función de que conserven un mínimo de actividade comunitaria (a xestión do monte, das augas, dos camiños, a transmisión da identidade…), do retorno de persoas cuxa orixe sexa rural e do pulo de políticas públicas de apoio á produción do agro e do monte, sen esquecer a potenciación dos servizos básicos (entre eles, os coidados personalizados á xente maior) e dun turismo de proximidade asociado á produción e á paisaxe humanizada. Non acreditamos na moda “urbanita” de “descubrimento da aldea”, posto que con todas as excepcións que se quixer, adoita reproducir no rural os mesmos vicios de aculturación individualista que hoxe padecen a maioría dos habitantes das grandes cidades, identificando a aldea só cunha paisaxe “bonita” na que poder relaxarse sen concibila como un lugar no que se poida traballar e vivir dignamente, compartindo unha cultura habituada a tirar o máximo partido de recursos escasos.

Nas poboacións campesiñas do país, a autosuficiencia de outrora, deixou pegadas máis ou menos perceptibles nas diferentes construcións, no xeito de traballar a terra, no coidado dos animais, na elaboración dos alimentos, no goberno do comunal, no coñecemento do medio…E pode ser apaixonante, ademais de apreciar a capacidade de resistencia da xente labrega sometida á extrema dureza da loita pola vida, manter o que aínda está vivo, recollendo para o futuro unha consideración vital máis humana, próxima á natureza, agradecida polo traballo dos devanceiros e preocupada polo coidado das persoas que compoñen a comunidade.

Día a día entre peripatéticas conversas polos rueiros, intercambiando algunha carta ou a través do teléfono, foi nacendo mercé ao coñecemento das nosas veciñas informantes, esta crónica miúda de Vilar de Figueiroa, onde cada pedra ten unha historia, cada lugar do monte o seu nome e cada faena do traballo o seu cantar. Un acontecer de xente humilde, que aínda atesoura unha grande sabedoría na súa relación cotiá co medio. E unha xestión do territorio que pretendía, antes que nada, a permanencia da comunidade.

Se algo (seguro que o único) ten de bo este confinamento que tanto nos desacouga, é que posibilita un mellor coñecemento do noso entorno e das persoas coas que convivimos; e, ao tempo, para nós foi unha confirmación do primordial papel das mulleres como herdeiras e transmisoras dese saber-facer comunitario.

Podedes ver a publicación orixinal deste artigo en NÓS Diario do día 19 de marzo neste enlace https://www.nosdiario.gal/opinion/lola-varela/mulleres-herdeiras-transmisoras/20210318202857117922.html

8 M. Unha reflexión sobre a situación laboral das mulleres

Estándar

“Máis mulleres con estudos ca homes. Máis homes con traballo ca mulleres”

Tedes a continuación varias presentacións elaboradas pola profesora Tareixa Casal do CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) para que este 8 M sexa un día de reflexión co noso alumnado e poder afondar na situación laboral das mulleres na actualidade, abordando asuntos como: a fenda salarial, as horas de traballo non remuneradas, a segregación ocupacional, o chamado “teito de cristal”, ata o acoso laboral. Con suxerentes imaxes e unha gran aportación de datos, de seguro que será de bo proveito este traballo nas aulas.

E que mellor que para lembrar este 8 M agasallar ao alumnado cun marcapáxinas con frases feministas ditas por mulleres e homes de moita sona. Esta proposta foi realizada por Sonia Casal, profesora no IES Fontexería (Muros).

Marcapáxinas feministas

Vídeo

Descargar o vídeo: Eu son feminista

Acoso nas cociñas. Información significativa sobre a actual fenda salarial e as súas consecuencias, así como sobre a segregación ocupacional e a nosa escasa presenza en postos de responsabilidade.

Datos e portadas. Abordando o tema da conciliación laboral e familiar.

En que século conduces. A corresponsabilidade nas tarefas domésticas como un piar fundamental para a conciliación.

Homes facendo a merca. Algúns homes fan a compra pero non se responsabilizan das necesidades da casa nin de supervisar outras tarefas como citas médicas, a marcha no cole das crianzas, o coidado de persoas dependentes …

Mulleres estrelas Michelin. Unha boa mostra de mulleres de renome como chef de cociña. 22 mulleres estrelas Michelín e soles da guía Repsol

Isabel Zendal. A viaxe máis épica da historia da humanidade

Estándar

Nun pequeno vídeo de algo máis de 4 m se nos conta un increible episodio dentro da Historia da Medicina, protagonizado por esta enfermeira galega afouta, directora do Orfanato da Caridade na Coruña, que participou na “Real expedición filantrópica de la vacuna”, dirixida polo doctor Francisco Javier Balmis. Isabel Zendal foi considerada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como a primeira enfermeira da historia en misión internacional.

Vídeo sobre esta espectacular expedición para levar a vacina da viruela aos territorios de ultramar do imperio español naquela época.

Enlace ao vídeo https://www.youtube.com/watch?v=_WVkL7HhjAc

Día de Rosalía de Castro, 24 de febreiro. Outras Rosalías

Estándar

Entre as diversas facianas que podemos atopar en Rosalía de Castro (1837-1885), a muller de actitudes pouco convencionais, a comprometida coa lígua e a cultura galega, a de ideoloxía progresista socialmente, imos salientar a de feminista que denuncia a situación de dependencia das mulleres. En obras como Lieders, Las literatas. Carta a Eduarda ou no limiar de La hija del mar Rosalía deixounos todo un alegato feminista moi avanzado para a súa época.

Estes e outros textos semellantes aparecen na fermosa publicación Escritos feministas que editou a Casa de Rosalía en 2019.

Para ter máis información das actividades e publicacións vencelladas a Rosalía, aquí tedes o enlace da Fundación Casa de Rosalía https://rosalia.gal/a-casa/a-casa-museo/

“Porque todavía no les es permitido a las mujeres escribir lo que sienten y lo que saben”.

(Limiar de La hija del mar. 1859)

No seguinte artigo de Lola Varela, publicado no Diario de Pontevedra, hoxe 24 de febreiro, 184 anos despois do seu nacemento, tedes esta reflexión sobre as outras Rosalías tantos anos silenciadas.

Aquí podedes descargar e ler este artigo con máis comodidade.

Guía básica de corresponsabilidades e novas masculinidades

Estándar

O Concello de Bueu ven de editar unha necesaria guía elaborada polo Centro de Información ás Mulleres na que se aborda o tema da corresponsabilidade e das novas masculinidades.

Como nos di o Sr. Alcalde de Bueu, Félix Juncal Novas, no limiar desta publicación:

“Un dos principais problemas do feminismo, moi especialmente dos homes feministas, é a necesidade de
ofrecer referentes masculinos que se afasten da masculinidade clásica ou hexemónica. É, pois, preciso por
en marcha accións políticas que xeren cambios na sociedade, na cultura, na educación, traballando cos
homes, comezando polos máis novos, empregando ferramentas que promovan e faciliten a eliminación
dos roles tradicionais, cuestionando todos os privilexios dos que vimos desfrutando dende hai moitísimos
séculos…”

“Apostamos pola cuarta ola feminista que precisa de nós. Tamén os homes temos que loitar contra o
patriarcado convencidos e convencendo a outros homes”.

A través de imaxes cotiás e textos breves vaise avanzando no tema, da man de catro homes de Bueu (Antón Guitián, Arturo Sánchez, Jose Manuel Castro e Luís Davila) que nos fan reflexionar e desexar algúns cambios urxentes e imprescindibles para acadar unhas relacións igualitarias.

Podedes descargar esta publicación aquí mesmo

O mar das mulleres: sustentabilidade en feminino

Estándar

A Deputación de Pontevedra, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, o Campus do Mar e o Museo Massó, desenvolveron o proxecto “Sustentabilidade en feminino”, que busca amosar as achegas das mulleres ao desenvolvemento sustentable e á conservación dos nosos mares.

Este proxecto, pensado para as etapas de infantil, primaria e secundaria, ofrece en aberto os paneis da exposición para o seu traballo en aula. Pódense consulta aquí os materiais da exposición. E esta é a Ligazón á páxina oficial do proxecto.

No apartado de Recursos educativos atópase o material “O mar das mulleres. Océanos sustentables con perspectiva de xénero” que consiste en realizar xunto a Emma, unha rapaza moi curiosa, un percorrido polo destacado papel que as mulleres veñen xogando desde sempre na conservación dos océanos e na explotación sustentable dos recursos mariños.

Emma coñece o mar das mulleres mediante seis infografías e as súas correspondentes propostas didácticas:

Se tes interese pola sustentabilidade en feminino tamén podes ler o artigo EL PAPEL DE LA MUJER EN EL DESARROLLO SOSTENIBLE, no seguinte enlace: https://www.genethico.com/el-papel-de-la-mujer/

O mar tamén ten mulleres

Estándar

Con este título publicouse o nº 4 da Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial ARDENTÍA no ano 2007, patrocinada pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.

É unha verdadeira homenaxe a esa gran parte das mulleres galegas e do norte de Potugal que viven do mar e no mar. Aparecen nesta publicación multitude de traballos interesantísimos que non convén esquecer, da autoría de persoas salientables no mundo da literatura ou da investigación histórica.

Unha viaxe polos diversos mares e polos diferentes traballos desempeñados por mulleres ao longo do tempo:

Realidades e perspectivas, analisadas por un equipo da Universidade de Santiago de Compostela; As mulleres do mar de Ferrolterra e Ortegal de Esperanza Piñeiro e Andrés Gómez; Entrevista a Xenxa Rei, peixeira do mar de Arousa de Francisco Fernández Rei; As barreiras teñen nome de muller de Dionísio Pereíra; As Xulianas de Bueu, subhastadoras de peixe de Lola Varela; Mulleres do mar portugués de Ivone e Joao Baptista; Contos entre os penedos do río Narla de Orlando Viveiro; Bañistas labregas de Emilio Xosé Ínsua; A imaxe da muller nas cantigas do mar de Carme Hermida; A mariñeira de Quilmas, un conto de Darío Xoan Cabana, os cadros de Balbina López, pintora do mar e un dos primeiros artigos publicados sobre as heroínas de Sálvora, A illa das mulleres salvadoras de Luis Teira, hoxe máis coñecidas pola película A illa das mentiras de Paula Cons.

Imprescindible publicación do mar das mulleres que podedes descargar aquí.