Tag Archives: Mulleres no rural

Mulleres no rural

Estándar

Novamente podemos ler un artigo de Lola Varela sobre a situación das mulleres no rural galego publicado o 7 de xaneiro de 2020 no Portal Cultural Tabeirós-Terra de Montes, no seguinte enlace:

Muller no rural

Mulleres no rural

 

Lola Varela

Imagem

 

 
Segundo a OCDE Galiza está considerada como zona “significativamente rural” (SR), xa que a maioría dos concellos teñen menos de 5.000 hab. Dos nosos 314 municipios, 263 responden a esta clasificación e neles vive algo máis do 30% da poboación. Poboación que arestora non acada os 2.700.000 hab. e da que o 52% somos mulleres. É dicir que estamos a falar da maior parte do noso territorio, o rural, e da maioría da nosa xente, as mulleres. Haberíase que preguntar que acontece entón para que a Administración, quer a do Estado, quer a galega, non invista onde e como debería de ser. Por que asistimos ano tras ano ao peche de explotacións agrogandeiras, á redución da superficie agraria útil e a un empeoramento da vida da poboación do rural, sinaladamente das mulleres?.
Se facemos un apresurado diagnóstico de xénero do que pode significar hoxe a vida no rural galego, atoparíamos: masculinización imperante en case todos os eidos, mercado laboral moi restritivo para as mulleres cun menor acceso a infraestruturas e servizos, persistencia dos roles de xénero a través da reprodución e mantemento do réxime patriarcal, subsidiaridade e xerarquización dos traballos e do papel social das mulleres, desfamiliarización agraria en aumento, precariedade no acceso ás novas tecnoloxías e diminución do transporte público…
Eu que vivo nunha pequena aldea da Terra de Montes con a penas 25 veciños e veciñas, podo dar fe destas e doutras eivas, sen que exista unha planificación axeitada e decidida por parte da Xunta para fixar e manter a poboación no ámbito rural, desenvolvendo as posibilidades que aínda temos e que non son poucas, dende as explotacións agrogandeiras ate unha silvicultura polivalente e respectuosa co medio; dende alternativas de ocio e turismo rural, ate o eido das enerxías renovables….
Faise moi difícil vivir e traballar no rural e máis aínda sendo muller. A falta de oferta formativa e as cativas posibilidades de emprego nun entorno conservador, aumentan o padecemento e alentan o maltrato de xénero: hai un maior número de vítimas que nas cidades (6 de cada 10 mulleres) e son máis silenciadas ao vivir en sitios pequenos onde toda a xente se coñece, a vergoña está moi presente na familia tradicional e o persoal de apoio e axuda nestes casos escasea ou non está debidamente formado. Ademais, a dependencia económica feminina das súas parellas é moi forte (apenas un 30% da afiliación ao Réxime Especial Agrario son mulleres e a maioría recibe unha pensión non contributiva) e as axudas da administración por violencia de xénero son moi cativas: 400 €/mes ao longo dun ano ou ano e medio.
E, dada a carencia de servizos sociocomunitarios no noso rural, se falamos de conciliación da vida familiar e laboral compre insistir en maior medida que no espazo urbano na corresponsabilidade asumida pola parella ou membros da familia, para compartir tarefas domésticas e coidados de crianzas, maiores e dependentes. Do contrario, é a muller quen debe asumir esta dura faena; así, 9 de cada 10 medidas de conciliación son solicitadas por mulleres, o 69% das persoas coidadoras son mulleres e o 75% das mulleres renuncian a súa vida social e familiar fronte un 25% de homes.
A pesar de todo, da falta de tempo, da ausencia de formación, da pouca visibilidade do seu traballo e das actitudes machistas imperantes no rural, cando as mulleres se xuntan e deciden implicarse para plantarlle cara á decadencia das comunidades pola diminución da veciñanza en aldeas e parroquias, a súa iniciativa non pasa desapercibida. Trátase de manter aqueles espazos e momentos de sociabilidade tan necesarios no rural, nos que a muller xoga un papel relevante. Isto foi o que aconteceu na miña parroquia de San Martiño de Figueroa coa festa de Santa Lucía, que celebramos a carón dunha fermosa capela do S XVIII; este ano, unha comisión formada só por mulleres recuperou a festividade a piques de desaparecer, demostrando deste xeito ser boas transmisoras duns valores comunitarios indispensables para manter a esperanza de mil primaveras máis para o noso rural.

  Docente xubilada, experta en coeducación e feminista

Este artigo foi tamén publicado no Nº 3 de NÓS Diario o 04/01/2020 e podes atopalo no seguinte enlace https://www.nosdiario.gal/opinion/lola-varela/mulleres-no-rural/20200109101221089353.html

Charla no CIFP A Xunqueira ao alumnado do Ciclo Formativo de Promoción de Igualdade de Xénero

Estándar

Lola Varela e Elena Antelo

O pasado día 19 de novembro foi invitada a dar unha conferencia no Ciclo superior de FP Promoción de Igualdade de xénero, no CIFP de Pontevedra A Xunqueira, a profesora Lola Varela que acudíu acompañada de Elena Antelo unha muller con explotacións no rural, sobre A muller no rural galego: situacións e perspectivas de mellora, xa que dentro da programación está o módulo de Participación social das mulleres. Con esta intervención pretendíase adaptar esta participación ao medio rural en Galicia.

IMG-20191119-WA0008

Expuseron as condicións de vida no rural e as diferentes formas de participación das mulleres (cooperativas, asociacións, sindicatos agrarios e grupos de desenvolvemento rural), para rematar nunhas conclusións que reflicten as necesidades para o empoderamento da muller no rural galego.

Déixovos aquí a presentación: A muller no rural galego