Tag Archives: Mulleres na historia

A eco-arquitectura da man dunha muller

Estándar

Nestes tempos complexos e difíciles de abordar, como consecuencia do cambio climático, da escaseza de fontes de enerxía e da preocupación polo medioambiente, as chamadas construcións bioclimáticas deberían ser o camiño a seguir. Recuperar o saber ancestral e adaptalo para o futuro. Salima Naji é un exemplo disto. No pasado mes de xaneiro, Lola Varela publicou este artigo no xornal NÓS Diario para visibilizar a mulleres valiosas.

Salima Naji: a eco-arquitectura e o saber ancestral

                                                                                  Lola Varela

Podemos inspirarnos no pasado para crear as vivendas que respondan ás necesidades do noso futuro?. Esta é a teima na que a arquitecta e antropóloga marroquina (con formación tamén en Belas Artes) Salima Naji está debruzada desde hai máis de 20 anos. Formada en Francia, regresou ao seu país natal onde se sinte moito máis útil para dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio propio que, como consecuencia da subordinación sufrida no período colonial (1912-1956), quedou asimilado a algo primitivo e menosprezado. Desa época, ven o antagonismo entre “beldi” (tradicional) e “asri” (moderno) ou a coñecida oposición medina indíxena/vila europea. Arestora, o traballo de Naji promove no país unha corrente favorable á cultura das construcións bioclimáticas, valorizando e modernizando a arquitectura tradicional.

Co gallo da Conferencia Mundial sobre o Cambio Climático, celebrada en Marrakech no 2016, realizouse o filme Eco-construction dans le sud du Maroc coa colaboración de Salima, que puxo o foco sobre esas construcións colectivas en adobe tan suxerentes como os “Ksar” ou as “Kasbah”, poboacións fortificadas, ou os “Agadir”, celeiros colectivos, todas elas acaídas para afrontar os efectos causados polo cambio climático. Porque no futuro, ademais de asegurar o benestar da veciñanza, as construcións deberán ter en conta o impacto ambiental no tocante aos recursos empregados, o custo enerxético, a emisión de gases con efecto invernadoiro, a duración das obras, os residuos xerados e a posibilidade de reutilización.

Este desafío global, resulta aínda máis urxente nas áreas de climas áridos e altas temperaturas, como xa apuntou o arquitecto exipcio Hassan Fathi (1900-1989), chamado o arquitecto das persoas pobres. Sen dúbida un dos pais da arquitectura sostible e vernácula, recuperou antigas técnicas de construción realizadas con materiais da zona para poñelas ao servizo dunha arquitectura moderna. Fathi, decatouse das propiedades do adobe, as arxilas e as areassecadas ao sol e mesturadas con palla, como material construtivo asequible e barato. A mestura destes materiais proporcionaba, ademais, un excelente illante térmico que resultaba moi eficaz no deserto para se protexer dos grandes contrastes de temperatura entre o día e a noite.

Neste marco atopase o traballo que Salima Naji realiza en Marrocos coa colaboración de institucións nacionais e locais e co apoio financeiro de organismos internacionais, para difundir esta nova cultura das construcións bioclimáticas a través do rescate de tecnoloxías do pasado e saberes que aínda persisten nas comunidades locais.

Particular interese ten a aplicación destes principios innovadores en obras de interese social como: centros de saúde, casas de maternidade, bibliotecas, escolas, locais culturais…, para ofrecer á poboación espazos públicos de maior calidade e máis saudables ao substituír o aire acondicionado por elementos como os captadores, reguladores ou saídas de aire tendo en conta os ventos dominantes e as correntes, as celosías para suavizar a luz ou a colocación de fontes de auga nas paredes ou no chan que refrescan o ambiente.

Todas as obras realizadas por Salima Marrocos adiante, teñen os seguintes elementos en común: fan uso de materiais locais que precisan dos coñecementos dos artesáns e o uso do cemento está reducido ao mínimo; rescatan formas arquitectónicas tradicionais que permiten crear espazos saudables e agradables, onde diminúe moito o consumo enerxético; as obras realízanse coa participación de traballadores locais que aportan os seus saberes coa perspectiva de crear cadeas produtivas de construción ecolóxica e formar una nova xeración de artesáns que contribúa a fixar poboación.

Recoñecida por prestixiosos premios relacionados coa arquitectura sostible, podemos achegarnos ao traballo de Salima Naji a través das súas publicacións: Art e architectures berbères du Maroc, Greniers collectifs de l´Atlas ou Architectures du bien commun: Pour une éthique de la préservation, entre outras. E ademais no seu sitio web https://salimanaji.com con abundante información e fermosísimas fotografías.

Podedes ler este artigo na versión orixinal do xornal premendo no título Salima Naji: a eco-arquitectura e o saber ancestral

E para saber máis desta valiosa muller, visitade o blog Mulleres na historia e Historias de mulleres no artigo Eco-arquitecta e antropóloga marroquí

                                                                

Ellas hicieron Historia

Estándar

Un material moi atractivo e interesante para achegar a nenas e nenos o nome e unha imaxe de mulleres vencelladas ao mundo da ciencia e da innovación, entre elas: Hypatia, Sophie Germain, Ada Byron, Hedy Lamarr e Margarita Salas.

Son fichas para colorear editadas por Unidad de Igualdad de la Secretaría General Técnica del Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

Podedes descargar aquí esta publicación Ellas hicieron Historia

Calendarios de Mulleres 2023

Estándar

 

Cada ano varios calendarios están adicados á visibilización de mulleres importantes e pouco coñecidas, esquecidas e/ou mesmo borradas da historia.

Este ano 2023 atopamos coma sempre o calendario “Tempo de mulleres, mulleres no tempo” esta vez sobre mulleres Artistas Visuais, do Sindicato de traballadoras e traballadores do ensino galego STEG; o do “Museo Massó“, arredor das mulleres do mar e o traballo na terra; o de “Past Women“, sobre as mulleres no pasado; o calendario que destaca a 12 artistas, poetas, dramaturgas, … da xeneración do 27, as chamadas “As sen chapeu“, de “Tutti Confetti”; e outros máis.

Pódense ver e descargar no blogue “Mulleres na Historia e Historia de Mulleres“, na seguinte ligazón mulleresehistoria.

Dous proxectos que pretenden visibilizar as achegas das mulleres

Estándar
  1. “HISTORIA DAS MULLERES” DO CONCELLO DE PONTEVEDRA

Un proxecto do Concello está a contribuír ao coñecemento e difusión da historia das mulleres do concello de Pontevedra.

Pódese acceder ás biografías neste enlace.

Formando parte dese proxecto hai un mapa  un no que se recolle a pegada presente na cidade de mulleres que aparecen en esculturas ou paneis informativos ou que dan nome a parques, rúas, murais,… O mapa complétase con 20 textos breves que recollen parte da historia de once mulleres ademais de dar información sobre murais, roteiros e acontecementos de represión.

 

2) “365 DÍAS- 365 MULLERES” DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra para visibilizar a pegada que deixaron as mulleres ao longo da historia, as súas achegas no avance da sociedade actual, puxo en marcha este proxecto.

Tenta facer visibles as súas achegas, importantes para o desenvolvemento cultural, científico, literario, económico, musical,… Hai unha proposta para cada día do ano: pioneiras do feminismo, escritoras, investigadoras, xornalistas, filósofas, cineastas, deportistas,…

Hai unha edición de calendario do período 2021-2022 e outra do 2022-2023. Ambas poden consultarse neste enlace.

Un libro para o 25N

Estándar

O libro narra a historia das irmás Mirabal que viviron na República Dominicana (Salcedo). Loitaron pola igualdade e contra as inxustizas. Foron asasinadas.

A data 25 de Novembro adoptada pola ONU como Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller ten moito que ver con estas tres mulleres valentes e loitadoras.

Loitando contra a invisibilización

Estándar

Unha publicación: “XEAS: Mulleres que estudan a Terra”, dá voz a doce xeólogas de épocas diferentes.

A Comisión “Mujeres y Geología” da Sociedade Xeolóxica de España (SGE), a
“Asociación de Servicios de Geología y Minería Iberoamericanos” (ASGMI) e a “Federación
Europea de Geológos” (EFG) fixeron posible esta interesante publicación.

“Oceánicas, pioneiras da oceanografía”

Estándar

O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) publica  o libro Oceánicas: pioneras de la oceanografía, en acceso aberto, unha edición ilustrada e dirixida ao público xuvenil que inclúe 20 biografías de científicas mariñas de todos os tempos: dende a primeira muller que deu a volta ao mundo durante a época das grandes exploracións, ata investigadoras que a día de hoxe lideran a loita pola conservación dos océanos.

As súas historias fálannos do desenvolvemento das ciencias mariñas os últimos séculos, pero tamén das dificultades ás que se enfrentaron as mulleres —na oceanografía, na ciencia e na vida— e da loita pola igualdade de moitas xeneracións.

A nova publicación de Editorial CSIC, de descarga gratuita, enmarcase no proxecto Oceánicas, unha iniciativa do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) cuxo obxectivo é poñer en valor o papel da muller nas ciencias mariñas, recuperar historias de pioneiras esquecidas e xerar vocacións científicas en nenas e nenos a través de referentes femininos. 

Pódese ampliar información premendo en CSIC, coñecer o proxecto aquí e descargar o libro nesta ligazón Oceánicas.

No ano 2020, o Instituto Español de Oceanografía realizou un almanaque adicando cada mes a unha muller experta en Oceanografía. O calendario pode descargarse premendo nesta ligazón Calendario.

 

Homenaxe a Anuncia Casado

Estándar

O pasado 21 de agosto a asociación “Os Torgueiros” organizou unha homenaxe a Anunciación Casado Atanes, máis coñecida polo alcume de “A Pasionaria” de Viana, sendo o 86 aniversario da súa morte, e a outras vítimas do fascismo na Terra das Frieiras.

Na última parte dos actos, as persoas asistentes desprazáronse á Casa da Viúva, na Gudiña, lugar onde os historiadores e investigadores Dionísio Pereira, David Simón e Lola Varela, presentados polo recoñecido etnógrafo gudiñés José Rodríguez Cruz, participaron nunha palestra moi interesante sobre a resistencia no 36, os represaliados e represaliadas, e a violencia exercida sobre as mulleres naquel agosto de 1936 e en adiante.

Anuncia Casado foi a responsable do Partido Comunista de España na comarca de Viana. Na Segunda República fixo propaganda entre os traballadores do ferrocarril da liña A Gudiña e Vilar de Barrio. Conta a súa historia Lola Varela en “Nós Diario”; pode lerse o artigo completo na seguinte ligazón Anuncia

Para máis información premer na entrada Anuncia Casado do blogue “Mulleres na Historia e Historias de mulleres“.

Mulleres maltradas pola vida e pola historia

Estándar

Debemos contar a verdade e atribuirlles o valor que tiveron cada unha no seu tempo e na súa actividade. Neste pequeno vídeo, feito con humor e moi acaído para a xente moza, dásenos conta da importancia de seis mulleres, unhas máis coñecidas que outras, pero todas silenciadas dunha maneira ou doutra ao longo de séculos. Desde Cleopatra, raíña de Exippto (S I a. C.), a filósofa e científica Hipatia de Alexandría (SIV-V), a raíña Juana de Castilla, tristemente coñecida como “La loca” (S XV-XVI), Sofonisba a pintora máis famosa do Renacemento e mestra do retrato, Clara Campoamor, política e escritora que consegíu o dereito ao voto para as mulleres ou a famosa actriz Hedy Lamarr, silencida como creadora das conexiones por internet, que tivo que mudar o seu nome de nacemento, Hedwig Eva Mª Kiesler, ao vivir nos EEUU.

Podedes descargar aquí este vídeo Mujer tenías que ser

Para completar esta historia de silencios intencionados coa vida e a traxectoria de moitas mulleres, aquí tedes outro exemplo no acontecido coa fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson (1893-1983), recollido pola nosa amiga Luisa Fernanda Arís no seu blog https://mulleresehistoria.blogspot.com/2022/07/ruth-matilda-anderson.html, nunha recente entrada onde se fala da faciana desta importante muller como tradutora e divulgadora da cultura galega

“Juana la loca”, e senon estaba tan tola?

Estándar

Para contribuir a mudar esa visión androcéntrica do noso pasado que nos transmitiron durante séculos, con este pequeno vídeo queremos visibilizar a unha muller maltratada inxustamente pola historia e devolverlle a súa dignidade. Como cambia o conto despois de saber como foi a súa vida!