Tag Archives: Prensa

As matronas e o coidado das mulleres

Estándar

“Pode sorprender, mais o oficio de matrona é ben descoñecido. As matronas poden desenvolver moitas tarefas máis alá do seguimento do embarazo, axuda no parto e na crianza. Entre outras, impartir cursos para fortalecer o solo pelviano e previr a incontinencia urinaria; abordar a menopausa e dar charlas de educación afectivo-sexual con perspectiva de xénero; informar respecto do control da natalidade…” Estas son algunhas das moitas funcións a desempeñar por estas especialistas, aínda non valoradas nin coñecidas dabondo.

Este é o asunto que nesta ocasión aborda Lola Varela no xornal NÓS Diario do día 2 de febreiro

Podedes descargar aquí este artigo

A eco-arquitectura da man dunha muller

Estándar

Nestes tempos complexos e difíciles de abordar, como consecuencia do cambio climático, da escaseza de fontes de enerxía e da preocupación polo medioambiente, as chamadas construcións bioclimáticas deberían ser o camiño a seguir. Recuperar o saber ancestral e adaptalo para o futuro. Salima Naji é un exemplo disto. No pasado mes de xaneiro, Lola Varela publicou este artigo no xornal NÓS Diario para visibilizar a mulleres valiosas.

Salima Naji: a eco-arquitectura e o saber ancestral

                                                                                  Lola Varela

Podemos inspirarnos no pasado para crear as vivendas que respondan ás necesidades do noso futuro?. Esta é a teima na que a arquitecta e antropóloga marroquina (con formación tamén en Belas Artes) Salima Naji está debruzada desde hai máis de 20 anos. Formada en Francia, regresou ao seu país natal onde se sinte moito máis útil para dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio propio que, como consecuencia da subordinación sufrida no período colonial (1912-1956), quedou asimilado a algo primitivo e menosprezado. Desa época, ven o antagonismo entre “beldi” (tradicional) e “asri” (moderno) ou a coñecida oposición medina indíxena/vila europea. Arestora, o traballo de Naji promove no país unha corrente favorable á cultura das construcións bioclimáticas, valorizando e modernizando a arquitectura tradicional.

Co gallo da Conferencia Mundial sobre o Cambio Climático, celebrada en Marrakech no 2016, realizouse o filme Eco-construction dans le sud du Maroc coa colaboración de Salima, que puxo o foco sobre esas construcións colectivas en adobe tan suxerentes como os “Ksar” ou as “Kasbah”, poboacións fortificadas, ou os “Agadir”, celeiros colectivos, todas elas acaídas para afrontar os efectos causados polo cambio climático. Porque no futuro, ademais de asegurar o benestar da veciñanza, as construcións deberán ter en conta o impacto ambiental no tocante aos recursos empregados, o custo enerxético, a emisión de gases con efecto invernadoiro, a duración das obras, os residuos xerados e a posibilidade de reutilización.

Este desafío global, resulta aínda máis urxente nas áreas de climas áridos e altas temperaturas, como xa apuntou o arquitecto exipcio Hassan Fathi (1900-1989), chamado o arquitecto das persoas pobres. Sen dúbida un dos pais da arquitectura sostible e vernácula, recuperou antigas técnicas de construción realizadas con materiais da zona para poñelas ao servizo dunha arquitectura moderna. Fathi, decatouse das propiedades do adobe, as arxilas e as areassecadas ao sol e mesturadas con palla, como material construtivo asequible e barato. A mestura destes materiais proporcionaba, ademais, un excelente illante térmico que resultaba moi eficaz no deserto para se protexer dos grandes contrastes de temperatura entre o día e a noite.

Neste marco atopase o traballo que Salima Naji realiza en Marrocos coa colaboración de institucións nacionais e locais e co apoio financeiro de organismos internacionais, para difundir esta nova cultura das construcións bioclimáticas a través do rescate de tecnoloxías do pasado e saberes que aínda persisten nas comunidades locais.

Particular interese ten a aplicación destes principios innovadores en obras de interese social como: centros de saúde, casas de maternidade, bibliotecas, escolas, locais culturais…, para ofrecer á poboación espazos públicos de maior calidade e máis saudables ao substituír o aire acondicionado por elementos como os captadores, reguladores ou saídas de aire tendo en conta os ventos dominantes e as correntes, as celosías para suavizar a luz ou a colocación de fontes de auga nas paredes ou no chan que refrescan o ambiente.

Todas as obras realizadas por Salima Marrocos adiante, teñen os seguintes elementos en común: fan uso de materiais locais que precisan dos coñecementos dos artesáns e o uso do cemento está reducido ao mínimo; rescatan formas arquitectónicas tradicionais que permiten crear espazos saudables e agradables, onde diminúe moito o consumo enerxético; as obras realízanse coa participación de traballadores locais que aportan os seus saberes coa perspectiva de crear cadeas produtivas de construción ecolóxica e formar una nova xeración de artesáns que contribúa a fixar poboación.

Recoñecida por prestixiosos premios relacionados coa arquitectura sostible, podemos achegarnos ao traballo de Salima Naji a través das súas publicacións: Art e architectures berbères du Maroc, Greniers collectifs de l´Atlas ou Architectures du bien commun: Pour une éthique de la préservation, entre outras. E ademais no seu sitio web https://salimanaji.com con abundante información e fermosísimas fotografías.

Podedes ler este artigo na versión orixinal do xornal premendo no título Salima Naji: a eco-arquitectura e o saber ancestral

E para saber máis desta valiosa muller, visitade o blog Mulleres na historia e Historias de mulleres no artigo Eco-arquitecta e antropóloga marroquí

                                                                

O amor non é un delito. A loita polos dereitos individuais en Marrocos

Estándar

No mes de novembro no xornal NÓS Diario Lola Varela comenta a súa preocupación pola falta de liberdades individuais para vivir o amor no país veciño, Marrocos, e, ademais, un dato curioso e interesante da responsabilidade do goberno francés durante o Protectorado no norte de Marrocos (1912-1956), por endurecer as penas por amar libremente, que chega ata os nosos días. Fronte a isto a sociedade civil organizouse no Colectivo 490 para reclamar o dereito á diversidade e ás liberdades individuais.

O amor non é un delito

                                                                               Lola Varela

Este é o lema do Colectivo 490 creado en Marrocos en 2019, tras a detención da xornalista Hajar Raissouni e do seu compañeiro, acusados de manter relacións sexuais fora do matrimonio (art. 490 do Código Penal), así como do persoal sanitario da clínica xinecolóxica á que acudía, por presunta práctica dun aborto. Tiveron que ir a xuízo e recibiron como pena 1 ano de cárcere; posteriormente, o Rei Mohamed VI concedeulles o indulto pola presión mediática xerada. Non tivo a mesma sorte unha moza marroquina de Bojador, que logo de ficar embarazada e abandonada pola súa parella, que lle prometera matrimonio, acudiu á policía e foi detida e condenada a 2 meses de cárcere polo mesmo artigo 490. Á saída do cárcere, a moza suicidouse.

As relación sexuais entre un home e una muller fora do matrimonio, están prohibidas en Marrocos e poden ser castigadas con penas de 1 mes a 1 ano de cárcere, sen ter en conta se son persoas adultas e se hai ou non consentimento. Cada ano arredor de 14000 persoas son perseguidas no país por este brutal e obsoleto artigo, que agrava aínda máis a situación da muller, xa que os embarazos non desexados, produto destas relacións, rematan en abortos clandestinos (entre 600 e 800/día), coa ameaza de ir á cadea ata 2 anos (art. 454).

O Colectivo 490 redactou o manifesto Fora da Lei, pedindo a derrogación deste artigo e doutros que atentan contra os dereitos individuais, que foi asinado por 12000 persoas nas primeiras semanas, e no que se auto-inculpaban de ter relacións extra-conxugais, de practicar ou ser cómplices de abortos ou de amar a persoas do mesmo sexo. Nel podemos ler: “…Esta cultura de mentiras e hipocrisía social xera violencia, arbitrariedades e intolerancia. Estas leis, draconianas e inaplicables, convertéronse en ferramenta de vinganza política ou persoal…Pensamos que a sociedade marroquina está madura para o cambio e para que se ratifique o respecto á intimidade e o dereito de toda persoa a dispoñer do seu corpo…”

Entre outras persoas, fan parte do Colectivo 490 Sonia Terrab, xornalista, escritora e directora de documentais como a webserie de sona Marokkiat/Mulleres marroquinas, na que, rompendo tabús, dá voz en espazos públicos a mulleres; Leïla Slimani, escritora e xornalista residente en Francia, gañadora do Premio Goncourt (2017), que vén sendo a voz do colectivo a nivel internacional; Narjis Benazzou, especialista en bioloxía médica e presidenta do colectivo na actualidade, ou Guizlane Mamouni, licenciada en Dereito pola Sorbonne e que desde o seu regreso a Marrocos dirixe un prestixioso bufete de avogad@s. Guizlane é autora dun interesante artigo publicado no Nº 135 da revista marroquina de talante liberal Zamane, no que relata como eran tratadas ao longo da historia de Marrocos as relación sexuais fora do matrimonio e como a época do Protectorado francés (1912-1956) tivo moito que ver no castigo e no endurecemento das penas.

A partir de 1912, tras o Tratado de Fez, Francia tiña o dereito e o deber de reformar a xustiza e o Código Penal no país alauita, pero non será ata 1953 cando o sultán “fantoche” Ben Arafa aprobe a nova lexislación. Antes, Ben Arafa substituíra a Mohammed ben Yussef (o futuro rei Mohammed V tras a independencia) que se negara a firmar estas reformas, como xeito de protesta contra a política colonial francesa. O novo Código, baseado no promulgado por Napoleón (1810) e moi criticado pola propia cidadanía francesa que o consideraba “un Código pesimista sobre a natureza humana”, incluía xa o artigo 490. Antes do Protectorado, a lexislación estaba nas mans das tribos ou kabilas, era consuetudinaria e consideraba só punibles aquelas relacións que se consideraba atentaban contra a sociedade ou contra o individuo, caso da prostitución, a homosexualidade e as violacións, que eran sancionadas con multas pero nunca con prisión nin castigos corporais.

Semella entón que na historia de Marrocos as relacións sexuais extra-matrimoniais entre persoas adultas e consentidas, non foron motivo de cárcere ata 1953, baixo o Protectorado. E convén lembrar que, na altura, os locais dedicados á prostitución inzaban o país para servizo dos exércitos coloniais.

Podedes ler o artigo na súa versión orixinal en NÓS Diario premendo no título O amor non é un delito

                                                                

A educación sexual, materia pendente no currículo

Estándar

Un ano máis sen educación sexual no ensino.

Mentres seguiremos a engrosar o número de vítimas de acoso sexual, de relacións non consentidas, de aprendizaxe na pornografía, de hipersexualización das nenas e adolescentes, de violacións en grupo…En definitiva de relacións non igualitarias, pouco satisfactorias e violentas, na maioría das veces. Lola Varela publicou no Diario de Pontevedra o 28/12/2022 este artigo para reclamar a necesidade urxente desta formación en todas as etapas educativas e nas familias.

Podedes ver o estudo completo do que se fala no texto realizado ao alumnado do IES A Xunqueira I (Pontevedra) no pasado ano 2021, pero presentado en maio deste ano no seguinte enlace do noso blog Estudo actual sobre sexualidade na adolescencia en Galicia

Xoguetes e Coeducación

Estándar

Nadal, tempo de xoguetes dun xeito especial e maioritario, parémonos a pensar se estamos a mercar sen discriminacións entre nenas e nenos ou, pola contra, deixámonos levar polos estereotipos establecidos.

“Os xoguetes imitan a realidade en miniatura” como nos di a orientadora e pioneira na coeducación en Educación Infantil e Primaria, María Luísa Abad.

Nesta ocasión Lola Varela dedica este novo artigo, publicado estes días en NÓS Diario, a esta muller de longa traxectoria (desde os anos 90), que empregou a coeducación como ferramenta indispensable para unha educación verdadeiramente en igualdade. Coeducar para transformar.

Podedes descargar este innovador Manual para coeducar na escola infantil (2008) de Luísa Abad, que se cita no artigo, ao final do texto, así como este outro material da mesma autora centrado no xogo Anén-Onén: xogando en igualdade na escola infantil (2003), dúas publicacións moi valiosas e difíciles de atopar hoxe en día, a non ser nas bibliotecas de centros de ensino sensibles coa coeducación e a igualdade das nenas e nenos.

                                              Xoguetes e Coeducación

                                                                                      Lola Varela

Unha gran maioría dos anuncios de xoguetes reproducen roles sexistas, que nenos e nenas asumen como imperativos para a súa aceptación social. Segundo o Estudio sobre estereotipos y roles de género en la publicidad de juguetes (Instituto de la Mujer, 2020), o 38,5% dos anuncios amosa ás nenas arquetipos femininos de beleza ou de coidadora e nai/esposa como referencia, alén de sexualizar ás cativas nun 11% deles. Asemade, o 34% dos anuncios relacionados con profesións e dirixidos ás nenas asócianse co sector da perruquería e da estética, mentres que o 50% dos dirixidos aos nenos mostran actividades como piloto, policía ou militar. A mensaxe é moi clara: a diferenciación de xénero, pon de manifesto con total precisión o que se espera delas e deles cando sexan maiores

O xogo é un elemento clave de socialización na infancia, crucial para a configuración da personalidade, os valores, as habilidades e as capacidades. A decisión sobre que xoguetes poñemos a disposición dos nenos e das nenas, é de grande importancia. Xogar é ensaiar a vida, practicar os roles establecidos. “Non basta con ter xoguetes dun e doutro tipo e facilitar o acceso igualitario. Hai que ter en conta que a maioría dos xoguetes foron concibidos cos roles estereotipados. Os xoguetes imitan a realidade en miniatura”, como nos di a profesora e escritora María Luísa Abad na publicación Manual para coeducar na escola infantil (Xerais, 2008), editado pola Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar para as Galescolas, aquel ambicioso proxecto de país.

Para mudar esta situación, os principais fabricantes de xoguetes españois asinaron co  Ministerio de Consumo adherirse a un código de autorregulación que pretende desterrar estes estereotipos, evitar asociar os xogos a un ou a outro sexo, impedir sexualizar ás nenas e impulsar unha linguaxe inclusiva e unha imaxe igualitaria. Se algún anuncio incumpre as normas, deberá ser retirado. Este novo código deontolóxico, que substitúe ao de 2015, aplicarase aos membros da Asociación Española de Fabricantes de Juguetes (AEFJ), que aglutina as maiores industrias do Estado. Porén, asociacións de consumidores como FACUA critican que esta cuestión debería ter sido regulada por lei, con sancións para quen non respecte este novo código.

Nin boas intencións, nin propostas voluntaristas, nin novos códigos deontolóxicos; todo pode axudar, certamente, pero a mellor ferramenta para erradicar estereotipos sexistas que só conducen á desigualdade e á discriminación de mulleres e nenas, está na coeducación que debe comezar nas etapas máis temperás. Disto sabe María Luísa Abad, coeducadora pioneira e de longa traxectoria na Educación Infantil e na Primaria no noso país. De feito, a devandita publicación é una edición revisada e ampliada doutra do ano 1996, na que a autora, coa Lei Orgánica 1/1990 Xeral do Sistema Educativo (LOXSE) como base, e aproveitando as novidades positivas da lei en cuestión, analizaba a adquisición da identidade de sexo e xénero na infancia. Tamén enxergaba o sexismo existente na escola -como consecuencia da sociedade na que está inserida- e a necesidade ineludible dunha verdadeira intervención coeducativa na escola mixta, aportando instrumentos de observación e análise da práctica diaria, así como diferentes propostas dirixidas ao profesorado e ás familias.

Dinos a autora: “A coeducación supón una ruptura co currículo implícito ou oculto, que é en realidade o que transmite o sistema de valores dominante, supón un compromiso co alumnado de cara a facilitar experiencias integradoras, de comunicación e respecto cara ás e aos demais, de solidariedade e de tolerancia…Estamos pola coeducación, significando “coeducar” educar de acordo con todos aqueles aspectos positivos que se consideren necesarios para calquera persoa, independentemente do seu sexo biolóxico”.

Benvidas sexan, e non só no Nadal, as guías de xoguetes e contos non sexistas. Deseñemos estratexias motivadoras para que todos os xoguetes sexan útiles e interesantes para ambos sexos. Procuremos nos xogos a colaboración e a participación de nenas e nenos. Velaí algunhas ideas.  

Se queredes ler o artigo na versión orixinal Xoguetes e Coeducación, premede no título.

Aquí poderedes descargar o Manual para coeducar na escola infantil de Luísa Abad

Aquí poderedes descargar Anén-Onén: xogando en igualdade na escola infantil de Luisa Abad

E posible un feminismo islámico?

Estándar

Tomando como referencia o último libro do profesor e escritor Waleed Saleh Feminismo e islam. Una ecuación imposible, Lola Varela reflexiona no seguinte artigo publicado en NÓS Diario o 13/10/2022 sobre a dificultade de conciliar as relixións monoteistas, como é o caso, cos dereitos das mulleres.

Fronte a posicións que defenden un femisimo islámico como o da escritora Fatima Mernissi, outras persoas como Waleed Saleh defenden que non é posible acadar a igualdade de homes e mulleres, quer en dereitos quer en oprtunidades, dentro do Islam.

É posible un feminismo islámico?

                                                                                  Lola Varela

Os países de maioría musulmá constitúen a Organización para a Cooperación Islámica, son 57 e teñen a súa propia Declaración dos Dereitos Humanos no Islam (1990), xa que non aceptan a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, redactada por Nacións Unidas en 1948. Na primeira cláusula sinala que toda a humanidade somos servos de Deus, excluíndo deste xeito ás persoas non crentes e, como considera a Sharia ou Lei islámica como fonte principal, con respecto á situación da muller atopamos unha diminución de dereitos, a prol da superioridade dos varóns: o home é o cabeza de familia, responsable da economía; pode ter ata catro esposas, ás que pode repudiar ou divorciarse delas en calquera intre, quedando coa tutela dos fillos ao cumprir os dous anos e das fillas, aos sete; eles herdan o dobre que as mulleres e o seu testemuño ten dupla validez que o delas….Uns países aplican estas normas máis que outros; entre os que introduciron algúns avances está Túnez, onde se permite o aborto antes de que o feto teña 24 semanas, sen necesidade de xustificar a decisión, ou Marrocos coas reformas realizadas na “Mudawana” ou Código de familia (2004), que recoñece a corresponsabilidade na familia, o dereito da muller á tutela das crianzas ou a idade de 18 anos para contraer matrimonio.

Do estudo dos textos do Corán e da Sunna (os “hadices” ou ensinanzas do Profeta Mahoma), o escritor Whaleed Saleh pretende demostrar na súa última obra que feminismo e islam están en planos distintos e son incompatibles, pois considera que aquel ven sendo unha fe, unha crenza, mentres que o feminismo é un movemento civil laico e emancipador das mulleres. Así, en Feminismo e islam. Una ecuación imposible (2022), Saleh impugna o denominado feminismo islámico, pon de manifesto o xeito en que a influencia do Corán nas leis dificulta a construción de sociedades igualitarias, revela a misoxinia dalgunhas “fetuas” (ditames legais) e advirte dos perigos que carrexa o relativismo cultural.

Orixinario de Iraq, Saleh (1951) é doutor en Estudios Árabes e Islámicos e grande coñecedor do islam político. Docente no seu país ata o ano 1978, en que por razóns políticas tivo que se exiliar, exerceu logo en Marrocos e desde 1984 traballa na Universidad Autónoma e reside en Madrid. Entre os seus libros, compre salientar Librepensamiento e Islam (2016), onde defende separar a relixión da creación literaria e artística.

En Europa non atopamos moitos homes feministas como Saleh, pero no mundo árabe-musulmán houbo e hainos que denuncian as condiciónsde vida das mulleres, as leis discriminatorias  e o menoscabo dos seus dereitos, malia ser considerados quintacolumnistas, apóstatas ou renegados: desde o exipcio QasimAmin, que no 1899 escribíu La liberación de la mujer egipcia, ao iraquí Al Zahawi e o tunesino Tahar Haddad, entre outros.    

Desde a revolución islámica de Irán (1979) e a chegada ao poder dos Hermanos Musulmanes en Exipto, todo comezou a mudar e a vestimenta da muller é un indicador relevante da perda dos seus dereitos. Antes de  1979, as mulleres de países árabes e musulmáns xuntaban as súas reclamacións coas mulleres de todo o mundo, fora do marco da fe, como as libanesas Hind Nawfa e Anissa Najjar ou a palestina May Ziade. Esta tendencia continuou con activistas como Nawal Saadawi en Exipto e Wassyla Tamzali en Alxeria e na actualidade coas escritoras Najat el Hachmi, Mimunt Hamido ou Zoubida Boughaba.

O termo “Feminismo islámico” foi empregado por vez primeira nos anos 90 por parte dalgunhas investigadoras iranianas na revista Zanan (Mujeres) de Teherán. Segundo algúns analistas, este movemento xurde por varias razóns: a escolarización feminina e o desenvolvemento cultural en moitos países musulmáns, o medre das correntes islamistas, o desexo de marxinar a grupos radicais como Al Qaeda ou os talibáns e a intención dalgúns gobernos de sumarse na aparencia á modernidade. Xustifican a súa existencia no nome da interculturalidade, da pluralidade, do relativismo cultural e apoian a idea de que as costumes e as tradicións hai que respectalas. Ata onde?

Se queredes ler o artigo na versión orixinal no xornal preme aquí É posible un feminismo islámico?

                                         

Auditoría e xénero

Estándar

As discriminacións cara ás mulleres están presenten en todos os ámbitos. Velaí o seguinte artigo de Lola Varela , publicado en NÓS Diario estes días, sobre as mulleres auditoras, baseado na tese de doutoramento da pontevedresa Susana Escaloni. Mentres non exista unha verdadeira educación para a igualdade seguiremos reivindicando os mesmos dereitos e oportunidades para toda a sociedade.

AUDITORÍA E XÉNERO

                                                                                     Lola Varela

Coñecín hai uns días unha interesante e moi documentada tese de doutoramento, realizada na Escola Internacional de Doutoramento da Universidade de Vigo, titulada Análisis de la actividad auditora con perspectiva de género.A súa autora Susana Escaloni leuna no mes de xuño na Casa das Campás en Pontevedra, obtendo a máxima cualificación.

É unha investigación do sector da auditoría con perspectiva de xénero cun dobre obxectivo, analizar e visibilizar a situación laboral da muller neste ámbito en España, así como analizar a incidencia do sexo na determinación dos honorarios de auditoría e na persistencia dunha situación laboral desigual na que o problema principal céntrase na progresión ou carreira profesional das mulleres auditoras. O estudo realizouse sobre una mostra de 3.217 observacións correspondentes a sociedades non cotizadas españolas durante o período 2008 – 2015.

Unha maior presenza de mulleres auditoras nunha profesión tradicionalmente “masculina”, como é a auditoría, é un indicador do grao de avance en materia de igualdade nos países desenvolvidos, mais, ao tempo, obsérvanse importantes diferenzas no acceso a postos directivos e asociados. Esta desigualdade no sector explícase, entre outras causas, pola dificultade de mudar os estereotipos, a maternidade e as políticas de flexibilidade laboral e de conciliación, cun efecto contrario ao previsto.

En canto ao número de mulleres auditoras, España sitúase por baixo da media

tanto no que atinxe á cantidade de mulleres no sector (34%), como en representación nos postos de dirección (12%). Porén, Hungría, Polonia, Albania ou a República Checa (cunha formación máis igualitaria de homes e mulleres) están por riba cunha porcentaxe entre o 55% e o 70% de mulleres no sector, pero diminúe enormemente na alta dirección cunha media inferior ao 20%.

As socias auditoras perciben un salario significativamente menor que o dos homes, malia o dato de que as socias xeran maiores primas de honorarios.

Os trazos atribuídos ás mulleres non son os máis valorados nunha profesión ordenada por homes para homes. As mulleres que acadan o estatus de socia xeralmente deben adaptarse ás regras masculinas. Ao facelo, as mulleres contribúen ao mantemento dos estereotipos de xénero. E se adoptan comportamentos máis dominantes, tamén son criticadas e valoradas negativamente por afastarse dos comportamentos estereotipados. En consecuencia, as mulleres que rompen os “teitos de cristal” están ben adestradas e posúen habilidades superiores á media dos homes.

En España na actualidade un de cada catro auditores é muller, pero con tendencia ao equilibrio nas promocións máis xoves, xa que o colectivo de auditores presenta un perfil de idade notablemente avanzada e moi masculinizado.

Mais xunto co acceso o incorporación da muller é preciso analizar o grao de avance respecto da carreira profesional e a existencia de dificultades ou obstáculos na progresión, tales como a falta de dispoñibilidade ou dedicación a tempo completo.

Por outra banda, os estudos que analizan as diferenzas por razón de xénero no ámbito financeiro apuntan actitudes valoradas positivamente como que as mulleres realizan inversións máis conservadoras e de menor risco, así como que teñen unha maior aversión ao fraude, que son procesadoras de información máis integrais, polo que é máis probable que as mulleres empreguen datos menos obvios pero relevantes. Tamén se asocia positivamente coa calidade dos ingresos que nas xuntas directivas haxa diversidade de xénero, así como a presenza de mulleres nos postos de alta dirección.

A modo de conclusión, entre outras propostas,  Susana Escaloni insiste no compromiso das familias e das entidades auditoras para avanzar en igualdade. Nas familias  corresponsabilizándose das tarefas do fogar e dos coidados e nas entidades desterrando a cultura do presentismo, primando políticas de flexibilidade baseadas nunha avaliación global de resultados e incentivando a incorporación dos homes a estas políticas, contribuíndo á xeralización das xornadas flexibles, así como a  desfeminización das mesmas. Finalmente, unha implicación clara e decidida dos gobernos que impulsen e incentiven cambios en todos os sectores, promovendo unha educación en igualdade superadora de estereotipos.

Se queredes ver o artigo na versión orixinal en prensa, premede no título Auditoría e xénero.

Como está a vivir a sexualidade a nosa mocidade?

Estándar

Con motivo da presentación pública a finais do mes de maio do estudo Resultado de unha encuesta sobre conocimientos y hábitos sexuales de adolescentes gallegos, realizado nun centro público da cidade de Pontevedra, polos doctores Manuel Varela Salgado e Javier Paz Esquete, é preciso unha chamada de atención ás familias, profesorado, administracións públicas e sociedade en xeral. Neste artigo publicado o 21/06/2022 no xornal NÓS Diario, Lola Varela, reflexiona sobre os datos dese estudo como algo que debe preocuparnos e no que deberíamos intervir. A sexualidade non está a ser para a maioría dos e das adolescentes unha fonte de pracer, comunicación e afecto.

                     Seica non é importante

                                                                     Lola Varela

A través dunha enquisa anónima e voluntaria, máis de 450 adolescentes de entre 13 e 20 anos dun centro público de Pontevedra, responderon o ano pasado a 61 cuestións relacionadas cos seus coñecementos e prácticas sexuais. O uroandrólogo Manuel Varela e o xefe de Medicina Preventiva do SERGAS en Pontevedra Javier Paz, coa colaboración da Sociedade Galega de Sexoloxía SoGaSex, foron os responsables desta pescuda.

Hai uns días presentouse publicamente este interesante traballo e, alén da equipa directiva e a orientadora do centro en cuestión, só asistiron tres profesores dun claustro de máis de 60, algunhas antigas profesoras, que colaboramos neste estudo, a presidenta de SoGaSex e unhas nais máis preocupadas polo tipo de preguntas que incluía a investigación e pola formación que ían recibir as súas fillas neste delicado tema tabú da sexualidade, que polas propias conclusións. Á presentación, convidárase sen éxito ao profesorado doutros centros e á cidadanía en xeral mediante os medios de comunicación locais, que axiña se fixeran eco do estudo e resaltaran a súa importancia. Engadir que, ademais da escaseza de público, a maioría eramos mulleres. Cuestión de xénero?

Daquela, para unha cidadanía desmobilizada nesta temática semella non ter relevancia que os resultados do traballo de referencia, sexan unha chamada de atención para a comunidade educativa, a Administración e sociedade en xeral, co agravante de que son dabondo máis preocupantes que os obtidos hai agora doce anos por outra enquisa semellante, no mesmo centro.

Entre as conclusións máis salientables, podemos comentar que desde 2010 até agora duplicouse a porcentaxe de mozas e mozos que recorren a Internet para informarse sobre sexualidade, pasamos do 30,8% ao 64,7%, co risco que isto supón porque remata sendo a pornografía a súa escola para as relacións amorosas; de feito, a partir dos 12 anos consumen este material de xeito habitual observándose unha grande diferenza entre eles e elas, xa que os mozos duplican a consulta de material pornográfico verbo das mozas, 74,6% e 39,3%, e din que o fan para mellorar as súas relacións.

A mocidade busca en Internet a información e a formación que os ámbitos escolar e familiar deberían proporcionarlles, pero que non o fan tal e como manifestan nas súas respostas onde a familia vai detrás das amizades, Internet e RRSS e a valoración que teñen neste aspecto do centro educativo resulta penosa. Só un 22,5% considera que é boa ou suficiente, fronte a un 80% de hai doce anos. Como docente sei que, agás honrosas excepcións, esta formación non é impartida polo profesorado que a cada máis pensa que non é da súa competencia ou precisa preparación, xunto co medo que se albisca diante de posibles denuncias de familias contrarias a unha educación sexual de calidade, influídas por ideoloxías escurantistas en auxe.

Un 13,9% de mozas responden que a primeira relación coital foi sen o seu consentimento e un 13,8% recoñecen ter sufrido algún tipo de abuso sexual. Ademais, un 20,8% do alumnado afirma ter presenciado eses abusos e a pregunta de se reaccionaron xurde, porque máis adiante un 19,5% di non saber onde acudir ante dúbidas e problemas neste eido.

Atopamos nas respostas un rexeitamento maioritario á violencia de xénero, certo; porén, un 11,6% de mozos non a teñen en consideración e un 2,8% das mozas tampouco, fronte un 2,4% deles e un 0,6% delas na investigación anterior. Transcorreron doce anos e nalgúns aspectos a nosa mocidade está en peor situación de risco e vulnerabilidade, ademais de non gozar, en moitos casos, dunha sexualidade plena. Pola contra, é máis libre declarando a súa identidade, sexa a homosexualidade, un 8,8% ou o binarismo, un 15,6%; tamén atopamos unha maior liberdade e desenvolvemento da sexualidade feminina cando o 63,2% das mozas recoñecen masturbarse habitualmente e o 97% considera boa esta forma de procurar pracer.

Para rematar, xunto a miña voz á do alumnado, case un 90%, para reclamar unha educación sexual sen prexuízos, inclusiva, científica e non moralista en todas as etapas educativas, desde Infantil até a Universidade. Moito por facer.

Se queredes ler o artigo no xornal, premede aquí no título Seica non é importante

                                     

Un traballo máis: ser muller en Galicia

Estándar

Alá polo ano 1977 o coñecido xornalista Perfecto Conde publicaba na revista Teima unha reportaxe na que Lola Varela participaba, comezando daquela a súa andaina feminista. Neste traballo o autor quería dar unha visión plural das mulleres en Galicia, desde o mundo rural ao urbano e dando a voz a algunhas das pioneiras do Movemento Feminista naqueles anos. Velaí un resume do tratado nesa reportaxe no artigo de Lola Varela en NÓS Diario o 26/05/2022.

                            Un traballo máis: ser muller en Galicia

                                                                           Lola Varela

Este é o título dunha interesante reportaxe do xornalista Perfecto Conde publicada no nº 11 de Teima. Revista Galega de Información Xeral (1977), recentemente dixitalizada polo Consello da Cultura Galega. Foi unha das primeiras revistas que se editaron integramente na nosa lingua e apenas durou un ano; aínda así, marcou un fito na historia das publicacións galegas. Coa intención de ser un medio con perspectiva de país, foi dirixida por Ánxel Vence e contou na redacción con xente da sona de Luís Álvarez Pousa, Víctor Freixanes, Xavier Navaza, Manolo Rivas, Margarita Ledo e o mesmo Perfecto Conde, entre outros.

No informe en cuestión, Conde pretendeu reflectir a situación das mulleres galegas naquel tempo de convulsa axitación política, tras a morte do ditador e cos primeiros debates sobre o futuro da democracia e da autonomía galega. Divide o texto en tres apartados: no primeiro recolle testemuños de mulleres no medio rural, logo amosa as diferenzas con mulleres de vilas e cidades pertencentes á burguesía e remata dándolle voz a dúas representantes do movemento feminista daqueles anos, Maló Fernández da Asociación Galega da Muller (AGM) e a min mesma, secretaria na altura da Asociación Universitaria para o Estudo dos Problemas da Muller (AUPEPM). Como complemento, Conde engadíu unhas breves reseñas de “feministas galegas históricas” e de “feministas de hoxe”. 

As declaracións das mulleres do rural difiren moito, segundo a idade.“A muller perdeulle respecto ao home e quere ser igualiño a el”, afirma unha avoa e retrúcalle a súa neta: “Non vexo porque a muller non ha ser igual que o home. Tócanos traballar o mesmo, sufrir máis aínda, termar dos nosos como ninguén, facelo todo”. O feito da emigración e as súas consecuencias, está tamén recollido neste traballo. Eis o caso dunha muller que queda sen home por emigrar a América e, pasados algúns anos, ela tamén vai traballar a Francia, coñece outro home, ten dous fillos con el e cando retorna á aldea, agás un curmán, familia e veciñanza trátana coma sempre e aceptan ao pai dos seus fillos.

Entre as mulleres burguesas o panorama é distinto: desde estudantes universitarias que viven coas súas parellas e, ao quedar embarazadas, deciden abortar no estranxeiro mesmo coa axuda da familia, ate outras que sufriron presións para casar. Tamén a situación de mulleres casadas e de profesións liberais, que ou ben chegan a un acordo cos seus homes para ter unha relación distanciada e tolerante, ou teñen relacións clandestinas con outras parellas.

O abano de situacións que poden darse no mundo da sexualidade e dos dereitos das mulleres, “parece levarse con mellor filosofía, no medio rural, dentro duns límites”, dinos Perfecto Conde. Pódese pensar nunha certa liberalidade, de feito, non é nada catastrófico na aldea que unha moza teña unha crianza de solteira ou que case tendo xa fillos ou fillas doutro home. Engade o xornalista: “O folclore ten unha indubidábel carga erótica e sexual, ás veces, e hai determinadas faenas e costumes populares que así o testemuñan (a malla, a esfolla, a muiñada…)

No remate do informe, as dúas feministas coincidiamos en que a situación periférica e de subdesenvolvemento de Galicia agravaba aínda máis as condicións das mulleres en todos os campos (traballo, sexualidade, ensino, familia, leis…) e que o centralismo non tiña en conta os hábitos nin as tradicións galegas. A representante da AGM engadía, asemade, a necesidade da liberación nacional da nosa terra. Ambas criticabamos tamén, a falta de compromiso dos partidos políticos coa loita pola liberación das mulleres e desde AGM se propuña a conveniencia dunha organización autónoma e independente dos homes e dos partidos, mentres que AUPEPM consideraba que o movemento feminista era aínda moi recente en todo o Estado e compría agardar un maior compromiso por parte das organizacións políticas. Finalizábamos daquela, dicindo que non se podía falar propiamente de matriarcado en Galicia, pero si dunha grande presenza e protagonismo das mulleres, sobre todo no mundo rural, probablemente,  maior que noutras zonas do Estado español.

Se queredes ver o artigo na prensa premede no título “Un traballo máis: ser muller en Galicia”

                                                                    

O suicido de adolescentes e os estereotipos

Estándar

Cando os factores máis frecuentes do suicidio en adolescentes están relacionados coa súa vida sexual e sentimental, algo deberíamos facer desde a escola e as familias.

O suicidio converteuse na primeira causa de morte entre a xente moza en España tras o confinamento.

Os suicidios pódense evitar en moitos casos. Esta é a nova reflexión que Lola Varela trata no seu artigo publicado no xornal NÓS Diario o día 26/04/2022.

               

                O SUICIDIO DE ADOLESCENTES E OS ESTEREOTIPOS

                                                                                       Lola Varela

O incremento dos suicidios, unha realidade oculta da que non se fala porque segue a ser tabú na sociedade actual. Segundo o INE antes da pandemia, no ano 2019,  suicidáronse en España 3.671 persoas e  no 2020, 3.941 das que 300 tiñan entre 14 e 29 anos. O suicidio converteuse na primeira causa de morte entre a xente moza en España tras o confinamento.

Galicia é a 2ª comunidade con maior taxa de suicidios, detrás de Asturias, e case o dobre que a media do Estado, segundo o Instituto de Medicina Legal de Galicia. O  pasado ano suicidáronse en Galicia  máis de 300 persoas, o triplo de homes que de mulleres. Un problema estrutural do noso país xamais abordado debidamente, aínda que, en ocasións, hai intentos válidos como o levado a cabo na cidade de Pontevedra o pasado novembro, onde profesionais e persoas expertas analizaron desde diferentes ámbitos o alarmante aumento dos suicidios, nunha xornada organizada polo Dr. José Blanco, Xefe da Unidade de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra. Alí demandaron da sanidade pública máis medios para afrontar un plan de choque contra as enfermidades mentais e os suicidios en xeral, pero sobre todo para a etapa infanto-xuvenil, a peor tratada e con graves carencias no eido da prevención. Asemade, pediron á sociedade que se fale con naturalidade do suicidio, desbotando o mito de que iso provoca un efecto chamada.

As motivacións últimas da conduta suicida non están claras, nin nas persoas adultas nin nas adolescentes, quen amais están nunha etapa vital clave, de vulnerabilidade intensa, na que os cambios físicos, mentais e emocionais son moi fortes. Por iso, o feito de estar involucrados en situacións de violencia, sexa de parella ou familiar, acoso escolar  ou ciberbullying, está considerado como un importante factor de risco para a conduta suicida.

Non podemos falar de suicidio na adolescencia, sen mencionar o risco emerxente que representan as novas tecnoloxías, especialmente as redes sociais.  Nestas novas canles de comunicación, a información, así como os retos e os xogos, non teñen control ou están ao alcance de calquera.

Outro factor a ter en conta é o sexo: as menores semellan máis afectadas por intencións ou arelas suicidas, pero é maior a proporción dos rapaces que terminan por cometer este acto. Os mozos suicídanse tres veces máis que as mozas; elas, tentan o suicidio tres veces máis que eles. Para afondar nisto podemos analizar os datos recollidos polo “Teléfono de la Esperanza”, onde o 65% das chamadas son de mulleres e o 35% de homes. O persoal profesional consultado, considera que en xeral aos homes resúltalles máis difícil compartir o que lles sucede e pedir axuda. Esta diferenza entre requirir ou non axuda, pode ser unha das razóns detrás da diverxencia entre as tentativas e a realización do acto suicida. E lévanos a outra conclusión: a importancia do tratamento e da identificación de determinadas actitudes, así como a creación de espazos que rachen cos estereotipos de xénero para que os e as adolescentes podan expresar as súas emocións nun entorno seguro.

Entre os factores precipitantes máis frecuentes en adolescentes, están o descubrimento ou non aceptación da homosexualidade ou doutras formas de sexualidade non normativa, acoso, abuso sexual, violacións, desengano amoroso, embarazo prematuro, separación ou perda de amizades…Toda unha serie de situacións e sentimentos que deberían ser tratados a través dunha educación sexual de calidade que, ate agora, non existe nos currículos de ningunha etapa educativa do país. E para agravar o panorama, coñecimos estes días o resultado da investigación levada a cabo por Rosa Mª Rúa, onde salienta que un 6,7% do profesorado de Secundaria (1000 dun total de 16000) opina que algunhas nenas compórtanse dun xeito sedutor e visten de xeito provocativo, incitando ao abuso sexual; ou que só un 37% do profesorado sabe como actuar diante dun caso de abuso, dos que apenas se denuncian un 15% para evitar que saia do ámbito familiar, ademais de cuestionar a veracidade do testemuño. Un panorama bastante desolador se non lle pomos remedio.

Se queredes lelo no xornal, premede no título O suicidio de adolescentes e os estereotipos