Tag Archives: Saúde sexual

“O libro da saúde das mulleres” cumpre 50 anos

Estándar

No albor dos anos 70 este libro e as súas autoras eran vangarda. Falar da liberación da muller significaba poñer enriba da mesa temas complexos e delicados, pero urxentes e necesarios, como a saúde sexual, a menstruación, a maternidade, a menopausa, o aborto, a violencia de xénero e a orientación sexual, entre outros. En Boston hai 50 anos unhas mulleres pioneiras reclamaron unha perspectiva feminina na medicina. Este é o tema que Lola Varela aborda no seu novo artigo publicado no xornal NÓS Diario o 06/01/2022.

As autoras do libro en 1971

As autoras do libro en 2021

HAI 50 ANOS EN BOSTON

Lola Varela

Neste ano 2021 que ven de rematar, cumpriuse o 50 aniversario da publicación dun libro emblemático para o movemento feminista e para a saúde das mulleres “Our Bodies, Ourselves” (OBOS), “Os nosos corpos, as nosas vidas”.

En 1969, na segunda onda do feminismo, o Movemento de Liberación das Mulleres (WLM) organiza o seminario “As mulleres e os seus corpos” no Emmanuel College de Boston. A sala está a rebordar de mulleres que acoden alí para saber máis dos seus corpos, da súa sexualidade, da súa saúde e das súas relacións. Xorden, daquela, numerosos debates entre as bostonianas para reclamar á ciencia médica unha visión de xénero que dea resposta a moitos dos seus interrogantes e preocupacións.

Un ano despois, un fato de doce mulleres de idade comprendida entre 23 a 39 anos, crean a organización feminista Colectivo do Libro da Saúde das Mulleres de Boston, e son quen de editar “As mulleres e os seus corpos”, unha publicación de case 200 páxinas grampadas a man por elas, que venden a 75 centavos. Este libro, que recolle as conclusións dos debates realizados, así como experiencias persoais, posibilitou o autocoñecemento a moitas mulleres e ademais deu unha perspectiva feminista á medicina. O interese que provocou foi tan considerable, que unha nova edición corrixida e ampliada veu a luz en 1971, co título “Os nosos corpos, as nosas vidas” que comezaba dicindo: “Tendo o control dos nosos corpos, teremos o control da nosa vida”. Venderon clandestinamente 250.000 exemplares e, desta volta, tan só a 30 centavos.

Semellante éxito fixo que o Colectivo acordara coa editorial Simon & Schuster sucesivas edicións do libro, cun desconto do 70% para clínicas de mulleres sen ánimo de lucro. No albor dos anos 70 este libro e as súas autoras eran vangarda. Falar da liberación da muller significaba poñer enriba da mesa temas complexos e delicados, pero urxentes e necesarios, como a saúde sexual, a menstruación, a maternidade, a menopausa, o aborto, a violencia de xénero e a orientación sexual, entre outros.

Desde o ano 1974 véñense facendo traducións e adaptacións a diferentes contextos e países, a última en 2011. Van millóns de libros vendidos e pódese atopar en 33 idiomas, mesmo no alfabeto Braille. As primeiras traducións fixéronse para a comunidade hispana de EEUU, por iso no Estado español circulaba desde os anos 80 unha versión chicana, pero non apareceu a tradución española ata 1982 e na editorial Icaria. Desde o ano 2000 o libro recibiu múltiples premios e mencións; así, a revista Time situouno entre os mellores libros de non ficción e a Biblioteca do Congreso estadounidense considerouno un dos 88 libros que máis influíron na sociedade norteamericana.

No 2018 tivo lugar unha mudanza relevante na xestión das publicacións, da web e no blog deste Colectivo de mulleres que, desbordadas polo traballo e a extensión do proxecto, confiaron a organización e a coordinación a persoas voluntarias. Ao tempo, xurdiu en colaboración co Centro para a saúde e dereitos da muller da Universidade de Suffolk en Boston, de grande prestixio internacional, a idea de converter Our Bodies, Ourselves (OBOS) Today nunha plataforma online con presenza nas redes sociais a partir da primavera de 2022, co obxectivo de aportar información actualizada e inclusiva sobre saúde e sexualidade.

O libro foi, de certo, un dos alicerces da segunda onda do feminismo, mais tamén exerce unha influencia actual. As edicións seguen a percorrer o mundo alentando novas publicacións, nas que o Colectivo do Libro da Saúde das Mulleres de Boston colabora, como en “Envellecer xuntas” (1993) ou “Corpos trans, seres trans” (2014). Arestora, o Colectivo continúa a se reunir, a debater e a pensar no feminismo e no lugar das mulleres na sociedade, denunciando na súa web feitos que revelan a falta, a día de hoxe, dunha visión de xénero na medicina: eis, menos do 20% dos ensaios clínicos de VIH fanse con mulleres, cando na actualidade máis da metade das persoas enfermas son mulleres, ou que ao ano no mundo hai 5 millóns de mulleres hospitalizadas como consecuencia de abortos ilegais, das cales morren 47.000. Isto, 50 anos despois.

Podedes acceder ao artigo directamente en NÓS Diario Hai 50 anos en boston

SEX_WebSerie. Un xeito de facer Educación Sexual

Estándar

En SOGASEX (Sociedade Galega de Sexoloxía) atópase unha webserie de, polo de agora, 6 vídeos sobre educación sexual para adolescentes. (Podedes ter máis información premendo no nome da Sociedade).

S.E.X. está producida pola produtora creativa “Illa Bufarda” en colaboración e co asesoramento da asociación ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia) especializada na atención integral en saúde emocional e mental comunitaria de nenas e nenos, adolescentes e as súas familias.

Está avalada por SOGASEX e apoiada pola Fundación PAIDEIA.

A webserie foi realizada entre outubro do 2019 e marzo do 2020.

Recibiu o Premio “Luisa Villalata 2019”, outorgado pola Deputación a Coruña.

Interpretados por Noelia Liñares Mayo, Ángel Calo e Iria Freire.

Para visualizar os vídeos preme nesta ligazón: Sex_WebSerie.

A saúde sexual importa

Estándar

Neste novo artigo Lola Varela comenta e insiste na importancia dunha educación sexual científica e non moralista e reclama que a sanidade pública asuma a saúde sexual como unha parte máis dos seus servizos.

                    ANDROLOXÍA: A SAÚDE SEXUAL IMPORTA

                                                                                   Lola Varela

                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                       No preámbulo da constitución (1946) da Organización Mundial da Saúde (OMS), figura a definición de saúde como “un estado de completo benestar físico, mental e social, e non só a ausencia de afeccións ou enfermidades”. É dicir a saúde consiste nun coidado xeral do estado das persoas. Semella que para os e as responsables do SERGAS e, máis en concreto, para algúns dos xerentes dos Complexos Hospitalarios das sete grandes cidades galegas, este concepto de saúde non é para ter en conta ou iso é o que transmiten as súas decisións sobre as necesidades que presentan algúns doentes da sanidade pública.

Logo de vinte e cinco anos, ven de pechar a consulta de Androloxía no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), aproveitando as “necesidades do servizo” xeradas polo COVID-19, a redución de persoal no verán e a xubilación do especialista en Uroloxía e Androloxía que conseguira comezar este servizo tan necesario no ano 1995, grazas á colaboración dalgúns colegas urólogos e xinecólogos.

A Androloxía é a parte da medicina encargada do estudo, exploración e investigación de calquera aspecto relacionado coa saúde sexual e reprodutiva masculina. Esta disciplina atende, entre outras doenzas: a disfunción eréctil que poden padecer os homes a partir dos 55 anos e tamén moitos xoves vítimas do uso da pornografía e do consumo excesivo de alcohol; a exaculación precoz, presente en moitos mozos nos períodos de aprendizaxe sexual; os trastornos do desexo causados, con certa frecuencia, polas situacións que se padecen en tempos de crise económica, ou a infertilidade.

Estas enfermidades foron, de sempre, pouco e mal diagnosticadas nos servizos de Uroloxía, debruzados en doenzas “máis importantes”, segundo se dicía, ata os anos 80 nos que se crean a Asociación Española de Andrología e a Federación Española de Sociedades de Sexología. Desde entón, xurdiron as consultas desta especialidade na maioría dos centros sanitarios das grandes cidades españolas, agás en Galicia pois só se crearon en A Coruña (con boa dedicación e prestixio), Pontevedra (con moitos atrancos) e Vigo (nun centro concertado). As unidades hospitalarias de Galicia, Asturias e Castela-León, as menos preocupadas neste tema, teñen como referente un centro sobresaínte como é o Hospital Universitario 12 de Octubre de Madrid; así mesmo é salientable o labor realizado pola Fundació Puigvert en Barcelona, único centro que proporciona a titulación en Androloxía, ou os avances do Hospital  Regional de Málaga, onde se creou a primeira unidade de reasignación de sexo. Existen hospitais españois que poden competir perfectamente cos seus homónimos en Europa; non así en Galicia, onde con case cen urólogos e urólogas, só contamos a penas con cinco especialistas en Androloxía. Porén, os congresos anuais da Sociedade Europea de Medicina Sexual, domiciliada en Yorkshire (Inglaterra), contan cunha asistencia de máis de tres mil especialistas de Uroloxía, Sexoloxía ou Psicoloxía, e son un referente e unha chamada de atención da importancia que deberíamos darlle á saúde sexual das persoas. 

Os casos devanditos que son tratados nas consultas de Androloxía, son máis frecuentes do que poidamos pensar, pois en moitos casos proceden de enfermidades asociadas como diabetes, trastornos cardio-circulatorios, hipertensión ou enfermidades mentais, e afectan de xeito importante á vida dos doentes e das súas familias; daquela, estas doenzas adoitan ter un tratamento combinado de fármacos, con atención psicolóxica e sexolóxica.

Acudir a unha consulta de Androloxía comeza a ser algo normalizado e falar de sexualidade tamén o é a cada máis; velaí o feito de que un día á semana no CHOP de Pontevedra, chegaba a pouco para atender todos os casos. Outro avance significativo, foi a presenza cada vez máis frecuente dos dous membros da parella na devandita consulta.

En palabras do sexólogo navarro Jose Luis García: “A consulta clínica é a proba máis evidente da ausencia dunha educación sexual científica nas escolas e nas familias. O sexo provoca dor e sufrimento, cando se aborda de maneira pouco adecuada”.

                                                                         21de outubro de 2020

Publicado en NÓS Diario 29 de outubro de 2020 https://www.nosdiario.gal/opinion/lola-varela/androloxia-saude-sexual-importa/20201028103941107797.html

Muller e interrupción do embarazo: un transo en soidade

Estándar

Un novo artigo de Lola Varela, publicado en NÓS Diario o 29 de setembro de 2020. Nesta ocasión a autora reflexiona sobre a soidade na que se atopan as mulleres diante dunha decisión tan difícil e dolorosa como é a interrupción dun embarazo. Un tema moi delicado e pouco asumido aínda na práctica pola nosa sociedade.

    MULLER E INTERRUPCIÓN DO EMBARAZO: UN TRANSO EN SOIDADE

Hai pouco lin a intensa novela do escritor sueco Henning Mankell Daisy Sisters, na que amosa a vida de diferentes mulleres traballadoras na Suecia da segunda metade do S XX; mulleres que toman as súas decisións condicionadas polo poder que exercen sobre elas os homes, e así mesmo polo que lles supón quedar embarazadas e ter un bebé. Elas, pertencentes a tres xeracións da mesma familia, enfrontaranse de xeito distinto ao mesmo problema: unha crianza non desexada, sendo novas e solteiras. A soidade foi a súa principal compañeira nese transo, como tamén o foi para moitas mulleres galegas e do resto do Estado antes de ser aprobada, tras teimuda loita feminista, a Ley Orgánica 9/1985 que reformaba o artigo 417 bis do Código Penal, polo que o aborto deixaba de ser un delito (con penas de cárcere de ata 14 anos para o persoal médico e 8 para as mulleres) tan só en tres supostos, pero que unha parte da clase médica soubo xestionar con flexibilidade. Non obstante, aínda houbo que agardar para que, na práctica, fose despenalizado o aborto coa aprobación da Ley Orgánica 2/2010 de salud sexual y reproductiva y de la interrupción voluntaria del embarazo.

Na actualidade, as mulleres non temos que xustificar a decisión de abortar pero si acudir aos Centros de Organización Familiar, onde se facilita información sobre a lexislación, o procedemento e, sobre todo, onde as mulleres podemos verbalizar e partillar con algunha persoa especializada os nosos temores e inquedanzas cando non temos con quen facelo. Iso acontecía coas mulleres da miña xeración, entre os anos 1970 e 1980, decote á procura dun lugar clandestino onde abortar ou facendo recollida solidaria de cartos, unhas 30.000 pts, para poder acudir ás agachadas a algunha das “clínicas” que existían en Porto, Lisboa ou Londres.

Desde a aprobación da devandita Ley Orgánica e a legalización da píldora do “día despois” no 2009, o número de abortos foi en diminución. Segundo datos do SERGAS en Galicia realízanse algo máis de 3.000 interrupcións voluntarias de embarazo ao ano, cando na década anterior superaban as 4.000; en España, o Ministerio de Sanidad informa duns 96.000 casos, fronte aos 118.000 do ano 2011. Estas intervencións seguen a ser realizadas, na súa case totalidade (o 90%), en centros privados e non dentro da sanidade pública. O motivo? Entre outros, a obxección de conciencia do persoal médico e o de ser unha actividade sen prestixio nas carreiras profesionais. Ademais, hai unha grave desigualdade territorial (en 8 provincias non se realizaron abortos en 30 anos) que obriga a moitas mulleres a se desprazar de xeito innecesario. Segundo a opinión dalgúns profesionais, habería que fomentar o aborto con medicamentos, algo frecuente en países como Portugal, Francia, Escocia ou Finlandia, co cal ate as 9 semanas as mulleres poderían interromper o embarazo estando no entorno familiar ou con persoas achegadas, facilitando así a superación dun episodio doloroso e triste.

 É certo que están a  desaparecer as situacións traumáticas que, noutrora e diante dun aborto, vivimos as mulleres quer polo rexeitamento social e familiar, polas consecuencias legais, polo medo  e, nalgún caso, polas crenzas relixiosas. Mais agora, padecemos pola frustración de ter que tomar unha decisión decote motivada pola precaria situación económica na que se atopan moitas mulleres, primeiro motivo declarado entre as que abortan, seguido do temor a perder o traballo, das dificultades para continuar os estudos ou unha situación inestable na parella.

 A capacidade para decidir libremente sobre a nosa descendencia é unha conquista recente, mais tamén compre tomar conciencia das eivas da referida Ley 2/2010; por exemplo, contempla someternos a un período de “reflexión” de tres días, logo de recibir un “manual informativo” elaborado por cada Comunidade Autónoma. Esta obriga, alenta outra volta desigualdades territoriais, agravios comparativos con outras intervencións que non precisan de días de reflexión e cuestiona a capacidade ética da muller para decidir en todo momento sobre o seu corpo.

U-la autonomía das mulleres?.

                                                                                              Lola Varela

                                                                                   19 de setembro de 2020

Podedes ver a publicación orixinal do artigo no seguinte enlace https://www.nosdiario.gal/opinion/lola-varela/muller-interrupcion-do-embarazo-transo-soidade/20200924092327105550.html

Relacións igualitarias para unha boa saúde sexual

Estándar
Seguindo coa teima de defender ás mulleres, aí vai un novo artigo de Lola Varela publicado o día 27 de agosto en NÓS Diario
Agardando que sexa de interese e anime á reflexión para seguir mellorando en igualdade entre todas e todos.
Pensamos que o ámbito da sanidade e o da educación teñen moito que mudar aínda neste eido tan fundamental na vida das persoas.

             SAÚDE SEXUAL E RESPONSABILIDADE COMPARTIDA

A sexualidade e a reprodución son dúas esferas que están intimamente vinculadas á dignidade e ao libre desenvolvemento das persoas, determinan o estado de saúde e o grao de benestar individual e social de mulleres e homes, e son obxecto de protección a través dos dereitos humanos fundamentais recoñecidos pola comunidade internacional; no caso español, son tratados na Ley Orgánica 2/2010 de salud sexual y reproductiva y de la interrupción voluntaria del embarazo.

Para unha boa saúde sexual e reprodutiva precisamos relacións igualitarias entre mulleres e homes, baseadas no respecto, no consentimento mutuo e na responsabilidade compartida. Iso implica que as persoas decidan sobre o método anticonceptivo máis acaído ás súas necesidades, coa información e o asesoramento axeitado. Así mesmo, se debería incorporar ao currículo escolar unha educación sexual exenta de prexuízos e de estereotipos sexistas, non moralizante e apoiada en coñecementos científicos. Por último, son indispensables servizos socio-sanitarios públicos de calidade nos que se preste unha atención integral en saúde sexual e reprodutiva, que cumpran o criterio de universalidade no acceso. Porén, a realidade é outra: non se imparte educación sexual nas escolas e na sanidade pública, onde non sempre se asesora coa debida información actualizada e con visión de xénero, tampouco se cobren os gastos de todos os métodos anticonceptivos. Pero a maior eiva está, ao meu parecer, na ausencia de relacións igualitarias entre mulleres e homes, feito que leva de seu a falta de responsabilidade compartida no control da natalidade.

Algo desta preocupación feminina e desa despreocupación masculina, está máis presente do desexable nas relacións adultas e na sociedade en xeral. As mulleres son as que pasan maior angustia por posibles embarazos, as que teiman no uso do preservativo, as que sofren os efectos secundarios dos anticonceptivos hormonais, as que, no caso de embarazos non desexados deben decidir abortar, e unha longa lista de etcéteras relacionadas coa reprodución e a saúde.

A poboación masculina heterosexual debería, como primeiro paso, asumir que a metade da responsabilidade con respecto á contracepción é súa e que ademais dos preservativos existen outros métodos fiables como a vasectomía, unha sinxela intervención cirúrxica que, realizada con anestesia local, consiste na ligadura dos deferentes para evitar a saída dos espermatozoides que causan o embarazo. A vasectomía ou esterilización masculina, ten unha efectividade moi alta, case un 100%, e tamén pode ser reversible, situación que a penas adoita se producir.

A vasectomía non estivo permitida en España ata os anos 70 e desde entón non parou de medrar o número de intervencións realizadas, situándose entre os 6 estados con máis casos (no ano 2000, máis de cen mil). Nas dúas últimas décadas houbo un nidio cambio de tendencia, pois de ser a ligadura de trompas nas mulleres o terceiro método máis empregado tras o uso do preservativo e da píldora, pasou a ocupar este lugar a vasectomía, reflectindo deste xeito un crecemento da corresponsabilidade na parella e unha maior sensibilidade cara á muller e o coidado do seu corpo. A ligadura de trompas é unha intervención cirúrxica máis agresiva e complexa que unha vasectomía; se a isto engadimos que a esterilización masculina é asumida pola sanidade pública e non ten efectos secundarios, debería estar máis estendida entre a poboación, xa que despois dos preservativos aínda é moi grande o consumo de píldoras hormonais entre as mulleres.

A que pode deberse esta situación? Podemos falar de certos protocolos patriarcais aínda vixentes na sanidade (é moi difícil que se realice unha vasectomía a un home sen ter algún fillo ou filla), de actitudes machistas nas parellas (a reprodución é cousa do corpo das mulleres) e tamén de falsos mitos relacionados coa virilidade.

Entre todas e todos debemos mover esa pesada cortina que protexe aos homes das súas responsabilidades anticonceptivas e lembrar que non sempre o corpo da muller é o que debe ser intervido, cortado, medicado ou manipulado.

Lola Varela

17 de agosto de 2020

(Publicado en NÓS Diario 27 de agosto de 2020)

As mulleres maiores e o desexo

Estándar

 Conversamos pouco destes temas e da sexualidade das mulleres “maiores”, menos aínda. Vai sendo hora. Esta é a contribución de Lola Varela publicada o día 24 de xullo en NÓS Diario por se pode ser de interese.

                               SON UNHA MULLER MAIOR

A partir da menopausa, as mulleres comezamos a ter determinados síntomas e se nos aplica o cualificativo de “maiores”. Eses síntomas, como alteración do sono, aumento de peso, diminución da libido ou cambios bruscos de temperatura, os chamados “sofocos”, non son vividos por todas as mulleres do mesmo xeito, por suposto, pero si que experimentamos todas unha mesma sensación, a preocupación e a novidade de xa non ser xoves. Aquí quixera lembrar eses versos tan acaídos de Jaime Gil de Biedma: “No volveré a ser joven./Que la vida iba en serio/uno lo empieza a comprender más tarde… ­/Pero ha pasado el tiempo/y la verdad desagradable asoma:/envejecer, morir,/es el único argumento de la obra.”

Á sensación do paso inevitable do tempo, e de que aquilo que marchou xa non volve, xúntase o temor a envellecer e a perder eses atributos que se lle atribúen á xuventude: ser forte, divertida, destemida, con mellor corpo…e temos medo. Temos medo porque na deshumanizada sociedade en que vivimos, e da que todas somos algo responsables, o culto á beleza, a procura do éxito e a tiranía do corpo, son valores en alza dos que xa imos quedando relegadas porque comezamos a transitar por un camiño que é o da decadencia e o deterioro físico que, unhas veces máis de súpeto que outras, impídenos manter ou reter o que fomos ou tiñamos. Temos medo porque temos que re-pensarnos, situarnos dun xeito diferente na vida. De feito, é unha nova etapa descoñecida, como cando pasamos da nenez á adolescencia e de aí á xuventude; e agora entramos nesa madurez que nos aproxima á vellez. O paso dunhas etapas a outras sempre tivo o seu aquel traumático, pero contábamos acotío con persoas maiores e maduras ao noso carón que nos axudaron nesa andaina; mais agora, cando es unha muller maior e madura, resulta que non é doado atopar outra persoa máis maior e máis madura ca ti que te acompañe.

Nesta etapa que comeza a partir dos 50 anos, ademais da perda de confianza nunha mesma, debido aos problemas de imaxe e ás dificultades que hai para atopar traballo a esa idade, podemos engadir a tristeza causada pola marcha das fillas e fillos que se independizan: o coñecido síndrome do “niño baleiro”. Todos estes factores, aconsellan moitas veces ás mulleres o emprego dalgúns medicamentos na procura dun certo estado de relaxación e benestar, algo que, non obstante, vai afectar na diminución do desexo e na aparición de posibles dificultades nas súas relacións sexuais, problemas que xa estaban presentes coa chegada da menopausa. É, daquela, o momento de falar desta nova situación coa parella -se existe- ou coa xente achegada, sen esquecer a consulta coa nosa xinecóloga ou xinecólogo.

Partindo da base de que sentimos desexo e podemos ter orgasmos ata o final dos nosos días, trátase de atopar o tipo de relacións e prácticas sexuais acaídas a cada muller e a cada parella. Mais, para que este diálogo entre a parella sexa enriquecedor e satisfactorio, deberemos contar cun proxecto de vida en común, aínda que sexa por un breve período de tempo, con esa outra persoa. É preciso quererse e quererse ben, para preocuparse con agarimo das mudanzas que o paso do tempo ou determinadas enfermidades (a diabete, a hipertensión ou certos tipos de cancro) causan nos corpos das persoas que constitúen unha parella e ter o afán ou a ilusión de buscar o camiño para que o goce perdure. Aquí é onde penso eu que, se tiveramos recibido desde pequenas unha educación sexual na escola ou na familia, podería ser algo máis sinxelo iso de experimentar e indagar no corpo sen complexos nin tabús, así como rachar cos tópicos ou estereotipos que fan aparecer a culpabilidade feminina diante da diminución do desexo propia destes anos, como se fose unha perda da feminidade.

Existe a menopausa nas mulleres adultas e, aínda que algunhas persoas non o saben, os homes experimentan tamén certos cambios moi semellantes aos nosos  nestes mesmos anos, o que se coñece como andropausa. Penso que conversamos pouco destes temas e da sexualidade das mulleres “maiores”, menos aínda. Vai sendo hora.

 Lola Varela

Aquí tedes o enlace a NÓS diario  https://www.nosdiario.gal/opinion/lola-varela/son-muller-maior/20200723101640101938.html

 

Unha alternativa libertaria á prostitución

Estándar

O 19 de xuño, en Nós Diario aparece publicado este artigo de Lola Varela no que nos conta en que consistían os “Liberatorios de Prostitución”, unha alternativa libertaria á prostitución publicada na revista “Mujeres Libres”.

Unha alternativa libertaria á prostitución

Lola Varela

A liberdade, a igualdade e o antiautoritarismo son valores do ideario ácrata; non é de estrañar, xa que logo, que no seo das organizacións libertarias xurdira con forza, alá polos anos 30 do século XX, o debate sobre a liberación das mulleres da tripla escravitude que supón a ignorancia, a explotación no traballo e, ademais, ser muller.

Seguindo o rego das ideólogas do feminismo anarquista Teresa Claramunt e Teresa Mañé, as mulleres libertarias chegaron ao convencemento de que para esa andaina precisaban dunha estrutura aparte das organizacións afíns CNT, FAI e JJLL, decisión que ocasionou máis de unha controversia cos homes e tamén con algunhas mulleres anarquistas. Sabedoras de que dentro destes colectivos a emancipación da muller ía ficar en segundo plano (“agora non toca”, como acontece arestora en moitas ocasións), comezaron a se organizar de xeito autónomo. Daquela (1934), xurdiu en Barcelona o Grupo Cultural Femenino como alicerce da revista “Mujeres Libres”, editada en maio de 1936 da man da escritora Lucía Sánchez Saornil, da avogada Mercedes Comaposada e da doutora Amparo Poch y Gascón. A revista, na que colaboraron personalidades como Emma Goldman ou Carmen Conde, editou 14 números, destacando tanto polo deseño vangardista, como por non ser convencional no seu contido. A súa finalidade foi capacitar ás mulleres, animándoas a que tomaran a palabra, a saír do ámbito privado e a ocupar a esfera pública.

Ao abeiro destas páxinas, que ilusionaron e animaron ás mulleres na súa loita contra o patriarcado, constituíuse a “Federación Nacional de Mujeres Libres” en plena Guerra Civil (1937), un período no que chegou a ter máis de 20.000 afiliadas e 170 Seccións locais por toda a zona republicana ata o final da contenda.

A pesar do breve paso de Federica Montseny polo goberno de Largo Caballero como Ministra de Sanidade e de Amparo Poch como Directora Xeral de Asistencia Social, foron quen de poñer en marcha ambiciosos proxectos para mellorar a vida das mulleres: unha avanzada lei do aborto, “Hogares Infantiles” que permitían o traballo das nais, comedores para embarazadas, igualdade salarial, coeducación, amor libre…e os chamados “Liberatorios de Prostitución”.

“La empresa más urgente a realizar en la nueva estructura social es la de suprimir la prostitución”, con estas palabras iniciaba o nº5 da revista, un chamamento a todas as organizacións femininas, sindicatos, partidos e sociedade en xeral, para colaborar con entusiasmo emancipador nesa empresa. E continuaban dicindo: “No podemos pensar en ningún tipo de justicia mientras quede en pie la mayor de las esclavitudes“. Escravitude, segundo elas, provocada polo “casto noviazgo”, a “sana lactancia”, os “balbuceos sexuales de adolescentes de familias cristianas” ou as “canas al aire de honrados padres de familia”. Máis adiante, engadían: “Ninguna farsa más de ligas y discursos contra la trata de blancas…No más sombríos conventos de arrepentidas”. Fronte a estas miserentas alternativas, a decidida proposta de “Mujeres Libres” para suprimir a prostitución consistía en: “Investigación y tratamiento médico-psiquiátrico. Curación psicológica y formación ética. Orientación y capacitación profesional. Ayuda moral y material“.

Para levar adiante os “Liberatorios de Prostitución”, impulsaron locais axeitados para atender ás mulleres dispostas a dar este paso. Compre apuntar que, debido á guerra e para poder subsistir, aumentara a prostitución pola perda dos precarios traballos que moitas mulleres viñan desempeñando, de limpadoras e coidadoras nas casas de familias burguesas ou en negocios en devalo (perruqueiras, modistas, bordadoras…).

Ao cabo, as libertarias consideraban que nin a prohibición policial, nin a regulamentación porían fin ao comercio sexual; polo tanto, o camiño sería a educación e a capacitación das mulleres para poder desenvolver un traballo en condicións de igualdade cos homes e poder sumarse así á loita sindical no vieiro da revolución social. En conclusión, só a independencia económica daría a liberdade necesaria para acadar os demais dereitos das persoas e dos pobos.

Tamén se pode ler o artigo premendo no seguinte enlace: 

Unha alternativa libertaria á prostitución

“ám@me”, de Chis Oliveira e Amada Traba, presentado por Lola Varela

Estándar

O xoves 3 de xaneiro Lola Varela, Directora do IES Melchor de Jovellanos de Alhucemas, en Marruecos, presentou o novo libro da colección “Feminismos”, da editorial Galaxia, esccrito “a catro máns e dúas cabezas” por Chis Oliveira e Amada Traba, dúas expertas en coeducación de Galicia, titulado “ám@me”.

img-20181227-wa0001

A presentación realizouse na antiga “Villa Pilar” de Pontevedra, hoxe convertida no espazo Nemonon, un lugar de eventos do arquitecto Mauro Lomba, e co patrocinio do Ateneo de Pontevedra.

img-20190104-wa0006Vista xeral do evento

Lola Varela foi realizando unha serie de preguntas ás escritoras nas que facía fincapé nalgúns capítulos do libro-ensaio, que poden lerse independentemente e sen unha borde establecida; nos versos que lles acompañaban, como o da poetisa e experta en igualdad Elena Fernández Treviño; ás referencias ás cousas que máis lles interesan á xuventude, ás chanzas e frases inxeniosas de distintos autores e autoras, complementándose con explicacións a pé de páxina.

Amada, Chis e Lola (de esquerda a dereita)Amada, Chis e Lola (de esquerda a dereita)

As autoras respostaban alternativamente con complicidade e respecto mútuo que resultaba moi ameno e divertido e que permitía comprender claramente como dúas cabezas pensantes sacaron á luz esta obra.

img-20190104-wa0003Amada Traba e Chis Oliveira

Resumindo, o máis salientable deste libro quizá sexa o intento de desmitificar o amor romántico, desvelar aqueles tópicos nos que mulleres e homes fomos educadas e educados e pola contra valorar e reivindicar o “coidado“, preocuparse por as e os demais, como paso necesario para avanzar cara unhas relacións máis pracenteiras, equitativas e solidarias; facendo que o “coidado” deixe de ser algo maioritariamente feminino e dea paso a unha desexada redistribución entre mulleres e homes.

img-20190104-wa0007O público atento as explicacións

Nos seguintes enlaces pode seguirse parte da presentación:

Presentación “áma@me”

Audio “ám@me”

img-20190104-wa0009O público no Espazo “Nemonon”, en Pontevedra

Recomendamos a súa lectura, e se tedes algunha crítica ou reflexión que facer, as autoras estarían encantadas de recibilas e comentalas.