O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) publica o libro Oceánicas: pioneras de la oceanografía, en acceso aberto, unha edición ilustrada e dirixida ao público xuvenil que inclúe 20 biografías de científicas mariñas de todos os tempos: dende a primeira muller que deu a volta ao mundo durante a época das grandes exploracións, ata investigadoras que a día de hoxe lideran a loita pola conservación dos océanos.
As súas historias fálannos do desenvolvemento das ciencias mariñas os últimos séculos, pero tamén das dificultades ás que se enfrentaron as mulleres —na oceanografía, na ciencia e na vida— e da loita pola igualdade de moitas xeneracións.
A nova publicación de Editorial CSIC, de descarga gratuita, enmarcase no proxecto Oceánicas, unha iniciativa do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) cuxo obxectivo é poñer en valor o papel da muller nas ciencias mariñas, recuperar historias de pioneiras esquecidas e xerar vocacións científicas en nenas e nenos a través de referentes femininos.
Pódese ampliar información premendo en CSIC, coñecer o proxecto aquí e descargar o libro nesta ligazón Oceánicas.

No ano 2020, o Instituto Español de Oceanografía realizou un almanaque adicando cada mes a unha muller experta en Oceanografía. O calendario pode descargarse premendo nesta ligazón Calendario.