Tag Archives: Violencia de xénero

Un libro para reflexionar: “Feminismo de proximidade”

Estándar

O 13 de maio, foi presentado o libro “Feminismo de proximidade”, unha marabillosa recompilación de artigos cun claro fío condutor: a muller e a súa condición.
A proposta repasa aspectos históricos, reivindica accións positivas, fai visibles situacións,… Son reflexións profundas ao redor de temáticas da axenda feminista actual. Ofrece con perspectiva de xénero aspectos tan diversos como o androcentrismo arquitectónico, a represión franquista nas mulleres de Terra de Montes, a sanidade, a cultura ou as eivas das mulleres no Rif, por exemplo.
Suxerimos un mergullo nas súas páxinas que, sen pretensión de exhaustividade, ofértanos un achegamento cotiá e unha visión poliédrica sobre a igualdade, a inclusión e a coeducación.

Diante dun novo 8 M

Estándar

Neste 8 M que deberíamos facer máis reivindicativo que nunca polos moitos atrancos que ao Movemeto Feminista lle están a xurdir desde hai algún tempo (Covid 19, avance da ultradereita na sociedade, enfrontamentos nas feministas…), aí van uns cantos recursos moi ben elaborados ou aportados por compañeiras de todas as etapas educativas para que poidan ser empregados ao longo do curso.

Atoparedes boas e divertidas ideas para o alumnado de Infantil e Primaria, achegadas desde o CEIP Plurilíngüe de Castrillón (Cangas), e e suxestivas imaxes do CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) para remover a “conciencia” e a “consciencia” do alumnado de Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e, tamén, do profesorado.

TODOS OS DÍA SON 8 M.

E ademais este chamativo e impactante vídeo Be a Lady They Said – Girls. Girls. Girls. Magazine do ano 2020 pero de plena vixencia pola súa mensaxe e debate posterior que pode xerar.

E recén publicado estes días pola Asociación Socio Pedagóxica Galega AS-PG e a Central Intersindical Galega CIG temos unha boa ferramenta para aprender a comunicación inclusiva en galego e diferenciada por etapas educativas. Un necesario traballo.

EsoNoEsSexo. Campaña contra o uso de pornografía en adolescentes

Estándar

É unha campaña creada pola directora de cine e escritora Mabel Lozano para a Comunidade de Murcia.

En poco máis de 1 m plantéxanse e respóndense algunhas preguntas fundamentais sobre o emprego da pornografía e as súas consecuencias.

Que é o porno?

Que necesita o porno?

Que hai detrás do porno?

Quen gana co porno?

Quen perde co porno?

Podes descargar este vídeo aquí EsoNoEsSexo

Restituir a memoria das mulleres condenadas por bruxería

Estándar

O Parlament de Catalunya ven de aprobar unha resolución, promovida pola deputada de ERC Jenn Díaz, para reparar a memoria e o recoñecemento de todas aquelas mulleres condenadas (e moitas delas torturadas) por bruxería durante os séculos XVI e XVII, debido á caza de bruxas existente.

A resolución sinala que as mulleres que foron “procesadas, torturadas e executadas” por suposta bruxería eran “migrantes, pobres, curandeiras, con saberes sobre a sexualidade e a reprodución, xitanas, viúvas e consideradas conflitivas”.

Propoñen como reparación revisar os nomes das rúas dos concellos e incluir os de mulleres condenadas por bruxería como un xeito de reparar a memoria histórica sobre elas e ademais contribuir a feminizar os lugares públicos.

Este feminicidio cometido con miles de mulleres ben podería ter unha proposta semellante en Galicia, onde temos unha senlleira representante desta inxustiza e deste tratamento como é María Soliña, unha muller canguesa que, con 70 anos, foi acusada de ser bruxa e despoxada de todos os seus bens por parte dos poderes eclesiásticos no século XVII.

No mes de maio do pasado ano 2021 tivo lugar en Cangas a estrea dunha ópera dedicada precisamente a María Soliña. Baseada no texto A defensa da vila. María Soliña (2017) do dramaturgo Xose Manuel Pazos, antigo alcalde de Cangas, o compositor Nacho Mañá escribe esta ópera María soliña. Ópera nun acto.

O libreto desta ópera leva un interesantísimo limiar escrito pola doutora en Filosofía e feminista, Chis Oliveira, titulado O medo á muller sen medo, publicado no noso blog o 19/04/2021, onde reflexiona sobre a rebeldía e a forza daquelas mulleres acusadas de bruxas por ser sabias e querer ser libres nun mundo onde o poder estaba nas mans dos homes e o control da sociedade baixo a Inquisición; pero tráenos tamén ao noso presente para lembrarnos que a “caza de bruxas” continúa cando as mulleres resultan molestas ou se opoñen aos poderes establecidos.

Violencia contra as mulleres nas TIC

Estándar

A ONU, nun informe recente, asegura que nas TIC cada vez se atopan máis maneiras de excluir ás mulleres.

As TIC non son neutrais e reproducen as desigualdades do resto de ámbitos, reproducen o patriarcado. O mundo dixital e o mundo real están interconectados. A redes sociais, internet, as app, … exhiben os mesmos rumbos que os outros aspectos sociais no seu funcionamento.

Tuits ofensivos, fotos sen consentimento, introdución en grupos e redes a persoas externas sen permiso,…

A ciberviolencia de xénero medrou moito nos últimos anos, entendida esta como aquela que se comete e expande a través de medios dixitais (redes sociais, correo electrónico, apps,…).

É moi interesante neste senso o artigo “Así es la violencia digital contra las mujeres, que ya afecta a la mitad de jóvenes y niñas en el mundo“, así como o documento “Violencias de género en el ámbito digital. Guía de prevención”, realizada pola Casa de la Dona e Ayuntamiento de Elche, ambos poden servir como introdución para reflexionar e propiciar debates co alumnado.

Reflexións despois doutro 25 N

Estándar

“O pasado 25 de novembro saímos de novo a confrontar a violencia de xénero, mais aínda queda moito para gañar esta guerra”. Hai persoas que declaran que xa acadamos a igualdade entre homes e mulleres. Como di a escritora e feminista Ana de Miguel: “Esa igualdade non existe, o que hai son novas formas de reprodución e aceptación da desigualdade”.

Esta é a nova reflexión que nos achega Lola Varela no seu artigo de hai uns días en NÓS Diario.

REFLEXIÓNS DESPOIS DA BATALLA

                                                                                            Lola Varela

O pasado 25 de novembro saímos de novo a confrontar a Violencia de Xénero, mais aínda queda moito para gañar esta guerra. Como di a filósofa Ana de Miguel no seu libro Neoliberalismo sexual (2015): “Vivimos en sociedades formalmente igualitarias onde a maior parte das persoas declara apoiar o valor da igualdade e nas que non é raro escoitar “xa hai igualdade entre homes e mulleres”. Esa igualdade non existe, o que hai son novas formas de reprodución e aceptación da desigualdade”. Entre as conclusións do informe Barómetro Juventud y Género, do Centro Reina Sofía sobre Adolescencia y Juventud (2021), lemos que un 20% dos mozos negan que a violencia de xénero exista hoxendia e cren que é “un invento ideolóxico”. En 2019, esta porcentaxe era do 12%.

Podería estar ben revisar eses mitos e prexuízos que sobre a Violencia de Xénero foron xurdindo nos últimos anos e que arestora están máis presentes do que sería desexable na sociedade.

Hai quen di que a VX está causada por homes enfermos mentais, alcohólicos, con traumas da infancia ou de procedencia marxinal. Ademais de non ser certo, convertemos a VX en casos individuais, patolóxicos ou excepcionais, perdendo así o referente colectivo e negando a verdadeira causa desa violencia que non é outra que a desigualdade e o menosprezo cara a muller, froito do machismo. Tamén, que só lle ocorre a algunhas mulleres, cando 7 de cada 10 sofren algunha VX ao longo da vida, sendo a principal causa de morte entre as mulleres de 15 a 44 anos, e cando aumentaron un 20% as denuncias por esta lacra desde o pasado ano e, delas, máis do 60% foron por lesións e maltrato. Tamén convertemos en individual o colectivo, cando afirmamos que ela non abandona ao maltratador porque non quere e que é o seu problema, como se fora algo alleo o medo ao fracaso social das mulleres, a quedarse soas, a non ter fillos, a non alcanzar o amor romántico, logo dunha socialización nun entorno patriarcal. Os homes aprenden a empregar a violencia e a dominar ás mulleres desde pequenos a través dos xogos, cancións, filmes…Non poden ser unhas “nenas” e deben saber poñer ás mulleres no seu sitio, co apoio ademais de todo un aparato teórico filosófico que vai desde Aristóteles ata Freud, pasando por Kant, Rousseau, Darwin ou Nietzsche.

Outro dos tópicos, considera que os homes son como nenos grandes e as mulleres son malas e reviradas. Fronte a aquilo de “ela, algo malo faría” e “el era boa persoa”, podemos lembrar ese terrible dito popular “malla na túa muller de cando en vez, aínda que ti non saibas porqué, ela si o sabe”.

Tamén escoitamos que moitas denuncias son falsas, mais o certo é que non chegan nin ao 0,5% segundo o Consejo General del Poder Judicial,ou que tamén as mulleres asasinan a homes (pouco máis de 1%) como se tiveran as mesmas causas a violencia estrutural exercida polos homes, froito da desigualdade, e a das mulleres considerada algo puntual. Poderíamos rematar esta incompleta enumeración co mito de que as leis actuais atacan aos homes e privilexian ás mulleres: de inicio, as leis deben equilibrar desigualdades históricas e defender a existencia da discriminación positiva, que as mesmas mulleres consideramos necesaria só en determinados momentos; ademais, estas mesmas leis non afectan aos homes que non son maltratadores.

A profesora Marian Moreno na Guía para la prevención de la violencia de género en el ámbito educativo. Asturias (2017) achéganos unha boa síntese das consecuencias dos tópicos susoditos: minimizan os efectos da VX (non é tanto, as cifras non son reais ou xa hai igualdade); consideran a VX como algo puntual e individual, non causada polo machismo e polo tanto a sociedade en xeral non se sinte responsable. Daquela, non é preciso analizar, mudar ou deconstruir nada: mantense o estatus de submisión das mulleres e o dominio dos homes, naturalizando deste xeito a violencia e as relacións desiguais.

A loita contra a VX non pretende culpar á metade da humanidade nin vitimizar á outra metade e sería conveniente reflexionar porqué algúns homes rexeitan o feminismo e temen ás mulleres autónomas e donas do seu proxecto de vida.

Podedes ler o artigo na súa versión en prensa aquí Reflexións despois da batalla

Os sinais dunha relación tóxica

Estándar

Febreiro é o mes da prevención deste tipo de relacións, que adoitan afectar máis a adolescentes e xoves. DayOne, unha organización estadounidense que axuda a persoas que están en situacións de abuso, publicou un video curto no que mostran, brevemente, como unha persona pode terminar cunha parella tóxica.

Ao final do vídeo, podemos ver datos da vida real que son estarrecedores: unha de cada tres mozas di ter sufrido algún tipo de abuso das súas parellas. A pesares de ser un estudo feito en Estados Unidos, isa realidade tamén é moi común no resto do mundo. 

“No te engañes” Campaña contra a explotación sexual e a trata de mulleres

Estándar

Un bo traballo da xornalista e directora de cine, Mabel Lozano, realizado para a Comunidade Autónoma de La Rioja, no que pretende chamar a atención da mocidade e facer unha campaña de sensibilización diante do consumo de prostitución inconsciente, presionado polo entorno ou a pornografía.

Trátase dun pequeno vídeo de 1´35 m moi directo e o texto está baseado nas declaracións de mulleres en contexto de prostitución atendidas por Médicos del mundo e APRAMP.

25 N. Actividade xuvenil en formato Visual Thinking

Estándar

Esta é unha actividade sobre tratamento e prevención da violencia de xénero. A actividade está composta de 3 micro vídeos onde se abordan conceptos básicos arredor da violencia de xénero de xeito didáctico a través de gráficos con animación para traballar nas aulas.

É unha proposta elaborada polo Servizo de Igualdade de Xénero da Deputación de A Coruña.

Esta proposta vai acompañada dunha estupenda Guía explicativa para abordar a violencia de xénero a través dun xogo cooperativo, chamado Scape Room, que pretende os seguintes obxectivos:

1.-Discriminar situacións onde se dan situacións de violencia machista e onde non.
2.-Tomar consciencia da violencia machista como unha problemáticasocial, que debe ser abordada por todas e por todos.
3.-Aplicar os recursos existentes no caso de sufrir ou presenciar unha situación deste tipo.