Tag Archives: Educación

A volta ao cole

Estándar

Outro novo artigo de Lola Varela, publicado en Nós Diario o día 14 de abril de 2020, que pode verse no seguinte enlace: A volta ao cole

A volta ao cole

Cando volvamos ao cole logo deste tempo de pandemia, farémolo con máis alegría e menos preguiza que calquera mes de setembro, xa que por fin poderemos xuntarnos e sentirnos, xogar e falar, recuperar as amizades e retomar o proceso de ensino-aprendizaxe, que estes días tanto e de tan diferentes xeitos puxemos a proba.

E ao carón desas moitas materias do currículo que deberemos abordar de novo, engadiría unha moi importante para as nosas vidas e que estivo presente no cotiá desta crise de maneira moi senlleira: a necesidade dunha verdadeira educación en igualdade para mulleres e homes.

Desde o inicio, o papel das mulleres foi fundamental para xestionar as consecuencias deste andazo. Era preciso debruzarse nos coidados dos e das máis vulnerables, crianzas, doentes, maiores ou dependentes, así que na maioría dos fogares as mulleres tiveron que asumir case a totalidade das responsabilidades (coidar, cociñar, limpar, ser mestras…). Ademais, por ser profesións feminizadas as dedicadas aos coidados, tamén foi cousa de mulleres a atención dos fogares alleos, o traballo en centros sanitarios, centros de día e centros da terceira idade; sen esquecer, por suposto, as empregadas dos supermercados e as limpadoras.

Os traballos máis precarios, peor pagados e sen dereitos laborais recoñecidos son os realizados por mulleres que, arestora, en moitos casos seguen a traballar polo medo a perda do emprego (teleoperadoras, traballo por horas, empresas multiservizos…). Poderíamos citar tamén as mulleres dedicadas á prostitución, que non deixaron de exercela.

Nuns casos e noutros as mulleres estiveron, se acaso, máis expostas ao contaxio pola súa función tanto nas familias como na sociedade. Este é, por desgraza, o contexto no que nos movemos.

Cando retornemos ao cole o noso alumnado virá de vivir en primeira persoa todo isto do que estamos a falar, agravado en certos casos por situacións de violencia machista de todo tipo nos seus fogares. Por iso, penso que sería o intre acaído para comezar ou continuar desenvolvendo propostas de educación en igualdade ou coeducación.

Ademais, desde o ano 1985 as diferentes Leis educativas (LODE, LOXSE, LOCE, LOE e LOMCE) inclúen o devandito entre os seus obxectivos e os seus fins. Sería polo tanto coherente e acaído abordar estes contidos co alumnado:

  • Educar nas emocións, valorando a non violencia, a autoestima, a empatía e os coidados.
  • Promover relacións non violentas entre iguais e a resolución pacífica dos conflitos.
  • Visualizar o traballo das mulleres en todas as áreas do coñecemento.
  • Rematar cos estereotipos.
  • Normalizar a diversidade afectivo-sexual e de xénero.
  • Empregar unha linguaxe inclusiva e non sexista.
  • Organizar o centro dun xeito igualitario.

E se temos sorte e non somos unha illa no noso centro, levemos á práctica ese Plan de Igualdade que é tan só teoría nun papel ou tentemos elaboralo se aínda non o fixemos. Para iso, comecemos coa axuda dalgún sector do profesorado, dalgún grupo de alumnado, de membros do persoal non docente e de representantes das familias, a facer unha diagnose da situación coeducativa no noso centro. Así, ao tempo que sinalamos as carencias e as eivas, estaremos concretando o noso Plan de Igualdade, co obxectivo de mudar aquelas situacións de desigualdade vividas neste tempo tan fosco.

Entre os elementos que deberíamos analizar, están: a linguaxe empregada no centro (documentos, taboleiros, web); as conmemoracións ou actividades relacionadas coa igualdade; os materiais pedagóxicos e libros de texto; o Plan lector e a organización da Biblioteca; a Orientación académica e profesional e a Acción titorial; a implicación do equipo directivo; o Plan de convivencia; a distribución dos espazos; a educación afectivo-sexual e a formación do profesorado para impulsar todo isto.

Unha boa axuda podería ser ler algunha destas grandes mestras no tema como Marina Subirats, Amparo Tomé ou Mª José Urruzola, ou a publicación, realizada pola CIG/AS-PG, Coeducación. O alicerce do ensino que inclúe traballos moi clarificadores como o de Marian Moreno, Carmen Ruiz Repullo ou Carme Adán.

Lola Varela

A diversidade nas nosas aulas

Estándar
O pasado día 6 de marzo publicaba Lola Varela un novo artigo en Nós Diario e nesta ocasión o tema escollido é a diversidade afectivo-sexual e de xénero coa que convivimos nas nosas aulas e a importancia de saber abordala para que a escola sexa de certo inclusiva.
Podedes atopar o artigo no seguinte enlace ou lelo a continuación:

A diversidade nas nosas aulas

No outono de 2016, un diario de tiraxe estatal publicaba un artigo titulado O profesorado abre as portas do armario: “É unha responsabilidade co alumnado LGTBI”. Nel, dúas profesoras e un profesor contaban como deran a coñecer a súa homosexualidade no centro de ensino onde traballaban e, máis que nada, fixérono polo alumnado: “É moi duro medrar sen referentes, ser un ou unha adolescente LGTBI e non ter nada co que identificarte”, “os centros de ensino non están libres de machismo e homofobia e iso leva a ter medo ás reaccións das familias, do alumnado, aos insultos, ao acoso e aos prexuízos”. Ao fío do artigo, un ex-alumno meu publicaba en facebook o seguinte comentario: “Hai 20 anos cando eu estudaba no instituto tiven un par de profesores que xa traballaban sobre a identidade e a orientación sexual desde dous campos tan distintos como a filosofía e a lingua e literatura, sen pertencer ao colectivo LGTB. Facíano de dúas formas diferentes, pero de xeito tan normal que o que suscitaban era o debate…traballaban polo empoderamento de cada quen para descubrir, crear e presentar a súa identidade e orientación sexual, respectando a allea…”. E remataba dicindo: “Grazas pola vosa implicación como cidadás”. Daquela, comprendín a importancia das nosas actitudes nas aulas.

Hai pouco, asistín a unha xornada de formación organizada polo Concello de Pontevedra dentro do programa “Pinto e Maragota” sobre A diversidade sexual e de xénero nas aulas. Materia pendente?. Certamente, aínda é unha materia pendente e así ficou demostrado na enquisa LGTBIQA+ realizada nos centros de Secundaria en Pontevedra. O 20% do alumnado sitúase no colectivo LGTBIQA+, un 24% deste grupo recoñece ter sufrido algún tipo de agresión e o 20% sentirse excluído, nalgún intre, no eido educativo. Cando aínda un 60% do alumnado con diversidade sexual o de xénero ten medo a “saír do armario” e o 14% considera que o instituto non é lugar seguro, debemos preguntarnos que papel está a xogar o profesorado? Como é posible que case un 10% do alumnado considere que a transexualidade e a homosexualidade son enfermidades con remedio?.

Responderon á enquisa por volta de 900 persoas, das cales só 35 son profesores/as. É que non teñen interese pola diversidade? Non se consideran con formación para abordar estes temas? Non valoran a importancia de poder axudar ao desenvolvemento da identidade e a formación integral do seu alumnado? Nesa xornada, a pediatra Inés del

Río comezou e rematou a súa intervención convidándonos a “re-debuxar o xénero”; só deste xeito poderemos facer un mundo libre de exclusións. E para iso, primeiro compre ter sensibilidade dabondo para ver a dor na faciana do alumnado e logo, iso si, contar con recursos e apoio da Dirección do centro e da Administración.

Trátase de levar á práctica o que xa temos; velaí a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e non discriminación LGTBI en Galicia, que no seu Título II, Capítulo V fala de medidas no ámbito da educación, e nos artigos 22 ao 26 recomenda a inclusión da realidade LGTBI nos plans de estudos, a realización de actividades para a prevención de comportamentos discriminatorios nos centros, a formación do persoal docente, a divulgación desa realidade entre as ANPA e actuacións para combater o acoso e facer visibles as diversidades. Tamén contamos cun Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero (2016), onde se dan orientacións de como actuar nun centro desde a Dirección e o Dpto. de Orientación.

E para continuar formándonos podemos botar man dalgúns recursos que compartir co alumnado, quer o visionado de materiais moi didácticos como Dibujando el género, en castelá, catalán e inglés, quer de películas que recollen episodios reais como a estadounidense Boys don´t cry, ou alentar lecturas como os diferentes ensaios de Lucas Platero e, para xente máis nova, as novelas 22 segundos, ou Fóra do normal.

A diversidade é unha realidade tanxible na escola e deberíamos considerala un valor positivo; só así a escola será de certo inclusiva.

04/03/2020

Lola Varela

Preséntase o borrador da materia “Coeducación para o Século XXI” para 1ºBacharelato

Estándar

Achego enlace á páxina web da Consellería de Educación onde podemos encontrar información sobre a materia de libre configuración para 1ºBacharelato de 2 horas semanais sobre “Coeducación para o Século XXI”.

(Enlace para ler máis …)

Consellos da Muller Nova

Estándar

Os Consellos da Muller Nova son unha iniciativa que está a funcionar nos centros de secundaria do concello de Pontevedra. Esta iniciativa partiu do Concello de Pontevedra, e conta coa colaboración da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Aquí vos deixamos un enlace ao programa de radio Escaparate da emisora Pontevedra Viva Radio. Este programa está feito polo alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra.

Programa Escaparate número 69 (7 de febreiro de 2018)

A loita de Malala polo dereito á educación das nenas

Estándar

Malala é unha nena paquistaní que recibiu o ano pasado o Premio Nacional da Paz, fixérase popular hai tres anos cando escribíu un blog no que contaba como era a vida na cidade de Mingora baixo o control do Talibán, nun período no que educar ás nenas estaba prohibido e mesmo se pecharan escolas.

Nestes días, tristemente, Malala volveu ser noticia cando un enmascarado se subíu ao autobús no que regresaba da escola e lle disparou. Os talibáns ameararan con matala e xustifican a acción dicindo:
“Unha nena con mentalidade occidental, que se pasa a vida denunciándonos…”

Debater na aula sobre o tema, ler o diario de Malala e facer un seguimento das novas que vaian xurdindo na prensa ao respecto dela, poden ser unhas actividades interesantes para as aulas.

Diario de Malala