Tag Archives: Plan Igualdade

A volta ao cole

Estándar

Outro novo artigo de Lola Varela, publicado en Nós Diario o día 14 de abril de 2020, que pode verse no seguinte enlace: A volta ao cole

A volta ao cole

Cando volvamos ao cole logo deste tempo de pandemia, farémolo con máis alegría e menos preguiza que calquera mes de setembro, xa que por fin poderemos xuntarnos e sentirnos, xogar e falar, recuperar as amizades e retomar o proceso de ensino-aprendizaxe, que estes días tanto e de tan diferentes xeitos puxemos a proba.

E ao carón desas moitas materias do currículo que deberemos abordar de novo, engadiría unha moi importante para as nosas vidas e que estivo presente no cotiá desta crise de maneira moi senlleira: a necesidade dunha verdadeira educación en igualdade para mulleres e homes.

Desde o inicio, o papel das mulleres foi fundamental para xestionar as consecuencias deste andazo. Era preciso debruzarse nos coidados dos e das máis vulnerables, crianzas, doentes, maiores ou dependentes, así que na maioría dos fogares as mulleres tiveron que asumir case a totalidade das responsabilidades (coidar, cociñar, limpar, ser mestras…). Ademais, por ser profesións feminizadas as dedicadas aos coidados, tamén foi cousa de mulleres a atención dos fogares alleos, o traballo en centros sanitarios, centros de día e centros da terceira idade; sen esquecer, por suposto, as empregadas dos supermercados e as limpadoras.

Os traballos máis precarios, peor pagados e sen dereitos laborais recoñecidos son os realizados por mulleres que, arestora, en moitos casos seguen a traballar polo medo a perda do emprego (teleoperadoras, traballo por horas, empresas multiservizos…). Poderíamos citar tamén as mulleres dedicadas á prostitución, que non deixaron de exercela.

Nuns casos e noutros as mulleres estiveron, se acaso, máis expostas ao contaxio pola súa función tanto nas familias como na sociedade. Este é, por desgraza, o contexto no que nos movemos.

Cando retornemos ao cole o noso alumnado virá de vivir en primeira persoa todo isto do que estamos a falar, agravado en certos casos por situacións de violencia machista de todo tipo nos seus fogares. Por iso, penso que sería o intre acaído para comezar ou continuar desenvolvendo propostas de educación en igualdade ou coeducación.

Ademais, desde o ano 1985 as diferentes Leis educativas (LODE, LOXSE, LOCE, LOE e LOMCE) inclúen o devandito entre os seus obxectivos e os seus fins. Sería polo tanto coherente e acaído abordar estes contidos co alumnado:

  • Educar nas emocións, valorando a non violencia, a autoestima, a empatía e os coidados.
  • Promover relacións non violentas entre iguais e a resolución pacífica dos conflitos.
  • Visualizar o traballo das mulleres en todas as áreas do coñecemento.
  • Rematar cos estereotipos.
  • Normalizar a diversidade afectivo-sexual e de xénero.
  • Empregar unha linguaxe inclusiva e non sexista.
  • Organizar o centro dun xeito igualitario.

E se temos sorte e non somos unha illa no noso centro, levemos á práctica ese Plan de Igualdade que é tan só teoría nun papel ou tentemos elaboralo se aínda non o fixemos. Para iso, comecemos coa axuda dalgún sector do profesorado, dalgún grupo de alumnado, de membros do persoal non docente e de representantes das familias, a facer unha diagnose da situación coeducativa no noso centro. Así, ao tempo que sinalamos as carencias e as eivas, estaremos concretando o noso Plan de Igualdade, co obxectivo de mudar aquelas situacións de desigualdade vividas neste tempo tan fosco.

Entre os elementos que deberíamos analizar, están: a linguaxe empregada no centro (documentos, taboleiros, web); as conmemoracións ou actividades relacionadas coa igualdade; os materiais pedagóxicos e libros de texto; o Plan lector e a organización da Biblioteca; a Orientación académica e profesional e a Acción titorial; a implicación do equipo directivo; o Plan de convivencia; a distribución dos espazos; a educación afectivo-sexual e a formación do profesorado para impulsar todo isto.

Unha boa axuda podería ser ler algunha destas grandes mestras no tema como Marina Subirats, Amparo Tomé ou Mª José Urruzola, ou a publicación, realizada pola CIG/AS-PG, Coeducación. O alicerce do ensino que inclúe traballos moi clarificadores como o de Marian Moreno, Carmen Ruiz Repullo ou Carme Adán.

Lola Varela

Coeducación e Plans de Igualdade

Estándar

O día 28 de febreiro o alumnado do Ciclo Superior de Promoción de Igualdade de Xénero do CIFP A Xunqueira de Pontevedra asistíu a unha charla da profesora recentemente xubilada e experta en coeducación Lola Varela, invitada pola profesora dese centro Luisa Fernanda Aris.

IMG-20200306-WA0032
Con esta intervención pretendíase transmitir ás futuras promotoras e aos futuros promotores de Igualdade a importancia da coeducación ou educación en igualdade desde o comezo das etapas educativas e como para facer efectiva esta aprendizaxe é preciso botar man de ferramentas como dotarse dun bo Plan de Igualdade no centro de ensino.

IMG-20200306-WA0039
A elaboración deste Plan de Igualdade trae aparellado un fondo análise do centro e do seu funcionamento, co obxectivo de mudar actitudes e comportamentos machistas así como de evitar estereotipos de xénero e discriminacións.

Para ter a información completa desta intervención podedes ver o power point que resume o tratado ese día, no seguinte enlace:

COEDUCACIÓN E IGUALDADE