Tag Archives: Marrocos

A eco-arquitectura da man dunha muller

Estándar

Nestes tempos complexos e difíciles de abordar, como consecuencia do cambio climático, da escaseza de fontes de enerxía e da preocupación polo medioambiente, as chamadas construcións bioclimáticas deberían ser o camiño a seguir. Recuperar o saber ancestral e adaptalo para o futuro. Salima Naji é un exemplo disto. No pasado mes de xaneiro, Lola Varela publicou este artigo no xornal NÓS Diario para visibilizar a mulleres valiosas.

Salima Naji: a eco-arquitectura e o saber ancestral

                                                                                  Lola Varela

Podemos inspirarnos no pasado para crear as vivendas que respondan ás necesidades do noso futuro?. Esta é a teima na que a arquitecta e antropóloga marroquina (con formación tamén en Belas Artes) Salima Naji está debruzada desde hai máis de 20 anos. Formada en Francia, regresou ao seu país natal onde se sinte moito máis útil para dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio propio que, como consecuencia da subordinación sufrida no período colonial (1912-1956), quedou asimilado a algo primitivo e menosprezado. Desa época, ven o antagonismo entre “beldi” (tradicional) e “asri” (moderno) ou a coñecida oposición medina indíxena/vila europea. Arestora, o traballo de Naji promove no país unha corrente favorable á cultura das construcións bioclimáticas, valorizando e modernizando a arquitectura tradicional.

Co gallo da Conferencia Mundial sobre o Cambio Climático, celebrada en Marrakech no 2016, realizouse o filme Eco-construction dans le sud du Maroc coa colaboración de Salima, que puxo o foco sobre esas construcións colectivas en adobe tan suxerentes como os “Ksar” ou as “Kasbah”, poboacións fortificadas, ou os “Agadir”, celeiros colectivos, todas elas acaídas para afrontar os efectos causados polo cambio climático. Porque no futuro, ademais de asegurar o benestar da veciñanza, as construcións deberán ter en conta o impacto ambiental no tocante aos recursos empregados, o custo enerxético, a emisión de gases con efecto invernadoiro, a duración das obras, os residuos xerados e a posibilidade de reutilización.

Este desafío global, resulta aínda máis urxente nas áreas de climas áridos e altas temperaturas, como xa apuntou o arquitecto exipcio Hassan Fathi (1900-1989), chamado o arquitecto das persoas pobres. Sen dúbida un dos pais da arquitectura sostible e vernácula, recuperou antigas técnicas de construción realizadas con materiais da zona para poñelas ao servizo dunha arquitectura moderna. Fathi, decatouse das propiedades do adobe, as arxilas e as areassecadas ao sol e mesturadas con palla, como material construtivo asequible e barato. A mestura destes materiais proporcionaba, ademais, un excelente illante térmico que resultaba moi eficaz no deserto para se protexer dos grandes contrastes de temperatura entre o día e a noite.

Neste marco atopase o traballo que Salima Naji realiza en Marrocos coa colaboración de institucións nacionais e locais e co apoio financeiro de organismos internacionais, para difundir esta nova cultura das construcións bioclimáticas a través do rescate de tecnoloxías do pasado e saberes que aínda persisten nas comunidades locais.

Particular interese ten a aplicación destes principios innovadores en obras de interese social como: centros de saúde, casas de maternidade, bibliotecas, escolas, locais culturais…, para ofrecer á poboación espazos públicos de maior calidade e máis saudables ao substituír o aire acondicionado por elementos como os captadores, reguladores ou saídas de aire tendo en conta os ventos dominantes e as correntes, as celosías para suavizar a luz ou a colocación de fontes de auga nas paredes ou no chan que refrescan o ambiente.

Todas as obras realizadas por Salima Marrocos adiante, teñen os seguintes elementos en común: fan uso de materiais locais que precisan dos coñecementos dos artesáns e o uso do cemento está reducido ao mínimo; rescatan formas arquitectónicas tradicionais que permiten crear espazos saudables e agradables, onde diminúe moito o consumo enerxético; as obras realízanse coa participación de traballadores locais que aportan os seus saberes coa perspectiva de crear cadeas produtivas de construción ecolóxica e formar una nova xeración de artesáns que contribúa a fixar poboación.

Recoñecida por prestixiosos premios relacionados coa arquitectura sostible, podemos achegarnos ao traballo de Salima Naji a través das súas publicacións: Art e architectures berbères du Maroc, Greniers collectifs de l´Atlas ou Architectures du bien commun: Pour une éthique de la préservation, entre outras. E ademais no seu sitio web https://salimanaji.com con abundante información e fermosísimas fotografías.

Podedes ler este artigo na versión orixinal do xornal premendo no título Salima Naji: a eco-arquitectura e o saber ancestral

E para saber máis desta valiosa muller, visitade o blog Mulleres na historia e Historias de mulleres no artigo Eco-arquitecta e antropóloga marroquí

                                                                

O amor non é un delito. A loita polos dereitos individuais en Marrocos

Estándar

No mes de novembro no xornal NÓS Diario Lola Varela comenta a súa preocupación pola falta de liberdades individuais para vivir o amor no país veciño, Marrocos, e, ademais, un dato curioso e interesante da responsabilidade do goberno francés durante o Protectorado no norte de Marrocos (1912-1956), por endurecer as penas por amar libremente, que chega ata os nosos días. Fronte a isto a sociedade civil organizouse no Colectivo 490 para reclamar o dereito á diversidade e ás liberdades individuais.

O amor non é un delito

                                                                               Lola Varela

Este é o lema do Colectivo 490 creado en Marrocos en 2019, tras a detención da xornalista Hajar Raissouni e do seu compañeiro, acusados de manter relacións sexuais fora do matrimonio (art. 490 do Código Penal), así como do persoal sanitario da clínica xinecolóxica á que acudía, por presunta práctica dun aborto. Tiveron que ir a xuízo e recibiron como pena 1 ano de cárcere; posteriormente, o Rei Mohamed VI concedeulles o indulto pola presión mediática xerada. Non tivo a mesma sorte unha moza marroquina de Bojador, que logo de ficar embarazada e abandonada pola súa parella, que lle prometera matrimonio, acudiu á policía e foi detida e condenada a 2 meses de cárcere polo mesmo artigo 490. Á saída do cárcere, a moza suicidouse.

As relación sexuais entre un home e una muller fora do matrimonio, están prohibidas en Marrocos e poden ser castigadas con penas de 1 mes a 1 ano de cárcere, sen ter en conta se son persoas adultas e se hai ou non consentimento. Cada ano arredor de 14000 persoas son perseguidas no país por este brutal e obsoleto artigo, que agrava aínda máis a situación da muller, xa que os embarazos non desexados, produto destas relacións, rematan en abortos clandestinos (entre 600 e 800/día), coa ameaza de ir á cadea ata 2 anos (art. 454).

O Colectivo 490 redactou o manifesto Fora da Lei, pedindo a derrogación deste artigo e doutros que atentan contra os dereitos individuais, que foi asinado por 12000 persoas nas primeiras semanas, e no que se auto-inculpaban de ter relacións extra-conxugais, de practicar ou ser cómplices de abortos ou de amar a persoas do mesmo sexo. Nel podemos ler: “…Esta cultura de mentiras e hipocrisía social xera violencia, arbitrariedades e intolerancia. Estas leis, draconianas e inaplicables, convertéronse en ferramenta de vinganza política ou persoal…Pensamos que a sociedade marroquina está madura para o cambio e para que se ratifique o respecto á intimidade e o dereito de toda persoa a dispoñer do seu corpo…”

Entre outras persoas, fan parte do Colectivo 490 Sonia Terrab, xornalista, escritora e directora de documentais como a webserie de sona Marokkiat/Mulleres marroquinas, na que, rompendo tabús, dá voz en espazos públicos a mulleres; Leïla Slimani, escritora e xornalista residente en Francia, gañadora do Premio Goncourt (2017), que vén sendo a voz do colectivo a nivel internacional; Narjis Benazzou, especialista en bioloxía médica e presidenta do colectivo na actualidade, ou Guizlane Mamouni, licenciada en Dereito pola Sorbonne e que desde o seu regreso a Marrocos dirixe un prestixioso bufete de avogad@s. Guizlane é autora dun interesante artigo publicado no Nº 135 da revista marroquina de talante liberal Zamane, no que relata como eran tratadas ao longo da historia de Marrocos as relación sexuais fora do matrimonio e como a época do Protectorado francés (1912-1956) tivo moito que ver no castigo e no endurecemento das penas.

A partir de 1912, tras o Tratado de Fez, Francia tiña o dereito e o deber de reformar a xustiza e o Código Penal no país alauita, pero non será ata 1953 cando o sultán “fantoche” Ben Arafa aprobe a nova lexislación. Antes, Ben Arafa substituíra a Mohammed ben Yussef (o futuro rei Mohammed V tras a independencia) que se negara a firmar estas reformas, como xeito de protesta contra a política colonial francesa. O novo Código, baseado no promulgado por Napoleón (1810) e moi criticado pola propia cidadanía francesa que o consideraba “un Código pesimista sobre a natureza humana”, incluía xa o artigo 490. Antes do Protectorado, a lexislación estaba nas mans das tribos ou kabilas, era consuetudinaria e consideraba só punibles aquelas relacións que se consideraba atentaban contra a sociedade ou contra o individuo, caso da prostitución, a homosexualidade e as violacións, que eran sancionadas con multas pero nunca con prisión nin castigos corporais.

Semella entón que na historia de Marrocos as relacións sexuais extra-matrimoniais entre persoas adultas e consentidas, non foron motivo de cárcere ata 1953, baixo o Protectorado. E convén lembrar que, na altura, os locais dedicados á prostitución inzaban o país para servizo dos exércitos coloniais.

Podedes ler o artigo na súa versión orixinal en NÓS Diario premendo no título O amor non é un delito

                                                                

E posible un feminismo islámico?

Estándar

Tomando como referencia o último libro do profesor e escritor Waleed Saleh Feminismo e islam. Una ecuación imposible, Lola Varela reflexiona no seguinte artigo publicado en NÓS Diario o 13/10/2022 sobre a dificultade de conciliar as relixións monoteistas, como é o caso, cos dereitos das mulleres.

Fronte a posicións que defenden un femisimo islámico como o da escritora Fatima Mernissi, outras persoas como Waleed Saleh defenden que non é posible acadar a igualdade de homes e mulleres, quer en dereitos quer en oprtunidades, dentro do Islam.

É posible un feminismo islámico?

                                                                                  Lola Varela

Os países de maioría musulmá constitúen a Organización para a Cooperación Islámica, son 57 e teñen a súa propia Declaración dos Dereitos Humanos no Islam (1990), xa que non aceptan a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, redactada por Nacións Unidas en 1948. Na primeira cláusula sinala que toda a humanidade somos servos de Deus, excluíndo deste xeito ás persoas non crentes e, como considera a Sharia ou Lei islámica como fonte principal, con respecto á situación da muller atopamos unha diminución de dereitos, a prol da superioridade dos varóns: o home é o cabeza de familia, responsable da economía; pode ter ata catro esposas, ás que pode repudiar ou divorciarse delas en calquera intre, quedando coa tutela dos fillos ao cumprir os dous anos e das fillas, aos sete; eles herdan o dobre que as mulleres e o seu testemuño ten dupla validez que o delas….Uns países aplican estas normas máis que outros; entre os que introduciron algúns avances está Túnez, onde se permite o aborto antes de que o feto teña 24 semanas, sen necesidade de xustificar a decisión, ou Marrocos coas reformas realizadas na “Mudawana” ou Código de familia (2004), que recoñece a corresponsabilidade na familia, o dereito da muller á tutela das crianzas ou a idade de 18 anos para contraer matrimonio.

Do estudo dos textos do Corán e da Sunna (os “hadices” ou ensinanzas do Profeta Mahoma), o escritor Whaleed Saleh pretende demostrar na súa última obra que feminismo e islam están en planos distintos e son incompatibles, pois considera que aquel ven sendo unha fe, unha crenza, mentres que o feminismo é un movemento civil laico e emancipador das mulleres. Así, en Feminismo e islam. Una ecuación imposible (2022), Saleh impugna o denominado feminismo islámico, pon de manifesto o xeito en que a influencia do Corán nas leis dificulta a construción de sociedades igualitarias, revela a misoxinia dalgunhas “fetuas” (ditames legais) e advirte dos perigos que carrexa o relativismo cultural.

Orixinario de Iraq, Saleh (1951) é doutor en Estudios Árabes e Islámicos e grande coñecedor do islam político. Docente no seu país ata o ano 1978, en que por razóns políticas tivo que se exiliar, exerceu logo en Marrocos e desde 1984 traballa na Universidad Autónoma e reside en Madrid. Entre os seus libros, compre salientar Librepensamiento e Islam (2016), onde defende separar a relixión da creación literaria e artística.

En Europa non atopamos moitos homes feministas como Saleh, pero no mundo árabe-musulmán houbo e hainos que denuncian as condiciónsde vida das mulleres, as leis discriminatorias  e o menoscabo dos seus dereitos, malia ser considerados quintacolumnistas, apóstatas ou renegados: desde o exipcio QasimAmin, que no 1899 escribíu La liberación de la mujer egipcia, ao iraquí Al Zahawi e o tunesino Tahar Haddad, entre outros.    

Desde a revolución islámica de Irán (1979) e a chegada ao poder dos Hermanos Musulmanes en Exipto, todo comezou a mudar e a vestimenta da muller é un indicador relevante da perda dos seus dereitos. Antes de  1979, as mulleres de países árabes e musulmáns xuntaban as súas reclamacións coas mulleres de todo o mundo, fora do marco da fe, como as libanesas Hind Nawfa e Anissa Najjar ou a palestina May Ziade. Esta tendencia continuou con activistas como Nawal Saadawi en Exipto e Wassyla Tamzali en Alxeria e na actualidade coas escritoras Najat el Hachmi, Mimunt Hamido ou Zoubida Boughaba.

O termo “Feminismo islámico” foi empregado por vez primeira nos anos 90 por parte dalgunhas investigadoras iranianas na revista Zanan (Mujeres) de Teherán. Segundo algúns analistas, este movemento xurde por varias razóns: a escolarización feminina e o desenvolvemento cultural en moitos países musulmáns, o medre das correntes islamistas, o desexo de marxinar a grupos radicais como Al Qaeda ou os talibáns e a intención dalgúns gobernos de sumarse na aparencia á modernidade. Xustifican a súa existencia no nome da interculturalidade, da pluralidade, do relativismo cultural e apoian a idea de que as costumes e as tradicións hai que respectalas. Ata onde?

Se queredes ler o artigo na versión orixinal no xornal preme aquí É posible un feminismo islámico?

                                         

Observatorio Wassyla Tamzali: tecendo redes solidarias coas mulleres do Magreb

Estándar

Neste novo artigo de Lola Varela no xornal NÓS Diario a autora comeza explicando quen é Wassyla Tamzali que da nome a esta organización recén creada. “O Observatorio leva o nome dunha destacada avogada, escritora e feminista alxerina, que desde o ano 1971 foi responsable na Unesco de diversos programas dedicados á defensa dos dereitos das mulleres, contra a explotación sexual e a trata…” para continuar dando información das xornadas “Mujer. Magreb. Islam”, organizadas polo Observatorio en Granada no mes de marzo do 2022.

        Observatorio Wassyla Tamzali: a solidariedade entre mulleres

                                                                                                     Lola Varela

O Observatorio, leva o nome dunha destacada avogada, escritora e feminista alxerina, que desde o ano 1971 foi responsable na UNESCO de diversos programas dedicados á defensa dos dereitos das mulleres, contra a explotación sexual e a trata. Wassyla foi, tamén, unha das oito mulleres que elaboraron o Chamamento das mulleres árabes pola dignidade e a igualdade, presentado ao Presidente do Consello de Europa en maio de 2012. Este colectivo, alentado pola escritora de orixe rifeña Zoubida Boughaba, afincada en Granada como Mediadora Intercultural da Cruz Vermella, ven de organizar nesta cidade a carón da Fundación Euroárabe as xornadas Voces de Ida y Vuelta, dedicadas nesta ocasión a Mujer, Maghreb, Islam, unha iniciativa na que participei para expoñer a miña experiencia como docente en Marrocos.

Marrocos, país de influencia árabe, islámico, onde as mulleres loitan arreo por ter máis presenza. Por iso, nestas xornadas soaron voces de mulleres, críticas, rebeldes e dispostas a turrar por un futuro mellor. Asemade, serviron de foro para intercambiar ideas, tecer redes e xuntar forzas para avanzar cara una sociedade máis xusta, máis igualitaria e máis libre.

Entre esas voces, salientar as intervencións das escritoras e coñecidas activistas Najat El Hachmi e Mimunt Hamido, que rexeitan falar dun “Feminismo islámico”, posto que a relixión non debería definir ou agrupar as mulleres de distintos territorios. Opinan que ao Feminismo non hai que poñerlle apelidos, tal que islámico, negro ou decolonial; é un movemento transversal e mundial contra o patriarcado e as súas diferentes manifestacións, que acolle a calquera muller disposta a loitar polos seus dereitos. O contrario, segundo elas, é dividirnos e facernos máis febles.

Unha das grandes preocupacións de ambas expertas é a expansión do Islamismo practicado en Europa nas últimas décadas, en barrios de emigrantes de países árabes, onde para defenderse do racismo e fortalecer a identidade e a pertenza á súa comunidade, practican un Islam “renovado”, moi diferente do transmitido polas persoas maiores de cada familia, moito máis rigoroso nos principios e nas obrigas e, sobre todo, moi prexudicial para as mulleres, ás que somete a unha discriminación e a unha supeditación aos homes, próxima á súa anulación. Este Islam “renovado” está directamente apoiado e subvencionado por países como Arabia Saudí ou Emiratos Árabes, que proporcionan Imanes ben adestrados e moitos cartos para edificar mesquitas por todo o mundo, así como multitude de publicacións ben editadas e atractivas. Detrás de todo isto, a pegada do Yihadismo ou dos Hermanos Musulmanes. Velaí dous libros para achegarnos ás posicións de ambas feministas: Siempre han hablado por nosotras de Najat El Hachmi e No nos taparán de Mimunt Hamido.

Outro momento importante destas xornadas, e pode que o mais emotivo, foi cando Kenza, Sukaina e Karima compartiron con nós as súas vidas, os obstáculos e retos profesionais e sociais que deberon afrontar como mozas de orixe magrebí, emigrantes en España. Chegaron coas súas familias sendo unhas nenas e, co paso dos anos, quixeron comezar a elixir e decidir por si mesmas, se rezar, facer o Ramadán, vestir doutro xeito, estudar, gozar da sexualidade…en todas elas, a resposta familiar foi contraria e, nalgún caso, violenta en paralelo á da comunidade musulmá. Algunhas tiveron que denunciar ás súas familias para ser acollidas nun centro de menores e quedar soas para sempre, coa creba emocional que iso significa; outras, axudadas polas nais maiormente, conseguiron manterse no entorno familiar, formarse, atopar un traballo e ter unha vida máis acorde cos seus desexos. Saíron adiante e hoxe queren devolver a axuda recibida, compartindo o que aprenderon a través das redes sociais e, a partir de agora, co recen creado Observatorio Wassyla Tamzali, que nace coa intención de dar asesoramento, apoio e acubillo a todas as mulleres novas de orixe musulmá que o precisen. Até o momento non contaban con colectivos que o fixeran, agás Valentas y Acompañadas de Girona. Daquela, longa vida ao Observatorio Wassyla Tamzali.

Se queredes ver o artigo directamente no xornal preme no título O observatorio Wassyla Tamzali

 

As mulleres do rural de aquí e de alá

Estándar

Coñecer mellor a vida das mulleres das montañas rifeñas lévanos a establecer certas relacións de semellanza entre as comunidades rurais. En lugares onde a emigración foi un medio para sobrevivir e onde os homes pola pesca ou traballos estacionais estiveron, ou aínda están, ausentes moi a miúdo dos seus fogares as mulleres son as grandes “resistentes” e as “transmisoras” da súa cultura, así como as “dobremente vítimas” en tempos de guerra ou de violencia desatada por gobernos autoritarios. Con estas reflexións escribe unha nova colaboración Lola Varela no xornal NÓS Diario.

AS MONTAÑAS DO RIF EN FEMININO

Lola Varela

Chegan ata nós como un ecoar decote repetido os testemuños de mulleres das montañas do Rif e semella, en moitos casos, que escoitemos a mulleres do rural galego.

Nesta nova estadía en terras rifeñas descubrimos o libro de Fatiha Saidi, Échos de la mémoire sur les montagnes du Rif (Casablanca 2020), no que, a través da palabra de varias mulleres entrevistadas pola autora no verán de 2008, achegámonos a anacos relevantes da súa vida e da súa historia. Estas mulleres dobremente silenciadas, polo feito de ser mulleres e por vivir na montaraz contorna de Alhucemas, collen pulo e rachan coa caricatura de submisas, recluídas, casadas á forza e cheas de crianzas, para amosarnos outra faciana de mulleres activas, rebeldes, verdadeiras mestras nas súas actividades e sen resignarse a un papel subalterno, malia moitas ser iletradas.

Fatiha soubo superar dúas grandes dificultades que presentaba este traballo: que falasen mulleres maiores (entre 69 e 82 anos) das súas vivencias, evitando, prudentemente, a presenza de homes que as podían intimidar, e abordar temas sensibles (guerras do Rif, anos da fame, sublevación de 1958-59), así como asuntos máis íntimos (casamentos, partos, esterilidade e contracepción, dependencia dos homes, vida familiar). E nesta mestura radica a importancia destes testemuños, pois son asuntos delicados de tratar pola dor que causaron uns e polo persoais que son outros.

Do mesmo xeito que poderíamos escoitar nas aldeas galegas, as protagonistas deste libro recoñecen o importante avance que supuxo o acceso ao ensino e á sanidade, diminuíndo así a dependencia económica de moitas delas e reducindo de vez a mortalidade de nais e bebés nos partos; tamén a chegada da auga corrente e da electricidade aos fogares implicou un cambio significativo. Mais, ao tempo, lamentan a perda progresiva da comunidade, a soidade ou o cambio do modelo de familia, de extensa a nuclear, pois se ben noutrora había problemas de convivencia, en ocasións, foron as familias amplas as que permitiron resistir nos “adouares” os malos momentos dos anos da fame, agravados pola perda de homes nas guerras coloniais ou na emigración cara Arxelia ou ás grandes urbes como Tánger ou Tetuán.

Antigamente nas montañas do Rif, a vida en lugares pequenos, illados e con carencias importantes só era posible grazas ao traballo comunitario e solidario, a “twiza”, que se realizaba por sorteo, aínda que existía unha “discriminación positiva” nos casos de maior necesidade (mulleres sen home, sen fillos mozos ou con persoas dependentes). A complicidade entre mulleres foi outro elemento salientable na supervivencia; así, diante da falta de médicos e medicinas, intercambiaban e transmitían entre elas os seus remedios contra a esterilidade, contraceptivos e de axuda nos partos.

As mulleres foron as grandes resistentes do cotiá; cunha crianza ás costas e outra no ventre, traballaban arreo dentro e fora da casa, demostrando unha forza de carácter que endexamais foi recoñecida como algo especial, tan sequera por elas mesmas. Mais tamén participaron na resistencia, no sentido clásico do termo, nas guerras coloniais contra os exércitos español e francés durante as primeiras décadas do S XX. Assia Benadada recolle no seu artigo Les femmes dans le mouvement nationaliste marocain (1999), o bulir de diversas mulleres arroutadas tal que a irmá do resistente Hidna que en 1927 dou morte ao oficial español que anos antes asasinara ao seu irmán, ou Aïcha, a nena de 10 anos que tivo unha participación destacada no episodio de Annual en 1921. Así mesmo, Mohamed Kably en Histoire du Maroc. Réactualisation et synthèse (2012) fala de mulleres con coraxe que estimulaban aos combatentes cos seus “youyous”, coidaban dos feridos, levaban munición e alimentos e, mesmo, participaban en ciadas contra o invasor.

Da barbarie sufrida polas mulleres cando os soldados das FAR (Forces Armées Royales) invadiron o Rif para esnaquizar a revolta popular de 1958/59, xurde “l´aar”ou vergoña, que aínda hoxe nos impide coñecer toda a verdade dos abusos soportados.

De novo o corpo da muller como espazo de dominación.

Se queredes ler o texto directamente do xornal, podes premer aquí As montañas do Rif en femenino

A dominación polo sexo. O corpo das mulleres como botín de guerra

Estándar

Falando de Educación para a Igualdade de Homes e Mulleres non podemos esquecer unha das desigualdades máis inxustas e crueles, a exercida contra as mulleres polos exércitos coloniais nas súas conquistas.

O corpo das mulleres foi a ferramenta, en moitas ocasións, para crear terror, someter e humillar ao pobo colonizado. Eis un exemplo, o acontecido nas primeiras décadas do S XX no norte de África, na época do Protectorado Español.

Un tema pouco coñecido, mais do que é preciso falar e saber.

Lola Varela publicou dos artigos sobre este asunto en NÓS Diario no mes de setembro e no de outubro que reproducimos a continuación.

DOMINACIÓN POLO SEXO: COLONIALISMO E VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

                                                                                             Lola Varela

Logo de vivir seis anos en Marrocos e volver de cando en vez, sinto que o coñecemento e o apego ao país medra, e con eles a necesidade de afondar nalgúns temas pouco coñecidos por estes pagos. Eis, o caso da cruel violencia exercida contra as mulleres “moras” por parte dos militares españois, en especial pola “Policía Indígena”, durante o período das Guerras do Rif (1911-1927): unha práctica estarrecedora, que tamén foi empregada por todos os exércitos coloniais europeos sen excepción, no resto do continente africano.

Das atrocidades e vexacións sufridas polas mulleres indíxenas, temos algunhas referencias no libro Escritos Africanos (Melilla, 2019) de Dionísio Pereira; outras, están incluídas no Expediente Picasso (1922) redactado tras os sucesos de Annual polo xeneral Juan Picasso, no que se recoñece o malestar de certas cabilas tras os actos realizados por algúns oficiais. Este informe, recolle varios testemuños sobre abusos cometidos tanto por mandos españois como por axentes rifeños da “Policía Indígena”, contra as mulleres das cabilas rurais. Entre estes testemuños, cabe salientar o de dous frades pertencentes á Misión Franciscana de Nador que denunciaron como causa do desacougo das comunidades en cuestión, quer o maltrato recibido pola poboación indíxena, quer os abusos que padecían as mulleres,

Naquela altura, o socialista Indalecio Prieto, correspondente en Melilla do xornal bilbaíno El Liberal, acusará con nome e apelidos un destes oficiais por ter violado no territorio do Kert medio centenar de mulleres musulmás. E nas súas controvertidas Memorias, o propio líder rifeño Abd el Krim considera responsables indirectos a estes militares das terribles vinganzas levadas a cabo contra os soldados españois tras a rendición de Monte Arruit. En palabras de Abd el Krim: “Aquelas represalias sen piedade foron consecuencia dos horrores aos que someteron á poboación que, sen embargo, dicían que viñan protexer e civilizar”. O escritor catalán Josep María Prous i Vila, que visitou como soldado aquel lugar meses despois, recolleu algunha versión na que se atribuía a tortura e castración de soldados hispanos a mulleres indíxenas daquela contorna que, previamente, padeceran abusos e violacións. Algúns anos antes dos episodios de Annual e Monte Arruit, outro escritor, Luis Antón del Olmet, describira nas páxinas da súa inclemente novela Un sol bárbaro, muere (Madrid, 1911) a extrema violencia de xénero por parte dos soldados españois. E xa na actualidade, na literatura española contemporánea atopamos tan só referencias illadas ás repetidas violacións de mulleres rifeñas polas tropas hispanas, caso da obra de Lorenzo Silva Carta Blanca (Madrid, 2005).

A intervención colonial francesa tampouco foi allea á dominación sexual, sufrida por moitas mulleres marroquinas, tunesinas e sobre todo alxerianas, xa que alí a violación foi empregada a eito como unha terrorífica acción militar de represalia. Daquela, mentres omitía os atropelos das súas propias tropas, a prensa francesa informou de abusos e casos de corrupción cometidos polo exército expedicionario hispano durante o Protectorado; unhas informacións que foron consideradas calumnias pola Restauración borbónica española: tal aconteceu cun artigo do xornalista franco-marroquino Rober-Raynaud, publicado a comezos de setembro de 1921 no xornal parisino Le Matin, no que describía a desbocada intervención, violacións incluídas, das tropas hispanas nas cabilas do entorno de Alhucemas.

En todo caso, o corpo da muller musulmá colonizada no Maghreb tamén foi arma de guerra para o aparato militar francés, tal e como demostrou o libro Sexe, Race et Colonies. La domination des corps du XVe siècle à nos jours (Paris, 2018). O intenso debate que xeraron estas páxinas chegou a Marrocos e, como consecuencia, uns meses despois o nº 96 da revista de historia Zamane incluía o dossier L´autre visage de la colonisation. La domination par le sexe. A violación, mais tamén a prostitución organizada ao servizo dos exércitos coloniais, foron armas empregadas para o sometemento da poboación, pero diso falaremos outro día.

Podedes acceder directamente ao xornal premendo no título do artigo Dominación polo sexo. Colonialismo e violencia contra as mulleres

DOMINACIÓN POLO SEXO. COLONIALISMO E PROSTITUCIÓN

                                                                                             Lola Varela

Dicía o novelista Arturo Barea: “Durante os primeiros 25 anos deste século Marrocos non foi máis que un campo de batalla, un bordel e unha taberna inmensos.” Entre 1912 e 1927, principais anos da expansión colonial española no Rif, calcúlase que pasaron polos diferentes asentamentos militares uns 300.000 soldados. Segundo a escritora e profesora francesa Natalie Benelli, podemos falar dun mínimo de 10.000 mulleres prostituídas (1 muller por cada 30 soldados), ademais das que exercían de xeito clandestino fora dos lugares habilitados para tal fin. Tampouco podemos esquecer a pederastia moi estendida e fomentada a través de fotos e tarxetas postais que mostraban nenas e nenos practicamente nus e en actitudes moi erotizadas, Por cen pesetas podíase pasar unha noite con moritas ou hebreas de 12 e 13 anos.

Da importancia que tivo a prostitución no Protectorado español en Marrocos (1912-1956) fala precisamente a tese doutoral de Mª Begoña Etxenagusia, realizada en 2018 baixo a dirección do profesor Eloy Martín Corrales e publicada por Edicións Bellaterra en 2020, que xunto cos traballos de Josep Lluís Mateo Dieste, Julián Casanova ou Manuela Marín son das poucas fontes que temos para coñecer un tema tabú da nosa historia contemporánea. Podemos contar tamén con obras literarias de autores de ambos lados do estreito como Tomás Borrás, autor da novela La pared de tela de araña ou El pan desnudo do escritor rifeño Mohamed Chukri. Sen esquecer a Mohamed Mrabet que, da man de Paul Bowles, publicou El amor por un puñado de pelos, e tamén repasar a obra fotográfica de Nicolás Müller, que viviu 9 anos en Marrocos.

A prostitución no norte de África era bastante limitada e pouco visible até a colonia. Exercíase de xeito popular no interior dos hamman, dos fondouks, e de noite e para as elites existía desde a Idade Media unha prostitución encuberta coas concubinas-escravas, as escravas-domésticas ou as artistas-cortesás.

Considerada como un “mal menor” durante o Protectorado, foi institucionalizada e regulamentada para controlar a falta de hixiene, o contaxio de venéreas (a sífilis era a terceira enfermidade do país), impedir a homosexualidade e a masturbación, que tiñan moi mala sona, mais tamén para evitar as relacións amorosas coas indíxenas, a sedución de mulleres “honestas” e o nacemento de crianzas mestizas, que podían “dexenerar a raza”. Chegaron a funcionar, como mínimo, 12 prostíbulos en Tetuán, 16 en Larache, 13 en Alcazarquivir, 9 en Arcila, 6 en Chauen como en Villa Sanjurjo (actual Alhucemas) e 3 en Villa Nador, onde había máis prostitución nas rúas que nos prostíbulos.

Desde 1918 funcionaron Dispensarios antivenéreos nas grandes cidades para controlar ás mulleres indíxenas, españolas ou europeas. O home era a vítima a protexer, pois segundo o director do Dispensario de Chauen “a continencia absoluta era impensable nun home normalmente constituído”.

Debemos engadir, asemade, que foi un negocio cumprido para proxenetas, oficiais encargados da supervisión e, mesmo, para as arcas do Estado. As mulleres dedicadas á prostitución debían estar rexistradas, ter unha cartilla, pola que pagaban 5 pts., e pasar revisións médicas bisemanais, nas que eran anotadas como “sana”, “contaminada” ou coa “menstruación”, pois daquela tiñan prohibido exercer baixo multa. Multas que chegaban ata 200 pts. por non pasar revisión, ser clandestinas ou montar escándalo público. As donas das casas de lenocinio debían pagar o seu imposto segundo fora considerado o seu local de 1ª, 2ª ou 3ª categoría. Estes pagos, en teoría, repartíanse en tres partes: para a “Junta de Servicios Municipales” local, para os médicos que facían as revisións e para axudar aquelas mulleres que, retiradas por enfermidade nos “Sifilicomios”, tiñan que pagar mantenza e roupa da cama. Porén, na práctica estes pagos e as multas que lles eran impostas constantemente, ían engrosar os petos de certos mandos militares ou de autoridades locais.

Recompensar aos soldados e humillar ao adversario segregado, foron os principais obxectivos dunha política colonizadora que empregou o divertimento sexual como botín de guerra. 

Podedes acceder directamente ao xornal premendo no título do artigo Dominación polo sexo. Colonialismo e prostitución

Mulleres rifeñas. O feminismo avanza

Estándar

Porque non se pode xeralizar nin empregar tópicos sobre as mulleres, e menos aínda de países e culturas que descoñecemos bastante, Lola Varela publicou este artigo en NÓS Diario o 06/08/2021 que agora comparte neste blog.

A súa vida en Marrocos durante 6 anos, traballando como profesora de Lingua castelá e literatura e dirixindo o Instituto español Melchor de Jovellanos en Alhucemas, permitíulle un mellor coñecemento da sociedade e da situación das mulleres nese país, tan próximo e tan lonxano a nós, ás veces.

                                     AS MIÑAS AMIGAS RIFEÑAS

Debemos falar de “mulleres” e non de muller en Marrocos, como en calquera outro lugar. A muller non é unha categoría única e homoxénea, xa que fronte ao feito de ser muller e sufrir as consecuencias do patriarcado por selo, reaximos ou convivimos con esa situación de xeitos moi diferentes segundo os países, as circunstancias ou dependendo do tempo que nos tocou vivir.

Cando se fala da situación da muller en Marrocos, de que estamos a falar? Dunha muller submisa, tapada, chea de crianzas e relegada unicamente ao ámbito privado? Esta situación mudou bastante, aínda que menos do desexado, como acontece noutros países dos chamados “desenvolvidos”. Certas reformas lexislativas como a realizada en 2004 do Código da familia ou Mudawana, mais sobre todo o activismo e a loita de moitas mulleres ao longo do país organizadas en diversas asociacións feministas, na AMDH (Association Marocain des Droits Humains) ou dentro do partido de esquerdas, Vía Democrática, creado na clandestinidade en 1995 e legalizado “sui generis” no ano 2004, son algúns dos alicerces dos avances conseguidos.

Velaí, estas breves semblanzas rifeñas: S. é administrativa nun instituto de ensino secundario, nunca levou velo ou pano cubrindo a cabeza, viaxa soa dentro e fora do país cando é preciso, ten dúas fillas (unha delas estudando Medicina en España), non é crente e ten bastante ben organizado coa súa parella o asunto da corresponsabilidade das tarefas domésticas e os coidados. A., unha empregada de banca recén xubilada, divorciada do seu primeiro home marroquino, co que tivo varios fillos, e logo casada de novo cun español. Hoxe viúva, participa decote en actividades culturais e de lecer organizadas por colectivos ou asociacións con sede no Rif. Z., é unha das cabezas visibles do “Forum de Femmes au Rif”,  principal asociación de mulleres no territorio rifeño e ademais membro da dirección da AMDH no norte de Marrocos, arrisca a súa situación cada día, defendendo e apoiando ás persoas encarceradas por pertencer ao Hirak ou movemento popular que xurdiu no Rif no 2016, e ao mesmo tempo impulsa proxectos, coa axuda de Cooperación Internacional, para a creación de cooperativas de mulleres que pretenden acadar certa autonomía e independencia económica nas súas vidas. S., casada aos 16 anos para liberase do abafante control paterno, tivo tres fillos moi nova. Agora divorciada do seu home de nacionalidade marroquina, dirixe varios centros públicos dedicados á formación profesional de mulleres soas e sen recursos, para facilitarlles unha inserción no mundo laboral. Pouco convencional no seu xeito de vestir, colabora activamente en actividades culturais e deportivas que se desenvolven no Rif e coordina o funcionamento dunha biblioteca de recente creación na cidade de Al Hoceima. R.,farmacéutica e dona da súa farmacia, nunca casou nin quixo ter fillos, é unha muller moi independente persoal e economicamente que ten, mesmo, ao seu cargo a mantenza dalgún dos seus irmáns. Boa xogadora de tenis, deporte que practica nun club onde non acoden a penas outras mulleres. N., profesora de Lingua árabe, viste con xilaba e pano na cabeza, organiza excursións co seu alumnado e viaxa varios días con outros profesores, sen importarlle se son homes ou mulleres.Ten dúas fillas, a maior vive soa noutra cidade e traballa nun banco, mentres a pequena está a rematar Medicina en Tunicia.

A vida destas miñas amigas é unha pequena mostra desa teima constante e cotiá que as mulleres, alí onde esteamos, sabemos que debemos emprender para acadar igualdade de dereitos e as mesmas oportunidades que os homes, dentro dunha sociedade máis xusta e máis libre. Non poucas mulleres rifeñas (e marroquinas en xeral) acreditan nisto; daquela, nas últimas décadas o Movemento Feminista converteuse nunha das forzas máis dinámicas e transformadoras do Reino alaouita, onde desenvolve unha importante actividade tanto no mundo rural como no urbano, con propostas moi diversas e acaídas a cada zona e situación, sempre coa loita a prol dos dereitos humanos como obxectivo transversal.

                                                                                       Lola Varela

Pódese acceder á versión orixinal deste artigo aquí mesmo As miñas amigas rifeñas

Os direitos das mulheres em Marrocos: umha luita que avança

Estándar

Novamente Lola Varela publica outro artigo no xornal “Galiza livre”, na súa versión dixital.

Desta vola o seu esforzo e traballo de investigación centrase nas mulleres marroquíes, na súa loita pola igualdade e os seus dereitos.

O artigo orixinal pode atoparse no seguinte enlace: Os dereitos das mulleres en Marrocos

Os direitos das mulheres em Marrocos: umha luita que avança 

Lola Varela

Há uns anos, trabalhando em Marrocos, conhecim a Khadija Riady, a primeira mulher presidenta da AMDH (Asociaçom Marroquina de Dereitos Humanos) e hoje coordenadora da Marcha Mundial das Mulheres no Maghreb. Assistim a umha conferência sua sobre a situaçom actual das mulheres em Marrocos, que me achegou umha complexa e poliédrica visom de conjunto, fora de posturas maniqueas e de manidos estereotipes.

Comecemos por falar de Al Moudawana ou chamado Código de família, escrito no S. VIII por um Imám da cidade de Medina (Arábia Saudi), onde recolhe os comentários feitos a umha colecçom de ditos do profeta Maomé sobre o matrimónio, a poligamia, a herdança ou a custodia das crianças. Este Código, promulgado e aplicado após a independência de Marrocos (1956), vem sendo o único texto legislativo do país baseado na religiom islâmica; as demais normas legais, que fixam as normas de conduta das mulheres, tenhem umha base laica de grande influência francesa. Estamos, já que logo, diante dum texto com grandes eivas no tocante à igualdade de direitos cos homes e claramente discriminatório.

A pesares de viver num estado de submetimento grande, sabemos de mulheres que desde há séculos se rebelárom diante desta situaçom. Porém, só será a partir dos anos 70 quando podamos falar dum movimento feminista amplo e diverso, quer desde posiçons ateas e de esquerda, quer a partir de novas formulaçons vinculadas ao islamismo popular. Por isso nom é de estranhar que, mália as dificuldades, houvesse avances como o feito de que Marrocos ratificasse (1993) com algumhas reservas a “Convençom para a eliminaçom de todas as formas de discriminaçom contra a mulher” (CEDAW), ou que o Parlamento marroquino aprovasse (2004) e o rei Mohamed VI, máxima autoridade civil e religiosa, dera o seu consentimento a importantes reformas do devandito Código Al Moudawana, melhorando e ampliando alguns direitos das mulheres. Falamos, por exemplo, da corresponsabilidade diante dos assuntos familiares, do fim da obediência da mulher ao homem, da nom necessidade dum tutor para poder contrair matrimonio, da autorizaçom de casamentos com pessoas nom muçulmanas, de nom casar antes dos 18 anos, de nom poder ser repudiada sem a autorizaçom dum juíz, de presentar demanda de divórcio ao igual que os homens, de ter direito a umha vivenda e a pensom alimentar umha vez divorciada e com crianças ao seu cargo, etc.

Nom obstante, a resistência a estes avances segue a ser forte: uns 40.000 casamentos ao ano (o 10% do total) som realizadas com menores de 18 anos, sobre todo nas zonas rurais; na prática, nom está garantido o direito a casar com umha pessoa nom muçulmana; a tutela das crianças segue a ser maioritariamente concedida aos pais; a poligamia nom está abolida, simplesmente limitada à “autorizaçom da mulher” e sempre que o homem tenha recursos para manter varias famílias; as mulheres seguem a herdar a metade que os homens; a corresponsabilidade das obrigas familiares nom está sendo efetiva, etc.

No Código Penal a norma também atenta contra os direitos das mulheres e contra a igualdade, quando a sançom por violaçom depende de se a mulher está casada ou nom, ou de se ainda é virgem. O aborto é ilegal e nom está permitido nengum suposto, nem por violaçom, nem por incesto. Ademais, as relaçons consentidas fora do matrimónio estám penalizadas com um ano de cárcere e, no caso de homosexualidade, com até três anos.

Quanto à situaçom laboral, na teoria nom se pode discriminar por questom de género e existem direitos específicos para as mulheres como os permissos de maternidade e a condena do acosso laboral, mas na prática só umha pequena percentagem de empresários (um 15%) respeitam estas leis.

As cifras que nos dam a conhecer a realidade socio-política do Reino alaouita, falam por si sós sobre a situaçom das mulheres: mais dum 50% de analfabetismo feminino e um 70% no rural; mais do 60% das mulheres sofrérom algum tipo de violência sexual e só denunciam um 10% delas; a taxa de atividade laboral feminina nom chega ao 30%, quando em Europa é dum 50%; a taxa de mortalidade nos partos é de 127/100.000 mulheres; mais de 60.000 raparigas menores de 18 anos trabalham de domésticas nas casas; em Marrocos registam-se de 500 a 800 de abortos e umha média de 24 bebés abandonados cada dia….

A pesar de que com todos estes dados semelha que os direitos e liberdades das mulheres em Marrocos sejam inexistentes, algo está mudando cara a umha sociedade mais igualitária; algo que vem de atrás e que co passo do tempo e com mais apoios, deverá-se enfrentar a um futuro incerto, mas com perspetivas de melhora tais como debruçar-se no ensino e formar a gente moça dum jeito verdadeiramente coeducativo; dar prioridade à questom de género em todos os âmbitos da vida social e política; procurar a colaboraçom dum segmento de homens progressistas para ampliar as liberdades públicas e atingir canles de participaçom para a sociedade civil….

Mulheres com gram presença na esfera pública como a escritora Fatima Mernissi, falecida em 2015, Leila Slimani, premio Goncourt 2017, valedora da liberdade sexual das mulheres, ou Ibtissam Lachgar defensora dos direitos LGTB; coletivos como Associatiom Démocratique des Femmes du MarrocForum de Femmes au Rif; ou 100% Mamans, que oferece ajuda e formaçom a nais solteiras, a carom doutras vozes ou entidades, formam parte dum clamor a prol dos direitos das mulheres que percorre as ruas de Marrocos nos últimos anos, apoiado por amplas capas da populaçom. Mália que todo transcorre dum jeito mais lento do que tod@s quigéssemos.

Feminismo marroquino: fé de vida

Estándar

Novamente en “Nós Diario” aparece publicado un artigo de Lola Varela onde descubre novas referentes femininas do mundo árabe, froito da súa estadía de seis anos en Marrocos.

Nesta ocasión o título é:

Feminismo marroquino: fé de vida 

Lola Varela

Desde a mítica Al-Kahina, raíña e guerreira bereber que combateu a expansión arabo- islámica polo Maghreb no s. VII, ata Zohra Koubia, presidenta arestora de “Forum de Femmes au Rif”, principal organización de mulleres no norte de África, existe unha longa traxectoria de mulleres activistas pola democracia, contra as guerras coloniais e a prol dos seus dereitos.

Raíñas como Subh e Zaynab al-Nafzawiyya son lembradas na historia do Maghreb pola súa valentía e intelixencia; houbo grandes poetas na Corte de Granada tal que Nazhum bint al-Quila´i e Hafsa ar-Rakuniyya e tamén embaixadoras diante de reinos europeos como Oum el-Ez Ettaba ou Dawiya, correndo o s. XVIII. Caso especial, que aínda arrepía lembrar, é o da poeta e cantante Kharboucha, que animou as loitas dos Oulad Zayb (tribo da zona de Safi) contra a tiranía do Makhzen, o poder central, a fins do s. XIX. Detida e torturada ata a morte, os seus cantos non coñeceron fronteiras e a súa vida inspirou artistas marroquinos, que levaron o seu combate á literatura, o cine e ao teatro.

Ás veces, os poemas eran verdadeiras arengas contra o colonialismo francés ou español, caso da poeta e cantante analfabeta Taougrat Oult Aïssa, verdadeira líder popular dunha aldea do Medio Atlas que, nas súas creacións, chama as mulleres a combater a carón dos homes contra o exército invasor. Algo semellante acontece con Miririda N´aït Atiq, nacida en Tassaout (sur de Marrocos) no abrente do s. XX: poeta, cantante e feminista iletrada, que ergue a súa voz contra as estruturas patriarcais. Os seus poemas, publicados en Francia no ano 1959, así como o seu devalar vital (exerceu a prostitución para non ter que casar) son actos subversivos que rexeitan todo tipo de poder e de autoridade.

Unha das pioneiras do movemento feminista moderno foi Malika al-Fassi, única muller que asinou o Manifesto da Independencia entregado ás autoridades francesas en 1944, no medio de 66 sinaturas masculinas. A súa posición como membro destacado na dirección do partido nacionalista L´Istiqlal, permitiulle loitar pola educación das mulleres en Marrocos e polo dereito ao voto feminino, conseguido no ano 1963.

Outra dona debruzada en conseguir o acceso ao ensino secundario e superior das súas compatriotas foi Touria Chaoui, primeira muller piloto no Maghreb, asasinada en 1956 con tan só 19 anos polo seu compromiso coa independencia do país e coa liberación das mulleres. Nunca foi clarexada a súa morte e podemos considerala unha das grandes esquecidas da Historia.

A chegada dos anos 70 e a morte da militante de esquerda e feminista Saïda Menebhi tras unha folga de fame no cárcere de Casablanca, temido centro de tortura, puxo de manifesto a loita das mulleres e a súa presenza na esfera política.

A partir deste intre vai agromar con máis forza o feminismo en Marrocos e as mulleres comezarán a esixir a paridade cos homes en todas as estruturas e polo tanto a ocupar postos de responsabilidade; este é o caso de Khadija Rhamiri que, formando parte da dirección da UMT (Union Marocaine du Travail) acadou a feminización do sindicato, incluíndo reivindicacións específicas da muller traballadora. Tamén de Hakima Chaoui, membro do Secretariado nacional da OMCT (Organisation Mondiale Contre La Torture) e poeta, ameazada e agredida en varias ocasións por membros de partidos islamistas polos seus textos en defensa dos dereitos das mulleres. Ao cabo, Khadija Ryadi, enxeñeira e funcionaria no Ministerio de Finanzas, foi a primeira muller en presidir a AMDH (Association Marocaine des Droits Humaines) e recibiu o Premio dos Dereitos Humanos da ONU no ano 2013.

E rematamos esta breve ollada ás combativas mulleres de Marrocos coa figura citada ao comezo: Zohra Koubia, fundadora (1998) do “Forum de Femmes” e membro da dirección da AMDH. Militante de esquerda moi activa en ambos os colectivos, defende que a confrontación contra o patriarcado leva de seu a loita contra os réximes autoritarios e que co avance do feminismo e a democratización da sociedade, poderá mudar a situación política do Reino alaouita. Para elas, todo o noso apoio.”

Tamén se pode ler neste enlace:

Feminismo marroquino

Actividades do Día Internacional da Muller no IE “Melchor de Jovellanos” Alhucemas (Marrocos)

Estándar

O IE “Melchor de Jovellanos” (Alhucemas – Marrocos) celebra un ano máis diversas actividades dirixidas ao alumnado das diferentes etapas que se imparten neste centro educativo dependente do Ministerio de Educación e Formación Profesional do Estado Español.

Para saber máis:

  1. Comezan as actividades do Día Internacional da Muller (8 de marzo)
  2. Concentración de alumnado e profesorado á hora do recreo con motivo del Día Internacional da Muller
  3. Conferencia: Homes e mulleres por unhas novas relacións de xénero nunha nova sociedade
  4. Celebración do día 8 de marzo, Día Internacional da Muller, no Instituto el Badissi
  5. Concluíron as actividades do Día Internacional da Muller