Tag Archives: Sexualidade

LIBERDADE OU ESCRAVITUDE?

Estándar

Imaxes para comentar co alumnado de Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional.

Estamos nunha sociedade dominada polo Neoliberalismo onde todo vale, todo se pode mercar e vender e todo está ben se para min vale; ademais o individualismo ten asoballada á solidariedade e o camiño da igualdade de mulleres e homes está cheo de atrancos que deberíamos descubrir entre todas e todos.

Muller e interrupción do embarazo: un transo en soidade

Estándar

Un novo artigo de Lola Varela, publicado en NÓS Diario o 29 de setembro de 2020. Nesta ocasión a autora reflexiona sobre a soidade na que se atopan as mulleres diante dunha decisión tan difícil e dolorosa como é a interrupción dun embarazo. Un tema moi delicado e pouco asumido aínda na práctica pola nosa sociedade.

    MULLER E INTERRUPCIÓN DO EMBARAZO: UN TRANSO EN SOIDADE

Hai pouco lin a intensa novela do escritor sueco Henning Mankell Daisy Sisters, na que amosa a vida de diferentes mulleres traballadoras na Suecia da segunda metade do S XX; mulleres que toman as súas decisións condicionadas polo poder que exercen sobre elas os homes, e así mesmo polo que lles supón quedar embarazadas e ter un bebé. Elas, pertencentes a tres xeracións da mesma familia, enfrontaranse de xeito distinto ao mesmo problema: unha crianza non desexada, sendo novas e solteiras. A soidade foi a súa principal compañeira nese transo, como tamén o foi para moitas mulleres galegas e do resto do Estado antes de ser aprobada, tras teimuda loita feminista, a Ley Orgánica 9/1985 que reformaba o artigo 417 bis do Código Penal, polo que o aborto deixaba de ser un delito (con penas de cárcere de ata 14 anos para o persoal médico e 8 para as mulleres) tan só en tres supostos, pero que unha parte da clase médica soubo xestionar con flexibilidade. Non obstante, aínda houbo que agardar para que, na práctica, fose despenalizado o aborto coa aprobación da Ley Orgánica 2/2010 de salud sexual y reproductiva y de la interrupción voluntaria del embarazo.

Na actualidade, as mulleres non temos que xustificar a decisión de abortar pero si acudir aos Centros de Organización Familiar, onde se facilita información sobre a lexislación, o procedemento e, sobre todo, onde as mulleres podemos verbalizar e partillar con algunha persoa especializada os nosos temores e inquedanzas cando non temos con quen facelo. Iso acontecía coas mulleres da miña xeración, entre os anos 1970 e 1980, decote á procura dun lugar clandestino onde abortar ou facendo recollida solidaria de cartos, unhas 30.000 pts, para poder acudir ás agachadas a algunha das “clínicas” que existían en Porto, Lisboa ou Londres.

Desde a aprobación da devandita Ley Orgánica e a legalización da píldora do “día despois” no 2009, o número de abortos foi en diminución. Segundo datos do SERGAS en Galicia realízanse algo máis de 3.000 interrupcións voluntarias de embarazo ao ano, cando na década anterior superaban as 4.000; en España, o Ministerio de Sanidad informa duns 96.000 casos, fronte aos 118.000 do ano 2011. Estas intervencións seguen a ser realizadas, na súa case totalidade (o 90%), en centros privados e non dentro da sanidade pública. O motivo? Entre outros, a obxección de conciencia do persoal médico e o de ser unha actividade sen prestixio nas carreiras profesionais. Ademais, hai unha grave desigualdade territorial (en 8 provincias non se realizaron abortos en 30 anos) que obriga a moitas mulleres a se desprazar de xeito innecesario. Segundo a opinión dalgúns profesionais, habería que fomentar o aborto con medicamentos, algo frecuente en países como Portugal, Francia, Escocia ou Finlandia, co cal ate as 9 semanas as mulleres poderían interromper o embarazo estando no entorno familiar ou con persoas achegadas, facilitando así a superación dun episodio doloroso e triste.

 É certo que están a  desaparecer as situacións traumáticas que, noutrora e diante dun aborto, vivimos as mulleres quer polo rexeitamento social e familiar, polas consecuencias legais, polo medo  e, nalgún caso, polas crenzas relixiosas. Mais agora, padecemos pola frustración de ter que tomar unha decisión decote motivada pola precaria situación económica na que se atopan moitas mulleres, primeiro motivo declarado entre as que abortan, seguido do temor a perder o traballo, das dificultades para continuar os estudos ou unha situación inestable na parella.

 A capacidade para decidir libremente sobre a nosa descendencia é unha conquista recente, mais tamén compre tomar conciencia das eivas da referida Ley 2/2010; por exemplo, contempla someternos a un período de “reflexión” de tres días, logo de recibir un “manual informativo” elaborado por cada Comunidade Autónoma. Esta obriga, alenta outra volta desigualdades territoriais, agravios comparativos con outras intervencións que non precisan de días de reflexión e cuestiona a capacidade ética da muller para decidir en todo momento sobre o seu corpo.

U-la autonomía das mulleres?.

                                                                                              Lola Varela

                                                                                   19 de setembro de 2020

Podedes ver a publicación orixinal do artigo no seguinte enlace https://www.nosdiario.gal/opinion/lola-varela/muller-interrupcion-do-embarazo-transo-soidade/20200924092327105550.html

Relacións igualitarias para unha boa saúde sexual

Estándar
Seguindo coa teima de defender ás mulleres, aí vai un novo artigo de Lola Varela publicado o día 27 de agosto en NÓS Diario
Agardando que sexa de interese e anime á reflexión para seguir mellorando en igualdade entre todas e todos.
Pensamos que o ámbito da sanidade e o da educación teñen moito que mudar aínda neste eido tan fundamental na vida das persoas.

             SAÚDE SEXUAL E RESPONSABILIDADE COMPARTIDA

A sexualidade e a reprodución son dúas esferas que están intimamente vinculadas á dignidade e ao libre desenvolvemento das persoas, determinan o estado de saúde e o grao de benestar individual e social de mulleres e homes, e son obxecto de protección a través dos dereitos humanos fundamentais recoñecidos pola comunidade internacional; no caso español, son tratados na Ley Orgánica 2/2010 de salud sexual y reproductiva y de la interrupción voluntaria del embarazo.

Para unha boa saúde sexual e reprodutiva precisamos relacións igualitarias entre mulleres e homes, baseadas no respecto, no consentimento mutuo e na responsabilidade compartida. Iso implica que as persoas decidan sobre o método anticonceptivo máis acaído ás súas necesidades, coa información e o asesoramento axeitado. Así mesmo, se debería incorporar ao currículo escolar unha educación sexual exenta de prexuízos e de estereotipos sexistas, non moralizante e apoiada en coñecementos científicos. Por último, son indispensables servizos socio-sanitarios públicos de calidade nos que se preste unha atención integral en saúde sexual e reprodutiva, que cumpran o criterio de universalidade no acceso. Porén, a realidade é outra: non se imparte educación sexual nas escolas e na sanidade pública, onde non sempre se asesora coa debida información actualizada e con visión de xénero, tampouco se cobren os gastos de todos os métodos anticonceptivos. Pero a maior eiva está, ao meu parecer, na ausencia de relacións igualitarias entre mulleres e homes, feito que leva de seu a falta de responsabilidade compartida no control da natalidade.

Algo desta preocupación feminina e desa despreocupación masculina, está máis presente do desexable nas relacións adultas e na sociedade en xeral. As mulleres son as que pasan maior angustia por posibles embarazos, as que teiman no uso do preservativo, as que sofren os efectos secundarios dos anticonceptivos hormonais, as que, no caso de embarazos non desexados deben decidir abortar, e unha longa lista de etcéteras relacionadas coa reprodución e a saúde.

A poboación masculina heterosexual debería, como primeiro paso, asumir que a metade da responsabilidade con respecto á contracepción é súa e que ademais dos preservativos existen outros métodos fiables como a vasectomía, unha sinxela intervención cirúrxica que, realizada con anestesia local, consiste na ligadura dos deferentes para evitar a saída dos espermatozoides que causan o embarazo. A vasectomía ou esterilización masculina, ten unha efectividade moi alta, case un 100%, e tamén pode ser reversible, situación que a penas adoita se producir.

A vasectomía non estivo permitida en España ata os anos 70 e desde entón non parou de medrar o número de intervencións realizadas, situándose entre os 6 estados con máis casos (no ano 2000, máis de cen mil). Nas dúas últimas décadas houbo un nidio cambio de tendencia, pois de ser a ligadura de trompas nas mulleres o terceiro método máis empregado tras o uso do preservativo e da píldora, pasou a ocupar este lugar a vasectomía, reflectindo deste xeito un crecemento da corresponsabilidade na parella e unha maior sensibilidade cara á muller e o coidado do seu corpo. A ligadura de trompas é unha intervención cirúrxica máis agresiva e complexa que unha vasectomía; se a isto engadimos que a esterilización masculina é asumida pola sanidade pública e non ten efectos secundarios, debería estar máis estendida entre a poboación, xa que despois dos preservativos aínda é moi grande o consumo de píldoras hormonais entre as mulleres.

A que pode deberse esta situación? Podemos falar de certos protocolos patriarcais aínda vixentes na sanidade (é moi difícil que se realice unha vasectomía a un home sen ter algún fillo ou filla), de actitudes machistas nas parellas (a reprodución é cousa do corpo das mulleres) e tamén de falsos mitos relacionados coa virilidade.

Entre todas e todos debemos mover esa pesada cortina que protexe aos homes das súas responsabilidades anticonceptivas e lembrar que non sempre o corpo da muller é o que debe ser intervido, cortado, medicado ou manipulado.

Lola Varela

17 de agosto de 2020

(Publicado en NÓS Diario 27 de agosto de 2020)

As mulleres maiores e o desexo

Estándar

 Conversamos pouco destes temas e da sexualidade das mulleres “maiores”, menos aínda. Vai sendo hora. Esta é a contribución de Lola Varela publicada o día 24 de xullo en NÓS Diario por se pode ser de interese.

                               SON UNHA MULLER MAIOR

A partir da menopausa, as mulleres comezamos a ter determinados síntomas e se nos aplica o cualificativo de “maiores”. Eses síntomas, como alteración do sono, aumento de peso, diminución da libido ou cambios bruscos de temperatura, os chamados “sofocos”, non son vividos por todas as mulleres do mesmo xeito, por suposto, pero si que experimentamos todas unha mesma sensación, a preocupación e a novidade de xa non ser xoves. Aquí quixera lembrar eses versos tan acaídos de Jaime Gil de Biedma: “No volveré a ser joven./Que la vida iba en serio/uno lo empieza a comprender más tarde… ­/Pero ha pasado el tiempo/y la verdad desagradable asoma:/envejecer, morir,/es el único argumento de la obra.”

Á sensación do paso inevitable do tempo, e de que aquilo que marchou xa non volve, xúntase o temor a envellecer e a perder eses atributos que se lle atribúen á xuventude: ser forte, divertida, destemida, con mellor corpo…e temos medo. Temos medo porque na deshumanizada sociedade en que vivimos, e da que todas somos algo responsables, o culto á beleza, a procura do éxito e a tiranía do corpo, son valores en alza dos que xa imos quedando relegadas porque comezamos a transitar por un camiño que é o da decadencia e o deterioro físico que, unhas veces máis de súpeto que outras, impídenos manter ou reter o que fomos ou tiñamos. Temos medo porque temos que re-pensarnos, situarnos dun xeito diferente na vida. De feito, é unha nova etapa descoñecida, como cando pasamos da nenez á adolescencia e de aí á xuventude; e agora entramos nesa madurez que nos aproxima á vellez. O paso dunhas etapas a outras sempre tivo o seu aquel traumático, pero contábamos acotío con persoas maiores e maduras ao noso carón que nos axudaron nesa andaina; mais agora, cando es unha muller maior e madura, resulta que non é doado atopar outra persoa máis maior e máis madura ca ti que te acompañe.

Nesta etapa que comeza a partir dos 50 anos, ademais da perda de confianza nunha mesma, debido aos problemas de imaxe e ás dificultades que hai para atopar traballo a esa idade, podemos engadir a tristeza causada pola marcha das fillas e fillos que se independizan: o coñecido síndrome do “niño baleiro”. Todos estes factores, aconsellan moitas veces ás mulleres o emprego dalgúns medicamentos na procura dun certo estado de relaxación e benestar, algo que, non obstante, vai afectar na diminución do desexo e na aparición de posibles dificultades nas súas relacións sexuais, problemas que xa estaban presentes coa chegada da menopausa. É, daquela, o momento de falar desta nova situación coa parella -se existe- ou coa xente achegada, sen esquecer a consulta coa nosa xinecóloga ou xinecólogo.

Partindo da base de que sentimos desexo e podemos ter orgasmos ata o final dos nosos días, trátase de atopar o tipo de relacións e prácticas sexuais acaídas a cada muller e a cada parella. Mais, para que este diálogo entre a parella sexa enriquecedor e satisfactorio, deberemos contar cun proxecto de vida en común, aínda que sexa por un breve período de tempo, con esa outra persoa. É preciso quererse e quererse ben, para preocuparse con agarimo das mudanzas que o paso do tempo ou determinadas enfermidades (a diabete, a hipertensión ou certos tipos de cancro) causan nos corpos das persoas que constitúen unha parella e ter o afán ou a ilusión de buscar o camiño para que o goce perdure. Aquí é onde penso eu que, se tiveramos recibido desde pequenas unha educación sexual na escola ou na familia, podería ser algo máis sinxelo iso de experimentar e indagar no corpo sen complexos nin tabús, así como rachar cos tópicos ou estereotipos que fan aparecer a culpabilidade feminina diante da diminución do desexo propia destes anos, como se fose unha perda da feminidade.

Existe a menopausa nas mulleres adultas e, aínda que algunhas persoas non o saben, os homes experimentan tamén certos cambios moi semellantes aos nosos  nestes mesmos anos, o que se coñece como andropausa. Penso que conversamos pouco destes temas e da sexualidade das mulleres “maiores”, menos aínda. Vai sendo hora.

 Lola Varela

Aquí tedes o enlace a NÓS diario  https://www.nosdiario.gal/opinion/lola-varela/son-muller-maior/20200723101640101938.html

 

Unha alternativa libertaria á prostitución

Estándar

O 19 de xuño, en Nós Diario aparece publicado este artigo de Lola Varela no que nos conta en que consistían os “Liberatorios de Prostitución”, unha alternativa libertaria á prostitución publicada na revista “Mujeres Libres”.

Unha alternativa libertaria á prostitución

Lola Varela

A liberdade, a igualdade e o antiautoritarismo son valores do ideario ácrata; non é de estrañar, xa que logo, que no seo das organizacións libertarias xurdira con forza, alá polos anos 30 do século XX, o debate sobre a liberación das mulleres da tripla escravitude que supón a ignorancia, a explotación no traballo e, ademais, ser muller.

Seguindo o rego das ideólogas do feminismo anarquista Teresa Claramunt e Teresa Mañé, as mulleres libertarias chegaron ao convencemento de que para esa andaina precisaban dunha estrutura aparte das organizacións afíns CNT, FAI e JJLL, decisión que ocasionou máis de unha controversia cos homes e tamén con algunhas mulleres anarquistas. Sabedoras de que dentro destes colectivos a emancipación da muller ía ficar en segundo plano (“agora non toca”, como acontece arestora en moitas ocasións), comezaron a se organizar de xeito autónomo. Daquela (1934), xurdiu en Barcelona o Grupo Cultural Femenino como alicerce da revista “Mujeres Libres”, editada en maio de 1936 da man da escritora Lucía Sánchez Saornil, da avogada Mercedes Comaposada e da doutora Amparo Poch y Gascón. A revista, na que colaboraron personalidades como Emma Goldman ou Carmen Conde, editou 14 números, destacando tanto polo deseño vangardista, como por non ser convencional no seu contido. A súa finalidade foi capacitar ás mulleres, animándoas a que tomaran a palabra, a saír do ámbito privado e a ocupar a esfera pública.

Ao abeiro destas páxinas, que ilusionaron e animaron ás mulleres na súa loita contra o patriarcado, constituíuse a “Federación Nacional de Mujeres Libres” en plena Guerra Civil (1937), un período no que chegou a ter máis de 20.000 afiliadas e 170 Seccións locais por toda a zona republicana ata o final da contenda.

A pesar do breve paso de Federica Montseny polo goberno de Largo Caballero como Ministra de Sanidade e de Amparo Poch como Directora Xeral de Asistencia Social, foron quen de poñer en marcha ambiciosos proxectos para mellorar a vida das mulleres: unha avanzada lei do aborto, “Hogares Infantiles” que permitían o traballo das nais, comedores para embarazadas, igualdade salarial, coeducación, amor libre…e os chamados “Liberatorios de Prostitución”.

“La empresa más urgente a realizar en la nueva estructura social es la de suprimir la prostitución”, con estas palabras iniciaba o nº5 da revista, un chamamento a todas as organizacións femininas, sindicatos, partidos e sociedade en xeral, para colaborar con entusiasmo emancipador nesa empresa. E continuaban dicindo: “No podemos pensar en ningún tipo de justicia mientras quede en pie la mayor de las esclavitudes“. Escravitude, segundo elas, provocada polo “casto noviazgo”, a “sana lactancia”, os “balbuceos sexuales de adolescentes de familias cristianas” ou as “canas al aire de honrados padres de familia”. Máis adiante, engadían: “Ninguna farsa más de ligas y discursos contra la trata de blancas…No más sombríos conventos de arrepentidas”. Fronte a estas miserentas alternativas, a decidida proposta de “Mujeres Libres” para suprimir a prostitución consistía en: “Investigación y tratamiento médico-psiquiátrico. Curación psicológica y formación ética. Orientación y capacitación profesional. Ayuda moral y material“.

Para levar adiante os “Liberatorios de Prostitución”, impulsaron locais axeitados para atender ás mulleres dispostas a dar este paso. Compre apuntar que, debido á guerra e para poder subsistir, aumentara a prostitución pola perda dos precarios traballos que moitas mulleres viñan desempeñando, de limpadoras e coidadoras nas casas de familias burguesas ou en negocios en devalo (perruqueiras, modistas, bordadoras…).

Ao cabo, as libertarias consideraban que nin a prohibición policial, nin a regulamentación porían fin ao comercio sexual; polo tanto, o camiño sería a educación e a capacitación das mulleres para poder desenvolver un traballo en condicións de igualdade cos homes e poder sumarse así á loita sindical no vieiro da revolución social. En conclusión, só a independencia económica daría a liberdade necesaria para acadar os demais dereitos das persoas e dos pobos.

Tamén se pode ler o artigo premendo no seguinte enlace: 

Unha alternativa libertaria á prostitución

Das que non se fala

Estándar

Novamente, o 1 de febreiro, Nós Diario publica un artigo de Lola Varela no que nos fala de mulleres que se viron inmersas na prostitución por diversos motivos: explotación, supervivencia, loita pola existencia… Pódese atopar entrando neste enlace Das que non se fala, ou lélo a continuación.

Das que non se fala

Lola Varela

Entre as razóns que poden levar a unha muller a vender o seu corpo están, entre outras, a miseria extrema, a loita pola existencia na emigración ou a supervivencia fronte á represión política… Hoxe traemos pequenos anacos desas vidas acotío silenciadas e tentaremos partillar tristezas, inxustizas e moita dor.

Daquela emigrado en Cuba, Roberto Blanco Torres cóntanos nun duro artigo publicado no xornal pontevedrés El Progreso en xuño de 1916 e titulado La mujer española en Cuba, como vivían moitas desas mozas, galegas por certo, acabada de chegar da aldea á illa. Desamparadas, enganadas e menosprezadas, ían coa idea de traballar de criadas de servir ou coidar crianzas, pero remataban de vez nas mans de homes desalmados que as prostituían ou no leito dos seus señores e señoritos; logo, unha vez “deshonradas” xa eran carne de bordel. Segundo Blanco Torres, non había rúa na Habana que non tivera un “lupanar clandestino” e resultaba tan indigna esta situación (fala, mesmo, de pederastia), que o escritor clama para que España coide daquelas rapazas mediante as distintas institucións de beneficencia ou da colonia hispana radicada na illa. Que aquilo arrepiaba era un segredo a voces que ninguén quería recoñecer; porén, nese mesmo ano, a escritora asturiana residente en Cuba Eva Canel publicou na revista Asturias un texto co título La protección a la mujer. Hechos, no palabras, no que propuña se lle ofertaran a estas mulleres posibilidades de formación e de aprender un oficio (mecanografía, corte e confección…) que as liberara de exercer a prostitución como único recurso para sobrevivir.

A represión política sobre elas e as súas familias foi outra causa que levou a se prostituír a non poucas mulleres tras o verán do 36; velaí o caso de Aurelia, irmá do alcalde de Mugardos asasinado no inicio do golpe militar, o militante do PCE Juan Prieto Balsa. Outro irmán, Arturo, dirixente do Sindicato de Industria Pesquera (CNT) de Vigo, tamén fora fusilado en 1938, logo de estar preso en San Simón. Seica coa morte deste último a nai enfermou; outra irmá, María, emigrara a Cuba e alí tratouna Neira Vilas. A familia desfíxose e a única nova que temos de Aurelia é unha requisitoria do Juzgado de Partido de Tetuán publicada no Boletín Oficial de Ceuta o 25 de abril de 1940, no que se busca a Aurelia Prieto Balsa, veciña de Ceuta e de profesión “meretriz”. Segundo a descarnada prosa oficial, Aurelia tiña 24 anos, pálida faciana, cabelo louro e ollos cor de mel.

Noutras ocasións o compromiso social e político posibilitou o cambio de vida e a volta á dignidade de ser muller. Tal aconteceu con Basilisa Álvarez “A Corales”, carrexadora de peixe, pescantina e logo empacadora no Muro coruñés, onde desenvolveu un gran traballo na sociedade de oficio La Razón, integrada na CNT. Procedente do Rosal chegou á Coruña con 15 anos e foi “muller do trato” até case os 30; a partir de aquí o seu labor societario non cesa. Basilisa ocupará cargos de relevo no sindicato; despois, na guerra, a súa humilde vivenda das Atochas serviu de agocho para fuxidos, actuando na clandestinidade até a súa detención e condena a 20 anos de cadea en 1938. No cárcere sabemos que foi exemplo de afouteza e solidariedade coas demais presas; logo, perdemos a pista desta muller destemida e xenerosa.

A fame negra, a miseria vergoñenta (a nai, rameira de aldea) e a salvaxe violación sufrida aos 10 anos, que a deixou estéril, levou a Agustina (despois Carolina), filla de Carmen Otero “A Gurumela” a marchar mociña de Valga. Aproveitando o seu ollar sedutor e un corpo ben feitiño remontou as penurias da vida, cantando, bailando e traballando no Pombal de Compostela e nos “barrios” de Pontevedra, Lisboa e Barcelona até chegar a Parsi para, alí, se converter na “Belle Otero”, estrela do Folies Bergère. Amante de banqueiros, grandes empresarios, artistas famosos e homes de estado e da realeza de medio mundo, chegou a ser a cabalo dos séculos XIX e XX a muller máis cara do mundo: 10.000$ a noite.

Cómpre falar delas, das que nunca se fala.

Aumentan 20% os delitos sexuais entre adolescentes. Algo non funciona

Estándar

O pasado 28 de outubro de 2019 publicouse no diario SERMOS este artigo de Lola Varela  que aborda o inquietante problema do aumento dos delitos sexuais entre adolescentes. Como ben di a autora, é necesario tomar conciencia deste grave problema.

Aumentan un 20% os delitos sexuais entre adolescentes. Algo non funciona.

Lola Varela

Lía na prensa hai uns días que, neste último ano e segundo datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), medraran os delitos sexuais un 6,6%  entre as persoas adultas e un 20,1%  entre os adolescentes. Este dato tería que darnos moito que pensar e analisar, como así me consta que xa o está a ser. A propia Fiscalía General del Estado alertaba na súa memoria de 2018 dun “moi inquietante aumento da violencia de xénero e sexual entre xoves e adolescentes”.  Se isto está a ocorrer ao noso arredor é porque algo non funciona ou deixou de funcionar.

Como docente, sei que hai ben anos que moitas/os de nós comezamos a traballar nas nosas aulas co alumnado na educación para a igualdade de mulleres e homes, como prevención da violencia de xénero, e na educación afectivo sexual para aprender a ser máis libres e máis felices na nosa sexualidade. Fomos a moitos congresos, xornadas e seminarios, organizamos grupos de traballo nos centros de ensino e asistimos a todas aquelas actividades que puideran contribuír a formarnos, para logo transladar toda esa aprendizaxe ao noso alumnado, transformar os centros de ensino con perspectiva de xénero e finalmente transmitir por escrito todo ese proceso en Planos de Igualdade que melloraran as relacións de convivencia e de equidade nas aulas.

Que mudou nos últimos anos para que a maioría dos alumnos e alumnas teñan como educación sexual a pornografía libre de internet, ou que non poucos estudantes rematen a ESO ou o Bacharelato cunha grande festa, onde se alugan unha ou varias prostitutas?. Como se pode permitir que unha pornografía a cada máis violenta e morbosa, promovida polo patriarcado imperante, cause graves problemas físicos e psíquicos aos rapaces e rapazas que viven o inicio da súa sexualidade?.

Docentes e familias temos moita responsabilidade nesta situación, porque información non é o mesmo que formación e hoxe os adolescentes acceden a todo tipo de informacións, pero sen ese sentido crítico nin esa escala de valores que debemos aportarlles os e as docentes e as familias. Pero tan responsables coma nós, entendo que son os gobernos tanto do Estado como da Xunta e as súas diferentes administracións, e non só por non aportar os medios precisos, senón porque non acreditan que estamos diante dun grave problema de saúde social.

Non abonda con que as diferentes Leis de Educación desde o ano 1985 (LODE, LOXSE, LOCE, LOE e LOMCE) inclúan entre os seus principios e os seus fins, a procura de igualdade entre mulleres e homes, que exista nos centros de ensino a figura de persoa responsable de coeducación e prevención de violencia de xénero, ou que nalgúns centros haxa un Plano de Igualdade, se non funcionan na práctica e non se lles da un papel relevante na educación do alumnado. Porque, para moita xente, estas medidas aínda non deixaron de ser “esas cousas das feministas”….

A sociedade en xeral debe reaccionar, pero comecemos co que temos máis próximo na vida cotiá, que son os nosos fillos e fillas e o alumnado desde que está escolarizado. Preparemos e formemos ao profesorado desde a Educación Infantil até a Universidade, volvamos a darlle vida ás Escolas de Nais e Pais e, sobre todo, falemos e transmitamos á mocidade todo aquilo polo que as anteriores xeracións loitamos e que ninguén nos contou.

Se non o facemos deste xeito, tamén seremos responsables de que algo non funcione.

Podedes ver o artigo no xornal SERMOS premendo neste enlace https://www.nosdiario.gal/opinion/lola-varela/aumentan-20-delitos-sexuais-adolescentes-algo-non-funciona/20191025140349085881.html

“ám@me”, de Chis Oliveira e Amada Traba, presentado por Lola Varela

Estándar

O xoves 3 de xaneiro Lola Varela, Directora do IES Melchor de Jovellanos de Alhucemas, en Marruecos, presentou o novo libro da colección “Feminismos”, da editorial Galaxia, esccrito “a catro máns e dúas cabezas” por Chis Oliveira e Amada Traba, dúas expertas en coeducación de Galicia, titulado “ám@me”.

img-20181227-wa0001

A presentación realizouse na antiga “Villa Pilar” de Pontevedra, hoxe convertida no espazo Nemonon, un lugar de eventos do arquitecto Mauro Lomba, e co patrocinio do Ateneo de Pontevedra.

img-20190104-wa0006Vista xeral do evento

Lola Varela foi realizando unha serie de preguntas ás escritoras nas que facía fincapé nalgúns capítulos do libro-ensaio, que poden lerse independentemente e sen unha borde establecida; nos versos que lles acompañaban, como o da poetisa e experta en igualdad Elena Fernández Treviño; ás referencias ás cousas que máis lles interesan á xuventude, ás chanzas e frases inxeniosas de distintos autores e autoras, complementándose con explicacións a pé de páxina.

Amada, Chis e Lola (de esquerda a dereita)Amada, Chis e Lola (de esquerda a dereita)

As autoras respostaban alternativamente con complicidade e respecto mútuo que resultaba moi ameno e divertido e que permitía comprender claramente como dúas cabezas pensantes sacaron á luz esta obra.

img-20190104-wa0003Amada Traba e Chis Oliveira

Resumindo, o máis salientable deste libro quizá sexa o intento de desmitificar o amor romántico, desvelar aqueles tópicos nos que mulleres e homes fomos educadas e educados e pola contra valorar e reivindicar o “coidado“, preocuparse por as e os demais, como paso necesario para avanzar cara unhas relacións máis pracenteiras, equitativas e solidarias; facendo que o “coidado” deixe de ser algo maioritariamente feminino e dea paso a unha desexada redistribución entre mulleres e homes.

img-20190104-wa0007O público atento as explicacións

Nos seguintes enlaces pode seguirse parte da presentación:

Presentación “áma@me”

Audio “ám@me”

img-20190104-wa0009O público no Espazo “Nemonon”, en Pontevedra

Recomendamos a súa lectura, e se tedes algunha crítica ou reflexión que facer, as autoras estarían encantadas de recibilas e comentalas.

Sexo con seso

Estándar

En 1998 publicouse o libro de Chis Oliveira La educación sentimental. Nel se desenvolven os principios teóricos e o marco psico-pedagóxico para levar adiante unha proposta de educación afectivo-sexual no ensino secundario baixo unha perspectiva de xénero. O traballo que tedes a continuación é un complemento fundamental, xa que se trata da posta en marcha real nun centro de secundaria, realizada no ano 1996. Pretende vencellar a teoría coa práctica.

Sexo con seso de Mercedes Oliveira Malvar