Tag Archives: Libros

Un libro para reflexionar: “Feminismo de proximidade”

Estándar

O 13 de maio, foi presentado o libro “Feminismo de proximidade”, unha marabillosa recompilación de artigos cun claro fío condutor: a muller e a súa condición.
A proposta repasa aspectos históricos, reivindica accións positivas, fai visibles situacións,… Son reflexións profundas ao redor de temáticas da axenda feminista actual. Ofrece con perspectiva de xénero aspectos tan diversos como o androcentrismo arquitectónico, a represión franquista nas mulleres de Terra de Montes, a sanidade, a cultura ou as eivas das mulleres no Rif, por exemplo.
Suxerimos un mergullo nas súas páxinas que, sen pretensión de exhaustividade, ofértanos un achegamento cotiá e unha visión poliédrica sobre a igualdade, a inclusión e a coeducación.

Dez cómics feministas

Estándar

TBO en clase” web didáctica adicada ao cómic histórico, ven de publicar un artigo Esta imaxe ten o atributo alt baleiro; o se nome de arquivo é marie-curie.jpegCómics feministas – Diez cómics imprescindibles sobre mujeres“, no que quere recomendar unha serie de lecturas que consideran indispensables para comprender a loita feminista. Novelas gráficas debuxadas por homes ou mulleres, pero onde as verdadeiras protagonistas das historias son as propias mulleres. Polo que falan de cómics feministas no seu sentido máis amplo.

As dez protagonistas son:

  1. Sisí, emperatriz rebelde: obra de Giorgia Marras, La biografía de Sisí logra captar boa parte da esencia independente da emperatriz Sisí.
  2. Credo: obra de Peter Bagge, e a biografía de Rosa Wilder Lane, unha muller que desafiou todas as normas da súa época.
  3. Rani: última obra de Jean van Hamme, Rani. Trátase dunha historia de aventuras, persecución e conspiracións.
  4. Estamos todas bien: de Ana Penyas, Estamos todas bien é unha obra autobiográfica baseada na vida das súas dúas avoas.
  5. El fruto prohibido: Liv Strömquist escribiu El Fruto Prohibido que da a sensación de estar lendo un documental sobre todo o que rodea ao órgano sexual feminino.
  6. El cantar de Aglaé: creado por Anna Simon, El Cantar de Aglaé é uhna fábula feminista en base a un personaxe que escapa de toda virtude. Continúa en La emperatriz Cixtitis.
  7. Rosa Lux 19: obra didáctica e divulgativa de Vanesa Ripio sobre Rosa Luxemburgo que pode ser considerada como libro de texto teórico.
  8. Persépolis: obra de Marjane Satrapi, Persépolis é un alegato contra a estupidez humana, veña de onde veña.
  9. La virgen roja: obra de Loouise Michel, La Virgen Roja é unha novela gráfica ambientada na Comuna de París de 1871.
  10. Marie Curie:  a obra de Alice Milani, Marie Curie é unha mirada cara a incomprensión dunha sociedade que ignoraba os logros das mulleres.

Outros cómics feministas son:

  • María Pita: a célebre muller que se armou de valor e enfrentouse, sen coñecementos militares, ás tropas inglesas que trataban de ocupar A Coruña. 
  • Lluvia: unha historia que mezcla ecoloxismo e loita polo medio ambiente, Lluvia do matrimonio Talbot, tamén visibiliza unha relación homosexual entre dúas mulleres.
  • Temporada de rosas: Bárbara, unha chica adolescente forte, decidida e empoderada, que non dubida en enfrentarse aos roles impostos pola sociedade. Temporada de rosas é un cómic de Chloé Wary.
  • Clara Campoamor: editado por Cascaborra, Clara Campoamor fai un percorrido biográfico pola autora, abordando as súas distintas experiencias vitais.
  • Concepción Arenal: unha novela gráfica debuxada pola súa propia tataraneta Teresa Novoa, Concepción Arenal pretende acabar con esa imaxe de muller severa que acompaña ao seu retrato.
  • Zilia Quebrantahuesos: de Laura Rubio,  Zilia Quebrantahuesos é unha saga ambientada no Aragón medieval, no que aparecen dragóns, fadas, duendes,…
  • Eileen Gray: a biografía da arquitecta Eileen Gray descríbese a súa personalidade, as súas relacións personais e a creación da súa obra máis emblemática, a casa E-1027.
  • Love me please. Janis Joplin: a cantante norteamericana Janis Joplin coa súa gran voz logrou encandilar ao pobo estadounidense, pero terminou coa súa vida á idade de 27 anos. 

Pódese ler o artigo completo en TBO en clase

Finou Adela Turín. Creadora e investigadora de literatura infantil e xuvenil con perspectiva de xénero

Estándar

Nada en Italia en 1939 e formada en Historia da Arte, dedicou a súa vida profesional a escribir para a infancia e investigar as trazas sexistas na literatura infantil.

Formou parte, en Milán, do grupo Rivolta, vinculado ao movemento feminista. Decidíu crear a colección «Dalla parte delle bambine» que, entre 1975 e 1980, publicou máis dunha vintena de títulos.

Anos despois trasladouse a París, onde -xunto con Silvie Cromer- fundou a asociación «Du côté des filles», que desde 1994 pescuda e denuncia os casos de sexismo nos materiais educativos.

Ao longo da súa carreira publicou numerosos álbums de primeiras lecturas de alta calidade estética e literaria nos que denuncia a discriminación das nenas na familia e na sociedade. En total podemos falar de cerca de 30 libros.

En galego temos traducidos varios títulos, ilustrados por Nella Bosnia e editados por Kalandraka

  • Artur e Clementina,
  • Rosa Caramelo
  • A historia dos bonobos con lentes
  • Unha feliz catástrofe


Para saber máis podedes consultar estes enlaces:

https://fr.wikipedia.org/wiki/Adela_Turin

https://5ovejasnegras.wordpress.com/2016/03/08/adela-turin/

http://www.galix.org/2021/12/finou-adela-turin-creadora-e_16.html?m=1

Menstruación. Bibliografía recomendada

Estándar

Aquí vos damos conta de sete publicacións diversas unhas en forma de comic, outras como diario, outras informativas…pero todas moi interesantes e atractivas para abordar o tema da regla ou menstruación das nenas con naturalidade.

Podedes premer enriba da imaxe para ver mellor a información de cada libro.

“COMANDO IGUALDADE”, 10 anos nas aulas

Estándar

Chis Oliveira, catedrática de Filosofía e experta en Educación Afectivo-Sexual, a mestra, e Priscila Retamozo, polítologa e cun mestrado en xénero, a alumna, veñen de publicar

Comando igualdade. A mocidade facendo a revolución feminista nas aulas!

O libro foi editado por Catro Ventos e conta a historia do “Comando Igualdade” que naceu en Vigo, nun Instituto de Coia, o IES Alexandre Bóveda, de máns da profesora Chis Oliveira hai uns 10 anos.

Todo comezou co “Proxecto Bata”, semente do futuro grupo de alumnado que deu froito ao activismo feminista levado ás aulas deste instituto e espallándose a outros institutos de Galicia co paso do tempo ata hoxe en día.

Chis abréulles os ollos, e elas e eles puxeron as gafas violetas da igualdade pero xa non quixeron quitalas nunca máis e implantaron a cor do feminismo moi dentro, no profundo do seu ser.

No libro, asemade, pódense atopar moitas referencias, de total actualidade, con enlaces QR para afondar nos temas que se tratan e para ver ao comando en plena acción.

Aquí tedes en palabras das autoras ao xornal Atlántico a importancia desta publicación La revolución feminista comienza por las aulas.

A presentación do libro estase a realizar en varios lugares de Galiza,con motivo do 25 N. Así xa estiveron no Concello de Vigo, na Libraría Lila de Lillith en Santiago, na Libraría Paz de Pontevedra, no IES Laxeiro de Lalín, en Culturgal… E podemos atopar referencias na páxina web da Consellería de Educación da Xunta de Galiza e no artigo que Lola Varela publicou no mes de maio en NÓS Diario, cando o libro estaba aínda na imprenta, “Comando Igualdade”.

Como conclusión, salientar a necesidade de que exista un Comando Igualdade non só en todos os centros de ensino, senón tamén en calquera recuncho da sociedade.

No Concello de Vigo
En Lila de Lillith
Na Libraría Paz

Colección de libros “Defensoras de dereitos”

Estándar

Defender os dereitos humanos como proxecto vital e político nunha das rexións máis perigosas do mundo para levalo a cabo. Este é o nexo en común das cinco  protagonistas da colección de libros ‘Defensoras de dereitos’.

As súas protagonistas son Haydée Castillo (Nicaragua), Verónica Salazar (O Salvador),  Miriam Suazo (Honduras), Estela Ángeles Mondragón (México) e María Cuc Choc (Guatemala). Cinco activistas que forman parte das máis de 2.000 mulleres defensoras organizadas en Mesoamérica, a rexión  comprendida entre México e Costa Rica, arredor da Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos (IM-Defensoras). 

A autora dos cinco títulos é a xornalista e escritora Lara Dopazo Ruibal e as ilustracións son obra de Marta Conde e RotmInas.

A colección foi impulsada pola Coordinadora Galega de ONGD e a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social en colaboración con IM-Defensoras e contou co apoio da Deputación de Pontevedra no marco do proxecto ‘Defensoras de dereitos’. Os libros están dirixidos ao público xuvenil e ten un formato adaptado para que, desde os centros educativos e os espazos de educación non regrada como os centros socioculturais ou biblioteca, se reflexione e traballe colectivamente o seu contido. 

Premendo aquí “Defensoras de dereitos” pódese acceder á páxina da Coordinadora Galega de ONG para o desenvolvemento, onde atoparedes vídeos explicativos destas publicacións e tamén poderedes descargar estes libros en galego ou castelán.

“Niñas hoy mujeres mañana”, unha fermosa publicación de Vinka Jackson

Estándar

Con diferentes exemplos de nenas e mozas, que en varios lugares do planeta levaron adiante grandes e interesantes iniciativas, a psicóloga e escritora chilena (famosa polo seu libro Agua fresca en los espejos, onde desvela os abusos sexuais sufridos de nena e causados polo seu pai) Vinka Jackson amósanos a forza destas nenas e o futuro esperanzador que poden construir.

Remata esta publicación dándonos conta da Declaración das nenas ou The girl declaration que 508 rapazas de 14 países do mundo redactaron no ano 2013. Nela presentan ás persoas adultas os seus dereitos e necesidades para poder medrar dun xeito digno e libre, nun mundo máis xusto e igualitario.

Podedes aproveitar para practicar un pouco de inglés visionando un resume desta declaración no vídeo que vos presentamos.

Judit Polgár, a heroína da serie Netflix “Gambito de Dama” da vida real

Estándar

O xadrez non ten porque ser cousa de homes


Judit Polgár
naceu o 23 de xullo de 1976 en Budapest, sendo a menor de tres fillas dun matrimonio húngaro de clase media. Nai e pai, ambos adicados á educación, acordaron poñer en práctica un experimento pedagóxico co obxectivo de demostrar que se pode fabricar un xenio utilizando as técnicas adecuadas. As tres fillas axiña convertíronse en campionas de xadrez, destacando con diferencia Judit.

Judit Polgár hoxe xa retirada, obtivo en 1991o título de Gran Maestro Internacional á idade de 15 anos, convertíndose na persoa máis nova en conseguilo, rompendo o récord do famoso campeón estadounidense Bobby Fischer. 

É a única muller que conseguíu figurar entre os dez primeiros xadrecistas da clasificación mundial, lográndoo na listaxe de xaneiro de 1996.

Foi a primeira muller en gañarlle a Kasparov, considerado o mellor xogador de xadrez da historia, en 2002.

Gambito de dama é unha miniserie de televisión  estadounidense baseada na novela do mesmo nome de 1983 de Walter Tevis e foi estreada en Netflix el 23 de octubre de 2020.

Gambito de dama é unha historia ficticia que relata a vida dunha moza orfa, un prodixio do xadrez, durante a súa procura para convertirse na mellor xogadora de xadrez do mundo mentras loita con problemas emocionais e dependencia das drogas e o alcohol. A historia comeza a mediados da década de 1950 e continúa ata a de 1960.

“El lunes nos querrán”Premio Nadal 2021

Estándar

El lunes nos querrán é a última novela de Najat el Hachmi que como as anteriores (El último patriarca, Madre de leche y miel ou La hija extranjera) ten moito de autobiográfica. Esta escritora catalana de orixe rifeño fainos reflexionar con esta novela, en forma de carta da protagonista á súa mellor amiga, ambas marroquíes vivindo na periferia de Barcelona, temas como a integración, o multiculturalismo, a xenofobia, o patriarcado ou a identidade. O comentario de Lola Varela sobre esta obra publicado en NÓS Diario o día 10 de xuño. Moi recomendable a súa lectura.

                            NAJAT EL HACHMI: ENTRE DOUS MUNDOS

                                                                                      Lola Varela

A escritora catalá de orixe rifeña, Najat El Hachmi, ven de gañar o Premio Nadal 2021 coa novela El lunes nos querrán. Nesta obra a autora narra en forma de carta, dirixida á súa mellor amiga, a historia de dúas xoves de familias musulmás que residen nun “barrio periférico da periferia” de Barcelona e son moi distintas: una, moi tradicional, que exerce unha presión brutal sobre a súa filla; outra, máis aberta. O contraste entre ambas amigas marca o ton da novela, onde se enfrontan, no doméstico, ao machismo e á cerrazón, ás veces asfixiante, da relixión e, na rúa, coa precariedade laboral e os estereotipos. A amizade será a única agarradoira para a súa supervivencia na iniciación á vida adulta, para abordar dende a sexualidade ata o mundo laboral; dende a procura da identidade propia até a loita pola liberdade e a igualdade das mulleres cos homes nunha sociedade patriarcal. E é, nestas coordenadas, onde moitas mulleres, inmigrantes ou non, sentímonos identificadas coas protagonistas do relato. A teima destas mozas vai ser a mesma de tantas outras, pero máis que a xeito de alegación política, Najat El Hachmi implícanos nos seus destinos a través das emocións e da busca individual da felicidade.

O título El lunes nos querrán responde ao desexo de ser aceptadas, de ser queridas no mundo que habitan, pero pouco a pouco irán constatando que malia seguir a ditadura do coidado do corpo e das modas, iso non sucede e irán co tempo e ás topadas chegando á conclusión de que na vida compre aspirar a que nos queiran como somos. O luns é ese futuro no que elas poderán encaixar en todos os ideais, condicionantes e ditados, ser as mulleres que “deben ser”. O luns representa ese momento que non acaba de chegar, e que a narradora persegue sen saber moi ben como.

Nesa tesitura móvense as dúas rapazas de ficción, incómodas e desorientadas por ser “de dous mundos”, expresión que Najat El Hachmi rexeita. “Ponme nerviosa a palabra multiculturalismo porque oculta, non se queren ver as friccións, o choque de valores  das distintas culturas; a idealización da realidade é sempre unha negación do conflito, pero toda conquista da liberdade fai inevitable o conflito”. En realidade as persoas inmigrantes están sometidas a un dobre desarraigo: o da sociedade na que viven, coas súas normas que fan moi difícil a convivencia, e o das súas familias e a súa orixe ao querer afastarse da relixión ou de certas tradicións. Esta situación provoca o que o antropólogo Jordi Moreras considera “identidades á intemperie”, consecuencia da anulación do papel instrumental das instancias clásicas encargadas da sociabilidade das persoas xunto coa inxustiza xeneralizada e a humillación concreta. Son identidades desprotexidas e sometidas ao azar das inclemencias. Segundo Moreras, habería que atender ás condicións que toda sociedade debería garantir para que os seus membros poidan elaborar e reelaborar as súas identidades ao longo da vida dun xeito coherente, comezando por recompoñer os modelos institucionais en crise no canto de parchear o problema da mocidade inmigrante mediante unha “vitimización xustificada” ou, polo contrario, mediante ese “calvinismo neoliberal” que converte aos individuos en responsables e debedores dos seus comportamentos sociais.

As protagonistas de El lunes nos querrán pelexan con afouteza pola súa realización persoal, loitando contra os condicionantes que as oprimen desde todas as frontes: o xénero, a orixe xeográfica, a relixión, a clase social… A novela describe perfectamente a “interseccionalidade” das súas vidas e, fuxindo de simplificacións culturais ou sociais, amósanos a importancia de que as mulleres traballen para ser as donas das súas vidas malia as circunstancias máis hostís. Para ser libres, as dúas amigas resístense a levar unha existencia que para a súa xente é a correcta, pero atópanse coa culpabilidade, a falta de pertenza, a  xenofobia, os prexuízos contra as e os inmigrantes, o machismo, a violencia, a discriminación de xénero e outros moitos obstáculos comúns a todas as mulleres, pero acrecentados nelas.

Podedes ler este artigo directamente aquí Najat el Hachmi: Entre dous mundos

María Pita, muller de armas tomar 432 anos despois

Estándar

Mayor Fernández da Cámara Pita, máis coñecida como María Pita, nada en Sigrás (Cambre. A Coruña) contra 1560 e finada no mesmo lugar en 1643, foi unha heroína galega na defensa da Coruña contra o ataque da Armada Británica acontecido no mes de maio do ano 1589. Hai agora 432 anos daquela.

En xullo do ano 2020 publicouse un cómic coa súa biografía e os seus avatares ben interesantes, desde como dirixíu as tropas contra os ingleses ao berro de “Quen teña honra, que me siga”, ata os catro matrimonios que realizou e os dous fillos e fillas que tivo.

Este cómic foi realizado por César Herce, Meik Cobain e Angie Suárez, dentro da colección Historia de España en viñetas de Cascaborra Ediciones.

Tedes maís información da vida de María Pita nesta entrada da Wikipedia https://gl.wikipedia.org/wiki/Mar%C3%ADa_Pita

E podedes achegarvos a esta heroína a través deste audio realizado con moito humor e boa música por Nieves Concostrina na SER