Tag Archives: Prostitución

“No te engañes” Campaña contra a explotación sexual e a trata de mulleres

Estándar

Un bo traballo da xornalista e directora de cine, Mabel Lozano, realizado para a Comunidade Autónoma de La Rioja, no que pretende chamar a atención da mocidade e facer unha campaña de sensibilización diante do consumo de prostitución inconsciente, presionado polo entorno ou a pornografía.

Trátase dun pequeno vídeo de 1´35 m moi directo e o texto está baseado nas declaracións de mulleres en contexto de prostitución atendidas por Médicos del mundo e APRAMP.

23 de setembro. Día internacional contra a trata de persoas para explotación sexual

Estándar

Esta data está aí para lembrar que debemos falar co noso alumnado e nas familias deste tema que afecta a tantas mulleres, que o ben raptadas, enganadas ou por extrema necesidade rematan sendo obxectos nas mans de proxenetas desalmados e puteros machistas, que coa súa brutalidade no trato rematan facendo que estas mulleres sexan dependentes do alcohol ou de calquera outra sustancia que as anula como pesoas, pero que o precisan para soportar a miseria na que están metidas.

Propoñemos ver e comentar este vídeo difundido por Instagram con declaracións de víctimas hoxe recuperadas grazas á asociación de axuda a mulleres en prostitución APRAM https://www.instagram.com/tv/CUKqFilLN7Z/?utm_medium=share_sheet

Tamén podemos ler este artigo sobre a valente campaña de Médicos del mundo contra a prostitución que publicou o xornal Diario 16, ao que acompaña un pequeno vídeo de menos dun minuto, con moita forza e crudeza. ¿Puta yo?

E tamén recordarvos que existen dous breves documentais feitos por mulleres sobre a explotación doutras mulleres como son Benvidas ao club de Carmen PG Granxeiro (2018), sobre o macro proceso xudicial do caso Carioca en Lugo que comezou no ano 2008 e aínda non rematou, pero do que non se agardan apenas condeas por estar involucrados desde coñecidos políticos, importantes empresarios ata oficiais das forzas de seguridade. Tedes acceso ao vídeo premendo no título.

O outro é Biografía del cadáver de una mujer (2020), mellor documental nos Premios Goya da pasada edición, de Mabel Lozano, que relata o asasinato dunha muller que se atreveu a denunciar ao seu proxeneta e explotador. Tedes máis información premendo no título.

LIBERDADE OU ESCRAVITUDE?

Estándar

Imaxes para comentar co alumnado de Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional.

Estamos nunha sociedade dominada polo Neoliberalismo onde todo vale, todo se pode mercar e vender e todo está ben se para min vale; ademais o individualismo ten asoballada á solidariedade e o camiño da igualdade de mulleres e homes está cheo de atrancos que deberíamos descubrir entre todas e todos.

Unha alternativa libertaria á prostitución

Estándar

O 19 de xuño, en Nós Diario aparece publicado este artigo de Lola Varela no que nos conta en que consistían os “Liberatorios de Prostitución”, unha alternativa libertaria á prostitución publicada na revista “Mujeres Libres”.

Unha alternativa libertaria á prostitución

Lola Varela

A liberdade, a igualdade e o antiautoritarismo son valores do ideario ácrata; non é de estrañar, xa que logo, que no seo das organizacións libertarias xurdira con forza, alá polos anos 30 do século XX, o debate sobre a liberación das mulleres da tripla escravitude que supón a ignorancia, a explotación no traballo e, ademais, ser muller.

Seguindo o rego das ideólogas do feminismo anarquista Teresa Claramunt e Teresa Mañé, as mulleres libertarias chegaron ao convencemento de que para esa andaina precisaban dunha estrutura aparte das organizacións afíns CNT, FAI e JJLL, decisión que ocasionou máis de unha controversia cos homes e tamén con algunhas mulleres anarquistas. Sabedoras de que dentro destes colectivos a emancipación da muller ía ficar en segundo plano (“agora non toca”, como acontece arestora en moitas ocasións), comezaron a se organizar de xeito autónomo. Daquela (1934), xurdiu en Barcelona o Grupo Cultural Femenino como alicerce da revista “Mujeres Libres”, editada en maio de 1936 da man da escritora Lucía Sánchez Saornil, da avogada Mercedes Comaposada e da doutora Amparo Poch y Gascón. A revista, na que colaboraron personalidades como Emma Goldman ou Carmen Conde, editou 14 números, destacando tanto polo deseño vangardista, como por non ser convencional no seu contido. A súa finalidade foi capacitar ás mulleres, animándoas a que tomaran a palabra, a saír do ámbito privado e a ocupar a esfera pública.

Ao abeiro destas páxinas, que ilusionaron e animaron ás mulleres na súa loita contra o patriarcado, constituíuse a “Federación Nacional de Mujeres Libres” en plena Guerra Civil (1937), un período no que chegou a ter máis de 20.000 afiliadas e 170 Seccións locais por toda a zona republicana ata o final da contenda.

A pesar do breve paso de Federica Montseny polo goberno de Largo Caballero como Ministra de Sanidade e de Amparo Poch como Directora Xeral de Asistencia Social, foron quen de poñer en marcha ambiciosos proxectos para mellorar a vida das mulleres: unha avanzada lei do aborto, “Hogares Infantiles” que permitían o traballo das nais, comedores para embarazadas, igualdade salarial, coeducación, amor libre…e os chamados “Liberatorios de Prostitución”.

“La empresa más urgente a realizar en la nueva estructura social es la de suprimir la prostitución”, con estas palabras iniciaba o nº5 da revista, un chamamento a todas as organizacións femininas, sindicatos, partidos e sociedade en xeral, para colaborar con entusiasmo emancipador nesa empresa. E continuaban dicindo: “No podemos pensar en ningún tipo de justicia mientras quede en pie la mayor de las esclavitudes“. Escravitude, segundo elas, provocada polo “casto noviazgo”, a “sana lactancia”, os “balbuceos sexuales de adolescentes de familias cristianas” ou as “canas al aire de honrados padres de familia”. Máis adiante, engadían: “Ninguna farsa más de ligas y discursos contra la trata de blancas…No más sombríos conventos de arrepentidas”. Fronte a estas miserentas alternativas, a decidida proposta de “Mujeres Libres” para suprimir a prostitución consistía en: “Investigación y tratamiento médico-psiquiátrico. Curación psicológica y formación ética. Orientación y capacitación profesional. Ayuda moral y material“.

Para levar adiante os “Liberatorios de Prostitución”, impulsaron locais axeitados para atender ás mulleres dispostas a dar este paso. Compre apuntar que, debido á guerra e para poder subsistir, aumentara a prostitución pola perda dos precarios traballos que moitas mulleres viñan desempeñando, de limpadoras e coidadoras nas casas de familias burguesas ou en negocios en devalo (perruqueiras, modistas, bordadoras…).

Ao cabo, as libertarias consideraban que nin a prohibición policial, nin a regulamentación porían fin ao comercio sexual; polo tanto, o camiño sería a educación e a capacitación das mulleres para poder desenvolver un traballo en condicións de igualdade cos homes e poder sumarse así á loita sindical no vieiro da revolución social. En conclusión, só a independencia económica daría a liberdade necesaria para acadar os demais dereitos das persoas e dos pobos.

Tamén se pode ler o artigo premendo no seguinte enlace: 

Unha alternativa libertaria á prostitución

Das que non se fala

Estándar

Novamente, o 1 de febreiro, Nós Diario publica un artigo de Lola Varela no que nos fala de mulleres que se viron inmersas na prostitución por diversos motivos: explotación, supervivencia, loita pola existencia… Pódese atopar entrando neste enlace Das que non se fala, ou lélo a continuación.

Das que non se fala

Lola Varela

Entre as razóns que poden levar a unha muller a vender o seu corpo están, entre outras, a miseria extrema, a loita pola existencia na emigración ou a supervivencia fronte á represión política… Hoxe traemos pequenos anacos desas vidas acotío silenciadas e tentaremos partillar tristezas, inxustizas e moita dor.

Daquela emigrado en Cuba, Roberto Blanco Torres cóntanos nun duro artigo publicado no xornal pontevedrés El Progreso en xuño de 1916 e titulado La mujer española en Cuba, como vivían moitas desas mozas, galegas por certo, acabada de chegar da aldea á illa. Desamparadas, enganadas e menosprezadas, ían coa idea de traballar de criadas de servir ou coidar crianzas, pero remataban de vez nas mans de homes desalmados que as prostituían ou no leito dos seus señores e señoritos; logo, unha vez “deshonradas” xa eran carne de bordel. Segundo Blanco Torres, non había rúa na Habana que non tivera un “lupanar clandestino” e resultaba tan indigna esta situación (fala, mesmo, de pederastia), que o escritor clama para que España coide daquelas rapazas mediante as distintas institucións de beneficencia ou da colonia hispana radicada na illa. Que aquilo arrepiaba era un segredo a voces que ninguén quería recoñecer; porén, nese mesmo ano, a escritora asturiana residente en Cuba Eva Canel publicou na revista Asturias un texto co título La protección a la mujer. Hechos, no palabras, no que propuña se lle ofertaran a estas mulleres posibilidades de formación e de aprender un oficio (mecanografía, corte e confección…) que as liberara de exercer a prostitución como único recurso para sobrevivir.

A represión política sobre elas e as súas familias foi outra causa que levou a se prostituír a non poucas mulleres tras o verán do 36; velaí o caso de Aurelia, irmá do alcalde de Mugardos asasinado no inicio do golpe militar, o militante do PCE Juan Prieto Balsa. Outro irmán, Arturo, dirixente do Sindicato de Industria Pesquera (CNT) de Vigo, tamén fora fusilado en 1938, logo de estar preso en San Simón. Seica coa morte deste último a nai enfermou; outra irmá, María, emigrara a Cuba e alí tratouna Neira Vilas. A familia desfíxose e a única nova que temos de Aurelia é unha requisitoria do Juzgado de Partido de Tetuán publicada no Boletín Oficial de Ceuta o 25 de abril de 1940, no que se busca a Aurelia Prieto Balsa, veciña de Ceuta e de profesión “meretriz”. Segundo a descarnada prosa oficial, Aurelia tiña 24 anos, pálida faciana, cabelo louro e ollos cor de mel.

Noutras ocasións o compromiso social e político posibilitou o cambio de vida e a volta á dignidade de ser muller. Tal aconteceu con Basilisa Álvarez “A Corales”, carrexadora de peixe, pescantina e logo empacadora no Muro coruñés, onde desenvolveu un gran traballo na sociedade de oficio La Razón, integrada na CNT. Procedente do Rosal chegou á Coruña con 15 anos e foi “muller do trato” até case os 30; a partir de aquí o seu labor societario non cesa. Basilisa ocupará cargos de relevo no sindicato; despois, na guerra, a súa humilde vivenda das Atochas serviu de agocho para fuxidos, actuando na clandestinidade até a súa detención e condena a 20 anos de cadea en 1938. No cárcere sabemos que foi exemplo de afouteza e solidariedade coas demais presas; logo, perdemos a pista desta muller destemida e xenerosa.

A fame negra, a miseria vergoñenta (a nai, rameira de aldea) e a salvaxe violación sufrida aos 10 anos, que a deixou estéril, levou a Agustina (despois Carolina), filla de Carmen Otero “A Gurumela” a marchar mociña de Valga. Aproveitando o seu ollar sedutor e un corpo ben feitiño remontou as penurias da vida, cantando, bailando e traballando no Pombal de Compostela e nos “barrios” de Pontevedra, Lisboa e Barcelona até chegar a Parsi para, alí, se converter na “Belle Otero”, estrela do Folies Bergère. Amante de banqueiros, grandes empresarios, artistas famosos e homes de estado e da realeza de medio mundo, chegou a ser a cabalo dos séculos XIX e XX a muller máis cara do mundo: 10.000$ a noite.

Cómpre falar delas, das que nunca se fala.