Tag Archives: Violencia de xénero

Abordar a violencia de xénero desde o ámbito sanitario

Estándar

Estás pola solución? Propostas de recursos didácticos para a abordaxe da violencia de xénero no ámbito sanitario, este é o título dunha valiosísima publicación que veu a luz no ano 2008, editada pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.

Esta publicación coordinada pola doutora en Filosofía Mercedes (Chis) Oliveira, coa colaboración da médica pediatra Mercedes Espinosa, da psicóloga Pilar Sampedro e da socióloga Amada Traba “busca implicar ás e aos profesionais da sanidade na loita a violencia machista, como un elemento máis da sensibilización e concienciación que a sociedade no seu conxunto debe amosar na loita contra esta lacra”, como di no limiar Carme Adán, a Secretaria Xeral de Igualdade naquela altura.

Pola súa proximidade de atención, os servizos sanitarios poden detectar unha agresión antes de que se produza ou axudar á vítima, así como axeitar os servizos de atención e acollida ás súas necesidades.

Este valioso material interdisciplinar non foi aproveitado como se debera no seu momento polo cambio de goberno que aconteceu naquelas datas, o final do bipartito PSOE-BNG e a chegada do PP á Xunta de Galicia. Hoxe debemos reivindicalo e poñelo en valor porque é de grande utilidade e aporta novos camiños a seguir na loita contra a violencia de xénero.

Podedes descargar aquí esta publicación Estás pola solución? Propostas de recursos didácticos para a abordaxe da violencia de xénero no ámbito sanitario

A educación sexual, materia pendente no currículo

Estándar

Un ano máis sen educación sexual no ensino.

Mentres seguiremos a engrosar o número de vítimas de acoso sexual, de relacións non consentidas, de aprendizaxe na pornografía, de hipersexualización das nenas e adolescentes, de violacións en grupo…En definitiva de relacións non igualitarias, pouco satisfactorias e violentas, na maioría das veces. Lola Varela publicou no Diario de Pontevedra o 28/12/2022 este artigo para reclamar a necesidade urxente desta formación en todas as etapas educativas e nas familias.

Podedes ver o estudo completo do que se fala no texto realizado ao alumnado do IES A Xunqueira I (Pontevedra) no pasado ano 2021, pero presentado en maio deste ano no seguinte enlace do noso blog Estudo actual sobre sexualidade na adolescencia en Galicia

25 N: Dous manifestos e un único obxectivo, loitar contra a violencia de xénero.

Estándar

Este 25 N Día para erradicar a violencia contra as mulleres deixounos dous textos de dúas bravas e loitadoras mulleres, a xornalista e escritora Montse Fajardo e a profesora, orientadora e tamén escritora Azucena Arias, que en forma de “Manifesto” presentaron o seu alegato en contra da violencia de dúas formas diferentes pero moi complementarias.

A primeira, na sesión do pleno do Concello de Pontevedra e a segunda, na Deputación provincial.

Montse Fajardo pon o foco nos homes como parte fundamental da solución e danos claves para reflexionar sobre as “masculinidades”. Azucena Arias fálanos dunha ferramenta imprescindible para eliminar a violencia contras as mulleres e as nenas como é a “coeducación”. O perfil de cada unha delas queda ben definido a través das súas palabras. Animádevos a ler ambos textos, lectura necesaria e urxente nos tempos que vivimos.

Se queredes descargar ambos manifestos premede aquí Montse Fajardo e Azucena Arias

25 N- Non sexas cómplice

Estándar

Un ano máis a profesora do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, Tareixa Casal, agasállanos con atractivos e interesantes materiais para abordar co alumnado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional este doloroso e tráxico asunto da violencia contra as mulleres.
Todas e todos somos necesarios para evitar este sufrimento inxusto e ancestral.

(Nesta presentación podes premer en cada un dos números e terás vídeos acaídos sobre este tema para comentar na aula)

Un libro para o 25N

Estándar

O libro narra a historia das irmás Mirabal que viviron na República Dominicana (Salcedo). Loitaron pola igualdade e contra as inxustizas. Foron asasinadas.

A data 25 de Novembro adoptada pola ONU como Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller ten moito que ver con estas tres mulleres valentes e loitadoras.

Guía Violencia de Xénero en menores de idade

Estándar

Despois de coñecer estes días os feitos tan arrepiantes sufridos durante 4 anos por unha menor de idade na cidade de Pontevedra, causados pola parella da súa nai, que foi condenado a 15 anos por agredir e violar de xeito continuado a esta menor, pensamos que estaría ben dotarnos de todas aquelas ferramentas que nos axuden a detectar e intervir nestes casos.

A Fundación ANAR ven de editar unha boa e moi útil guía para intervir con menores de idade vítimas da Violencia de Xénero, dirixida a familias, profesorado e persoas que traten a miúdo con crianzas e mocidade.

A Fundación ANAR é unha organización sen ánimo de lucro que axuda a nenos/as e adolescentes, desde 1970, e que se dedica á promoción e defensa dos dereitos dos nenos/as e adolescentes en situación de risco e desamparo, mediante o desenvolvemento de proxectos tanto en España como en Latinoamérica, no marco da “Convención de los Derechos del Niño de Naciones Unidas”. 

Podedes descargar aquí Guía Violencia de Género en menores de edad

Estudo actual sobre sexualidade na adolescencia en Galicia

Estándar

O pasado 24 de maio presentouse no IES A Xunqueira I de Pontevedra o estudo Resultado de una encuesta sobre conocimientos y hábitos sexuales de adolescentes gallegos. 2021, no que participaron case 500 alumnos e alumnas, realizado polos doutores Javier Paz Esquete e Manuel Varela Salgado. Alí estivemos profesorado, familias e algunas persoas que colaboramos con este estudo como Purificación Leal, presidenta da Sociedade Galega de Sexoloxía (SoGasex). No acto lembramos a labor pioneira neste eido da nosa amiga profesora e escritora Chis Oliveira. Aí tedes as conclusións ao comezo e o estudo completo a continuación. É de salientar que un 13,8% das mozas foron vítimas de abuso sexual, que un 55,7% emprega a pornografía para mellorar as súas relacións, pero tamén un 92,5% está contra a violencia de xénero e un 88,5% din que a Educación sexual debería estar no currículo. Un bo traballo para esmiuzar e intervir en consecuencia.

A importancia deste tema e os datos que sairon a relucir foron o tratado por Lola Varela no seu artigo Seica non é importante, publicado no xornal NÓS Diario o 21/06/2022 e tamén reproducido neste blog.

Podedes descargar aquí este informe do estudo Resultado de una encuesta sobre conocimientos y hábitos sexuales de adolescentes gallegos. 2021

Como está a vivir a sexualidade a nosa mocidade?

Estándar

Con motivo da presentación pública a finais do mes de maio do estudo Resultado de unha encuesta sobre conocimientos y hábitos sexuales de adolescentes gallegos, realizado nun centro público da cidade de Pontevedra, polos doctores Manuel Varela Salgado e Javier Paz Esquete, é preciso unha chamada de atención ás familias, profesorado, administracións públicas e sociedade en xeral. Neste artigo publicado o 21/06/2022 no xornal NÓS Diario, Lola Varela, reflexiona sobre os datos dese estudo como algo que debe preocuparnos e no que deberíamos intervir. A sexualidade non está a ser para a maioría dos e das adolescentes unha fonte de pracer, comunicación e afecto.

                     Seica non é importante

                                                                     Lola Varela

A través dunha enquisa anónima e voluntaria, máis de 450 adolescentes de entre 13 e 20 anos dun centro público de Pontevedra, responderon o ano pasado a 61 cuestións relacionadas cos seus coñecementos e prácticas sexuais. O uroandrólogo Manuel Varela e o xefe de Medicina Preventiva do SERGAS en Pontevedra Javier Paz, coa colaboración da Sociedade Galega de Sexoloxía SoGaSex, foron os responsables desta pescuda.

Hai uns días presentouse publicamente este interesante traballo e, alén da equipa directiva e a orientadora do centro en cuestión, só asistiron tres profesores dun claustro de máis de 60, algunhas antigas profesoras, que colaboramos neste estudo, a presidenta de SoGaSex e unhas nais máis preocupadas polo tipo de preguntas que incluía a investigación e pola formación que ían recibir as súas fillas neste delicado tema tabú da sexualidade, que polas propias conclusións. Á presentación, convidárase sen éxito ao profesorado doutros centros e á cidadanía en xeral mediante os medios de comunicación locais, que axiña se fixeran eco do estudo e resaltaran a súa importancia. Engadir que, ademais da escaseza de público, a maioría eramos mulleres. Cuestión de xénero?

Daquela, para unha cidadanía desmobilizada nesta temática semella non ter relevancia que os resultados do traballo de referencia, sexan unha chamada de atención para a comunidade educativa, a Administración e sociedade en xeral, co agravante de que son dabondo máis preocupantes que os obtidos hai agora doce anos por outra enquisa semellante, no mesmo centro.

Entre as conclusións máis salientables, podemos comentar que desde 2010 até agora duplicouse a porcentaxe de mozas e mozos que recorren a Internet para informarse sobre sexualidade, pasamos do 30,8% ao 64,7%, co risco que isto supón porque remata sendo a pornografía a súa escola para as relacións amorosas; de feito, a partir dos 12 anos consumen este material de xeito habitual observándose unha grande diferenza entre eles e elas, xa que os mozos duplican a consulta de material pornográfico verbo das mozas, 74,6% e 39,3%, e din que o fan para mellorar as súas relacións.

A mocidade busca en Internet a información e a formación que os ámbitos escolar e familiar deberían proporcionarlles, pero que non o fan tal e como manifestan nas súas respostas onde a familia vai detrás das amizades, Internet e RRSS e a valoración que teñen neste aspecto do centro educativo resulta penosa. Só un 22,5% considera que é boa ou suficiente, fronte a un 80% de hai doce anos. Como docente sei que, agás honrosas excepcións, esta formación non é impartida polo profesorado que a cada máis pensa que non é da súa competencia ou precisa preparación, xunto co medo que se albisca diante de posibles denuncias de familias contrarias a unha educación sexual de calidade, influídas por ideoloxías escurantistas en auxe.

Un 13,9% de mozas responden que a primeira relación coital foi sen o seu consentimento e un 13,8% recoñecen ter sufrido algún tipo de abuso sexual. Ademais, un 20,8% do alumnado afirma ter presenciado eses abusos e a pregunta de se reaccionaron xurde, porque máis adiante un 19,5% di non saber onde acudir ante dúbidas e problemas neste eido.

Atopamos nas respostas un rexeitamento maioritario á violencia de xénero, certo; porén, un 11,6% de mozos non a teñen en consideración e un 2,8% das mozas tampouco, fronte un 2,4% deles e un 0,6% delas na investigación anterior. Transcorreron doce anos e nalgúns aspectos a nosa mocidade está en peor situación de risco e vulnerabilidade, ademais de non gozar, en moitos casos, dunha sexualidade plena. Pola contra, é máis libre declarando a súa identidade, sexa a homosexualidade, un 8,8% ou o binarismo, un 15,6%; tamén atopamos unha maior liberdade e desenvolvemento da sexualidade feminina cando o 63,2% das mozas recoñecen masturbarse habitualmente e o 97% considera boa esta forma de procurar pracer.

Para rematar, xunto a miña voz á do alumnado, case un 90%, para reclamar unha educación sexual sen prexuízos, inclusiva, científica e non moralista en todas as etapas educativas, desde Infantil até a Universidade. Moito por facer.

Se queredes ler o artigo no xornal, premede aquí no título Seica non é importante

                                     

Os perigos da pornografía na adolescencia

Estándar

A documentalista e activista social contra a explotación sexual das mulleres e nenas, Mabel Lozano, ven de presentar estes días unha campaña, Chicas Nuevas/Mozas Novas, realizada para o Concello de Lalín (Pontevedra), sobre este problema, que está nas mans de todas e todos solucionar.

En apenas un minuto e medio nos advirte dos perigos da pornografía para os e as adolescentes, que a partir dos 10 anos xa comezan a ser consumidores dela.

Unha boa educación sexual por parte das familias e da escola podería axudar moito para que a mocidade poida ter unha sexualidade e unhas relacións afectivas máis sanas, igualitarias e libres

Para máis información sobre esta campaña podes premer no seguinte enlace Mabel Lozano e a violencia sexual

Unha boa e moi acertada proposta do CIM e da Oficina de Igualdade de Lalín.